Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 17 de marzo de 2022 Páx. 18118

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 14 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases xerais reguladoras e se convoca proceso selectivo unitario para a provisión, mediante contrato laboral temporal, de postos de auxiliares de policía local (código de procedemento PR461A).

De conformidade co establecido no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local (Diario Oficial de Galicia núm. 222, do 22 de novembro), esta vicepresidencia, en virtude da delegación conferida para o efecto polos concellos interesados,

DISPÓN:

Aprobar as bases xerais reguladoras e convocar o proceso selectivo unitario para a provisión, mediante contrato laboral temporal, de postos de auxiliares de policía local.

1. Obxecto da convocatoria.

1.1. O obxecto desta convocatoria é a provisión, mediante contrato laboral temporal, de 129 postos de auxiliares de policía local dos concellos que a seguir se enumeran e a creación da listaxe de colaboración para a súa contratación.

Concello

Número de postos

A Cañiza

1

A Estrada

4

A Guarda

4

A Illa de Arousa

1

A Laracha

3

A Pobra do Caramiñal

4

Bergondo

2

Cabanas

2

Cangas

4

O Carballiño

4

Cedeira

4

Gondomar

4

Marín

3

Meaño

1

Melide

2

Miño

2

Moaña

6

Mugardos

1

Negreira

2

Nigrán

8

Noia

4

O Barco de Valdeorras

2

O Grove

6

Ortigueira

2

Outes

1

Poio

7

Rianxo

3

Sada

3

Sanxenxo

30

Tomiño

2

Vilagarcía de Arousa

5

Vilanova de Arousa

2

Total

129

1.2. Ata a data final en que se publique a listaxe definitiva de persoas admitidas neste proceso, mediante publicación no DOG a través de resolución da Dirección Xeral da Agasp, pódense ampliar o número de postos e os concellos incluídos.

1.3. O presente proceso selectivo rexerase polo establecido nestas bases e para o non previsto observarase o disposto na Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais; no Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que a desenvolve; na Orde do 28 de xaneiro de 2009, pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, e no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local.

O código do procedemento regulado nesta orde é PR461A.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

As persoas interesadas en participar neste proceso deberán posuír na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter os seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea, nos termos previstos no artigo 57 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público aprobado mediante o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro.

b) Posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto.

c) Ter feitos os dezaoito anos e non exceder, de ser o caso, a idade máxima establecida no artigo 53.1.c) do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro.

d) Estar en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente ou en condicións de obtelo na data en que termine o prazo de presentación de instancias.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar a súa homologación.

e) Ter unha estatura mínima de 1,65 metros no caso dos homes e 1,60 metros no caso das mulleres.

f) Non ter sido condenado/a por delito doloso nin separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

Será aplicable, non obstante, o beneficio da rehabilitación conforme as normas penais e administrativas, que a persoa aspirante deberá acreditar mediante o correspondente documento oficial.

Todos os requisitos anteriores deberán posuírse no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e mantelos durante o procedemento de selección, contratación e/ou permanencia na listaxe de reserva.

3. Solicitudes.

3.1. Forma e prazo de presentación.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e que é o anexo I desta orde.

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3.2. Taxas.

3.2.1. Aboamento das taxas.

Por imperativo legal, de conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, como requisito necesario para participar neste proceso selectivo, deberase aboar previamente en concepto de dereitos de exame o importe de 26,99 euros e, de ser o caso, os gastos de transferencia correspondentes, en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A non presentación deste impreso de autoliquidación, no cal deberá figurar a data e selo da entidade bancaria, co formulario de solicitude de inscrición no proceso selectivo determinará a exclusión no dito proceso da persoa aspirante, e non será posible a súa emenda fóra do prazo de solicitudes.

Poderase tamén realizar o pagamento pola internet nas entidades financeiras autorizadas. Para isto, deberán acceder á oficina tributaria, a través da páxina web da Axencia Tributaria de Galicia (www.atriga.gal). Neste suposto, unha vez efectuado o pagamento, imprimirase o xustificante de ter aboado a taxa (modelo 730), que será o que se presente coa solicitude.

Tanto no caso do pagamento presencial como no do pagamento pola internet, os códigos que se deben cubrir son os seguintes:

Consellería: Presidencia, Xustiza e Turismo

Código 04

Delegación: Pontevedra

Código 40

Servizo: Academia Galega de Seguridade Pública

Código 19

Taxa: denominación: inscrición nos procesos selectivos para a selección de persoal dos corpos de Policía Local de Galicia

Código 30.03.04

En ambos os supostos, a presentación do xustificante do aboamento das taxas non suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude de participación no proceso selectivo.

3.2.2. Exención e bonificación no aboamento da taxa.

3.2.2.1. Estarán exentos do pagamento desta taxa por dereito de inscrición:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

3.2.2.2. Teñen dereito a una redución do 50 % do importe da taxa:

a) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

b) As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

As circunstancias de exención e bonificación deberanse acreditar, segundo o suposto que corresponda, presentando coa solicitude a seguinte documentación ou autorizando a Administración a comprobala:

– Copia do título oficial de familia numerosa, con carácter general ou especial.

– Certificación negativa da percepción actual de prestación/subsidio por desemprego e antigüidade como demandante de emprego.

3.3. Documentación complementaria.

3.3.1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Xustificante do pagamento da taxa administrativa devindicada pola tramitación da solicitude (código 30.03.04).

b) Titulo de familia numerosa, no suposto de que non fose expedido pola Xunta de Galicia.

c) Certificado de Celga 3 ou equivalente.

3.3.2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3.3.3. A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos/as aspirantes levará consigo a anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

3.3.4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

3.3.5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3.4. Comprobación de datos.

3.4.1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Título oficial non universitario exixido (graduado ESO ou equivalente).

d) Certificado de inexistencia de antecedentes penais.

e) Situación de desemprego (no caso de que lle sexa de aplicación).

f) Título de familia numerosa expedido pola Xunta de Galicia (no caso de que lle sexa de aplicación).

3.4.2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

3.5. Notificacións.

3.5.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

3.5.2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3.5.3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3.5.4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3.5.5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

3.5.6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3.6. Publicación dos actos.

3.6.1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:

– A relación provisional de persoas admitidas e non admitidas.

– A relación definitiva de persoas admitidas e non admitidas.

3.6.2. Na páxina web da Agasp (https://agasp.xunta.gal/es) publicaranse, ademais, as resolucións coas datas de realización das probas selectivas e demais comunicacións deste proceso.

3.7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade pública (Agasp) publicará no DOG e na súa páxina web a resolución pola que se declaren con carácter provisional as persoas admitidas e excluídas, co motivo da exclusión, así como as persoas aspirantes exentas e non exentas da realización da proba de coñecementos da lingua galega. No caso de non existir persoas excluídas, a listaxe será considerada como definitiva.

4.2. As persoas excluídas e as persoas declaradas non exentas da realización da proba de coñecementos da lingua galega disporán dun prazo de cinco (5) días hábiles, contados a partir do seguinte a publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión ou a non exención da proba de coñecementos da lingua galega.

Disporán do mesmo prazo de reclamación as persoas que tendo presentado debidamente a solicitude de participación no proceso, non consten nin como admitidas nin como excluídas na relación publicada.

4.3. Non se poderá emendar a presentación da solicitude fóra de prazo habilitado para este efecto nin o non pagamento da taxa establecida. As estimacións ou desestimacións das solicitudes de emenda entenderanse implícitas na resolución da Dirección Xeral da Agasp pola que se aprobe a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas, así como a listaxe definitiva de persoas exentas e non exentas da realización da proba de coñecementos da lingua galega, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Agasp.

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos esixidos para participar no proceso selectivo.

Cando da documentación que deben presentar tras superar a oposición se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas interesadas decaerán en todos os dereitos que puidesen derivar da súa participación.

5. Tribunal cualificador.

5.1. O nomeamento do tribunal cualificador deste proceso correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de seguridade, e estará composto por cinco persoas titulares e cinco persoas suplentes (presidente/a, tres vogais e secretario/a) pertencentes a un corpo, escala ou categoría profesional en que se requira para o seu ingreso a titulación de ensinanza secundaria obrigatoria ou superior, e a súa composición será paritaria.

Sen prexuízo das competencias de ordenación material e temporal propias da Academia Galega de Seguridade Pública, correspóndenlle ao tribunal as funcións relativas á determinación concreta do contido das probas, a cualificación das persoas aspirantes, a emisión de cantos informes lle sexan requiridos derivados da súa intervención no proceso selectivo, así como en xeral, a adopción de cantas medidas sexan precisas na orde do correcto desenvolvemento das probas selectivas e resolución de incidencias.

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas mediante Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007, e no acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010.

A persoa titular da presidencia deberalles solicitar aos membros do tribunal e, de ser o caso, ao persoal asesor e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non atoparse incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorra neles algunha das circunstancias referidas nos termos establecidos no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

5.3. A autoridade convocante publicará no DOG a orde correspondente pola que se nomeen os novos membros do tribunal que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

5.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na devandita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia de, polo menos, tres dos seus membros, con presenza en todo caso das persoas titulares da Presidencia e da Secretaría.

Por acordo dos seus membros, o tribunal poderá decidir a autoconvocatoria para a seguinte ou seguintes sesións que teñan lugar sen necesidade de citación por escrito.

Das sesións realizadas polo tribunal redactarase a acta correspondente que será asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da presidente/a.

5.5. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases; na Lei 40/2015, do 1 de outubro; nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ao resto do ordenamento xurídico.

5.6. O tribunal poderá propor a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que coide pertinentes, quen se deberá limitar a colaborar nas súas especialidades técnicas e terá voz, pero non voto.

5.7. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de postos convocados. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

5.8. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

6. Proceso selectivo.

6.1. O procedemento de selección será o de oposición por quenda libre e, posteriormente, as persoas que superen este proceso selectivo serán contratadas en réxime laboral temporal nos respectivos concellos ou formarán parte da listaxe de reserva.

6.2. As probas selectivas son as que a seguir se describen:

A. Comprobación da estatura. Ao comezo realizarase o control de estatura das persoas aspirantes conforme o establecido na letra e) da base segunda.

B. Probas de aptitude física.

As probas físicas terán a cualificación de apto ou non apto. Para obter a cualificación de apto, os aspirantes deberán acadar as marcas mínimas ou non superar as máximas que se establecen para cada proba.

1. Potencia tren inferior: salto vertical.

Realizarase nun ximnasio ou lugar semellante con chan horizontal e cunha parede vertical e lisa.

A persoa aspirante colocarase en posición de partida, en pé, de lado xunto a unha parede vertical, cun brazo totalmente estendido cara a arriba e sen levantar os calcañares do chan, e marcará coas dedas a altura que alcanza nesa posición. O exercicio executarase separándose 20 centímetros da parede e saltando tan alto como se poida, marcando novamente coas dedas o nivel alcanzado.

Para a correcta realización da proba deberanse observar as seguintes regras:

– Pódense mover os brazos e flexionar o tronco e os xeonllos, pero non se pode separar do chan ningunha parte dos pés antes de saltar.

– Hai que realizar o salto cos dous pés ao mesmo tempo.

– Permítense dous intentos, só ás persoas aspirantes que fagan nulo no primeiro.

A distancia entre a marca feita desde a posición de partida e a acadada co salto deberá ser igual ou superior á mínima (en centímetros) establecida no seguinte cadro para cada sexo e grupo de idade.

18-36 anos

37-48 anos

49 anos ou máis

Homes

41 cm

33 cm

29 cm

Mulleres

32 cm

28 cm

25 cm

2. Resistencia xeral: carreira de 1.000 metros lisos.

Realizarase en pista de atletismo ou en calquera zona totalmente chaira de terreo.

A persoa aspirante colocarase na pista no lugar indicado. A posición de saída realizarase en pé.

Só se permite un intento.

A persoa aspirante que abandone a carreira quedará excluída.

A proba consistirá en correr a distancia de 1.000 metros no tempo máximo (en minutos e segundos) que se recolle na seguinte táboa para cada sexo e grupo de idade:

18-36 anos

37-45 anos

46 anos o máis

Homes

4’30”

5’00”

5’15”

Mulleres

5’00”

5’30”

5’45”

Para realizar esta proba, as persoas aspirantes deberanse presentar provistas de indumentaria deportiva.

C. Proba de coñecementos.

Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 50 preguntas tipo test e cinco preguntas de reserva e deberá amosar o dominio dos contidos do temario.

Para cada cuestión proporanse catro respostas alternativas, das cales só unha delas será a correcta, As persoas aspirantes disporán dun tempo máximo dunha (1) hora para a súa realización.

A proba cualificaraa o tribunal de 0 a 10 puntos, e será preciso acadar cinco puntos como mínimo, para non quedar eliminado/a. A cualificación farase atendendo á seguinte fórmula: N=(A-F/3)/5. Sendo N=nota final da proba; A=preguntas acertadas; F=preguntas erradas ou en branco.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do temario que no momento da publicación desta orde conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e as respostas correctas no mesmo lugar onde se realizou e no portal web da Agasp.

O temario para a realización desta proba de coñecementos é:

1. O municipio. Concepto e elementos. Competencias municipais. A organización e funcionamento do municipio. O Pleno. O alcalde. A Xunta de Goberno local. Outros órganos municipais.

2. Ordenanzas, regulamentos e bandos. Clases e procedemento de elaboración e aprobación.

3. A licenza municipal. Tipos. Actividades sometidas a licenza. Tramitación.

4. Lei de coordinación das policías locais de Galicia e normas de desenvolvemento. Réxime disciplinario: disposicións xerais e faltas disciplinarias.

5. A actividade da policía local como policía administrativa I: consumo. Abastos. Mercados. Venda ambulante. Espectáculos e establecementos públicos.

6. A actividade da policía local como policía administrativa II: urbanismo. Infraccións e sancións. A protección ambiental: prevención e calidade ambiental, residuos e disciplina ambiental.

7. Delitos e delitos leves. Circunstancias modificativas da responsabilidade criminal. Persoas responsables: autores e cómplices.

8. Delitos contra a seguranza viaria. Faltas cometidas con ocasión da circulación de vehículos de motor. Lesións e danos imprudentes.

9. Lei de seguranza viaria. Regulamentos de desenvolvemento. Estrutura e conceptos xerais.

10. Normas xerais de circulación: lugar na vía, velocidade, prioridade de paso, cambios de dirección e sentido. Adiantamentos. Parada e estacionamento. Vehículos e transportes especiais. Cinto e casco de seguranza.

11. Circulación por zonas peonís. Comportamento en caso de emerxencia. Sinais de circulación. Clasificación e orde de prioridade. Carencia do seguro obrigatorio.

12. A policía como servizo público. A policía local como policía de proximidade e de servizo. O auxiliar de policía e as súas funcións. Responsabilidades do auxiliar de policía.

D. Proba de avaliación do coñecemento da lingua galega.

Consistirá na tradución dun texto do castelán para o galego e doutro texto do galego para o castelán. Os textos serán elixidos polo tribunal inmediatamente antes de se realizar a proba.

O exercicio terá unha duración máxima dunha (1) hora e realizarase inmediatamente despois do remate da proba de coñecementos.

O exercicio valorarase como apto/a ou non apto/a e para superalo será necesario obter o resultado de apto/a. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar o resultado de apto/a.

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten, dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo, que posuían o Celga 3 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo).

7. Desenvolvemento dos exercicios.

7.1. A orde de actuación das persoas aspirantes será a orde alfabética e comezará por aquelas persoas cuxo primeiro apelido comece pola letra T, consonte o establecido na Resolución do 28 de xaneiro de 2022 pola que se fai público o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 24, do 4 de febreiro).

7.2. As persoas aspirantes deberanse presentar a cada exercicio provistos de DNI ou outro documento fidedigno que, a xuízo do tribunal, acredite a súa identidade.

En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

7.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas como colaboradoras.

7.4. Durante o tempo fixado para a realización das probas, non se poderán utilizar nin manipular de ningunha maneira aparellos de telefonía móbil, reloxos ou soportes con memoria; queda prohibido o acceso ao recinto con tales dispositivos e constitúe causa de inadmisión ao chamamento a súa simple tenza.

7.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas, salvo os casos debidamente xustificados, que resolverá o tribunal.

7.6. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Agasp para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

7.7. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no taboleiro de anuncios e na páxina web da Agasp con dous días, polo menos, de anticipación á data sinalada para o seu inicio; entre a finalización dun exercicio e o comezo do seguinte deberá transcorrer un período mínimo de 2 días.

7.8. Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións que as persoas aspirantes poden presentar dentro dos dous días seguintes á publicación na páxina web da Agasp do enunciado da proba de coñecementos e do modelo de corrección de respostas, anulase algunha ou algunhas das preguntas incluídas na proba de coñecementos ou modificase o modelo de corrección de respostas, anunciarao na páxina web da Agasp.

No primeiro dos supostos do parágrafo anterior serán tidas en conta as preguntas de reserva pola orde en que estean formuladas, que terán unha puntuación igual ás do resto de exercicio.

7.9. A puntuación das persoas aspirantes que superen todas as probas do proceso selectivo virá determinada pola puntuación do segundo exercicio.

Tendo en conta que nos corpos de Policía Local de Galicia existe infrarrepresentación feminina, no suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

a) Criterio de desempate recollido no artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, segundo o cal o empate se resolverá a favor da muller.

b) Menor tempo acadado na proba de resistencia xeral, carreira de 1.000 metros lisos, que se aplicará en función dos tramos de idade e sexo previstos nos baremos correspondentes.

c) En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

7.10. As persoas aspirantes poderán efectuar alegacións ás súas cualificacións en cada proba ou fase do proceso selectivo, dentro dos dous días seguintes ao da súa publicación.

8. Curso de formación.

As persoas aspirantes aprobadas e as incluídas na listaxe de reserva deste proceso selectivo deberán superar un curso de formación teórico-práctico na Agasp como requisito indispensable para ser contratadas como auxiliares de policía local, de conformidade co disposto no artigo 95.6 da Lei 4/2007, do 20 de abril, e o artigo 48 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro.

Só estarán dispensadas de realizar este curso aquelas persoas que xa o realizasen durante os últimos catro anos (con data 2019 ou posterior).

No caso da non incorporación ao curso ou de abandono deste sen rematalo, salvo por causas excepcionais, considerarase que a persoa aspirante non superou o proceso selectivo.

9. Listaxe de persoas aprobadas, listaxe de reserva e listaxe de colaboración para contratar persoal auxiliar de policía local, elección de postos e presentación de documentación.

9.1. Listaxe de persoas aprobadas e listaxe de reserva.

Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal elaborará por orde decrecente da puntuación a listaxe de persoas aprobadas. O número destas persoas non poderá superar o de postos convocados.

Así mesmo, o órgano de selección elaborará, tamén por orde decrecente de puntuación, unha listaxe de reserva cun número de persoas aspirantes que será como máximo igual ao de persoas aprobadas. Na listaxe de reserva figurarán aquelas persoas aspirantes que, aínda que superaron as probas do proceso selectivo, non resultaron aprobadas por obteren unha puntuación inferior á da última persoa que obtivo posto.

Ambas as dúas listaxes serán publicadas na páxina web da Agasp.

9.2. Listaxe de colaboración para a contratación de persoal auxiliar de policía local.

A listaxe de reserva prevista na base anterior servirá tamén como listaxe selectiva para os efectos do previsto no artigo 19 do Decreto 115/2017, do 17 de novembro, coa excepción de que o órgano de selección poderá determinar que, para estes únicos efectos, a proba consistente nun cuestionario tipo test se entenderá superada cun número de preguntas correctas inferior ao establecido para acadar a puntuación mínima prevista polo tribunal.

Nesta listaxe integraranse, unha vez rematado o proceso de provisión de postos do proceso convocado e por orde de puntuación, as persoas que formen parte da listaxe de reserva que non obteñan posto, así como as persoas aprobadas con dereito a el que non o elixisen ou aceptasen.

Para a inclusión na listaxe selectiva non será precisa solicitude previa das persoas aspirantes e publicarase na páxina web da Agasp.

9.3. Elección de posto.

9.3.1. A Dirección Xeral da Agasp convocará as persoas aprobadas a unha reunión presencial para elixir posto, dentro dos comprendidas nesta convocatoria, por rigorosa orde da puntuación obtida no proceso selectivo.

Será de aplicación á elección de posto o establecido no artigo 19.bis.2 do Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que a elección de posto estará limitada ao non cumprimento do período máximo de contratación como persoal auxiliar de policía local, tanto no conxunto dos concellos como nos concellos cuxos postos están incluídos nesta convocatoria considerados individualmente.

9.3.2. As persoas aprobadas que, estando obrigadas, non comparezan persoalmente ou por medio de representante á reunión presencial para elixir posto ou renuncien expresamente, antes ou despois da elección, decaerán en calquera dereito en relación co proceso.

Nos supostos de incomparecencia á reunión por causa de forza maior, debidamente acreditada e comunicada pola persoa aspirante con anterioridade á reunión, a elección efectuarase telefonicamente no mesmo acto e no posto que corresponda segundo a puntuación obtida no proceso selectivo, para cuxo efecto a persoa aspirante debera designar o número de teléfono onde será localizada. En caso de incumprimento, decaerá no seu dereito.

As persoas aprobadas que comparezan na reunión, pero non acepten ou non elixan ningún dos postos obxecto da convocatoria que lles corresponda elixir, decaerán no seu dereito e pasarán a formar parte da listaxe de colaboración para a contratación de persoal auxiliar de policía local no lugar que proceda pola súa puntuación.

9.3.3. Unha vez asignados os postos de acordo co previsto nesta base, a Dirección Xeral da Agasp publicará na súa páxina web a relación destas co nome das persoas ás cales foron adxudicadas e comunicaralles os seus datos aos concellos que correspondan, xunto coa data prevista para o comezo do preceptivo curso de formación.

9.4. Presentación de documentación.

A partir do día seguinte ao da publicación da adxudicación dos postos, as persoas ás cales se lles adxudicasen disporán dun prazo de dous (2) días para a presentación ante o concello correspondente, o cal lles indicará os prazos para a súa contratación.

As persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non se presentasen ante o concello, ou do exame da súa documentación se deducise que carecen dalgún dos requisitos, non poderán ser contratadas como auxiliares de policía local e quedarán sen efecto as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

En caso de renuncia, falecemento, falta de xustificación dos requisitos para a contratación, incapacidade absoluta sobrevida ou concorrencia de calquera outra causa que impida a contratación dunha persoa aspirante como auxiliar de policía local, o concello comunicaralle esta circunstancia á Dirección Xeral da Agasp, que substituirá a persoa afectada pola primeira que figure na listaxe de reserva, sempre con anterioridade ao desenvolvemento do correspondente curso de formación.

10. Procedementos penais ou administrativos pendentes.

Cando as persoas que participan no proceso selectivo teñan aberto, ou se lles abra con posterioridade un procedemento penal ou administrativo que puidese rematar cunha condena por delito doloso, coa separación do servizo das administracións públicas ou a inhabilitación para o exercicio das funcións públicas, a admisión ao procedemento selectivo, a permanencia nel, así como a súa inclusión na lista de persoas aprobadas, na lista de reserva e na lista para a colaboración para a contratación de persoal auxiliar de policía local quedará condicionada ao feito que nos citados procedementos non se produza a condena ou separación referida.

O persoal participante no suposto de atoparse nas situacións descritas no parágrafo anterior debe comunicar tal situación, e a Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública poderá solicitar en calquera momento do proceso selectivo unha declaración xurada de non atoparse en ditas situacións.

A falsidade ou omisión de datos nesta declaración xurada dará lugar ás responsabilidades que se establezan no regulamento de réxime interior da Agasp en relación ao incumprimento das ordes ou disposicións ditados pola Dirección Xeral da Academia.

11. Información ás persoas interesadas.

Sobre esta convocatoria poderase obter información adicional na Agasp a través dos seguintes medios:

a) https://sede.xunta.gal/portada

b) Páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal).

c) No enderezo electrónico seleccion.agasp@xunta.gal

d) No teléfono da Agasp 886 20 61 35/886 20 61 27.

e) No Servizo de Coordinación, Planificación e Selección da Agasp (avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra).

Disposición adicional única

En virtude do establecido no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo acorda delegar a facultade de nomear o tribunal que deberá cualificar este proceso, e de ser o caso, a substitución dos membros que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.2 desta convocatoria, na persoa titular da Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública.

Igualmente, acórdase delegar na persoa titular da Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública a resolución dos recursos de alzada que se interpoñan contra os acordos do tribunal nomeado para cualificar este proceso selectivo.

Disposición derradeira única

1. Esta convocatoria e as súas bases vinculan a Administración, o tribunal encargado de xulgar o proceso selectivo e as persoas que nel participen.

2. Así mesmo, cantos actos administrativos sexan producidos polo tribunal, pola autoridade convocante ou o órgano encargado da xestión, poderán ser impugnados polas persoas interesadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Esta orde pon fin á vía administrativa, e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de seguridade no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, consonte a Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2022

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo

missing image file
missing image file