Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 18 de marzo de 2022 Páx. 18376

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 8 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a salas de artes escénicas de titularidade privada e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento CT402D).

BDNS (Identif.): 614852.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán acceder ás axudas as persoas físicas (autónomas) e xurídicas xestoras de salas de artes escénicas de titularidade privada, sempre que se dean as seguintes circunstancias:

a) A persoa solicitante deberá probar a dispoñibilidade da sala mediante copia de escritura, contrato de alugueiro ou calquera documento válido en dereito.

b) A persoa solicitante deberá estar en posesión da correspondente licenza de apertura da sala para poder desenvolver a axuda que solicita.

c) A sala deberá ter unha capacidade igual ou inferior a 150 localidades.

d) A persoa solicitante deberá acreditar que a sala para a cal solicita a axuda realizou un mínimo de 30 representacións no ano 2021.

Segundo. Finalidade

Establecer e aprobar as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións establecidas pola Agadic para impulsar o desenvolvemento da programación de carácter profesional, das salas de artes escénicas de titularidade privada e así fomentar a súa estabilidade e consolidación e aprobar a convocatoria para o ano 2022.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 8 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a salas de artes escénicas de titularidade privada e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento CT402D).

Cuarto. Importe

O importe global máximo da subvención será de 150.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770 do orzamento de gastos de Agadic, código do proxecto 2015-0003.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2022

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais