Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 18 de marzo de 2022 Páx. 18426

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 8 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento CT403B).

BDNS (Identif.): 614859.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

Primeiro. Persoas beneficiarias

Persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas, e as súas asociacións, así como as sociedades civís e comunidades de bens –ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia–, así como as unións temporais de empresas, dedicadas profesionalmente á produción de actividade escénica, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Finalidade

Fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para contribuír á promoción da creatividade escénica, no marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2022.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 8 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento CT403B).

Cuarto. Importe

O importe global máximo das subvencións anteriormente detalladas será de 800.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 do orzamento de gastos da Agadic, código de proxecto 2010-00005, distribuído entre as anualidades 2022, 2023 e 2024: 200.000 euros con cargo ao exercicio 2022, 500.000 euros con cargo ao exercicio 2023 e 100.000 con cargo ao exercicio 2024.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2022

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais