Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 21 de marzo de 2022 Páx. 18676

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se fixan os criterios para a determinación do carácter singular de titulacións oficiais de grao e máster no Sistema universitario de Galicia.

O 9 de decembro de 2011 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Nesta norma, modificada polo Decreto 161/2015, do 5 de novembro, a Xunta de Galicia estableceu unha serie de liñas, criterios e procedementos para a coordinación, planificación e ordenación do Sistema universitario de Galicia, desde o absoluto respecto á autonomía universitaria, co obxecto de racionalizar a oferta docente universitaria en todos os niveis e lograr a súa adecuación ás demandas e necesidades reais da nosa comunidade autónoma, asegurando elevados índices de calidade que permitan ao noso ensino universitario situarse en óptimos niveis de competitividade, tanto no ámbito nacional coma internacional.

O artigo 6 do devandito decreto establece un número mínimo de estudantes de novo ingreso para que as universidades públicas do SUG poidan impartir as distintas titulacións oficiais. Estes mínimos fíxanse para os graos en 50 alumnos/as de novo ingreso para os impartidos nos campus da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, e de 45 nos campus de Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra. No caso dos másters universitarios, o número anual de estudantes de novo ingreso non pode ser inferior a 20.

No caso de incumprir o requisito sinalado, para o que se terá en conta a media de tres cursos académicos consecutivos, ao abeiro do disposto no artigo 14 da mesma norma, a titulación afectada non poderá impartirse no curso académico inmediatamente posterior; prevense como únicas excepcións os másters universitarios oficiais vinculados ao programa Erasmus Mundus ou aqueles que habiliten para o exercicio dunha profesión regulada en España, segundo o establecido na normativa estatal e europea aplicable.

O 30 de marzo de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 1 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se fixan os criterios para a determinación de titulacións de grao singulares no Sistema universitario de Galicia. Deste xeito, mediante a Resolución do 2 de novembro de 2017, declarouse a singularidade dun total de oito graos no Sistema universitario de Galicia.

O Acordo asinado o 19 de xullo de 2021, entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, para a definición do marco xeral de actualización do mapa de titulacións do Sistema universitario de Galicia para o período 2022-2026, actualizou os criterios que hai que ter en conta para a declaración de singularidade dos graos, así como para o recoñecemento da excepcionalidade dos másters universitarios.

O dito recoñecemento, que se formalizará mediante resolución da Secretaría Xeral de Universidades e que terá unha vixencia de cinco anos, supoñerá, para as titulacións oficiais que así fosen recoñecidas, exención temporal do cumprimento do exixido no artigo 6 do mencionado Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Polo tanto, cómpre fixar os criterios a ter en conta para determinar que titulacións oficiais de grao e máster universitarios, entre as ofertadas polas universidades públicas galegas, teñen a consideración de singulares dentro da oferta global do Sistema universitario de Galicia.

De acordo co exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto definir o concepto e fixar os criterios para a determinación do carácter singular de determinadas titulacións oficiais de grao e máster universitario, ofertadas no Sistema universitario de Galicia, para os efectos do establecido no Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Concepto de singularidade

Considerarase singular para o Sistema universitario de Galicia a titulación oficial de grao ou máster universitario que, polas súas concretas características, resulte indispensable para a oferta global do sistema ou teña un especial interese estratéxico para a formación universitaria da Comunidade Autónoma.

Terceiro. Criterios para a determinación do carácter singular dun grao

1. A Secretaría Xeral de Universidades, mediante resolución e logo de solicitude das universidades, poderá recoñecer o carácter singular de determinadas titulacións de grao que cumpran con algún destes criterios:

– Ser imprescindible para a formación dos recursos humanos especializados que permitan dar cobertura ás necesidades do sistema educativo non universitario da Comunidade Autónoma.

– Ter unha estrita vinculación coa especialización dun campus acreditado no cal se imparte e constituír unha parte esencial das liñas estratéxicas en docencia e investigación desa especialización.

– Os estudos da lingua, da literatura e da cultura galegas.

– Os estudos da lingua portuguesa.

– Estar directamente vinculados aos sectores considerados esenciais pola Xunta de Galicia no seu plan estratéxico ou no RIS3.

2. No caso dos graos que habiliten para o desenvolvemento de actividades profesionais reguladas, a que se refire o punto 8 do artigo 14 do Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da súa calidade, e cuxos plans de estudo compartan as determinacións da normativa pola que se establecen os requisitos para a súa verificación, so se lle poderá recoñecer o carácter singular a un dos graos afectados.

Cuarto. Criterios para a determinación do carácter singular dun máster universitario

A Secretaría Xeral de Universidades, mediante resolución e logo de solicitude das universidades, poderá recoñecer o carácter singular de determinadas titulacións de máster que cumpran con algún destes criterios:

– Estar vinculada directamente cunha liña de investigación de acreditada excelencia no ámbito internacional.

– Estar vinculada cos centros CIGUS recoñecidos pola Xunta de Galicia.

– Estar vinculada aos sectores considerados estratéxicos polo Goberno da Comunidade Autónoma.

Quinto. Procedemento para a declaración de singularidade

Cando a media do alumnado de novo ingreso durante tres cursos consecutivos nunha titulación oficial de grao ou máster universitario sexa inferior aos mínimos exixidos no artigo 6 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro, a universidade responsable da titulación poderá solicitar a declaración de singularidade desta, no mes de marzo de cada ano.

A Secretaría Xeral de Universidades analizará a solicitude e comprobará se se cumpren ou non os criterios establecidos nos puntos terceiro e cuarto desta resolución e emitirá unha resolución pola que se recoñecerá o carácter singular, para o Sistema universitario de Galicia, das titulacións oficiais de grao e máster universitario que cumpran o establecido na presente resolución.

A dita resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Efectos do recoñecemento de singularidade

A declaración de singularidade suporá, para as titulacións recoñecidas como tales, a exención temporal do cumprimento do exixido no artigo 6 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro, e aplicaráselles, en todo caso, o contido no resto do articulado e na demais normativa de aplicación.

Os efectos da declaración de singularidade terán unha vixencia de 5 anos.

Sétimo. Disposición transitoria

Os recoñecementos de singularidade declarados ao abeiro da Resolución do 2 de novembro de 2017, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se declara a singularidade de graos no Sistema universitario de Galicia e a excepcionalidade de máster universitario manterán a súa vixencia ata a publicación da nova resolución de singularidade de graos e másters que se dite ao abeiro do disposto na presente resolución.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2022

José Alberto Díez de Castro
Secretario xeral de Universidades