Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 21 de marzo de 2022 Páx. 18680

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiada en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento SI449B).

O Estatuto de autonomía determina, no seu artigo 4, que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e galegas na vida política, económica, cultural e social.

No Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, recóllese o compromiso de avanzar na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade, xunto coa prevención e erradicación da violencia contra as mulleres.

Así mesmo, nos sucesivos documentos autonómicos de planificación estratéxica para a igualdade entre mulleres e homes defínese e consolídase como un dos seus principais obxectivos promover a coeducación e promoción da igualdade e prevención da violencia contra as mulleres no eido educativo, coa implicación de todos os compoñentes que conforman a comunidade educativa.

No I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020, instrumento de planificación coordinado pola Secretaría Xeral da Igualdade e pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, recóllese como medida de actuación «M13. Impulsar a formación e participación das familias a través das Escolas de Nais e Pais como instrumento de acción coeducativa e de fomento da promoción da igualdade de oportunidades» en todos os seus eixes, destacando pola súa relación con esta resolución os eixes 4 «Educar desde a diversidade para unhas relacións afectivas e sexuais saudables e respectuosas, e para unha convivencia harmónica que integre a diversidade de xénero, sexual, e afectiva», eixe 5 «Traballar as relacións de uso abusivo do poder e a violencia sistémica no exercicio das relacións persoais, co fin de visibilizar os mecanismos que sustentan a violencia de xénero, e favorecer relacións pacíficas e positivas para todos os membros da comunidade», e no eixe 6 «Abordar a detección precoz e resposta eficaz e sistémica á violencia de xénero e outras formas de abuso, discriminación e violencia asociadas, con especial atención á prevención e compensación de situacións de discriminación múltiple».

No VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020, e no VIII Plan estratéxico que se atopa en proceso de elaboración, tamén a promoción entre as familias do principio de igualdade e a prevención da violencia contra as mulleres se inclúe tanto no seu capítulo 2 dedicado ás áreas estratéxicas de igualdade como no capítulo 3 no que se inscriben as dúas áreas estratéxicas de prevención e tratamento da violencia de xénero. Entre as medidas incluídas no VII Plan están as seguintes medidas: 2.1.2.3 Impulso da formación e a participación das familias como instrumento de acción coeducativa e de fomento da promoción da igualdade de oportunidades, 2.1.3.3 Fomento da implicación das familias nos programas de innovación educativa que promoven a igualdade de xénero, nomeadamente, naqueles que inciden na erradicación dos estereotipos de xénero e 3.1.3.5 Fomento de iniciativas de prevención da violencia de xénero desenvolvidas desde o tecido asociativo, con especial incidencia no apoio e asesoramento ás familias sobre os dereitos das mulleres vítimas de violencia de xénero e os recursos existentes para o seu apoio.

O Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021 ten por finalidade a posta en marcha, a consolidación e a visibilización de actuacións de distinta índole que inciden na conciliación, desde a base da corresponsabilidade familiar, poñendo o foco nunha repartición equitativa das responsabilidades doméstico-familiares entre mulleres e homes, en liña coas últimas decisións adoptadas pola Comisión Europea que tratan de apoiar a conciliación da vida familiar e a vida profesional, a través da mobilización de instrumentos financeiros e instando a reorientación dos recursos existentes do orzamento da Unión Europea cara a investimentos prioritarios que contribúan á súa consecución.

O papel das familias para remover os estereotipos e conseguir unha repartición equilibrada das tarefas domésticas e mellorar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal é un fío condutor deste plan no que entre outras se atopa a medida 2.3 Sensibilizar e implicar as familias no fomento dos valores da corresponsabilidade para unha repartición das tarefas domésticas e de coidados libre de condicionamentos de xénero.

Por outra banda, ante o problema da violencia de xénero o Pleno do Congreso dos Deputados aprobou por unanimidade en novembro de 2016 unha proposición non de Lei pola que se instaba o Goberno para promover a subscrición dun Pacto de Estado en materia de Violencia de Xénero polo Goberno da Nación, as Comunidades Autónomas e Cidades con Estatuto de Autonomía e a Federación Española de Municipios e Provincias, que seguise impulsando políticas para a erradicación da violencia sobre a muller como unha verdadeira política de Estado.

A partir dese fito, desenvolvéronse traballos co fin de identificar e analizar os problemas que impiden avanzar na erradicación das diferentes formas de violencia de xénero e que se estudase e avaliase, en materia de violencia de xénero, os aspectos de prevención, protección e reparación das vítimas, e propúxose alcanzar e implementar un Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Tras varios meses de traballos, o 13 de setembro de 2017 o Pleno do Senado aprobou, por unanimidade, o Informe do Relatorio de Estudo para a elaboración de estratexias contra a violencia de xénero. Pola súa banda, o Congreso, na súa sesión plenaria do 28 de setembro de 2017, aprobou sen ningún voto en contra o Informe da Subcomisión para un Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.

Ambos os dous informes, tras identificar a situación na que se atopa actualmente a loita contra a violencia de xénero en España e analizar os problemas que impiden avanzar na erradicación das diferentes formas da violencia, recollen un conxunto de propostas de actuación para os próximos anos entre as que se inclúen especificamente as principais reformas que deben acometerse para dar cumprimento efectivo a ese fin, así como ás recomendacións dos organismos internacionais, Nacións Unidas e Consello de Europa.

Os dous textos, como indicaba a proposición non de lei, remitíronse ao Goberno para que os sometese a acordo cos representantes de comunidades autónomas, concellos, partidos políticos, Administración de Xustiza, organizacións sindicais e empresariais e asociacións civís.

Este proceso culminou o 27 de decembro de 2017, coa ratificación de común acordo por parte de todas as CCAA, do documento final do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Neste documento recóllese no seu eixe 1 de ruptura do silencio, sensibilización e prevención, e sobre todo, no ámbito da educación varias medidas nas que as familias e as asociacións de nais e pais teñen un importante papel e oportunidade de implicarse e impulsar a erradicación de estereotipos de xénero e na erradicación da violencia contra as mulleres (medidas 23, 27, 3, 26, 33 e 34).

De conformidade co previsto no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e segundo o establecido no Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, entre outras funcións, propor medidas, programas e normas dirixidas á promoción da igualdade e a eliminación dos estereotipos de xénero e fomentar a coeducación e a participación das familias e asociacións de nais e pais, de cara a que o alumnado, os fillos e fillas logren unha educación pola igualdade, que representa o primeiro paso para a eliminación das desigualdades entre mulleres e homes e previr e loitar a violencia que se exerce contra as mulleres.

Polo anteriormente exposto, a Secretaría Xeral da Igualdade pretende con esta convocatoria impulsar a formación, sensibilización, información das familias e asociacións de nais e pais na perspectiva de xénero, concienciando as fillas e fillos, o alumnado e a comunidade educativa sobre os estereotipos de xénero existentes e visibilizar as mulleres e as nenas promovendo unhas relacións respectuosas e en igualdade que preveñan a violencia de xénero, polo que se considera oportuno realizar esta convocatoria de axudas destinadas á realización, polas asociacións de nais e pais do alumnado dos centros educativos de Galicia sustentados con fondos públicos, de programas de formación, sensibilización, información para a erradicación de todas as formas de violencia contra as nenas, as mozas e as mulleres.

A convocatoria destas axudas axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro); no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG núm. 214, do 5 de novembro); e no que resulte de aplicación, a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro), e o seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo).

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás asociacións de nais e pais de alumnado (ANPAS) legalmente constituídas e ás federacións ou confederacións de ANPAS, dos centros educativos sustentados con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización de programas de actividades de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres, dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios, ás familias, ás ANPAS e á comunidade educativa, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

2. Para os efectos desta convocatoria, é compatible a solicitude de axuda por parte dunha asociación de nais e pais coa pertenza a unha federación ou confederación que, así mesmo, solicite subvención.

3. A denominación e o código do procedemento correspondente a estas axudas é o seguinte: SI449B-Axudas económicas ás ANPAS destinadas á promoción da igualdade entre homes e mulleres e a prevención e loita contra a violencia cara ás mulleres.

4. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade, accesibilidade universal e non discriminación.

Artigo 2. Financiamento

1. Para o financiamento das axudas previstas nesta convocatoria destínase crédito por importe total de catrocentos mil euros (400.000 €), con cargo á aplicación 11.02.313D.481.2 código de proxecto 2018 00112, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

2. O importe máximo inicial do crédito destinado ás axudas obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. O crédito asignado será obxecto de desconcentración nas xefaturas territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade, segundo os resultados da avaliación das solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 13 desta resolución, realizada pola Comisión de Valoración única prevista no artigo 13 desta resolución.

Artigo 3. Compatibilidade e concorrencia

1. Estas axudas son compatibles con outras subvencións, axudas e ingresos, ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou entidades públicas ou privadas.

2. O importe da subvención concedida non poderá superar en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, o custo da actuación ou actividade que vai desenvolver a entidade solicitante, nin o importe total do correspondente concepto de gasto.

En caso de que o conxunto das axudas supere o custo das actividades ou gastos subvencionables, esta axuda reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

3. No caso de asociacións de nais e pais de alumnado (ANPAS) legalmente constituídas, federacións ou confederacións de ANPAS solicitantes que sexan perceptoras doutras axudas compatibles concedidas para a mesma actuación ou actividade, deberán acreditar a súa natureza e contía. Para o caso de que se trate dun mesmo concepto de gasto vinculado a diversas subvencións, deberán facer constar de forma clara o importe do gasto imputado en cada unha delas.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de nais e pais de alumnado (ANPAS) dos centros educativos sustentados con fondos públicos que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no rexistro de asociacións da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

2. Tamén poderán ser entidades beneficiarias as federacións e confederacións de asociacións de nais e pais que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no rexistro de asociacións da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

3. As entidades solicitantes deberán cumprir, en todo caso, ademais dos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 respectivamente da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os seguintes:

a) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

b) Non atoparse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da entidade interesada.

4. Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Accións subvencionables e contía da axuda

1. Poderán ser obxecto de subvención ao abeiro desta convocatoria a realización de programas e actividades de difusión, información e formación para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero, que vaian realizar as ANPAS, federacións e confederacións de ANPAS, dirixidos ao alumnado de centros educativos non universitarios, ás familias e á comunidade educativa, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, realizadas entre o 1 de decembro de 2021 e o 30 de novembro de 2022.

Así mesmo, para que o programa e actividades poida ser subvencionado ao abeiro desta resolución ten que incluír, como mínimo, o desenvolvemento e realización dunha actividade dirixida directamente ás familias, nais e pais, que facilite a difusión, información, coñecemento e mesmo a reflexión sobre as actividades de difusión levadas a cabo co alumnado e o resto da comunidade educativa.

Serán obxecto de subvención as citadas actividades e programas que respondan a algunha ou algunhas das seguintes tipoloxías recollidas nas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do eixe 1:

a) Escolas de pais e nais e/ou formación para as familias e/ou alumnado en temas de igualdade, de educación afectivo-sexual (aspectos fisiolóxicos e afectivo-emocionais) e sobre violencia de xénero.

b) Elaboración de materiais informativos para nais e pais que lles axuden a detectar a violencia de xénero da que poden ser vítimas ou agresores as súas fillas ou fillos adolescentes.

c) Realización de accións de formación, sensibilización e difusión, contra a cosificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas, para as familias e/ou alumnado e comunidade educativa.

d) Formación para pais e nais e/ou para mozas e mozos sobre o uso adecuado e crítico da internet e as novas tecnoloxías, especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos (stalking, sexting, grooming, etc.).

e) Accións de formación coas familias e/ou alumnado sobre novas masculinidades para romper cos micromachismos e os comportamentos machistas adquiridos polos estereotipos, e actuacións encamiñadas a mellorar a percepción que o alumnado e as familias teñen sobre a diversidade sexual e a homosexualidade, contra as situacións de acoso do alumnado LGTBIQ e as repostas da comunidade educativa perante o problema da homofobia.

f) Outras accións de formación e información para nais e pais e/ou para o alumnado que sensibilicen as familias sobre os estereotipos persistentes na sociedade e tamén no eido educativo e sobre pautas para previr a violencia de xénero, ou para detectala e que se dean a coñecer entre as familias os protocolos existentes nos casos de agresións ou violencia contra as mozas.

2. Cada entidade ou agrupación de ANPAS só poderá presentar unha solicitude de axuda, na que se poderán incluír unha ou varias das tipoloxías de acción recollidas no punto 1 deste artigo.

3. A contía máxima da axuda que se pode conceder ao abeiro desta liña é de 3.000 € para as solicitudes de asociacións de nais e pais que se presenten de xeito individual e de 6.000 € para as solicitudes de federacións ou confederacións de ANPAS.

O importe da axuda calcularase con base no gasto subvencionable e no importe solicitado. As entidades que cumpran os requisitos contidos nesta resolución ordenaranse en orden decrecente segundo os criterios e pautas de valoración establecidos no artigo 13 desta resolución, outorgando por este orde o 100 % do importe solicitado ata esgotar o crédito. No caso de esgotarse o crédito, propoñerase unha lista de espera que se atenderá segundo a orde de puntuación para o caso de desestimentos ou renuncias de entidades beneficiarias.

4. No suposto de esgotar o crédito dispoñible, o resto das solicitudes consideradas subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas no caso de producirse algunha renuncia ou por modificación nos proxectos inicialmente presentados ou de producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución.

5. Na información, divulgación, difusión e publicidade que se realice destas medidas en calquera medio de comunicación social será obrigatorio que figuren os logotipos da Xunta de Galicia, da Secretaría Xeral da Igualdade e do Ministerio de Igualdad.

Artigo 6. Gastos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables os derivados da realización das actuacións e actividades previstas no artigo 5.1 xerados no período comprendido entre o 1 de decembro de 2021 e o 30 de novembro de 2022, que respondan aos seguintes conceptos:

a) Gastos das persoas relatoras (honorarios, aloxamento, transporte) e/ou contratación mercantil ou externa da prestación dunha actividade ou servizo externo (obradoiro, taller de teatro, xornadas, campañas de difusión ...).

b) Gastos derivados da realización da actuación ou actividade subvencionada: elaboración ou adquisición de materiais e publicacións específicas para o desenvolvemento da actividade; gastos de publicidade e difusión da actuación, así como o material de oficina necesario para a súa realización. Así mesmo, poderíanse incluír os gastos directos relacionados co material de protección contra a COVID-19 que sexan precisos para o desenvolvemento das actividades presenciais.

c) Outros gastos correntes directamente derivados da realización da actuación e actividade subvencionada que estean debidamente xustificados e se consideren necesarios para o seu desenvolvemento (servizo de atención a menores, gastos derivados da realización da actividades en liña, ou telemáticas e outros).

En ningún caso serán subvencionables gastos de protocolo ou representación (comidas) e gastos de agasallos para as persoas relatoras.

2. Para os efectos destas axudas non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación.

3. Para os efectos da consideración dos gastos como subvencionables e para a súa xustificación, deberán axustarse ao seguinte:

a) Reunir os seguintes requisitos: ser un gasto directo da acción, adecuado aos obxectivos, que exista constancia documental sobre a súa realización de xeito verificable, que se acredite mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, estar efectivamente realizado no período establecido e pagado, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación da subvención.

Así mesmo, admitirase a acreditación de gastos realizados mediante factura simplificada (antes denominado tícket), como documento substitutivo das facturas, sempre que se cumpra o disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

b) De acordo co establecido no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados. Nestes documentos deben quedar claramente identificadas a persoa receptora e a emisora do pagamento, e será conveniente que no concepto se faga constar o número da factura.

No caso de pagamento mediante cheque terá que ser, en todo caso, nominativo e vir acompañado da xustificación bancaria acreditativa do cargo na conta que figure nel.

Con carácter excepcional, e dada a tipoloxía das entidades beneficiarias, formadas por nais e pais, segundo se recolle no punto 3 do artigo 42 do citado Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase aceptar a xustificación do pagamento mediante recibo da persoa ou entidade provedora para gastos de escasa contía nos que necesariamente se teña que incorrer para o desenvolvemento da actuación ou actividade obxecto da subvención que teñan un importe menor de 300 euros e que a súa suma non supere o 15 % do importe concedido. O dito recibo terá como contido mínimo os seguintes datos: persoa/entidade que emite o recibo, cantidade recibida e concepto polo que se percibe).

c) Cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicte o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación, quedando as entidades beneficiarias obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario. En todo caso, a dita presentación terá como data límite o último día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

4. Non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante o anterior, non se considerarán como gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación ou actividade subvencionada, tales como contratación de persoal, alugueiro de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministración relacionados con eles.

De acordo co artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria, en ningún caso poderá concertar a execución total ou parcial da/das actividade/s subvencionada/s con ningunha das persoas ou entidades recollidas nese artigo, entre as que se inclúen as persoas ou entidades vinculadas coa entidade beneficiaria da subvención, salvo que concorran as seguintes circunstancias: 1) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado. 2) Que se obteña a previa autorización do órgano concedente.

Para a determinación da dita vinculación terase en conta o artigo 43.2.c) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Presentación de solicitudes e prazo

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. As solicitudes de axuda dirixiranse, xunto coa documentación necesaria, á Xefatura Territorial da Consellería de Emprego e Igualdade competente en función da provincia na cal a asociación teña establecida a súa sede social.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II: certificación expedida pola secretaría da entidade en que se faga constar, entre outros, o acordo de solicitar a subvención ao abeiro desta resolución. Así mesmo, conterá o seguinte:

– No caso de asociacións de nais e pais, deberá facerse constar o número de familias asociadas, con indicación da porcentaxe que representan respecto do total de familias do centro educativo ao que representan, no curso 2021-2022.

– No caso de federacións e/ou confederacións de asociacións de nais e pais, deberá facerse constar a relación nominal de asociacións que as compoñen, no curso 2021-2022.

b) Anexo III: orzamento desagregado dos gastos subvencionables e memoria descritiva das actuacións e actividades singularizadas en materia de promoción da igualdade e de prevención de violencia de xénero para as cales se solicita axuda. A memoria descritiva fará referencia aos seguintes aspectos:

• Descrición da/das actividade/s propostas: contido, metodoloxía, medios materiais e persoais previstos, profesorado e/ou implicación do equipo directivo do centro educativo, implicación e/ou participación doutras entidades (locais, ONG, centros de saúde, etc.) na actividade e persoa ou persoas responsables da súa execución.

• Lugar e data prevista de realización.

• Número estimado de persoas participantes desagregado por sexo.

c) Estatutos vixentes da entidade e acreditación de estar inscrita a entidade no rexistro de asociacións da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

d) Calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude ou para maior detalle na descrición da actuación subvencionable coa presentación dunha memoria complementaria para os efectos de ampliar a información requirida no anexo III e cuxa extensión non poderá exceder os cinco folios.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poderá consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa que actúa en representación da entidade solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no número 4 do citado artigo.

Artigo 12. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a entidade solicitante para que, no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

2. A notificación dos requirimentos practicarase só por medios electrónicos, de acordo co sinalado no artigo 15 desta resolución e nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Instrución dos procedementos e Comisión de Valoración

1. A instrución dos procedementos corresponde ás unidades de Igualdade das xefaturas territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade.

Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á Comisión de Valoración.

2. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establécese unha Comisión de Valoración que será única para todas as solicitudes que se presenten ao abeiro desta convocatoria que estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade; contará coas seguintes vogalías: a persoa titular do Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación, a persoa titular do Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade; e, un/unha traballador/a de cada unha das unidades de igualdade designada/o pola/o respectivo/a xefa/e territorial. Se por calquera causa algunha das persoas non puidesen asistir á reunión, será substituída pola/o funcionaria/o que designe o órgano competente para o outorgamento da axuda. Nos outros casos, será substituída pola persoa funcionaria que designe a presidencia da comisión.

A secretaría da comisión a exercerá un/unha dos/das vogais dos servizos centrais da Secretaría Xeral da Igualdade.

3. A Comisión de Valoración poderá requirir ás entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional aclaratoria que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

4. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios establecidos no artigo 14, a Comisión de Valoración emitirá un informe, segundo o cal o correspondente órgano instrutor elevará unha proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, propoñendo a concesión de subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.

No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda, pero que non se inclúen na proposta de concesión anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en lista de espera por orde de puntuación para seren atendidas no caso de producirse algunha renuncia ou algún incremento do crédito inicialmente dispoñible. Para estes efectos, o órgano instrutor poderá formular sucesivas propostas de resolución con anterioridade á fin do prazo de xustificación das axudas.

Artigo 14. Criterios de valoración

1. A comisión valorará as solicitudes consonte os seguintes criterios:

a) Polo número de familias membros da asociación e a porcentaxe que representen sobre o total de familias que conforman a comunidade educativa do centro escolar ao que representan no curso académico 2021/2022, cando se trate de asociacións ou, no caso de federacións ou confederacións de ANPAS, en función do número de asociacións de nais e pais do alumnado que as integran, ata un máximo de 30 puntos, de acordo co seguinte:

– No caso de ANPAS, valorarase de acordo coas seguintes porcentaxes de representación no centro educativo: máis do 10 % e ata unha porcentaxe do 20 %, 5 puntos; máis do 20 % e ata o 30 %, 10 puntos; máis do 30 % e ata o 40 % 15 puntos; máis do 40 % e ata o 60 %, 20 puntos; máis de 60 %, 30 puntos.

– No caso de federacións e confederacións, polo número de asociacións de nais e pais integradas nelas, 3 puntos por cada asociación ata un máximo de 30 puntos.

b) Pola participación doutras entidades ou institucións na execución e desenvolvemento da/das actividade/s, ata 10 puntos (concello, ONG, centros de saúde, colexio profesional, ...); valorarase con 2,5 puntos por cada entidade colaboradora co programa/actividade ata un máximo de 10 puntos. En todo caso, terase que achegar acreditación da entidade ou institución que presenta a súa intención de colaboración no proxecto para os efectos deste criterio de valoración (segundo o modelo publicado na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade), e non se considerará a participación que implique o cobramento de ningún tipo de remuneración.

c) Domicilio do/dos centro/s educativo/s situado en concellos de zonas rurais ou urbanas en atención á súa cualificación por grao de urbanización (zonas densamente poboadas –ZDP–; zonas intermedias –ZIP–; e zonas pouco poboadas –ZPP–) segundo os estudos publicados polo Instituto Galego de Estatística, ata un máximo de 15 puntos; de acordo co seguinte:

– En ZDP: 5 puntos.

– En ZIP: 10 puntos.

– En ZPP: 15 puntos.

A cualificación dos concellos por grao ou subgrao de urbanización poderase consultar na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

Para o caso de solicitude de federacións e confederacións de asociacións de nais e pais, terase en conta o domicilio dos centros educativos a que se refire a solicitude conxunta, e valorarase tomando a puntuación que responda á maioría de concellos en que se sitúan as ANPAS involucradas nesa solicitude conxunta. En caso de empate, valorarase o grao de urbanización máis favorable.

d) Por contar con páxina web e/ou dominio web propia e actualizada en que se difunda a actividade da ANPA ou da federación ou confederación: 5 puntos.

e) Calidade técnica da/das actuación/s e actividades para as que se solicita subvención (ata 40 puntos).

e.1. Contido técnico da/das actuación/s e actividades: ata 30 puntos. Valorarase a coherencia do contido da actividade coas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e a inclusión explícita da perspectiva de xénero e a adecuación da actividade aos fins para a que está deseñada e para o colectivo ao que se dirixe. Así mesmo, valorarase o contido e a descrición das actividades concretas que se pretenden realizar, a inclusión dunha memoria explicativa complementaria cunha extensión máxima de cinco folios na que se expliquen con maior detalle e extensión as actividades previstas. Así mesmo, valorarase a inclusión do calendario de realización, a previsión do número de persoas que se estima que van participar e que se inclúan indicadores de seguimento e avaliación e/ou enquisas de satisfacción da actividade.

e.2. Innovación: ata 10 puntos. Valoraranse as actuacións e actividades innovadoras, especialmente cando incorporen novas tecnoloxías, ou métodos orixinais de información e difusión cara ás familias e/ou alumnado, como, por exemplo, representacións teatrais, ou performance, concursos de ideas, realización de documentais ou outros de natureza análoga. Así mesmo valoraranse a utilización de medios que permitan a realización de actividades non presenciais a través de plataformas en liña.

2. As entidades que cumpran os requisitos ordenaranse en orde decrecente segundo os criterios e pautas de valoración establecidos no artigo 14 desta resolución, outorgando por esta orde o 100 % do importe solicitado ata esgotar o crédito.

3. No suposto de que máis dunha proposta obteña a mesma puntuación e non sexa posible por razóns orzamentarias adxudicar axuda a todas elas, o desempate resolverase tendo en conta a puntuación máis alta obtida en cada criterio de valoración, empezando pola letra e) (calidade técnica da/s actuación/s e actividades para as que se solicita subvención) e a continuación seguindo a orde en que figura o resto de criterios no número 1 deste artigo, ata que se produza o desempate. De persistir o empate, a preferencia determinarase pola data e hora de presentación da solicitude.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. Avaliadas as solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 14 desta resolución, o órgano instrutor, á vista do informe da Comisión de Valoración, elevará unha proposta de resolución á/ao xefa/e territorial da Consellería de Emprego e Igualdade, que resolverá a concesión ou denegación da axuda solicitada ao abeiro desta convocatoria por delegación da secretaria xeral da Igualdade. A/o xefa/e territorial da Consellería de Emprego e Igualdade resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias, sen que, en ningún caso, o importe total das axudas poida superar o límite establecido no artigo 2 desta resolución.

2. O prazo para resolver e notificar será de cinco meses. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada.

Na resolución de concesión estableceranse as condicións da axuda ás cales quedan sometidas as entidades beneficiarias derivadas da aceptación da subvención.

3. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez (10) días a súa aceptación, e deberá comprometerse a executar a/as actuación/s subvencionada/s no prazo e condicións establecidas na convocatoria. No caso de non comunicar este aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

a) De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

b) De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

c) As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

d) Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Réxime de recursos

1. A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no mesmo diario oficial.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución porán fin á vía administrativa e contra estas poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión das axudas

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O órgano competente para a concesión destas axudas, nos supostos que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria e coa debida antelación. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa aplicable.

Artigo 18. Prazo e xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa da realización da actuación ou actuacións subvencionada/s coa data límite do 9 de decembro de 2022. De acordo co sinalado no artigo 8.6 desta resolución, a dita documentación deberá presentarse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Dentro do prazo establecido no número 1 anterior, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación xustificativa:

a) Anexo IV: solicitude de pagamento debidamente asinada pola persoa que ten a representación da entidade.

b) Anexo V: certificación do gasto realizado, no que se incluirá a relación das facturas e outros gastos realizados, con identificación dos/das acredores/as cos seus NIF, o número e a data da factura, o concepto, o importe e a data de pagamento, expedida pola secretaría da entidade co visto e prace da presidencia.

c) Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento.

Para poder ser tidos en conta, os gastos deben estar xerados no período comprendido entre o 1 de decembro de 2021 e o 30 de novembro de 2022, e estar efectivamente pagados, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación.

d) Memoria de execución da actuación subvencionada, que deberá recoller, como mínimo:

– Descrición das actuacións e actividades desenvolvidas (datas de realización, duración, contidos e metodoloxía empregada no seu desenvolvemento).

– Indicación de como se atenderon as necesidades das persoas con discapacidade (se for o caso).

– Publicidade e divulgación que se realizou.

– Número de familias e persoas participantes desagregadas por sexo.

– Número de entidades (locais, de iniciativa social, ONG, etc.) que participaron no desenvolvemento e execución da actividade.

– Así como aqueloutros aspectos que se consideren de interese para a descrición da actuación ou actividade.

– Folla de indicadores de realización das actuacións.

– Informe sobre a coherencia do contido da actividade coas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e a inclusión explícita da perspectiva de xénero e a adecuación da actividade aos fins para a que está deseñada e para o colectivo ao que se dirixe.

A dita memoria virá acompañada dun exemplar de todos os materiais elaborados: carteis, folletos, enquisas, material didáctico, fotografías e outros documentos, nos cales deberá figurar o logo da Secretaría Xeral da Igualdade, e logotipo do Ministerio de Igualdade, para os efectos de acreditar a realización da actuación ou actividade subvencionada.

e) Acreditación documental, material ou gráfica (fotografías, copias, capturas de pantalla da web...) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da actividade subvencionada, de acordo co establecido no artigo 20 desta resolución.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido para o efecto comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención.

No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle de que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención concedida.

4. Unha vez recibida a documentación xustificativa, antes de proceder ao seu pagamento, poderanse realizar as actuacións de comprobación que se consideren oportunas para verificar o cumprimento da conduta, actuación ou actividade subvencionada.

5. Antes de proceder ao pagamento da axuda, deberá figurar no expediente a declaración acreditativa de que as entidades beneficiarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 19. Pagamento da subvención

1. O pagamento do importe da subvención realizarase do seguinte xeito: un primeiro pagamento do 75 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da resolución.

De conformidade co establecido no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan exoneradas da obriga de constitución de garantías.

2. As xefaturas territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade, de atoparen conforme a documentación xustificativa, proporán o pagamento do 25 % restante, ou a parte que corresponda, que se librará, logo da xustificación por parte das entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

3. Para o caso de que non se xustificase a totalidade do gasto subvencionable (custo total da actuación) tido en conta para a determinación da contía da subvención, a axuda minorarase proporcionalmente.

4. Atendendo a descrición realizada na memoria e a acreditación material e gráfica achegada, cando se desprenda que o programa ou algunha das actuacións non responde a unha actividade de difusión, información e formación para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero que poida enmarcarse nalgunha das tipoloxías previstas nas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do eixe 1, que define o artigo 5 desta convocatoria como accións subvencionables, a subvención será minorada nun 15 %.

5. En todo caso, non xerarán dereito ao cobramento da subvención e procederá o reintegro do anticipo, cando se teña constancia de que o desenvolvemento das actuacións no seu conxunto non se adecuou á finalidade e obxecto desta resolución.

Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa xeral de aplicación, en particular, as seguintes:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención dentro do período e prazos establecidos nesta convocatoria, así como o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación. En todo caso, terase que acreditar que as actividades desenvolvidas respondan a unha actividade de difusión, información e formación para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero que poida enmarcarse nalgunha das tipoloxías previstas nas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do eixe 1 que define o artigo 5 desta convocatoria.

2. En todo tipo de publicidade e información relativos á actuación e actividades subvencionadas, terá que constar a condición de subvencionada pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.

En todo caso, nos espazos que utilice a entidade e nos lugares de realización das actividades informarase do financiamento público a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela. En ambos os casos a información e documentación terán que levar a imaxe corporativa da Secretaría Xeral da Igualade e ademais terán que levar o logotipo do Ministerio de Igualdade.

3. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

4. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral da Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 21. Responsabilidade

A organización e materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria, a actuación da Secretaría Xeral da Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 22. Reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade da minoración ou do reintegro serán os seguintes:

a) Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas concorrentes para a mesma finalidade que financien as actuacións subvencionadas.

b) Procederá o reintegro dun 2 % sobre a contía total da axuda percibida no caso de incumprimento da obriga recollida no artigo 20.2.

c) De ser o caso, a subvención minorarase proporcionalmente nos termos establecidos no artigo 19.3.

d) De ser o caso, a axuda minorarase nun 15 % nos termos establecidos no artigo 19.4.

e) En todo caso, non xerarán dereito ao cobramento da subvención e procederá o reintegro do anticipo, nos termos establecidos no artigo 19.5.

Artigo 23. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para a comprobación do cumprimento das condicións das axudas reguladas nesta convocatoria.

2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta resolución observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 25. Información ás persoas interesadas

Sobre o procedemento administrativo asociado a esta resolución, que ten o código SI449B poderase obter documentación normalizada ou información adicional nas unidades de igualdade das xefaturas territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade: http://igualdade.xunta.gal, ou no correo electrónico promocion.igualdade@xunta.gal ou nos teléfonos da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade 981 95 76 89, 981 95 77 83, e das unidades de igualdade das delegacións territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade (A Coruña: 881 88 12 54; Lugo: 982 29 43 55; Ourense: 988 38 67 99; Vigo-Pontevedra: 986 81 76 58).

Disposición adicional única

Apróbase a delegación de atribucións nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión, denegación, modificación das subvencións previstas nesta resolución, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos, e as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira

A Secretaría Xeral da Igualdade poderá ditar as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2022

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file