Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 21 de marzo de 2022 Páx. 18715

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Resolución do 9 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiada en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento SI449B).

BDNS (Identif.): 615535.

De conformidade co previsto no artigo 17.3.b) e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Solicitude individual: poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de nais e pais de alumnado (ANPAS) dos centros educativos sustentados con fondos públicos que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no rexistro de asociacións da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

2. Solicitude conxunta: tamén poderán ser entidades beneficiarias as federacións e confederacións de asociacións de nais e pais e a solicitude de dúas ou máis ANPAS que se agrupen para solicitar e xestionar conxuntamente as actuacións obxecto desta convocatoria que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no rexistro de asociacións da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo. O requisito de constitución legal e de inscrición terá que ser acreditado por todas as entidades que se inclúan na modalidade conxunta.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva ás asociacións de nais e pais de alumnos/as (ANPAS) legalmente constituídas e ás federacións ou confederacións de ANPAS, dos centros educativos sustentados con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización de programas de actividades de promoción da igualdade ente mulleres e homes e de prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres, dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios e/ou ás familias, ANPAS e á comunidade educativa, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 9 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiada en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento SI449B).

Cuarto. Importe

A contía máxima da axuda que se pode conceder ao abeiro desta liña é de 3.000 €, para as solicitudes de asociacións de nais e pais que se presenten de xeito individual e de 6.000 € para as solicitudes conxuntas, que se presenten agrupadas, por dúas ou máis asociacións de nais e pais dun mesmo concello ou ben para as federacións ou confederacións de ANPAS.

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de catrocentos mil euros (400.000 €) con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2022

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade