Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 21 de marzo de 2022 Páx. 18754

III. Outras disposicións

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2022 pola que se dá publicidade do convenio de encomenda de xestión formalizado co organismo autónomo Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANACA).

Ao abeiro do disposto no artigo 11 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, dáse publicidade ao convenio de encomenda de xestión que figura como anexo, subscrito o 11 de xaneiro de 2022 entre o organismo autónomo Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANACA) e a Universidade da Coruña para a avaliación da actividade investigadora de persoal docente e investigador contratado.

A Coruña, 11 de marzo de 2022

Julio E. Abalde Alonso
Reitor da Universidade da Coruña

ANEXO

Encomenda de xestión formalizada por convenio entre o organismo autónomo Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación e a Universidade da Coruña, para a avaliación da actividade investigadora de persoal docente e investigador contratado

Reunidos:

Dunha parte, Mercedes Siles Molina, en nome e representación do organismo autónomo Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANACA), CIF S2801299E. Intervén en calidade de directora, nomeada polo Consello Reitor da ANACA (Resolución do 19 de febreiro de 2020, da Presidencia do Consello Reitor, pola que se publica o nomeamento, BOE do 29 de febreiro), e actuando en virtude das atribucións que lle atribúe o artigo 16 do Estatuto do organismo autónomo ANACA, aprobado polo Real decreto 1112/2015, do 11 de decembro.

Doutra parte, Julio Ernesto Abalde Alonso, reitor da Universidade da Coruña, actuando en nome e representación da Universidade da Coruña, CIF Q6550005J, con sede na rúa A Maestranza, 9, 15001 A Coruña, conforme as atribucións que lle confire o artigo 36 dos estatutos da Universidade, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26 de maio) e modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro (DOG do 17 de outubro), tras o seu nomeamento con data do 9 de xaneiro de 2020 (Decreto 5/2020 polo que se nomea reitor magnífico da Universidade da Coruña o profesor doutor Julio Ernesto Abalde Alonso, DOG do 13 de xaneiro),

Expoñen:

1. Que a ANACA, a través da Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora (en diante, CNAAI), de conformidade co previsto no Real Decreto 1112/2015, do 11 de decembro, polo que se aproba o Estatuto do organismo autónomo ANACA, realiza a avaliación da actividade investigadora dos funcionarios de carreira e interinos dos corpos docentes universitarios de universidades públicas e dos organismos públicos de investigación da Administración xeral do Estado, de conformidade co disposto no artigo 2.4.2. do Real decreto 1086/1989, do 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario, na redacción dada pola disposición derradeira 1ª.Un do Real decreto 1112/2015, do 11 de decembro.

2. Que as universidades públicas precisan contar cun sistema de avaliación do seu profesorado contratado que sexa equiparable ao sistema de avaliación do seu persoal docente e investigador coa condición de funcionario de carreira e interino da universidade pública. Esta equiparación éo en canto á avaliación mesma considerada, sendo allea esta equiparación ao que establece o Real decreto 1086/1989, do 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario, para o persoal docente funcionario de carreira, así como ao previsto no artigo 55 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

3. Que a ANACA e a Universidade da Coruña teñen un interese común na mellora da calidade do persoal docente e investigador, e a Universidade da Coruña está interesada en poder ter o devandito sistema de avaliación do seu profesorado contratado non funcionario. Por iso, ambas as partes, con data do 19 de xuño de 2017, asinaron unha encomenda por convenio pola cal a Universidade encargou á ANACA a avaliación pola CNAAI da actividade investigadora do profesorado contratado doutor permanente. Igualmente, con posterioridade, asinaron con data do 7 de maio de 2018 unha addenda á citada encomenda pola cal todas as referencias que se realizan nela ao profesorado contratado doutor permanente da Universidade se entenden aplicables ao profesorado contratado doutor interino.

4. Que, dado que a Universidade da Coruña considera necesario contar con este sistema de avaliación, requírese formalizar unha nova encomenda por convenio para que a ANACA poida realizar as avaliacións da actividade investigadora do persoal docente e investigador contratado que necesite a Universidade.

5. Que a CNAAI non realiza a través deste convenio, en ningún caso, a avaliación do persoal docente e investigador contratado da Universidade da Coruña para os efectos de percepción das retribucións complementarias ligadas a méritos individuais, docentes, investigadores e de xestión a que se refire o artigo 55 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades. Deste xeito non se distorsiona o modelo de carreira docente e investigadora que establece a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, e que reafirma a modificación operada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril.

Á luz do anterior, a ANACA e a Universidade da Coruña.

Acordan subscribir a presente encomenda formalizada por convenio, ao abeiro do disposto no artigo 11 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, que se rexerá polas seguintes,

Cláusulas:

Primeira. Obxecto

O obxecto desta encomenda é que a CNAAI avalíe a actividade investigadora do persoal docente e investigador contratado da Universidade da Coruña e, en concreto, das figuras que a Universidade estableza na correspondente convocatoria.

De conformidade con iso, a convocatoria para a avaliación desta actividade investigadora pola CNAAI realizarase pola Universidade da Coruña, por ser da súa competencia.

Esta avaliación realizarase polos comités da CNAAI, mediante a correspondente emisión do informe técnico, e baixo idénticos criterios a aqueles que aplique en cada momento a CNAAI nas súas avaliacións de sexenios.

Segunda. Obrigas da Universidade da Coruña

As obrigas da Universidade da Coruña son:

1. Realizar a convocatoria para o recoñecemento da actividade investigadora do persoal docente e investigador contratado que considere.

Esta convocatoria ten que coincidir coa data da convocatoria que anualmente fixa a CNAAI para a avaliación da actividade investigadora do profesorado funcionario.

A Universidade indicará na súa convocatoria a obrigatoriedade dos solicitantes de presentar a solicitude nos seus rexistros.

2. Remitir á ANACA unha listaxe coas solicitudes presentadas para avaliar, na forma establecida na cláusula quinta.

3. Resolver os procedementos de avaliación da actividade investigadora, así como asumir todos os actos administrativos e resolucións que da tramitación da convocatoria poidan xurdir, por seren da súa competencia.

4. Cando se interpoña recurso contra a resolución dos procedementos de avaliación da actividade investigadora, a Universidade da Coruña poderá solicitar informe dos comités técnicos da CNAAI. Posteriormente, a Universidade ditará a resolución administrativa que poña fin ao recurso.

Terceira. Obrigas da ANACA

As obrigas da ANACA son:

1. Avaliar as solicitudes enviadas pola Universidade da Coruña no marco das actividades realizadas pola CNAAI e seguindo os seus criterios de avaliación. Para iso, porá á disposición do persoal docente e investigador contratado da Universidade que se recolla na convocatoria a aplicación telemática que utiliza para a petición da avaliación da actividade investigadora do persoal docente e investigador funcionario de carreira.

2. Emitir, a través dos comités da CNAAI, un informe técnico por cada solicitude de avaliación da actividade investigadora.

No informe técnico, a obra sometida a valoración cualificarase dentro do intervalo 0 a 10. O informe técnico será remitido despois á Universidade.

3. Establecer o procedemento que se deberá seguir na avaliación do persoal docente e investigador da Universidade. Este procedemento respectará os criterios, os prazos e as normas aplicables ao procedemento xeral de avaliación da actividade investigadora do profesorado funcionario da Universidade.

4. Emitir informe no caso das eventuais impugnacións que puidesen realizarse conforme se prevé na cláusula anterior.

Cuarta. Compensación de gastos derivados da encomenda

A Universidade da Coruña compensará á ANACA os gastos que tivese na realización desta avaliación, que serán financiados con cargo ao capítulo 2 do seu orzamento (sección 33 programa 322C artigo 23).

A ANACA emitirá unha liquidación de gastos do convenio en que se farán constar as solicitudes avaliadas pola CNAAI e o importe que terá que pagar a Universidade da Coruña. Cada solicitude terá un custo de 200 euros.

O importe das liquidacións, polos informes realizados pola CNAAI de conformidade co previsto neste convenio, ingresarase por parte da Universidade da Coruña na conta corrente con número de IBAN ES30 0049 5138 14 2616685755, aberta a nome do organismo autónomo na entidade bancaria Banco de Santander, logo de emisión pola ANACA da factura que legalmente corresponda.

Os membros dos comités técnicos de avaliación da CNAAI percibirán asistencias con cargo ao orzamento da ANACA, sempre de conformidade co disposto nos artigos 27 e seguintes do Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo, e cos límites establecidos para o efecto polo Ministerio de Facenda na Resolución da Secretaría de Estado de Orzamentos e Gastos do 16 de xuño de 2021, ou as correspondentes autorizacións aprobadas para o efecto durante a vixencia desta encomenda. En ningún caso, a Universidade da Coruña aboará os gastos de asistencia dos membros dos comités de avaliación da CNAAI.

Quinta. Solicitudes de avaliación

Os solicitantes de avaliación utilizarán a plataforma electrónica proporcionada pola ANACA para realizar a solicitude e rexistrala, e a Universidade da Coruña comprométese a enviarlle á ANACA unha única listaxe editable e ordenada alfabeticamente, no mes seguinte á terminación do prazo, onde se identifiquen as solicitudes que se deberán avaliar en virtude da encomenda, xunto coa seguinte información: nome da universidade/razón social, NIF, domicilio fiscal, persoa de contacto, órgano xestor, unidade tramitadora, oficina contable, e órgano propoñente, e calquera outra información relevante para a facturación das solicitudes avaliadas; a ANACA non admitirá as solicitudes presentadas na plataforma que non se prevén na listaxe.

A listaxe deberá remitila por correo electrónico á conta unidad.cneai@aneca.es, poñendo no asunto «Solicitudes avaliables ano XXXX», onde «XXXX» é o ano da convocatoria de que se trate.

A Universidade da Coruña indicará na súa convocatoria a obrigatoriedade dos solicitantes de presentar a solicitude nos seus rexistros.

Sexta. Titularidade da competencia

A encomenda de xestión non supón cesión de titularidade das competencias das partes, nin dos elementos substantivos do seu exercicio.

A Universidade da Coruña ditará os actos ou resolucións que dean soporte, ou nos cales se integre a concreta actividade material obxecto da encomenda de xestión regulada neste convenio.

Sétima. Protección de datos persoais

A Universidade da Coruña, responsable de tratamento, porá á disposición da ANACA os datos persoais dos solicitantes necesarios para facer posible a avaliación a que se refire este convenio. A ANACA, encargada do tratamento, comprométese a tratar os datos con esa única e exclusiva finalidade. Unha vez realizada a avaliación, a ANACA devolverá os datos proporcionados pola Universidade, xunto con cada informe de avaliación, e suprimirá as copias existentes a menos que se requira a conservación dos datos persoais en virtude do dereito da Unión Europea ou de España.

De acordo co previsto no artigo 6.1.e) do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos, en diante RGPD), o tratamento dos datos referidos no parágrafo anterior é necesario para o cumprimento dunha misión realizada en interese público por parte da Universidade, concretamente, a garantía da calidade establecida como fin esencial da política universitaria no artigo 31 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro. A Universidade da Coruña facilitará a cada persoa avaliada, no momento da recollida dos datos, a información prevista no artigo 13 do RGPD.

A ANACA non aplicará os datos nin os utilizará con fin distinto ao previsto neste convenio, nin os comunicará, nin sequera para a súa conservación, a outras persoas, exceptuando as persoas avaliadoras encargadas da avaliación. Así mesmo, comprométese a non realizar ningunha cesión dos devanditos datos e observará en todo momento, e en relación cos datos de carácter persoal que lle puideren ser entregados para a realización dos traballos de avaliación, o deber de confidencialidade e segredo profesional disposto no artigo 28.3.b) do RGPD, así como na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e no resto de normas aplicables a esta materia, de conformidade cos cales a ANACA garantirá que os seus avaliadores que poidan acceder aos devanditos datos se comprometan a respectar a dita confidencialidade.

Non será posible realizar subcontratacións a terceiros do servizo que o encargado do tratamento presta ao responsable do tratamento.

A ANACA manifesta cumprir coa normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal e, en particular, co RGPD e resto de disposicións vixentes na materia. As medidas de seguridade implantadas na ANACA correspóndense coas previstas no anexo II (medidas de seguridade) do Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica.

A ANACA notificará á Universidade, sen dilación indebida e a través do enderezo de correo electrónico que esta lle indique, as violacións da seguridade dos datos persoais ao seu cargo de que teña coñecemento, xunto con toda a información relevante para a documentación e comunicación da incidencia. Así mesmo, porá á disposición da Universidade toda a información necesaria para demostrar o cumprimento das obrigas establecidas no artigo 28 do RGPD, así como para permitir e contribuír á realización de auditorías, incluídas inspeccións, por parte do responsable ou doutro auditor autorizado polo devandito responsable.

Sen prexuízo do disposto no artigo 82 do RGPD, se a ANACA infrinxe o presente documento e o disposto na dita norma ao determinar os fins e medios do tratamento, será considerado responsable do tratamento con respecto ao devandito tratamento.

Oitava. Extinción

Esta encomenda extinguirase polo cumprimento do seu obxecto ou por incorrer nalgunha causa de resolución.

Son causas de resolución:

a) O transcurso do prazo de vixencia da encomenda sen acordarse a prórroga.

b) Por mutuo acordo dos asinantes.

c) Por circunstancias que fixesen imposible ou innecesaria a realización das actuacións obxecto deste convenio.

d) Polo incumprimento das obrigas e compromisos asumidos por parte dalgún dos asinantes. Neste caso, as partes realizarán un aviso previo por 20 días para evitar, se iso fose posible, a extinción. Se transcorrido o prazo indicado no requirimento persistise o incumprimento, a parte que o dirixiu notificará ás partes asinantes a concorrencia da causa de resolución e entenderase resolto o convenio, o que non comportará dereito a indemnización.

e) Por decisión xudicial declaratoria da nulidade do convenio.

f) Calquera outra causa prevista no ordenamento xurídico.

Novena. Modificación

A presente encomenda formalizada por convenio poderá ser modificada de mutuo acordo, por solicitude de calquera das partes.

Décima. Vixencia

O presente convenio que formaliza a encomenda perfeccionarase pola prestación do consentimento das partes a través da súa sinatura, e deberá ser publicado no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co artigo 11.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro. A tramitación desta publicación será realizada pola Universidade da Coruña. Así mesmo, inscribirase por parte da ANACA no Rexistro de convenios e de encomendas de xestión do sector público estatal (RCESPE).

Terá unha vixencia de catro anos. En calquera momento antes do remate do devandito prazo, poderán acordar unanimemente a súa prórroga por un novo período de ata catro anos adicionais ou a súa extinción.

Décimo primeira. Finalización de encomendas anteriores

A ANACA e a Universidade da Coruña acordan resolver a encomenda subscrita por ambas as partes para a avaliación da actividade investigadora do profesorado da Universidade con data do 19 de xuño de 2017, que se declara por conseguinte resolta e extinta.

Décimo segunda. Réxime xurídico e resolución de controversias que poida presentar a súa execución

Este convenio é unha encomenda de xestión das previstas no artigo 11 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, e ten natureza administrativa.

O seu seguimento realizarase por unha comisión mixta, formada por ambas as partes, a través dun representante de cada unha delas, que designarán os asinantes, os cales resolverán as controversias que se poidan presentar sobre a interpretación e execución deste convenio, e rexerase polo disposto nos artigos 15 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro. Na falta de acordo, as partes acordan someterse aos xulgados e tribunais da orde xurisdicional contencioso-administrativa.

E en proba de conformidade, ambas as partes subscriben esta encomenda, para un só efecto, no lugar e nas datas de sinatura electrónica, e tómase como data de formalización do presente documento a data do último asinante.

Pola Universidade da Coruña, Julio Ernesto Abalde Alonso.

Pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación, Mercedes Siles Molina.