Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 29 de marzo de 2022 Páx. 20331

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2022 pola que se acorda ampliar ata o 30 de xuño de 2025 o prazo para presentar as solicitudes de cualificación provisional e de cualificación definitiva para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito das áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra, no marco do Programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan de vivenda 2018-2021 (códigos de procedemento VI408F, VI408G, VI408L e VI408M).

O Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (Boletín Oficial del Estado núm. 61, do 9 de marzo), prevé un programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural, que en Galicia se xestiona a través da figura das áreas de rehabilitación integral. Concretamente, no marco deste programa pódense financiar as actuacións de rehabilitación e renovación de edificios e vivendas que se realicen no ámbito das áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra.

No Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 124, do 2 de xullo de 2019 publicouse a Resolución do 20 de xuño pola que se regula o procedemento para participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan de vivenda 2018-2021 e se establecen as bases reguladoras das subvencións correspondentes ás áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago e do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Por outra parte, no DOG núm. 130, do 2 de xullo de 2020, publicouse a Resolución do 22 de xuño pola que se regula o procedemento para participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se establecen as bases reguladoras das subvencións correspondentes á área de rehabilitación integral da Ribeira Sacra.

Para participar nestes programas é necesario obter a cualificación provisional da actuación e, unha vez rematadas as obras, a cualificación definitiva. Posteriormente, ao abeiro da normativa pola que se realizan as convocatorias correspondentes a estas áreas de rehabilitación, poderanse solicitar as respectivas axudas.

O ordinal décimo terceiro da Resolución do 20 de xuño de 2019 e o décimo quinto da Resolución do 22 de xuño de 2020 establecen que «o prazo de presentación de solicitudes de cualificación provisional e de cualificación definitiva das actuacións abrirase o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e finalizará, en todo caso, o 31 de decembro de 2021».

O segundo parágrafo da disposición adicional segunda do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, «Límites temporais á concesión de subvencións», tras a modificación establecida polo Real decreto 1084/2020, do 9 de decembro, establece que «Con posterioridade ao 31 de decembro de 2022 as comunidades autónomas e cidades de Ceuta e Melilla non poderán conceder ningunha axuda das recollidas neste real decreto, agás que se recoñezan con cargo aos fondos transferidos polo ministerio no exercicio 2021 ou anteriores e se refiran aos programas de fomento do parque de vivenda en alugamento, fomento da rexeneración e renovación urbana e rural e fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade. En todo caso, o recoñecemento das axudas non poderá realizarse máis aló do 30 de xuño de 2025».

Esta ampliación do prazo para a concesión de subvencións afecta directamente o Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural para actuacións de rehabilitación e renovación de edificios e vivendas que se realicen no ámbito das áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra.

De conformidade con todo o anterior e de acordo coas atribucións que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Ampliar ata o 30 de xuño de 2025 o prazo para presentar as solicitudes de cualificación provisional e de cualificación definitiva para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito das áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra, no marco do Programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan de vivenda 2018-2021.

Esta resolución, que producirá eficacia a partir do día seguinte ao da publicación no DOG, pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas ou entidades interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo dos dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo