Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 30 de marzo de 2022 Páx. 20541

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 15 de marzo de 2022 pola que se modifica a Orde do 6 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a corporacións locais para programas de emerxencia social e a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, susceptible de ser financiada con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS623C).

O 17 de setembro de 2021 publicouse, no número 180 do Diario Oficial de Galicia, a Orde do 6 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a corporacións locais para programas de emerxencia social e a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, susceptible de ser financiada con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS623C).

Esta orde ten como obxecto establecer e regular a concesión de subvencións ás corporacións locais, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas ao desenvolvemento de programas polos servizos sociais de titularidade municipal durante os exercicios 2021, 2022 e 2023, que teñan por finalidade a inclusión sociolaboral de colectivos de elevada vulnerabilidade á exclusión social e laboral, e axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A convocatoria axústase ao disposto no artigo 125.3.e) do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) no 1081/2006 do Consello, ambos modificados polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018; e a Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

Por outra banda, é de aplicación o Regulamento (UE) 2020/558 do Parlamento e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifica, entre outros, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos Fondos Estruturais e de Inversión Europeos en resposta ao brote de COVID-19; o Regulamento (UE) 2020/460 do Parlamento e do Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifica, entre outros, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, no relativo a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao gromo de COVID-19 (Iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus) e Regulamento (UE) 2020/2221 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de decembro de 2020, polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, no que respecta aos recursos adicionais e ás disposicións de execución co fin de prestar asistencia para favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e para preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía (REACT-UE).

De xeito específico, no Regulamento delegado (UE) 2021/702 da Comisión, do 10 de decembro de 2020, polo que se modifica o Regulamento delegado (UE) 2015/2195, que complementa o Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo, no anexo IX, que recolle a modificación do anexo XIV sobre as condicións para o reembolso dos gastos a todos os Estados membros especificados conforme baremos estándar de custos unitarios, na definición de baremos estándar de custos unitarios para actividades formativas, no inciso 6, considera cursado e aprobado un curso de formación cando exista un documento oficial que así o demostre, de conformidade coas normas e prácticas nacionais. Este xustificante poderá ser un certificado expedido polo provedor da formación ou un documento equivalente que se acepte como tal de acordo coa lexislación ou coas prácticas nacionais. Non se considera que cumpre a condición de ter cursado e aprobado un curso de formación o participante que só completase algún dos módulos do dito curso.

Concretamente, no artigo 21 da dita Orde do 6 de setembro de 2021, no seu número 1, letra i), establécese como obriga das corporacións locais subvencionadas a de controlar a asistencia ás accións formativas e expedir certificados de aproveitamento aos participantes que asistisen, como mínimo, ao 60 % do total das súas horas. Considérase necesario que as ditas corporacións locais faciliten este certificado no momento de presentar a documentación xustificativa da actuación realizada e, deste xeito, permitir o reembolso dos gastos.

Así mesmo, no artigo 23 das bases recóllese a forma de xustificación, en concreto, a documentación que teñen que presentar as corporacións locais para xustificar a subvención concedida. De xeito específico, no número 1 do dito artigo, referido á documentación necesaria para xustificar os programas dirixidos á inclusión social da poboación xitana, inmigrante e persoas en situación ou risco de exclusión social previstos no artigo 4.1, na súa letra b) recolle a documentación para xustificar as accións finalizadas.

Segundo o exposto e para os efectos de garantir as exixencias da normativa comunitaria, faise preciso que para a xustificación das accións finalizadas, tal e como figura no sinalado artigo 21 das bases, as corporacións locais beneficiarias reforcen a dita xustificación coa presentación dun certificado de finalización da actividade formativa. Isto supón a modificación do artigo 23 que recolle a dita documentación do cumprimento da obriga das corporacións locais na fase de xustificación das accións finalizadas, así como a referencia no correspondente cadro do anexo VII.

A presente modificación non altera o réxime recollido nas bases da convocatoria, polo que non determina a necesidade da ampliación do prazo de presentación de solicitudes.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e polo Decreto 216/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 6 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a corporacións locais para programas de emerxencia social e a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, susceptible de ser financiada con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS623C)

Un. Engádese un punto 9 no ordinal 2º da letra b) do numero 1 do artigo 23, como se indica:

«2º.9. Certificado de finalización da acción formativa».

Dous. Engádese unha epígrafe no cadro da documentación especifica para accións promotoras do acceso e permanencia no mercado laboral no marco do servizo de formación adaptada, e prestacións do servizo de promoción da participación social do anexo VII, como se indica:

«Certificado da persoa responsable da entidade de finalización da acción formativa».

Disposición adicional única. Non apertura de prazo de presentación de solicitudes

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

O anexo VII, na súa nova redacción, estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social