Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 30 de marzo de 2022 Páx. 20463

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se aproba a corrección dun erro material detectado na actualización do Plan básico autonómico de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 26 de xullo de 2018, de conformidade co disposto nos artigos 50.8 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 102.8 do Regulamento da dita lei, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro, acordou aprobar definitivamente o Plan básico autonómico de Galicia, integrado polos seguintes documentos:

a) Memoria xustificativa dos seus fins, obxectivos e determinacións.

b) Planos de delimitación dos ámbitos de aplicación dos instrumentos de ordenación do territorio.

c) Planos de delimitación das afeccións sectoriais.

d) Plano de identificación dos asentamentos de poboación.

e) Ordenanzas tipo de edificación e uso do solo.

f) Catálogo.

2. O Decreto 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico de Galicia, foi publicado no DOG núm. 162, do 27.8.2018, así como nos catro boletíns oficiais provinciais o 28.9.2018 (BOP da Coruña, núm. 186; BOP de Lugo, núm. 224; BOP de Ourense, núm. 224, e BOP de Pontevedra, núm. 188).

3. A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, mediante a Resolución do 21 de decembro de 2021, aprobou a segunda actualización do Plan básico autonómico de Galicia co contido sinalado no punto III e no anexo da devandita resolución, que foi publicada no DOG núm.19, do 28.1.2022.

II. Obxecto da rectificación.

1. Detectouse un erro na capa de información xeográfica dos asentamentos de poboación contida na segunda actualización do Plan básico autonómico, consistente na incorrecta integración na documentación aprobada de novos asentamentos derivados dunha ampliación da base de datos de entidades de poboación do Instituto de Estudos do Territorio (IET), en que se recollen novas entidades propostas, ben que algunhas delas aínda se atopan pendentes de aprobar para actualizar o Nomenclátor de Galicia do ano 2003.

2. Por todo isto e á espera desta validación definitiva, cómpre abordar unha rectificación de erro material na información dos asentamentos da segunda actualización do Plan básico autonómico, para incorporar os do Nomenclátor de Galicia do ano 2003, complementada no que procede coas entidades do Nomenclátor estatístico (IGE) e os núcleos derivados dos instrumentos de planeamento.

3. Este erro afecta a memoria de actualización, os anexos VII e VIII e a serie planimétrica a escala 1:10.000.

III. Contido da corrección.

Logo de efectuadas as rectificacións pertinentes, resulta a seguinte documentación e información corrixida, que substitúe á súa homóloga aprobada mediante a Resolución do 21 de decembro de 2021:

• Memoria Xustificativa_CE01.

• Anexo VII_CE01.

• Anexo VIII_CE01.

• Serie de planos a escala 1:10.000 e á súa información vectorial asociada.

O contido íntegro da documentación e da información corrixida está dispoñible nos seguintes enderezos electrónicos:

http://mapas.xunta.gal/visores/descargas-pba/

http://mapas.xunta.gal/visores/pba/

https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Territorio_e_urbanismo_Planeamento_urbanistico?content=SX_Ordenacion_Territorio_Urbanismo/Estado/seccion.html&std=plan_basico_autonomico.HTML

IV. Fundamentos de dereito.

1. De conformidade co disposto no artigo 90.4 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, no artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico de Galicia, e no artigo 13 do Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en relación co Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, a competencia para a actualización do Plan básico autonómico correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo; en consecuencia, correspóndelle a corrección dos erros detectados nos actos administrativos ditados ao abeiro da devandita competencia.

2. O artigo 109 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no seu punto segundo, establece:

«As administracións públicas poderán rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes nos seus actos».

A doutrina e a xurisprudencia conclúen que a rectificación baseada neste artigo procede unicamente nos casos en que o acto administrativo revele unha equivocación evidente por si mesma e manifesta no contido do acto e que se aprecie tendo en conta, exclusivamente, os datos e documentos do expediente administrativo, aspecto este que concorre no presente suposto.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a rectificación do erro detectado na información dos asentamentos incorporados na segunda actualización do Plan básico autonómico de Galicia aprobada mediante a Resolución da directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 21 de decembro de 2021, nos termos sinalados no punto III desta resolución.

Segundo. Publicar a presente resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico de Galicia.

Terceiro. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e cos artigos 212.1 e 213 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a rectificación do erro detectado na segunda actualización do Plan básico autonómico de Galicia no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

Cuarto. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2022

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo