Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 31 de marzo de 2022 Páx. 20856

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 29 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Emprego e Igualdade, pola que se dá publicidade do convenio de colaboración asinado coa Universidade da Coruña para a realización dun proxecto de xeración de coñecemento sobre as necesidades de formación no mercado laboral, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

O Consello Europeo aprobou o pasado 21 de xullo de 2020 o instrumento financeiro NextGenerationEU, que inclúe como elemento central un mecanismo para a recuperación e a resiliencia; e, con data do 27 de abril de 2021, por acordo do Consello de Ministros, aprobouse o proxecto do Plan de recuperación, transformación e resiliencia para España.

No marco dese Plan de recuperación, transformación e resiliencia, a Consellería de Emprego e Igualdade articulou, entre outros instrumentos xurídicos, programas mediante convenios de colaboración con financiamento da Unión Europea-NextGenerationEU, o que determina a necesidade da súa publicación.

En consecuencia, a través desta resolución, dáse publicidade ao convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Emprego e Igualdade e a Universidade da Coruña para a realización dun proxecto de xeración de coñecemento sobre as necesidades de formación no mercado laboral, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, coas seguintes características:

– Obxecto do convenio: establecer as condicións polas que se rexerá a colaboración entre a Consellería de Emprego e Igualdade e a Universidade de Santiago de Compostela, para a realización do proxecto de investigación e xeración de coñecemento sobre as necesidades de formación no mercado laboral e de elaboración dos contidos formativos/programas formativos/plans de formación para actualizar e adecuar a oferta de formación para o emprego, e co obxectivo conxunto de mellorar as competencias profesionais da poboación activa.

– Prazo de vixencia: desde a súa sinatura ata o 31 de decembro de 2022.

– Importe: a Consellería de Emprego e Igualdade achegará a cantidade total de 57.776 euros con cargo á aplicación orzamentaria 11.05.323A.227.06 (código de proxecto 2022 00093) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento do obxecto do convenio e no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

– Data da sinatura: 29 de marzo de 2022.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2022

José Ramón Pardo Cabarcos
Secretario xeral técnico da Consellería de Emprego e Igualdade