Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 31 de marzo de 2022 Páx. 20858

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

DECRETO 38/2022, do 24 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente á categoría de persoal estatutario facultativo/a especialista de atención primaria para o ano 2022.

O artigo 35 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, tendo en conta as dificultades excepcionais relacionadas coa escaseza de profesionais médicos de familia, incorpora medidas extraordinarias en materia de planificación e ordenación de recursos humanos para o fortalecemento da atención primaria, entre elas, a creación da nova categoría estatutaria de facultativo/a especialista de atención primaria, caracterizada fundamentalmente por unha maior xornada e unha prestación de servizos mixta nos centros de saúde e nos puntos de atención continuada.

En atención ao carácter extraordinario da situación, o número 3 dese artigo 35 dispón que neste ano 2022 se tramite un proceso selectivo, polo sistema de concurso, para acceder á condición de persoal fixo da nova categoría.

Particularmente, e para os efectos de que poida participar o persoal médico residente (MIR) que está actualmente no seu último ano de formación na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria, e que obtería o título de especialista no próximo mes de maio, a norma prevé que o dito concurso se convoque no segundo trimestre do ano.

Por tal motivo, considérase preciso aprobar xa de modo inmediato a oferta de emprego público para esta nova categoría, cun total de 106 prazas, e impulsar unha tramitación áxil da correspondente convocatoria do proceso selectivo, máxime nas circunstancias sanitarias actuais, que fan necesario impulsar con urxencia calquera medida que permita incrementar os recursos de persoal médico de atención primaria.

En consecuencia, na procura desa imprescindible axilidade, pero considerando ao mesmo tempo que o concurso está dirixido nomeadamente ao persoal médico que obterá no mes de maio o seu título de especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, este decreto prevé que, máis aló do prazo que se estableza para solicitar a participación no concurso, o requisito de titulación deberá posuírse antes da resolución pola que se aprobe a lista definitiva de admitidos/as e excluídos/as. E, polo mesmo motivo de dotar da máxima axilidade o proceso, establécese un prazo de dez días hábiles para que, na fase final do concurso, os/as aspirantes seleccionados/as presenten a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos exixidos na convocatoria.

Por outra parte, o carácter extraordinario desta oferta e o seu obxectivo de incorporar con urxencia 106 efectivos de persoal médico fixo da nova categoría deben manifestarse non só na elección do concurso como sistema de selección, senón tamén, e como contrapartida, no momento en que deban producirse as incorporacións aos postos elixidos e adxudicados. Así, con base no que establece o artigo 20.3 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, este decreto impón o máximo rigor na exixencia da incorporación efectiva ao servizo como requisito para adquirir a condición de persoal estatutario fixo, e prevé expresamente que as persoas inicialmente nomeadas, pero non incorporadas ao servizo activo pola súa vontade, non perfeccionen o seu nomeamento e sexan chamadas no seu lugar outras que estean realmente interesadas na ocupación activa e efectiva dos postos ofertados. Unicamente desta forma poderá garantirse que esta oferta extraordinaria de emprego produza o resultado que a xustifica.

Para estes efectos, procede recordar que, tal e como dispoñen o artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, toda oferta de emprego é un instrumento para a provisión de necesidades de persoal –neste caso necesidades urxentes no ámbito da atención primaria– e, ademais, pode conter medidas derivadas da planificación de recursos humanos.

Obviamente, esta oferta urxente de 106 prazas ten un carácter parcial e anticipado respecto á oferta xeral, para 2022, que será aprobada para o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e ten amparo no que establecen, respecto á oferta de emprego público e á taxa de reposición de efectivos, o artigo 12 da Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, e o artigo 20 da Lei 22/2021, do 28 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2022.

Este último artigo autorizou unha taxa de reposición do 120 por cento nos sectores prioritarios, considerando para tales efectos como sector prioritario as administracións públicas con competencias sanitarias respecto das prazas de persoal estatutario e equivalente dos servizos de saúde do Sistema nacional de saúde. En consecuencia, o número total máximo de prazas autorizadas que resulta da aplicación de dita taxa é de 1.400 e nese total ten o seu encaixe a oferta anticipada de 106 prazas obxecto deste decreto.

Con base no que antecede, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade, logo de negociación na mesa sectorial de negociación do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde do día 1 de febreiro de 2022, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de marzo de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación dunha oferta de emprego público para a categoría de persoal estatutario facultativo/a especialista de atención primaria

Apróbase, como oferta parcial e anticipada á correspondente ao persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para o ano 2022, unha oferta de emprego público para a categoría de persoal estatutario facultativo/a especialista de atención primaria.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público

O número de prazas que integran esta oferta de emprego público é de 106.

Artigo 3. Sistema de selección e convocatoria

1. De conformidade co que establece o artigo 35.3 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, o sistema de selección será o concurso.

2. Tras a entrada en vigor deste decreto aprobarase e publicarase a convocatoria do concurso para acceder ás 106 prazas.

Con independencia do prazo que se estableza para solicitar a participación no concurso, a titulación de acceso deberá posuírse, ou estar en condicións de obtela, antes da resolución pola que se aprobe a lista definitiva de aspirantes admitidos/as e excluídos/as.

3. Coa mesma finalidade de dotar da máxima axilidade o proceso, a resolución pola que se faga pública a relación dos/das aspirantes seleccionados/as habilitará un prazo de dez días hábiles para presentar a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos exixidos na convocatoria.

4. Finalizado o concurso, a non incorporación ao servizo activo no destino adxudicado e no prazo establecido, sen causa xustificada, sobrevida á solicitude de participación no concurso, ou de forza maior, impedirá a perfección do nomeamento e a adquisición da condición de persoal estatutario fixo do/da aspirante, e quedarán sen efecto todas as súas actuacións no proceso.

Neste suposto, o órgano convocante chamará novos/as aspirantes, no número que corresponda e pola orde de prelación da lista definitiva, para os efectos de que, tras presentaren a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos exixidos na convocatoria, e optaren entre os destinos non ocupados, poidan ser seleccionados/as e nomeados/as persoal estatutario fixo da categoría.

Artigo 4. Órgano de selección

1. A composición do órgano de selección será paritaria, de acordo co disposto no artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

2. De conformidade co establecido no artigo 60 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, a pertenza ao órgano de selección será sempre a título individual e non se poderá ter esta en representación ou por conta de ninguén.

3. O persoal de elección ou designación política, as/os funcionarias/os interinas/os e o persoal eventual non poderán formar parte do órgano de selección.

4. O órgano de selección aplicará os principios de austeridade e axilidade na ordenación do desenvolvemento do proceso selectivo, sen prexuízo do cumprimento dos demais principios de actuación establecidos pola normativa de selección e as instrucións xerais ditadas polo órgano competente sobre funcionamento e actuación dos tribunais dos procesos de selección.

Artigo 5. Promoción interna

1. En atención ás características e á configuración legal da nova categoría de persoal estatutario facultativo/a especialista de atención primaria, cun primeiro proceso selectivo dirixido a que poida participar nomeadamente o persoal médico residente (MIR) que está actualmente no seu último ano de formación na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria, e logo da aprobación no ámbito da Mesa Sectorial de Negociación, resérvanse 27 prazas para a súa provisión polo sistema de promoción interna.

2. As prazas que non se provexan por ese sistema acumularanse ás convocadas polo sistema xeral de acceso libre.

Artigo 6. Persoas con discapacidade

1. No proceso selectivo serán admitidas as persoas con discapacidade nos termos previstos neste artigo e demais normativa aplicable.

A convocatoria non establecerá exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. De conformidade co establecido no artigo 59 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e dado que esta oferta de emprego é parcial e anticipada á correspondente ao persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para o ano 2022, resérvanse 6 prazas para seren cubertas entre persoas con discapacidade xeral, sempre que acrediten a súa discapacidade e a compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.

3. A opción a prazas reservadas a discapacidade terá que formularse na solicitude de participación no concurso, con declaración expresa das persoas interesadas de reunir a condición exixida ao respecto, a cal se acreditará mediante certificación dos órganos competentes na forma e prazos que se determinen na convocatoria.

4. Unha vez superado o proceso selectivo, o Servizo Galego de Saúde requirirá, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, ditame do órgano competente sobre a compatibilidade da/do candidata/o para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste.

5. No suposto de que algunha das persoas aspirantes con discapacidade que se presentase pola cota de reserva supere o proceso selectivo e non obteña praza na citada cota, sendo a súa puntuación superior á obtida por outras/os aspirantes do sistema de acceso xeral, esta será incluída pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.

6. As persoas aspirantes que superen o concurso pola cota de prazas reservadas a persoas con discapacidade poderán solicitar ao órgano convocante a alteración da orde de prelación para a elección das prazas dentro do ámbito territorial que se determine na convocatoria, por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, que deberán ser debidamente acreditados. O órgano convocante decidirá a devandita alteración cando estea debidamente xustificada, e deberá limitarse a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa con discapacidade.

Artigo 7. Coñecemento da lingua galega

Para lle dar cumprimento á normalización do idioma galego e garantir o dereito das/dos usuarias/os dos distintos servizos sanitarios do Servizo Galego de Saúde ao seu uso, así como a promoción do uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia, no concurso valorarase o coñecemento da lingua galega, nos termos que se establezan nas bases da convocatoria.

Artigo 8. Criterios xerais de xestión e publicidade do concurso

1. A xestión das actuacións para o desenvolvemento do concurso realizarase conforme o que determinen as bases da convocatoria.

2. Co obxecto de axilizar a súa tramitación e reducir as cargas administrativas, a xestión do concurso efectuarase a través da Oficina virtual do profesional (Fides), punto de encontro telemático entre o Servizo Galego de Saúde e as/os profesionais e persoas aspirantes que participen nos procesos de selección e provisión de prazas convocados por este organismo.

De conformidade co artigo 10 da Orde do 8 de maio de 2012 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico dos profesionais do sistema público de saúde de Galicia, a inscrición das persoas aspirantes efectuarase por medio do sistema informático expedient-e, a través da web corporativa do servizo Galego de Saúde, www.sergas.es

3. Co fin de facilitar e simplificar as relacións entre a Administración e as persoas aspirantes, a través da Oficina virtual do profesional (Fides/expedient-e) e da páxina web do organismo (www.sergas.es) facilitarase toda a información que afecte o desenvolvemento do concurso e que resulte de interese para as persoas aspirantes, sen prexuízo da preceptiva publicación no Diario Oficial de Galicia das resolucións que se determinen na convocatoria.

Artigo 9. Igualdade en relación coas condicións de emprego da Administración pública

A convocatoria adaptarase ás previsións do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, en relación coas condicións de emprego da Administración pública e demais normativa de aplicación en materia de igualdade.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase a persoa titular da Consellería de Sanidade para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Pontevedra, vinte e catro de marzo de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Relación prazas ofertadas correspondente á categoría de persoal estatutario facultativo/a especialista de atención primaria para o ano 2022

Licenciado/a sanitario/a

Total prazas ofertadas

Reserva discapacidade xeral

Reserva discapacidade intelectual

Facultativo/a especialista de atención primaria

106

6

Total prazas

106

6

0