Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 31 de marzo de 2022 Páx. 20866

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2022 pola que se convoca o curso monográfico Itinerario de excelencia na demanda de innovación.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo) e os obxectivos do Instituto de Economía Pública de Galicia recollidos no Protocolo entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e a Escola Galega de Administración Pública polo que se establecen os principios reitores e de funcionamento do dito instituto,

RESOLVO:

Convocar, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (Gain), o curso monográfico Itinerario de excelencia na demanda de innovación, de acordo coas bases que se indican a continuación:

Primeira. Obxectivos

A contratación é un factor esencial na racionalización do gasto público e un elemento vertebrador da simplificación administrativa. Neste ámbito, a compra pública innovadora (CPI) constitúe un instrumento de fomento da innovación orientada a potenciar o desenvolvemento de novos mercados innovadores desde o lado da demanda. En tal sentido, a adquisición de bens, obras e servizos innovadores desempeña un papel clave na mellora da eficiencia, na calidade e na modernización dos servizos públicos e, ao mesmo tempo, pola relación que implica co sector privado, é un estímulo salientable para a innovación empresarial.

Desde estas premisas, pódense destacar como principais obxectivos do curso os seguintes:

• A formación e o perfeccionamento do persoal empregado público para poñer en práctica unha contratación pública que promova a innovación.

• A remoción dos obstáculos que impiden promover a innovación desde a demanda, capacitando o persoal público para preparar as licitacións de maneira que se incentive a presentación de ofertas que incorporen solucións innovadoras.

• O traballo con casos prácticos reais, para permitir unha formación experiencial.

Segunda. Contidos

Os contidos deste curso están estruturados nos seguintes módulos:

Modulo 1: Inmersión na compra pública innovadora (CPI) e a innovación pública aberta.

• Proceso de innovación no sector público: bottom-up e top-down.

• Elementos clave e factores críticos do proceso de xestión da innovación.

• A visión da cidadanía dentro do proceso de xestión da innovación.

• Boas prácticas e casos de éxito.

• Ferramentas de innovación pública aberta.

Módulo 2: Entendemento do proceso de compra pública innovadora.

• As políticas de innovación e a compra pública innovadora (CPI).

• Fases do proceso de compra pública innovadora (CPI): planificación, xestión e avaliación.

• Elementos facilitadores e inhibidores que impactan no deseño dun sistema de compra pública innovadora (CPI).

• Beneficios para os compradores, as entidades provedoras e a sociedade.

• Boas prácticas e casos de éxito.

Módulo 3: Identificación de retos na compra pública innovadora.

• Proceso de identificación de necesidades e aplicación de criterios de priorización de retos para procesos de compra pública innovadora (CPI).

• Afondamento e análise do problema do reto identificado e priorizado. Metodoloxías de análises de problemas.

Módulo 4: Creando proxectos de compra pública innovadora (CPI).

• Aspectos clave para a elaboración de fichas de proxecto que se presentarán para obter financiamento do programa Fomento da innovación desde a demanda (FID) do Ministerio de Ciencia e Innovación (MCIN).

• Instrumentos de financiamento nacionais e internacionais da compra pública innovadora (CPI).

Módulo 5: Xestionando proxectos de compra pública innovadora (CPI).

• Cambios que se producen nos procesos da organización froito da implementación dun proceso de compra pública innovadora (CPI).

• Como organizar a etapa de consultas ao mercado paso a paso.

• Pregos funcionais.

• Ciclo de vida dun produto ou servizo.

Terceira. Número de prazas

Cincuenta (50).

Cuarta. Persoas destinatarias

O curso diríxese ao persoal empregado público en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, que realice funcións relacionadas coa compra pública innovadora, que poida xustificar debidamente que as súas funcións están relacionadas coa materia impartida e que se encadre nalgunha das seguintes categorías:

a) Grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

b) Grupos I e II do persoal laboral.

No caso de non cubrirse a totalidade das prazas convocadas, as vacantes que resulten poderán ser cubertas por persoal empregado público en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración local galega, que realice funcións relacionadas coa compra pública innovadora e que se encadre nalgunha das seguintes categorías:

a) Grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

b) Grupos I e II do persoal laboral.

Quinta. Desenvolvemento

Lugar: EGAP; rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 19, 20, 21, 26 e 27 de abril de 2022.

Horas lectivas: 20.

Horario: de tarde.

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizaren a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos nas bases cuarta e oitava desta convocatoria.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar en «nome do curso»: Curso monográfico Itinerario de excelencia na demanda de innovación.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 6 de abril de 2022.

Poderase obter calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xuntal.gal ou, desde as 8.30 ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa, necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos a cuxa consulta se opoñen que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración, a través do seguinte enderezo electrónico <novas.egap@xunta.gal>

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de admisión

A admisión levarase a cabo de acordo cos criterios indicados na base cuarta desta convocatoria. A orde de admisión virá determinada pola data e a hora de inscrición.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas e reservas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participaren neste curso, así como un número adecuado de reservas, no caso de que o número de solicitudes recibidas for superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das relacións foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na lista de espera ou están excluídas de acordo co disposto no ordinal segundo, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por correo electrónico, dirixido a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de dous días ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia nas actividades:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, estas faltas de asistencia deberanse xustificar documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de dez (10) días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Certificado electrónico de aproveitamento

O alumnado deberá superar o exame correspondente para obter o certificado de aproveitamento.

Superado o exame, expediráselles un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas, previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2022

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública