Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 31 de marzo de 2022 Páx. 20874

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2022 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en diferentes sectores da economía, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento IN422N).

As axudas desta convocatoria teñen como obxectivo o desenvolvemento de enerxías renovables, destacando o uso das enerxías renovables nos sectores industrial, agropecuario, servizos e administracións públicas. Esta convocatoria ten o seu encaixe nos programas de incentivos vencellados á implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en diferentes sectores da economía, aprobados polo Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro, co obxecto de establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, no marco dos obxectivos perseguidos polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia e polo Plan nacional integrado de enerxía e clima (PNIEC) 2021-2030 (publicado no BOE núm. 305, do 22 de decembro).

Dentro dos obxectivos que recolle o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, unha das liñas de acción é a correspondente ao impulso á transición verde, recollida, entre outras, na súa compoñente 7: «despregamento e integración das enerxías renovables». Esta compoñente inclúe, entre outros, o «investimento 1» para o desenvolvemento de enerxías renovables innovadoras, integradas na edificación e nos procesos produtivos. Para conseguir unha activación rápida da mobilización de investimentos que impulsen o desenvolvemento de proxectos de enerxías renovables, establécese o uso de liñas de axudas ao investimento en diferentes sectores que actúen de apoio para o conxunto de reformas e investimentos contidos nesta compoñente, e supoñan un marco habilitador para as diferentes actuacións.

A redución da demanda enerxética dos edificios e infraestruturas públicas permite acadar os obxectivos de mellora da eficiencia enerxética e a utilización das enerxías renovables. Deste xeito, contribúese a cumprir o obxectivo enerxético fixado no PNIEC, na Directiva (UE) 2018/2001, e tamén a poñer en práctica a Estratexia de descarbonización a longo prazo para mobilizar investimentos na implantación de tecnoloxías limpas, baseadas en fontes renovables.

Por iso, o Inega desenvolve este sistema de subvencións co obxectivo de fomentar a utilización de fontes de enerxía renovables térmicas, dado que estas iniciativas están aliñadas con diferentes programas que desenvolve a Xunta de Galicia, xa que se considera fundamental o desenvolvemento de enerxías renovables térmicas nos sectores industrial, agropecuario, servizos e administracións públicas.

O Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro, recolle a concesión directa das axudas previstas nestes programas ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta y Melilla, que deberán destinar o importe das axudas aos suxeitos que se enumeran no artigo 16.2, que son os destinatarios últimos das axudas.

A entidade responsable da execución destes programas de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en diferentes sectores da economía, na Comunidade Autónoma de Galicia, será o Inega.

O Inega constitúese en Axencia por Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición á consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, de creación do Instituto Enerxético de Galicia.

Entre os obxectivos básicos do Inega están o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia.

A teor do disposto no artigo 8 do Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, a axencia ten entre as súas funcións:

a) Elaborar e propoñer á consellería competente en materia de enerxía plans e programas en materia enerxética.

b) Promover e, se for o caso, executar os plans e programas indicados, aprobados pola consellería competente en materia de enerxía.

c) Propoñer a elaboración de disposicións para o establecemento, desenvolvemento e xestión de políticas enerxéticas.

d) Elaborar programas de racionalización do uso de enerxía e promover o aproveitamento dos recursos enerxéticos.

Para financiar esta convocatoria de axudas, o Inega dispón nos seus orzamentos de 6.145.270,60 euros, procedentes do programa de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas, promovido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, actuacións financiables co Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) 2021/241, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021.

De acordo co disposto no artigo 34.2 do Regulamento (UE) 2021/241 e no artigo 12.3.m) do Real decreto 1124/2021, o Inega comprobará que os perceptores de fondos fagan mención da orixe desta financiación e velará por darlle visibilidade, incluído, cando proceda, mediante o emblema da Unión Europea e unha declaración de financiación adecuada que indique «financiado por la Unión Europea-NextGenerationEU», en particular, cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público.

O Programa de incentivos 1 está dirixido a destinatarios últimos que realicen algunha actividade económica pola que ofrezan bens e/ou servizos no mercado, polo que as axudas obxecto deste programa, estarán sometidas aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado, aplicándose a exención por categoría de axudas para a protección do ambiente.

As bases reguladoras aprobadas polo Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro, establecen que a coordinación e seguimento será realizado polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). No exercicio destas funcións o IDAE informa que o programa de incentivos 1, se acolle á categoría de axudas para a protección do ambiente, sección 7, artigo 41.6 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión.

A presente resolución, que aproba a convocatoria para os anos 2022-2023 do procedemento de concesión de axudas ao desenvolvemento de enerxías renovables, ditase conforme o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 3 das bases reguladoras.

En virtude de todo o anterior,

RESOLVO:

Artigo 1. Convocatoria

1. A presente resolución ten por obxecto a aprobación da convocatoria de axudas correspondente as anualidades 2022-2023 para o programa de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en diferentes sectores da economía de acordo coas bases reguladoras previstas no Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro (publicado no BOE núm. 305, do 22 de decembro) código de procedemento IN422N.

2. Pola presente resolución convócanse axudas para as seguintes actuacións:

Programa de incentivos 1: realización de instalacións de enerxías renovables térmicas nos sectores industrial, agropecuario, servizos e outros sectores da economía incluíndo o sector residencial.

3. Dado o carácter incentivador do programa de incentivos 1, só se admitiran os proxectos iniciados con posterioridade á data de presentación da solicitude de axuda, en aplicación do efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

4. As actuacións subvencionadas atenderán ao principio de «non causar dano significativo» a ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/2088.

5. Os requisitos das actuacións subvencionadas serán os establecidos no artigo 18 e no anexo I.AI.1 das bases reguladoras.

Artigo 2. Réxime de concesión e normativa aplicable

1. A concesión destas axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta resolución de convocatoria resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude e ata o esgotamento do crédito, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

2. As axudas obxecto desta convocatoria estarán sometidas ao disposto no Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro, polo que se regulan os programas de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en diferentes sectores da economía e onde se establecen as bases reguladoras destas axudas (en diante, bases reguladoras).

Ademais, será de aplicación a seguinte normativa:

a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006.

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Lei 4/2019, do 17 de xuño, de administración dixital de Galicia.

e) Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia e demais disposicións relativas á execución e xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) e do Mecanismo de recuperación e resiliencia.

En defecto do previsto nesta normativa, aplicaranse as normas de dereito administrativo, así como as normas de dereito privado ou outras de ámbito nacional ou europeo que puidesen resultar aplicables.

3. Estas axudas estarán sometidas aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, aplicándose a exención por categorías de axudas para a protección do ambiente (sección 7, artigo 41).

Artigo 3. Beneficiarios

1. Serán destinatarios últimos das axudas establecidas nas bases reguladoras para o Programa de incentivos 1, os suxeitos que se enumeran nos seguintes puntos, sempre que realicen unha actividade económica pola que ofrezan bens ou servizos no mercado:

a) Persoas físicas que deberán estar dadas de alta no Censo de empresarios, profesionais e retedores da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

b) Persoas xurídicas.

c) Calquera entidade do sector público institucional de calquera administración pública a que se refire o artigo 2.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como as entidades de dereito privado ou organizacións privadas sen ánimo de lucro.

d) Agrupacións, asociacións, consorcios ou calquera outra forma de colaboración de calquera das figuras dos tres puntos anteriores, con ou sen personalidade xurídica.

2. Non serán beneficiarios destas axudas:

a) Aqueles en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As empresas que se atopen en situación de crise, conforme a definición que, a estes efectos, se realiza no Regulamento UE 651/2014, do 17 de xuño de 2014, e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión, 2014/C 249/1, do 31 de xullo de 2014).

c) As empresas que se atopen suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles fose outorgada con anterioridade, ben por terse declarado axuda ilegal e incompatible co mercado interior ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.

3. Non poderán considerarse actuacións subvencionables mediante estas axudas as que se realicen por calquera dos destinatarios últimos previstos neste artigo:

a) No sector dos produtos da pesca e da acuicultura, tal e como se recolle no punto 3 do artigo 1 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

b) En proxectos situados en ningunha das fases de fabricación de combustibles que estean suxeitos a un sistema nacional de obrigas no ámbito do transporte.

Artigo 4. Financiamento e contía máxima das axudas que se van outorgar coa convocatoria

1. As subvencións previstas nesta convocatoria con cargo aos orzamentos do Inega e coa repartición plurianual recollida na seguinte táboa financiaranse con fondos europeos procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 6.145.270,60 euros coa seguinte distribución orzamentaria por anualidades:

Anualidade 2022

Anualidade 2023

Anualidade 2024

Anualidade 2025

Total (€)

290.436,39

2.864.483,87

2.840.832,83

149.517,51

6.145.270,60

O orzamento por partida e anualidade redistribuírase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 06.A3.733A.714.2, 06.A3.733A.760.5, 06.A3.733A.760.9, 06.A3.733A.770.5, 06.A3.733A.770.6, 06.A3.733A.781.1, 06.A3.733A.781.6.

2. O crédito máximo segundo a tecnoloxía renovable será o seguinte:

Tecnoloxía renovable térmica

Orzamento (€)

Biomasa

2.300.000

Xeotermia e hidrotermia

1.500.000

Aerotermia

2.300.000

Solar térmica

45.270,60

Total

6.145.270,60

Os orzamentos por tecnoloxía renovable poderán ser redistribuídos pasados tres meses desde a apertura do prazo de solicitudes para adaptarse á evolución da axuda solicitada en cada unha das epígrafes.

3. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación das solicitudes que resulte da aplicación dos criterios fixados nas bases que rexen a convocatoria. De producirse a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal).

4. A concesión das axudas estará supeditada ao efectivo financiamento por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico no marco dos programas de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en diferentes sectores da economía.

5. Os custos subvencionables máximos, custos de referencia e contía das axudas para cada unha das actuacións veñen establecidos no anexo III do Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro.

6. As axudas que van percibir os destinatarios últimos das axudas do Programa de incentivos 1 están suxeitas aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) 651/2014 da comisión, do 17 de xuño, aplicándose á categoría de axudas para a protección do medio (sección 7).

En ningún caso as axudas concedidas a unha mesma empresa e proxecto poderán superar os 15 millóns de euros.

7. Os custos elixibles relaciónanse no anexo I AI.2 do devandito Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes subscribiranas directamente os interesados ou persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito. Unha vez presentada unha solicitude, non se poderá modificar o proxecto ata que recaía resolución de concesión.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 20 de abril de 2022 e rematará o 31 de decembro de 2023, ao ser inhábil, prorrógase ata o 2 de xaneiro de 2024.

3. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de conformidade ao establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes, será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Os autónomos presentarán as súas solicitudes por medios electrónicos, para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, como así o establece o artigo 10.1 letra a) da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

A aplicación solicitará a inclusión da documentación necesaria, e xerará a solicitude do beneficiario por duplicado.

4. A solicitude (anexo I) imprímese obrigatoriamente desde a aplicación informática.

O solicitante presentará telemáticamente desde a aplicación a solicitude de axuda unha vez asinada, mediante o formulario normalizado accesible desde a citada aplicación informática e que se xunta como anexo I.

5. Para poder presentar unha solicitude, debe ter o seguinte contido mínimo:

a) Solicitude de axuda-Anexo I.

b) Autorización para a representación-Anexo II, salvo persoas físicas ou xurídicas que presenten directamente co seu certificado dixital.

c) Presentación da oferta do proxecto que se pretende levar a cabo. Achegaranse tres ofertas de distintos provedores cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €.

No caso de destinatarios últimos suxeitos a normativa de contratación pública, esta documentación poderá substituírse polo borrador dos pregos de licitación correspondentes.

6. Os fondos solicitados e os validados poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles, polo tanto, a axuda máxima que se concederá ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera; no momento da presentación, a aplicación informática informará da posición que ocupa a solicitude na listaxe de espera.

As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignadas aos expedientes que se atopen en listaxe de espera segundo a orde de prelación que lle corresponda.

7. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Autorización para a representación-Anexo II, en caso de ser necesario.

b) Declaración de compromiso, de cesión e tratamento de datos e de ausencia de conflito de interese, en relación coa execución e actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia derivado da Orde HFP 1030/2021, do 29 de setembro-anexo VI.

c) Oferta do provedor da actuación que se pretende levar a cabo.

Unha oferta dun provedor cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona sexa inferior ou igual a 15.000 € e, tres ofertas de distintos provedores, cando o investimento sen IVE da actuación supoña un gasto para o beneficiario superior a 15.000 € (salvo no caso de entidades xurídicas públicas).

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

Non será necesario presentar as 3 ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, debendo o beneficiario neste suposto prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo, e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.

No caso de destinatarios últimos suxeitos a normativa de contratación pública, esta documentación poderá substituírse polo borrador dos pregos de licitación correspondentes.

d) As entidades xurídicas públicas, ademais da documentación sinalada no punto anterior, deberán achegar:

1º. Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

2º. Declaración responsable onde se acredite a súa adscrición, especificando se se refire á Administración xeral do Estado, á Comunidade Autónoma de Galicia ou a unha entidade local e onde declare se desenvolve ou non actividade comercial ou mercantil.

3º. Certificado do acordo adoptado polo órgano competente polo que se aproba solicitar a axuda regulada nestas bases, se procede.

4º. No caso da Administración local, certificación de que a entidade solicitante remitiu as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigado ao Consello de Contas. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

e) As empresas, xunto coa solicitude presentarán a documentación prevista no apartado a) deste artigo e solo cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, deberán achegar:

1º. Documentación acreditativa da constitución da empresa.

2º. Documentación acreditativa da representación correspondente.

Non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública.

f) As empresas deben achegar documento oficial en que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa, estea esta ou non inscrita no rexistro mercantil, tal como: declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas. Tamén se aceptarán os documentos en que aparezan as actividades recollidas no IAE que se correspondan coas seccións do CNAE 2009. No caso de que o solicitante non sexa unha empresa, xustificación do cumprimento da condición de beneficiario.

g) As empresas deben achegar documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das empresas de servizos enerxéticos, o que debe estar situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros de consumo.

h) Cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía, deberá achegar, ademais:

1º. Contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o que se solicita a axuda.

2º. Constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

i) As comunidades de enerxías renovables e as comunidades cidadáns de enerxía, xunto coa solicitude presentarán a documentación prevista na letra a) deste artigo e, ademais, deberán achegar:

1º. Documento que acredite a representación con que se actúa.

2º. Documento que acredite a súa constitución.

j) Cando se trate dunha agrupación de persoas físicas, privadas, sen personalidade xurídica, xunto coa solicitude presentarán a documentación prevista na letra a) deste artigo e, ademais, deberán achegar:

1º. Documento que acredite a representación con que se actúa.

2º. Documento que acredite a súa constitución.

k) Achegarase unha memoria técnica descritiva da actuación a acometer segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal) para cada tipoloxía de proxecto. Esta memoria técnica incluirá a información relacionada no anexo II AII.1. das bases reguladoras, incluíndo:

1) Declaración responsable do cumprimento do principio de non causar dano significativo a ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello do 18 de xuño de 2020 (principio do not significant harm-DNSH), para as actuacións que non superen os 100 kW de potencia-anexo VII que se xunta a título informativo.

2) Proxecto ou memoria técnica, no caso de que non se requira proxecto, onde se describan adecuadamente as actuacións que se van realizar e a situación de partida, subscrita por técnico competente ou instalador, de ser o caso. No proxecto ou memoria técnica, ademais, recolleranse para as actuacións de biomasa:

i. Memoria asinada por un técnico competente independente que xustifique que para o dito combustible a redución de GEI e igual ou superior ao 80 %, no caso de que algún dos combustibles que se van empregar non aparezan no anexo VI da Directiva (UE) 2018/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018.

ii. Acreditación por parte do fabricante do equipo do cumprimento dos requisitos de eficiencia enerxética estacional e emisións para o combustible que se vaia utilizar, que non poderán ser menos exixentes que os definidos no Regulamento de Ecodiseño en vigor (segundo corresponda, Regulamento (UE) 2015/1185 da Comisión ou Regulamento (UE) 2015/1189 da Comisión), no caso de aparellos de calefacción local ou caldeiras de menos de 1 MW para usos non industriais.

3) Para instalacións de máis de 100 kW achegarase:

a) Plan estratéxico (orixe e lugar de fabricación dos compoñentes).

b) Xustificación do principio de non causar dano significativo (DNSH).

c) Acreditación do cumprimento de valorización do 70 % dos residuos de construción e demolición xerados pola obra civil.

l) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (10 MB) ou teña un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

5. Os interesados poderán consultar na aplicación informática e na Carpeta cidadá-a miña sede, accesibles desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificado de alta no imposto de actividades económicas.

b) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

c) Certificación de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) DNI/NIE da persoa solicitante.

f) NIF da entidade solicitante.

g) Consulta dos administradores da sociedade.

h) NIF da entidade representante.

i) DNI/NIE da persoa representante.

j) Certificado de alta no Censo de empresarios, profesionais e retedores da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

k) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

l) Concesión de subvencións e axudas.

m) Concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Tramites administrativos posteriores á presentación de solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electrónicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 9. Órganos competentes

A xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións e corresponde á persoa titular da Dirección do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven de dito procedemento.

Artigo 10. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda con reserva de fondos será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada. De ser o caso, tamén poderán ser avaliadas as solicitudes de axudas que figuren nos postos de máis prelación da listaxe de espera, sen que tal avaliación supoña garantía de que os expedientes se cheguen a subvencionar ata que, eventualmente, recaia resolución expresa de concesión de axuda.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos; coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda e da verificación do DNI/NIE.

2. Poderá requirirse o interesado para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

3. Tras o informe dos servizos técnico e xurídico, as solicitudes que presenten elementos de controversia serán avaliadas por un comité de avaliación formado pola persoa titular do Departamento de Enerxía, a persoa titular da Área de Renovables e un técnico do Inega. O comité de avaliación elaborará unha proposta en que figuren os criterios consensuados durante a tramitación dos expedientes e, de xeito individualizado, os primeiros solicitantes propostos para obter subvención, así como o importe da subvención para cada un deles.

Artigo 11. Resolución

1. Unha vez avaliada a solicitude, a proposta de resolución elevarase á directora do Inega. O procedemento de concesión resolverase no prazo máximo de 5 meses desde a data de presentación da solicitude e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o contido da resolución.

2. A resolución de concesión comprenderá a identificación do beneficiario, o investimento e o custo elixible do proxecto e a contía da subvención.

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de entrada da solicitude.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de cinco (5) meses, contados desde a data de presentación da solicitude ou, de ser o caso, da súa emenda.

Se transcorrese o prazo sen que recaia resolución expresa os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

1. Son obrigas dos beneficiarios as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en particular, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

b) Xustificar ante o Inega que cumpre cos requisitos ou condicións que determinan a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

c) Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda.

d) Presentar ante o Inega, cando proceda, as outras dúas ofertas que necesariamente teñen que acompañar a solicitude de axuda cando a actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto sen IVE para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €.

As ofertas presentadas teñen que ser sempre con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben. As ofertas presentadas para cada gasto non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

e) Realizar o pagamento das facturas antes da data en que deban presentarse ante o Inega. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como se establece no artigo 18.3.a) desta convocatoria.

f) Cando non poida executar o proxecto deberá renunciar á subvención. A renuncia tramitarase mediante a presentación do anexo III que se xunta a título informativo. Este anexo estará dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

g) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda e conservar a documentación xustificativa durante un período de 5 anos a partir do pago do saldo ou, na falta do dito pagamento, da operación.

h) Destinar os bens o fin concreto para o que se concedeu a subvención durante un prazo non inferior a cinco anos.

i) Comunicarlle ao Inega, cando proceda, a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza, e en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) Toda referencia ás actuacións subvencionadas en publicacións, actividades de difusión, páxinas web e en xeral calquera medio de difusión debe cumprir cos requisitos que figuran no Manual de Imaxe do Programa que estará dispoñible na web do IDAE, deberá mencionarse ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e o Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021 e tamén deberán constar o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

l) En relación coa publicidade do financiamento, o beneficiario deberá durante a realización do proxecto, e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego, informar o público do apoio obtido colocando, polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), en que mencionará a axuda financeira nun lugar ben visible para o público. O Inega facilitará modelos aos beneficiarios a través da súa páxina web.

m) Todas as instalacións acollidas ao programa de incentivos, excepto a tipoloxía de biomasa aparellos de calefacción local, deberán contar cun sistema de monitorización da enerxía térmica producida pola instalación obxecto de subvención.

As funcionalidades deste sistema serán as seguintes:

• Este sistema deberá mostrar, como mínimo, a enerxía producida pola instalación renovable en termos diario, mensual e/ou anual.

• Adicionalmente ao anterior, o sistema poderá mostrar datos adicionais como, por exemplo: emisións de CO2 evitadas e aforro económico xerado para o propietario da instalación.

• Deberá existir unha pantalla nun lugar visible que mostre estes datos de forma actualizada para as instalacións de potencia superior a 70 kW ou superiores a 14 kW para a tecnoloxía solar térmica e para as inferiores a ditas potencias, darase acceso aos datos a través dalgún dos equipamentos da instalación renovable.

• Adicionalmente, esta mesma información poderá ser accesible a través de dispositivo móbil ou aplicación Web.

n) Calquera outra obriga establecida no Real decreto 1124/2021, do 21 de xuño.

Artigo 14. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Os motivos que poden dar lugar a modificación da resolución son os seguintes: modificación do titular, modificación no orzamento, modificación no financiamento do expediente, así como calquera outra circunstancia suficientemente motivada.

2. Cando, por circunstancias técnicas, sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o beneficiario debe notificarllo ao órgano competente para a concesión da subvención mediante a presentación do anexo IV, acompañado de toda a documentación presentada coa solicitude que se vexa afectada.

Naqueles expedientes en que é necesario o proxecto técnico de execución, debe achegarse copia do novo orzamento asinado polo técnico redactor deste.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que, de xeito previo, non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no punto 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado pola directora do Inega logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia aos interesados.

Artigo 15. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión sen que o beneficiario comunique expresamente a renuncia á subvención, entenderase que o solicitante acepta a subvención e, desde ese momento, adquirirá a condición de beneficiario.

2. No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá comunicarllo ao Inega mediante a presentación do anexo III por medios electrónicos a través da aplicación informática. A comunicación deste feito farase co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará, de conformidade co procedemento establecido no artigo 12.2 destas convocatoria.

Artigo 16. Prazos de execución e xustificación

O prazo máximo de execución e xustificación das actuacións será de 18 meses contados desde a data de notificación da resolución de concesión.

Este prazo poderase ampliar de conformidade ao previsto no artigo 70 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Artigo 17. Xustificación das actuacións

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarse de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal ) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación das subvencións aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 12 destas bases reguladoras.

Igual requirimento efectuará o Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física), NIF do solicitante (persoa xurídica) e NIF do representante da persoa xurídica.

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente o beneficiario para que, no prazo improrrogable de dez (10) días, hábiles a presente.

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 18. Documentación xustificativa do investimento

1. Os documentos de xustificación deberán presentarse dentro do prazo establecido no artigo 16 desta convocatoria, debendo estar, nese momento, os investimentos plenamente realizados e verificables.

2. Para o cobramento polo solicitante da subvención concedida, o beneficiario deberá presentar toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo V, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

3. Documentación xustificativa que se ten que presentar xunto coa solicitude de pagamento:

a) Para xustificar cada un dos gastos realizados achegaranse as facturas, clasificadas e asinadas polo beneficiario da axuda, en que figurará o importe total que se vai pagar e os documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento da totalidade do equipamento polo solicitante.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos recollidos nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

– Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

– Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, nota promisoria, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pago do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, recibo asinado e selado polo provedor en que se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de nota promisoria, a efectos de data de pago, estimarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se estimará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 16.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

No caso de que as persoas beneficiarias da axuda se acollan á cesión do dereito de cobramento, establecido no punto 1 do artigo 83 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, considerase efectivamente pagado o gasto coa cesión do dereito de cobramento da subvención a favor dos cesionarios.

En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

b) Relación clasificada e asinada polo beneficiario da axuda, dos pedidos e/ou contratos relativos ás actuacións realizadas, no caso de que existan, e copia deles.

c) No caso de existir contratación pública, relación certificada e copia dos contratos subscritos polo solicitante para a realización das actuación obxecto da axuda, así como documentación xustificativa do procedemento de contratación: enderezo web do perfil do contratante, pregos, anuncios de licitación e formalización de contratos, acordos do órgano de contratación. Terase que identificar os contratistas e subcontratistas que resulten adxudicatarios, incluíndo a súa alta no Censo de empresarios, profesionais e retedores da AEAT ou equivalente que reflicta a actividade económica que desenvolven, así como a declaración destes de cesión e tratamento dos datos en relación coa execución de actuacións do PRTR.

d) Informe xustificativo da adecuada realización das actuacións subscrito, datado e emitido polo técnico titulado competente autor do proxecto definitivo ou, na súa falta, o director da obra ou, de ser o caso, a empresa instaladora autora de memoria técnica final da instalación executada.

Deberá incluír descrición do sistema de monitoraxe incorporado segundo o indicado no anexo I punto AI.A1 das bases reguladoras.

e) Certificado final de obra subscrito polo director de obra e director de execución da obra, no caso de que sexa preceptivo.

f) Certificado da instalación térmica, subscrito polo instalador habilitado e o director da instalación, cando a participación deste último sexa preceptiva, rexistrado polo órgano competente da comunidade autónomo de acordo co RITE.

g) Copia do proxecto ou memoria técnica do deseño (segundo proceda para a tipoloxía da actuación) que se achegara ao órgano competente da comunidade autónoma para a obtención da autorización de explotación ou acta de posta en servizo e/ou Certificado da instalación térmica no caso de que sexa necesario. Naquelas instalacións que requiran a súa inscrición no rexistro da consellería competente en materia de industria, o beneficiario deberá achegar o xustificante de solicitude de inscrición da instalación nese rexistro. Neste xustificante deberán de figurar as características técnicas e o correspondente código de acceso ao referido rexistro, para ter a posibilidade de verificación no caso de que sexa necesario.

h) Reportaxe fotográfica das actuacións realizadas, que inclúa fotografías da situación do edificio despois das actuacións, e de ser o caso, dos equipamentos e instalacións principais finais obxecto da axuda, e onde se amose o cartel publicitario ou sinalización da actuación e o sistema de visualización de enerxía.

i) Información e enlace ao sitio da internet do beneficiario das axudas, no caso de que dispoña dun, onde informará ao público do posible apoio obtido dos Fondos Next Generation ou Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e/ou, de ser o caso, do instrumento da Unión Europea que corresponda, facendo unha breve descrición da operación, de maneira proporcionada ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión Europea.

j) Documentación xustificativa da existencia dunha contabilidade separada ou diferenciada para todas as transaccións relacionadas (ingresos e pagamentos, incluído, de ser o caso, o ingreso de axudas, pagamentos a provedores e outros).

k) Declaración de compromiso, de cesión e tratamento de datos e de ausencia de conflito de interese, en relación coa execución e actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia derivada da Orde HFP 1030/2021, do 29 de setembro-anexo VI».

l) Para o equipamento finalmente instalado de biomasa, unha acreditación por parte do fabricante do equipamento de cumprimento dos requisitos de eficiencia enerxética estacional e emisións para o combustible que se vai empregar, que non poderán ser menos exixentes que os definidos no Regulamento de Ecodeseño en vigor, aínda que estean fóra da súa aplicación, no caso de solicitudes de tipoloxía de biomasa de potencia menor de 1 MW para usos non industriais, no caso de que os equipamentos finalmente instalados non sexan os mesmos que se fixeron constar na solicitude, ou non se fixeron constar por tratarse dunha entidade pública suxeita a obriga de realizar unha licitación para a execución dos proxectos, deberá achegarse.

m) Certificación da entidade de control segundo os formatos e procedementos establecidos pola autoridade competente da Comunidade Autónoma, no caso das instalacións de biomasa de potencia superior a 1 MW e menor de 50 MW para a acreditación dos valores límite de emisión establecidos no cadro I parte II do anexo II e do anexo III do Real decreto 1042/2017.

n) Para as actuacións que superen os 100 kW de potencia nominal, documentación actualizada que reflicte ou confirme, para a actuación finalmente levada a cabo, o solicitado no punto AII.1.e) das bases reguladoras en relación ca orixe dos compoñentes e as súas características, o impacto do proxecto e o principio de non causar dano significativo.

ñ) No caso de bomba de calor (aerotermia, hidrotermia, xeotermia) para os efectos de verificar o previsto no punto AI.1 das bases reguladoras, acreditarase o valor do SPF mediante as especificacións técnicas do fabricante do equipamento (para incluír como anexo no informe que determina o presente punto) ou, na súa falta, incluirase o dito valor no informe especificado neste punto.

o) No caso de microrredes de distrito de calor e/ou frío, informe asinado por un técnico competente ou a empresa instaladora, que xustifique a previsión de que o consumo anual de enerxía por parte dos consumidores asociados á instalación sexa igual ou maior ao 80 % da enerxía anual xerada pola instalación obxecto de axuda.

p) Obrigatoriamente para os proxectos cun custo elixible superior a 1.000.000 € e opcionalmente para o resto, entregarase conta xustificativa con achega do informe de auditor, segundo o previsto no artigo 74 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Artigo 19. Incumprimento de condicións

1. O incumprimento de calquera das condicións impostas con motivo da concesión destas axudas, das obrigas e requisitos esenciais establecidos nas bases reguladoras, así como a concorrencia de calquera dos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán causas suficientes para determinar a perda do dereito ao cobramento da axuda ou o reintegro da axuda conforme o procedemento establecido en dita lei.

2. Nos supostos de incumprimento parcial ou total das condicións establecidas nas resolucións de concesión, iniciarase o procedemento de reintegro para, de ser o caso, a exixencia do dereito de reintegro ou a perda do dereito a percepción da axuda correspondente, en función da relevancia do incumprimento.

Producirase a exixencia de reintegro ou a perda do dereito á percepción total da axuda outorgada en aqueles casos en que a actuación obxecto da axuda, nas datas máximas fixadas para a súa execución, ou, de ser o caso, das ampliacións que se concedesen, non supere os requisitos mínimos sinalados en «requisitos técnicos que hai que cumprir» que, para as actuacións subvencionables, se especifican no anexo I, punto AI.1 das bases reguladoras.

No suposto de realización parcial das actuacións subvencionables, sempre que a actuación executada cumpra cos requisitos mínimos sinalados como «requisitos técnicos que hai que cumprir» que, para as actuacións subvencionables, se especifican no anexo I, punto AI.1 das bases reguladoras, liquidarase a axuda máxima definitiva na mesma porcentaxe de investimento ou custo subvencionable acreditada, exixíndose, de ser o caso, o reintegro parcial ou declarándose a perda do dereito á percepción parcial da axuda correspondente.

3. Poden dar lugar, así mesmo, á perda do dereito ao cobramento ou ao reintegro da axuda:

a) O informe desfavorable de fiscalización de calquera das administracións correspondentes (Intervención Xeral da Administración do Estado, Tribunal de Contas, Comisión Europea), que conclúa coa necesidade de devolución da axuda concedida, baseado en calquera incumprimento da normativa de aplicación a estas.

b) O incumprimento da obriga de comunicar, de ser o caso, a obtención doutras subvencións ou axudas será causa suficiente para a exixencia do reintegro ou perda do dereito á percepción da axuda outorgada, en función da contía da axuda obtida pola actuación e non notificada.

c) O incumprimento das obrigas de publicidade establecidas dará lugar á exixencia de reintegro ou, de ser o caso, a perda do dereito á percepción total da axuda correspondente.

d) En caso de incumprimento do principio de non causar un perxuicio significativo ao ambiente (principio DNSH), da etiquetaxe climática ou das condicións de cumprimento do citado principio DNSH e etiquetaxe climática, producirase a exixencia de reintegro ou a perda do dereito á percepción total da axuda outorgada.

Artigo 20. Pagamento das axudas

1. O beneficiario poderá solicitar un anticipo unha vez notificada a resolución de concesión e coa data límite do 30 xuño de 2024.

2. Os interesados poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da subvención concedida, naqueles supostos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención.

3. A súa concesión supeditarase á constitución, con carácter previo ao pagamento, dunha garantía bancaria nos termos previstos no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que deberá cubrir o 110 % da cantidade que se vai aboar.

4. A presentación da garantía realizarase ante o órgano concédente no prazo de quince (15) días a partir da notificación da resolución de concesión. Este prazo poderá ser ampliado cando concorran circunstancias que dificulten a súa formalización.

5. A presentación da garantía terá validez ata que o Inega autorice a súa cancelación, unha vez que o beneficiario da axuda acredite a realización e pagamento dos investimentos e o cumprimento dos obxectivos e condicións estipulados na resolución de concesión da axuda.

6. Cando se prevexa a posibilidade de realizar anticipos, quedan exonerados de constituír garantía, os beneficiarios previstos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, entre os que figuran:

a) As administracións públicas, os seus organismos vinculados ou dependentes e as sociedades mercantís estatais e as fundacións do sector público estatal.

b) As entidades que por lei estean exentas de presentación de caución, fianzas ou depósitos perante as administracións públicas ou os seus organismos e entidades vinculadas ou dependentes.

c) Os beneficiarios das subvencións concedidas das cales os pagamentos non superen os 18.000 €. No caso de pagamentos anticipados e/ou pagamentos a conta o importe anterior entendese referido á cantidade acumulada dos pagamentos realizados.

7. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

8. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se, debido á redución do investimento, se superan as porcentaxes máximas de subvención.

9. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

Artigo 21. Reintegro de subvencións e réxime de sancións

1. O Inega resérvase para si o dereito a realizar cantas comprobacións, inspección e demais medidas de control que se xulguen oportunos para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e os beneficiarios someteranse as actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e as de control financeiro que correspondan a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Se no curso destas verificacións se detecta que os beneficiarios da subvencións incumpriron algunha das condicións establecidas nesta bases reguladoras, implicará a perda dos beneficios e, de ser o caso, a obriga de reintegrar as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os beneficiarios das subvención, de ser o caso, estarán suxeitos ao réxime sancionador previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e desenvolto no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Incompatibilidade das subvencións

1. As axudas outorgadas ao abeiro desta convocatoria serán compatibles con calquera outra axuda doutros programas ou instrumentos de calquera administración pública ou organismo ou ente público, nacional ou internacional, particularmente da Unión Europea, en tanto que a dita axuda non cubra os mesmos custos e que, de forma acumulada, non superen os custos subvencionables, nin se superen os límites establecidos polo Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014 para aqueles destinatarios finais que sexan empresas ou realicen algunha actividade económica, pola que se ofrezan bens e/ou servizos no mercado, e en todo caso de conformidade co disposto no Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 14 desta convocatoria.

Artigo 24. Publicidade

1. O Inega publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal) e no Diario Oficial de Galicia expresando a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

2. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 25. Control e loita contra a fraude

1. Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e as verificacións do artigo 22 do Regulamento (CE) núm. 241/2021, do Parlamento Europeo e do Consello do 12 de febreiro de 2021 polo que se establece Mecanismo de recuperación e resiliencia (DOUE do 18 de febreiro).

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación cos proxectos financiados con cargo a fondos procedentes da Unión Europea, como é o caso, poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, do citado servizo, a través da canle habilitada na web https://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf. Sen prexuízo disto, tamén poderá empregar a canle de denuncias sobre irregularidades ou condutas de fraude que terá a súa sede no Sistema integrado de atención á cidadanía (SIACI) (https://www.xunta.gal/sistema-integrado-de-atencion-a-cidadania?langId=gl_ES).

3. No control e loita contra o fraude o Inega actuará de conformidade co establecido no seu Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude.

Artigo 26. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

1. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) e no correo electrónico inega.info@xunta.gal

2. No teléfono 981 54 15 00.

Artigo 27. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro destas bases poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o presidente da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante a directora da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2022

Paula María Uría Traba
Directora da Axencia do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file