Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 1 de abril de 2022 Páx. 21056

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 30 de marzo de 2022 pola que se convocan subvencións para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada, así como de empresas que realicen transporte privado complementario, no marco do compoñente 1 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, xestionado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para os anos 2022, 2023 e 2024 (códigos de procedemento IF318B, IF318C, IF318D, IF318E e IF318F).

En cumprimento do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, o Consello de Ministros, na súa reunión do 27 de abril de 2021, aprobou o Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España (en diante, o plan ou o PRTR), que se concentra en proxectos que se porán en marcha no período 2021-2024 para maximizar o seu impacto sobre a recuperación e transformación rápida da economía. O plan foi obxecto de avaliación positiva pola Comisión Europea o 16 de xuño de 2021 e aprobado polo Consello Europeo o 13 de xullo de 2021.

O plan está articulado a partir de catro eixos (transición ecolóxica, cohesión social e territorial, dixitalización e igualdade de xénero), que se materializan en 10 políticas panca e 30 compoñentes, que deben recoller o conxunto de accións públicas e privadas para acelerar o logro dos obxectivos xerais recollidos nel: a) Impulsar a actividade e a creación de emprego para contrarrestar a curto prazo o impacto da pandemia da COVID-19. b) Apoiar un proceso de transformación estrutural que permita aumentar a medio prazo o crecemento potencial. c) Reforzar a longo prazo a resiliencia, avanzando cara a un desenvolvemento máis sustentable e inclusivo.

O PRTR busca impulsar a actividade económica, a través dunha serie de investimentos e reformas orientadas a aumentar de forma efectiva, coherente e duradeira o crecemento potencial da economía española. Desta maneira, son alicerces del a transición verde, a transformación dixital, o crecemento intelixente, sustentable e a inclusión; a cohesión social e territorial, a resiliencia sanitaria, económica, social e institucional e, por último, as políticas para as próximas xeracións.

Dentro da política panca 1 Plan Axenda Urbana e Rural, loita contra o despoboamento e desenvolvemento da agricultura, o compoñente 1 denomínase Plan de choque de mobilidade segura, sustentable e conectada en contornas urbanas e metropolitanas. Ten entre os seus obxectivos que o noso país aposte pola descarbonización na mobilidade urbana e metropolitana e a mellora da calidade do aire nas nosas cidades, investindo en infraestruturas e servizos de mobilidade verdes e sustentables. Tamén pretende servir de panca para a dixitalización da mobilidade urbana e metropolitana, contribuíndo á mellora da calidade do servizo de transporte e mobilidade, á facilidade de uso do transporte sustentable por parte dos cidadáns, á mellora da súa accesibilidade e á maior eficiencia na planificación da mobilidade que poden alcanzar as administracións competentes grazas ás ferramentas dixitais.

Para iso, recolle unha serie de liñas de investimento para acadar os devanditos obxectivos e, en liña con iso, o investimento 1 (C1.l1) consiste en apoiar, con distintas liñas de subvencións, as administracións e empresas para o deseño e a implementación de zonas de baixas emisións e medidas de transformación dixital e sustentable do transporte urbano e metropolitano.

As subvencións obxecto desta convocatoria corresponden a unha das liñas de axuda do investimento C1.I1, en concreto, á medida 3, o investimento na transformación das frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada, excluídas as de titularidade municipal, así como as empresas que realicen transporte privado complementario.

Este programa de incentivos busca acelerar os investimentos claves para a sustentabilidade do transporte, co fin de impulsar melloras no sector. Desta maneira, pretende favorecer a descarbonización e a mellora do aire nas cidades mediante a renovación das frotas de vehículos. Neste sentido, hai que destacar que dentro das alternativas ás tecnoloxías tradicionais atópanse as solucións con electrificación parcial ou total e o emprego de gases renovables ou ben a pila de combustible de hidróxeno.

Por iso non se prevén axudas a tecnoloxías vinculadas ao GNC ou GNL. As alternativas baseadas en GNC e GNL deben apoiarse na Estratexia do biometano, de maneira que o Estado regulará mediante unha futura orde ministerial as axudas á adquisición de vehículos de gas (GNC, GNL) de categoría N e M, e establecerá os requisitos, as contías e condicións que sexan exixibles para o seu outorgamento, condicións que en todo caso incluirán o uso exclusivo de biometano ou outro gas renovable para o seu funcionamento. Con todo, e con carácter transitorio, establécese un período limitado no cal se ofrecen axudas para os vehículos de gas (GNC, GNL) de categoría M de solo alto, tanto para a actividade 2 de adquisición de vehículos novos con enerxías alternativas baixas en carbono como para a actividade 3 de retrofit ou modificación da forma de propulsión de vehículos, sen necesidade de cumprir, de forma inmediata o citado requisito de uso de biometano renovable. Logo desa data non se outorgará ningunha axuda a vehículos de gas (GNC,GNL) non vinculadas ao uso exclusivo de biometano ou outro gas renovable.

O deseño do presente programa de incentivos adáptase aos obxectivos reflectidos no PRTR:

– Incentivar a penetración en España das mellores tecnoloxías en canto á propulsión de vehículos industriais en España, especialmente de tecnoloxías que proporcionen cero emisións no transporte (Tank to Wheel), que redundará ademais nunha maior eficiencia no uso de recursos, diminución da dependencia a combustibles fósiles importados e maior competitividade das empresas nunha situación actual especialmente comprometida.

– A renovación do parque de vehículos, especialmente necesaria no caso de vehículos pesados de transporte de mercadorías.

– Un impulso á reactivación do tecido industrial e do sector da automoción en España. É un sector que ten unha importancia vital para o PIB do país, especialmente nun momento en que outros sectores, particularmente o turismo, se atopan sen posibilidade de achegar músculo á recuperación económica española.

– O desenvolvemento do transporte intermodal como medio alternativo e complementario ao transporte por estrada.

Por iso, no marco do plan, dentro deste investimento inclúense como actuacións subvencionables:

a) O achatarramento de vehículos.

b) A adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono.

c) O retrofit ou modificación da forma de propulsión de vehículos.

d) A implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos.

e) A adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias.

A consecución dos obxectivos perseguidos por este investimento e a realización das actuacións financiables favorecerán a xeración de emprego indirecto na fabricación dos vehículos e o impulso de puntos de recarga e a actividade económica, nun contexto de recuperación económica tras a pandemia, inducida polas distintas liñas de axuda, que terán un marcado carácter contracíclico.

Ademais, estas actuacións terán unha repercusión clara en materia de emisións de gases de efecto invernadoiro e facilitarán o cumprimento dos obxectivos en materia ambiental que son exixibles a España. Neste contexto, ningunha das medidas e actuacións financiadas con cargo a este programa causa un prexuízo significativo aos obxectivos ambientais no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852 (principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» ou DNSH, polas súas siglas en inglés Do Not Significant Harm).

A presente convocatoria contribúe á consecución dos fitos e obxectivos establecidos na Decisión de execución do Consello (obxectivo número 5, número 6 e número 9). As axudas obxecto desta están financiadas polo Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia, a través das contías asignadas nos orzamentos xerais de cada ano ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, ao estar este programa incluído no compoñente 1 do PRTR.

De conformidade co anexo II do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, polo que se aproba a concesión directa ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla de axudas para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada, así como de empresas que realicen transporte privado complementario, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, mediante resolución da Secretaría de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana concedeuse á Comunidade de Galicia unha subvención por importe de 12.818.438,00 €, que reserva 384.553,14 € para custos indirectos imputables, segundo se prevé no artigo 7 do citado real decreto.

O orzamento inicialmente asignado poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Secretaría de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana de acordo co previsto no Real decreto 983/2021, do 16 de novembro.

O organismo competente para realizar a coordinación e o seguimento deste programa de incentivos coas comunidades autónomas e coas cidades de Ceuta e Melilla é o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que asumirá todas aquelas funcións que resulten necesarias para garantir a corrección e transparencia do proceso para levar a cabo, unha vez que se produza o peche das distintas convocatorias e do programa, para os efectos de asegurar a comprobación da efectiva aplicación dos fondos transferidos.

A presente orde de convocatoria de subvencións para incentivar a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada, así como de empresas que realicen transporte privado complementario, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, axústanse ao previsto no Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, no que se establecen as bases reguladoras a que haberán de suxeitarse as comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla beneficiarias respecto das convocatorias de axudas que efectúen.

Así mesmo, tendo en conta o obxecto e a finalidade das actuacións subvencionables, no presente caso, concorren razóns de interese social e económico que xustifican recorrer á excepción prevista no artigo 19.2 en relación co artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Con base neles, na presente convocatoria exceptúase o criterio xeral de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos mediante a súa comparación e regúlase un procedemento de concesión abreviado no cal a proposta de concesión a formulará o órgano instrutor ao órgano concedente directamente, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos polas bases reguladoras para conceder a subvención.

Máis concretamente, estas razóns de interese social e económico responden, por unha banda, á necesidade de descarbonizar o transporte, o cal, tendo en conta que a tipoloxía de actuacións subvencionables non posibilitan unha comparación das axudas entre si, requírese o cumprimento duns requisitos predeterminados de eficiencia enerxética, sustentabilidade e impulso do uso das enerxías alternativas.

E, por outra banda, as subvencións obxecto desta convocatoria teñen un carácter singular derivado da urxencia de reactivar a economía e aproveitar a oportunidade que supón o financiamento das actuacións subvencionables incluídas no plan cos fondos de Mecanismo recuperación e resiliencia, todo iso no marco da Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Consecuentemente, esta orde de convocatoria axústase á Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; así como ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e normas de desenvolvemento.

Na súa virtude e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; polo Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e polo Decreto 65/2021, do 15 de abril, polo que se modifica o Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é convocar as subvencións incluídas nos programas de incentivos ligados á transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada, así como de empresas que realicen transporte privado complementario, no marco do compoñente 1 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia para os anos 2022, 2023 e 2024.

Artigo 2. Bases reguladoras

As bases reguladoras aplicables a estas subvencións establécense no Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, polo que se aproba a concesión directa ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla de axudas para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada, así como de empresas que realicen transporte privado complementario, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (BOE núm. 275, do 17 de novembro), e no Real decreto 188/2022, do 15 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, polo que se aproba a concesión directa ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla de axudas para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada, así como de empresas que realicen transporte privado complementario, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (BOE núm. 64, do 16 de marzo).

Artigo 3. Marco normativo

En todo o non regulado na presente orde, será de aplicación o Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, que establece a normativa específica aplicable, os requisitos e obrigas dos destinatarios últimos, as contías e requisitos das actuacións, e os procedementos de concesión; o Real decreto 188/2022, do 15 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, así como o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; e demais normativa de aplicación.

Así mesmo, tamén será de aplicación calquera desenvolvemento normativo que realice o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ao amparo da habilitación prevista na disposición adicional primeira do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro.

Artigo 4. Financiamento e crédito orzamentario

1. As axudas obxecto desta orde outórganse ao amparo da subvención concedida polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana á Comunidade Autónoma de Galicia no marco do Mecanismo de recuperación e resiliencia establecido no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, ao estar este programa incluído no compoñente 1 do PRTR.

Máis concretamente, ao financiamento desta convocatoria destínase un orzamento por importe total de doce millóns catrocentos trinta e tres mil oitocentos oitenta e catro euros con oitenta e seis céntimos de euro (12.433.884,86 €), con cargo ás anualidades 2022, 2023 e 2024.

2. As subvencións obxecto desta convocatoria concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.512A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os exercicios 2022, 2023 e 2024, por importe total de doce millóns catrocentos trinta e tres mil oitocentos oitenta e catro euros con oitenta e seis céntimos de euro (12.433.884,86 €), que poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Secretaría de Estado do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana de acordo co previsto no artigo 7.8 do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro.

De acordo coas bases reguladoras da presente convocatoria, a repartición orzamentaria inicial entre as actuacións subvencionables realizarase tendo en conta o seguinte:

a) Ata un corenta e cinco por cento (45 %) do orzamento para as actuacións incluídas na actividade 1.

b) Un mínimo do corenta por cento (40 %) do orzamento para as actuacións incluídas na actividade 2.

En consecuencia, a dotación orzamentaria inicial é a seguinte e distribúese nas seguintes anualidades:

Actividade

Partida orzamentaria

Crédito inicial 2022 (€)

Actividade 1

09.02.512A.770.0

5.595.248,19

Actividade 2

09.02.512A.770.0

5.470.909,34

Actividade 3

09.02.512A.770.0

621.694,24

Actividade 4

09.02.512A.770.0

621.694,24

Actividade 5

09.02.512A.770.0

124.338,85

Estas cantidades teñen o carácter de máximo inicial para cada unha das actividades obxecto de subvención. Con todo, o orzamento máximo recolleito na táboa anterior poderá ser redistribuído pasados tres meses desde a apertura do prazo de solicitudes para adaptarse a evolución da axuda solicitada en cada unha das actividades que comprende o programa.

En todo caso, este procedemento de redistribución do orzamento entre tipoloxías de actividades, de producirse, deberá respectar as porcentaxes establecidas o artigo 7.4 do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, e só, a partir da data en que resten tres meses para a finalización da vixencia da convocatoria, se algunha das partidas non se esgotou e outra partida tivese lista de reserva ou espera, poderase redistribuír o orzamento entre tipoloxía de actividades, daquela quedarán sen efecto as porcentaxes establecidas no artigo 7.4 citado para a repartición entre eles.

Tanto do esgotamento do orzamento inicial como, de ser o caso, da redistribución ou redistribucións orzamentarias entre as distintas tipoloxías de actividades obxecto de subvención que se realicen, darase información mediante un anuncio a través da páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, na epígrafe de mobilidade, de acordo co establecido no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. No caso de que o orzamento do programa sexa ampliado, as cantidades inicialmente orzadas poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de orzamento, cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de orzamento.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo orzamento ou a orzamentos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

4. O incremento do orzamento quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do orzamento como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, no seu caso, previa aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

5. Nestes casos publicarase a ampliación de orzamento polos mesmos medios que esta convocatoria, isto é, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/recursos/axudas-subvencions

Artigo 5. Compatibilidade das axudas

1. As subvencións obxecto desta convocatoria serán incompatibles con outras subvencións ou axudas que puidesen concederse para a mesma finalidade, procedentes de calquera administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou de organismos internacionais.

2. En ningún caso poderán ser compatibles coas axudas dirixidas a municipios no marco do PRTR para a implantación de zonas de baixas emisións e para a transformación dixital e sustentable do transporte urbano nin con ningunha outra axuda europea, en particular proveniente de fondos CEF e Feder ou doutros compoñentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia.

Artigo 6. Destinatarias últimas das axudas

1. De acordo co disposto no artigo 14 do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, serán destinatarias últimas das subvencións convocadas por esta orde, sempre que teñan a súa residencia fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dalgunha das seguintes autorizacións en vigor na data de solicitude das axudas:

a) Unha autorización de transporte público de mercadorías habilitante para facer transporte con vehículos ou conxuntos de vehículos de máis de 3,5 t de masa máxima, identificada coa clave MDPE.

b) Unha autorización de transporte público discrecional de viaxeiros en autobús, identificada coa clave VDE.

c) Unha autorización de transporte privado complementario de mercadorías habilitante para facer transporte con vehículos ou conxuntos de vehículos de máis de 3,5 t de masa máxima, identificada coa clave MPCE.

d) Unha autorización de transporte privado complementario de viaxeiros en autobús coa clave VPCE.

e) Unha autorización autonómica de transporte público de mercadorías con clave MDLE, sempre que teñan adscritos á devandita autorización vehículos de máis de 3,5 t de masa máxima a data de aprobación do presente real decreto.

2. As destinatarias últimas definidas no punto anterior poderán recibir axudas unicamente en relación coa categoría e clase de vehículos asociada á habilitación que lles outorgue a autorización da que son titulares.

3. Serán igualmente destinatarias últimas das subvencións convocadas mediante esta orde, sempre que teñan a súa residencia fiscal en Galicia, as persoas xurídicas privadas que á data de solicitude da axuda presten o servizo público de transporte urbano en autobús e estivesen exentas da obtención dalgunha das autorizacións incluídas no punto 1 do artigo 14 do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro.

4. Non poderán ser destinatarias últimas das axudas:

a) As empresas que se atopen en situación de crise, conforme á definición que para estes efectos se realiza no Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño.

b) As persoas ou entidades nas que concorra algunha das circunstancias enumeradas no artigo 13, puntos 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

c) As empresas que se atopen suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles fose outorgada con anterioridade, ben por declararse axuda ilegal e incompatible co mercado interior, ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.

d) As empresas ou entidades de titularidade pública que sexan prestadoras do servizo de transporte público urbano.

Artigo 7. Actuacións subvencionables

1. De acordo co disposto no artigo 16 do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, son actuacións subvencionables:

a) Actividade 1: achatarramento. Código de procedemento IF318B.

b) Actividade 2: adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono. Código de procedemento IF318C.

c) Actividade 3: retrofit ou modificación da forma de propulsión de vehículos. Código de procedemento IF318D.

d) Actividade 4: implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos. Código de procedemento IF318E.

e) Actividade 5: adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias. Código de procedemento IF318F.

2. Estas actividades deberán cumprir os requisitos que se establecen para cada unha delas no anexo I do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, ou normativa que o desenvolva ou modifique.

3. A concesión das axudas para a actividade 1: achatarramento estará sometida aos requisitos e límites establecidos no Marco nacional temporal aprobado pola Comisión Europea na súa Decisión SA.56851(2020/N), do 2 de abril, e as súas modificacións, sempre que a data de concesión da axuda quede comprendida dentro do seu período de vixencia.

As axudas á devandita actividade 1 que se concedan a partir da data de finalización da vixencia do referido Marco nacional temporal, deberán cumprir co Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, sen prexuízo do resto de disposicións tanto do dereito nacional como da Unión Europea que puidesen resultar de aplicación, particularmente as que se aproben no ámbito da execución e xestión tanto do Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia como do PRTR.

O importe total das axudas de minimis que poderá concederse a cada un destes destinatarios últimos non poderá exceder a cifra de 200.000,00 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Así mesmo, o importe total das axudas de minimis que poderá concederse a cada un destes destinatarios últimos, no caso de que realicen por conta allea operacións de transporte de mercadorías por estrada, non poderá exceder a cifra de 100.000,00 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Deberá achegarse unha declaración de axudas recibidas xunto á solicitude de axuda. Na concesión da subvención comunicarase ao beneficiario o instrumento xurídico dos dous anteriores baixo o que se outorga a subvención.

4. A concesión das axudas para a actividade 2: adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono, actividade 3: retrofit ou modificación da forma de propulsión de vehículos e actividade 4: implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos estará sometida aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, e aplicarase a exención correspondente á categoría de axudas para a protección do ambiente (sección 7), sen prexuízo do resto de disposicións do dereito da Unión Europea que puidesen resultar de aplicación, particularmente as que se aproben no ámbito da execución e xestión tanto do Mecanismo europeo de recuperación como do PRTR.

O orzamento medio anual que poderá dedicarse ás axudas desta categoría (sección 7), para cada unha das actuacións ou programas ou réximes de incentivos diferenciados, enumerados no punto 1, como actividades 2, 3, 4 e 5, non poderá superar a cifra de 150 millóns de euros, e establécese un límite de axuda por destinatario último e convocatoria que figura no anexo I do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro.

5. Segundo o disposto na disposición transitoria única do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, con carácter transitorio, poderanse outorgar estas axudas para os vehículos de gas (GNC, GNL) de categoría M, excluídos os vehículos de «solo baixo» segundo o especificado no punto 3 da parte C do anexo I do Regulamento (UE) nº 2018/858, do 30 de maio de 2018, tanto para a actividade 2 de adquisición de vehículos novos con enerxías alternativas baixas en carbono como para a actividade 3 de retrofit ou modificación da forma de propulsión de vehículos, ata o 31 de decembro de 2023, sen necesidade de cumprir o requisito de uso exclusivo de biometano ou outro gas renovable para o seu funcionamento. Posteriormente á devandita data, non se outorgará ningunha axuda a vehículos de gas (GNC,GNL) non vinculadas ao uso exclusivo de biometano ou outro gas renovable.

6. A concesión das axudas para a actividade 5: adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias estará condicionada á autorización previa da Comisión Europea e aos límites e criterios que estableza na súa resolución de autorización, sen prexuízo do resto de disposicións do dereito da Unión Europea que puidesen resultar de aplicación, particularmente as que se aproben no ámbito da execución e xestión tanto do Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia como do PRTR.

7. Dado o carácter incentivador das axudas, só se admitirán actuacións por parte dos destinatarios últimos das axudas, iniciadas con posterioridade á data de rexistro da solicitude da axuda.

Iso sen prexuízo da realización das correspondentes actuacións preparatorias que sexan necesarias para presentar a solicitude ou levar a cabo os correspondentes investimentos, como poden ser proxecto, memorias técnicas, certificados, que poderán ser considerados subvencionables, aínda cando fosen facturados con anterioridade á solicitude, sempre que, en todo caso, estas actuacións preparatorias se iniciaran con posterioridade á data de publicación do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, no Boletín Oficial del Estado, isto é, 17 de novembro de 2021.

8. A Dirección Xeral de Mobilidade no seu respectivo ámbito de xestión garantirá o pleno cumprimento de «non causar dano significativo» (principio Do Not Significant Harm-DNSH) e a etiquetaxe verde e dixital, de acordo co previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, aprobado polo Consello de Ministros do 27 de abril de 2021, e no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, en todas as fases de deseño e execución de proxectos.

Así mesmo, será de aplicación á presente orde de axudas o Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Dirección Xeral de Mobilidade aprobado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Artigo 8. Contía das axudas

De conformidade co artigo 17 do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, a contía das axudas aos destinatarios finais para cada unha das actividades obxecto de subvención será a establecida no anexo I do devandito real decreto.

Artigo 9. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo para a presentación de solicitudes de axudas do programa de incentivos ligados á transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada, así como de empresas que realicen transporte privado complementario, contarase a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e estará vixente ata o 30 de abril de 2024, fóra da actividade 4 cuxa vixencia finalizará o 31 de decembro de 2023.

2. En todo caso, de acordo co establecido no artigo 16.4 do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, a concesión das axudas previstas nesta convocatoria para a realización da actividade 5 (desenvolta no anexo I do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro), estará condicionada á autorización previa da Comisión Europea e a os límites e criterios que estableza na súa resolución de autorización, sen prexuízo, do resto de disposicións do dereito da Unión Europea que puideran resultar de aplicación, particularmente as que se aproben no ámbito da execución e xestión tanto do Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia como do PRTR.

3. Á finalización do expresado prazo de vixencia non serán admitidas máis solicitudes.

Artigo 10. Inicio dos procedementos de concesión de subvencións. Solicitudes

1. Os destinatarios últimos que teñan a súa residencia fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia poderán presentar unha solicitude de subvención dirixida á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, por cada unha das actividades subvencionables previstas no artigo 7.1 desta orde de convocatoria.

2. De acordo co disposto no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, a solicitude e tramitación destes procedementos farase por medios exclusivamente electrónicos.

En consecuencia, para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que, a título exclusivamente informativo, figuran como anexos I, II, III, IV e V a esta orde, e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), cos códigos de procedemento IF318B, IF318C, IF318D, IF318E e IF318F.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A presentación da solicitude supón a aceptación das bases reguladoras destas subvencións e das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarias da axuda, así como a aceptación da subvención de ser persoa beneficiaria dela.

Ao ser válida unha única solicitude por persoa ou entidade, no caso de que algunha persoa presentase unha nova solicitude entenderase que desiste da anterior, salvo que xa estivese resolta.

3. Na solicitude de axuda incorporarase unha declaración responsable referente aos seguintes aspectos:

a) Outras subvencións solicitadas ou concedidas: a entidade deberá declarar se solicitou ou se lle concederon outras axudas para a/as actividade/s para a/as que se solicita subvención, con expresión do organismo concedente, ano, importe expresado en euros e disposición reguladora da axuda solicitada ou concedida. En caso contrario, a entidade deberá declarar que non se solicitou nin se concedeu ningunha outra axuda para a/as actividade/s para a/as que se solicita subvención. En especial, declarará se solicitou ou lle foi concedida axuda dirixida a municipios no marco do PRTR para a implantación de zonas de baixas emisións e para a transformación dixital e sustentable do transporte urbano, ou algunha outra axuda europea, en particular proveniente de fondos CEF e Feder ou doutros compoñentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia.

Así mesmo, o destinatario último tamén declarará se está suxeito ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

b) Veracidade dos datos, inexistencia de causa que implique prohibición para ser beneficiario, estar ao día no pagamento das obrigas por reintegros de subvencións e, ao mesmo tempo, estar ao día no pagamento das obrigas tributarias estatais e autonómicas e fronte á Seguridade Social, e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Cumprimento de requisitos establecidos na normativa vixente e da dispoñibilidade da documentación que así o acredite no caso de que sexa requirida pola Administración, así como que a/as actuación/s para a/as que solicita subvención desenvólvense de maneira real e efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Que a empresa non se atopa en situación de crise, conforme á definición que para estes efectos se realiza no Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño.

e) Que a empresa non se atopa suxeita a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles fose outorgada con anterioridade, ben por declararse axuda ilegal e incompatible co mercado interior, ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.

f) Declaración pola cal se compromete a conceder os dereitos e accesos necesarios para garantir que a Comisión Europea, a OLAF, o Tribunal de Contas Europeo, a Fiscalía Europea e as autoridades nacionais competentes exerzan as súas competencias.

g) A aceptación da cesión de datos entre as administracións públicas implicadas para dar cumprimento ao previsto na normativa europea que é de aplicación e de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

h) Que a persoa física ou entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

i) Coñecemento das obrigas derivadas desta orde e demais normativa aplicable.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. Xunto con cada unha das solicitudes, os destinatarios últimos deberán presentar, como documentación complementaria común a todos os procedementos de subvencións regulados nesta orde, os documentos sinalados a seguir:

a) As persoas xurídicas deberán achegar documentación acreditativa das facultades de representación da persoa que formule a solicitude de axuda como representante delas, debidamente rexistrada, no seu caso, nos rexistros públicos correspondentes.

b) O certificado que acredite os datos bancarios para transferencia do importe da axuda, en caso de establecerse anticipo. O destinatario último deberá ser titular do número de conta no que se ingrese a axuda.

c) Declaración responsable de que a actividade obxecto de subvención se adecúa ao principio de «non causar prexuízo significativo» (principio Do Not Significant Harm-DNSH) no sentido establecido no punto 6) do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 2021/241,do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

A referida declaración realizarase atendendo o modelo que se recolle na seguinte dirección electrónica do Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico https://www.miteco.gob.es/es/ministerio/recuperacion-transformacion-resiliencia/transicion-verde/cuestionariodnshmitecov20_tcm30-529213.pdf, seguindo as directrices recollidas na Comunicación da Comisión Europea (2021/C58/01), Guía técnica sobre a aplicación do principio de «non causar un prexuízo significativo», en virtude do Regulamento relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia.

d) Declaración responsable de ausencia de conflito de intereses en relación coa execución das actividades para as que solicita subvención, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, segundo o modelo que se recolle no anexo VI.

e) Certificado de alta no Censo de empresarios, profesionais e retedores ou certificado da situación censual, expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) Asemade, os destinatarios últimos deberán presentar, como documentación complementaria específica a cada un dos procedementos de subvencións regulados nesta orde, os documentos sinalados a seguir:

1º. Para a solicitude de axudas correspondentes á actividade 1 (código de procedemento IF318B):

– Copia do permiso de circulación do vehículo obxecto de achatarramento onde conste a súa data de primeira matriculación, data de matriculación en España e data de expedición. En ausencia de calquera destes documentos, achegarase o informe da Dirección Xeral de Tráfico co historial do vehículo.

– Copia da tarxeta ITV (ficha técnica) do vehículo na cal conste a normativa Euro do vehículo para achatarrar. No caso de que non conste na tarxeta ITV (ficha técnica), achegarase documento acreditativo dela.

– Copia do último recibo do imposto de vehículos de tracción mecánica do vehículo para achatarrar, debidamente aboado.

– Copia do documento mediante o cal se acredite que o destinatario último da axuda ostenta a titularidade do vehículo para achatarrar polo menos durante os dous (2) anos anteriores á data de solicitude da axuda.

– De ser o caso, certificado expedido polo órgano competente da correspondente entidade local que acredite a prestación do servizo público de transporte urbano, nos termos indicados no punto 3 do artigo 14 do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro.

2º. Para a solicitude de axudas correspondentes á actividade 2 (código de procedemento IF318C):

– Declaración responsable de que coñece que o vehículo para adquirir debe estar incluído dentro do ámbito de aplicación do Regulamento (UE) nº 2019/1242 do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de xuño, e que debe cumprir a definición de vehículo de baixas emisións, segundo a definición do artigo 3.12) do devandito regulamento, no suposto de adquisición de vehículos eléctricos híbridos (HEV) de categoría N.

3º. Para a solicitude de axudas correspondentes á actividade 3 (código de procedemento IF318D):

– Copia do permiso de circulación do vehículo obxecto de retrofit ou modificación da forma de propulsión de vehículos.

4º. Para a solicitude de axudas correspondentes á actividade 4 (código de procedemento IF318E):

– Memoria descritiva das actuacións para acometer que conteña, polo menos, descrición e alcance da actuación, investimento, custo subvencionable e axuda solicitada.

g) Outra documentación adicional que o interesado considere conveniente.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou, de ser o caso, do representante.

b) NIF da entidade solicitante ou, de ser o caso, da entidade representante.

c) Certificado sobre o cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado sobre o cumprimento de obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Certificado de alta no imposto de actividades económicas.

g) Datos de residencia con data da última variación do padrón.

h) Consulta de datos de vehículos coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

i) Consulta de datos de propietarios coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Artigo 14. Instrución dos procedementos de concesión das axudas

1. O órgano competente para a ordenación e instrución dos procedementos é a Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte, que realizará de oficio cantas actuacións sexan necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución da concesión de subvencións para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada, así como de empresas que realicen transporte privado complementario.

2. Recibidas a solicitudes de axuda con reserva de fondos, estas serán tramitadas por rigoroso orde de presentación por parte do órgano instrutor, quen as remitirá á unidade administrativa encargada de comprobar se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos esixidos nesta orde e, no caso de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo máximo e improrrogable de 10 días hábiles emende a falla ou presente os documentos preceptivos, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coa advertencia de que, se así non o fixese, considerarase a persoa ou entidade interesada desistida da súa petición, tras a resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. O órgano instrutor verificará que as solicitudes cumpren debidamente os requisitos esixidos e que os expedientes estean completos, e emitirá a proposta que proceda en cada caso, que será previa á resolución que corresponda.

Artigo 15. Concesión de subvencións

1. O órgano competente para resolver a concesión de subvencións para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada, así como de empresas que realicen transporte privado complementario, será a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade.

2. A resolución de concesión destas axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade, en vista da proposta realizada polo órgano instrutor, ditará a correspondente resolución motivada por rigorosa orde de presentación ata o esgotamento dos fondos asignados á Comunidade Autónoma de Galicia, e expresará, polo menos, a identificación do beneficiario, a actividade ou actividades que se subvenciona, así como a contía da subvención concedida ou, no seu caso, a causa de inadmisión ou denegación que proceda.

4. Considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe asignado á Comunidade Autónoma de Galicia. En caso de esgotamento do orzamento asignado, e sempre que non rematase a vixencia dos programas, poderán seguir rexistrándose solicitudes nunha lista de reserva provisional, que serán atendidas por rigoroso orde de entrada, supeditadas a que se produzan desestimacións ou renuncias das solicitudes de axuda previas que puidesen liberar orzamento ou ben se incorpore novo orzamento á convocatoria.

En ningún caso a inclusión dunha solicitude na lista de reserva provisional xerará dereito algún para a persoa solicitante, ata que non se realicen sucesivas propostas de resolución conforme ao sinalado no artigo anterior.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis (6) meses, que se contará a partir do seguinte ao da presentación da solicitude. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

6. Esta resolución poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer, potestativamente, recurso de reposición ante este mesmo órgano no prazo dun mes, tal e como se establece nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, tal e como establecen os artigos 10, 14.1 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ambos os prazos contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión de subvencións.

Artigo 16. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter a súa dirección electrónica habilitada única a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio a indicada dirección, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

Para utilizar os servizos de Notifica.gal deberá dispoñer dun usuario e clave no servizo Chave365 ou dun certificado de persoa física ou xurídica asociado ao NIF da persoa destinataria e comprobar que o seu navegador e sistema operativo cumpren os requisitos técnicos.

4. As notificacións complementarias entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta ao disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación complementaria polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas pidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento para partir do día seguinte a aquel en que venza o prazo de seis meses para resolver previsto no artigo15.4 desta orde.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución de concesión, o destinatario último poderá comunicar no prazo de dez días (10) hábiles a súa renuncia expresa a ela no caso de consideralo oportuno, segundo o modelo que se recolle no anexo VII.

No caso de non comunicar dita renuncia no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada, comprometéndose a executar a acción subvencionada nas condicións establecidas na presente convocatoria.

2. A renuncia á subvención poderase formular por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Os importes que, se é o caso, resultasen sobrantes por causa de renuncia, poderán destinarse ao outorgamento de máis subvencións segundo o determinado na cláusula décimo segunda.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

As persoas beneficiarias están obrigadas a comunicarlle á Dirección Xeral de Mobilidade calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente o destino ou a correcta aplicación da axuda outorgada.

O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia á persoa beneficiaria.

2. Poderase acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario e deben cumprirse os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A modificación debe solicitarse cunha antelación mínima dun mes á data de finalización do prazo de realización da actuación subvencionable.

Artigo 20. Obrigas do destinatario último das axudas

1. Os destinatarios últimos beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde asumen as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, especificamente, as seguintes:

a) Realizar a actividade ou actividades que fundamenta a concesión da subvención.

b) Presentar a documentación exixida no anexo III do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, tanto para formalizar a solicitude de axuda como para xustificar a actuación realizada.

c) Utilizar un sistema de contabilidade diferenciado ou un código contable adecuado para as transaccións relacionadas coa operación.

d) No caso de que se efectúen pagamentos anticipados, deberán acreditar que se atopan ao día do pagamento das obrigas de reembolso de calquera outros anticipos concedidos anteriormente con cargo aos orzamentos especificamente consignados para a xestión de fondos europeos nos orzamentos xerais do Estado.

e) Teñen a obriga de informar o público do apoio obtido dos fondos europeos facendo unha breve descrición da operación na súa páxina web, no caso de que dispoña dela, de maneira proporcionada ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión Europea.

f) De acordo co previsto no artigo 22.2.f) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, os destinatarios últimos deberán conservar toda a documentación respecto de cada unha das axudas que se outorgaron, de conformidade co disposto no artigo 132 do Regulamento financeiro.

g) Quedarán sometidos a actuacións de control e comprobación a efectuar pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, en especial, as previstas no artigo 11.3 do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, así como calquera outras de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como nacionais ou comunitarios.

h) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade á proposta de pagamento final da subvención.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde ou no real decreto.

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea non marco da presente convocatoria poderá poñer estes feitos en coñecemento, ben a través da canle de denuncias posta en funcionamento á disposición da cidadanía, a partir do 1 de xaneiro de 2022, no Sistema integrado de atención á cidadanía (SIACI) (https://www.xunta.gal/sistema-integrado-de-atencion-a-cidadania?langId=gl_ES), onde os cidadáns poden denunciar calquera irregularidade ou conduta de fraude, ou ben do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través do canle habilitada para o efecto https://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, do citado servizo, que se pode consultar non enderezo web https://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Paginas/inicio.aspx

3. Ademais das obrigas e requisitos previstos no Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, os destinatarios últimos das axudas deberán cumprir coas obrigas contempladas para os beneficiarios de subvencións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no seu regulamento de desenvolvemento, así como tanto na normativa nacional como europea que puidese resultar de aplicación para a execución e xestión tanto do Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, como do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Artigo 21. Anticipos

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por esta convocatoria, nos termos establecidos no Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, e, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da devandita lei.

2. Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas. Estes pagamentos deberán ser solicitados polo beneficiario, no seu caso, tras a notificación ou publicación da resolución de concesión, e quedarán suxeitos ás seguintes condicións:

a) Os devanditos anticipos serán obxecto dunha garantía polo importe total do anticipo outorgada por un banco ou outra entidade financeira que estea establecida en España, ou ben dunha liña de orzamento que ofreza como garante calquera organismo ou Administración pública española.

b) Os devanditos anticipos non poderán superar o cen por cento (100 %) do importe total da axuda que se vaia conceder ao beneficiario.

c) Os devanditos anticipos destinaranse exclusivamente a cubrir gastos da actividade ou actividades obxecto de subvención.

3. Os destinatarios últimos que soliciten un pagamento anticipado deberán presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, e indicarán a súa contía.

4. De acordo co establecido no artigo 71.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, os destinatarios últimos destes anticipos deberán acreditar que se atopan ao día no pagamento das obrigas de reembolso de calquera outro anticipo concedido anteriormente con cargo aos orzamentos especificamente consignados para a xestión de fondos europeos nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

5. Así mesmo, deberán achegar certificación que acredite os datos bancarios para transferencia do importe do pagamento anticipado. O destinatario último deberá ser titular do número de conta no que se ingrese o devandito pagamento.

6. Non se realizarán anticipos a aqueles destinatarios últimos que, transcorrendo o prazo de xustificación, non presentasen a documentación xustificativa doutros librados con anterioridade con cargo ao mesmo programa orzamentario.

7. A solicitude de anticipo xunto coa documentación acreditativa do cumprimento do previsto nesta epígrafe será presentada telemáticamente a través da sede electrónica de Xunta de Galicia accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Artigo 22. Xustificación

1. De acordo co disposto no artigo 19.8 do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, os destinatarios últimos destas subvencións, no prazo máximo de doce meses contados desde a data da notificación da resolución de concesión, deberán xustificar a realización do investimento requirido para levar a cabo a actuación obxecto de axuda, salvo no caso da actividade 4 (implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos), que contarán con dezaoito meses para a xustificación do investimento.

2. Para ese efecto, deberá presentar a solicitude de pagamento xunto coa documentación xustificativa establecida no punto 2, documentación requirida para xustificar a actuación realizada, do anexo III do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, para cada unha das actuacións. A documentación que se achegue para xustificar a execución da actuación debe ser coherente coa información achegada no formulario de solicitude da axuda. A solicitude, xunto coa documentación xustificativa, presentarase telemáticamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), de acordo co anexo VIII desta convocatoria.

A maiores, as entidades ás que se lles concedeu unha cantidade superior a 100.000,00 € (suma das subvencións concedidas para as actividades obxecto de subvención) realizarán a xustificación a través de conta xustificativa que incorpore unha memoria de actuación e unha memoria económica abreviada, con achega de informe de auditoría, de acordo co regulado no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

O contido da memoria económica abreviada comprenderá un estado representativo dos gastos incorridos na realización das actividades subvencionadas, debidamente agrupados e, de ser o caso, as cantidades inicialmente orzamentadas e as desviacións acontecidas.

A emisión do informe de auditoría axústase ao disposto na Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio, pola que se aproba a norma de actuación dos auditores de contas na realización dos traballos de revisión de contas xustificativas de subvención, no ámbito do sector público estatal, previstos no artigo 74 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e ao disposto nesta orde.

A verificación que debe realizar a auditoría de contas terá, en todo caso, o seguinte alcance:

a) O cumprimento por parte das entidades beneficiarias das obrigas establecidas nesta orde e no resto da normativa que lle é de aplicación na xestión e aplicación da subvención.

b) A adecuada e correcta xustificación da subvención por parte das entidades beneficiarias.

c) A realidade e a regularidade das operacións que, de acordo coa xustificación presentada polas entidades beneficiarias, foron financiadas coa subvención.

d) O adecuado e correcto financiamento das actividades subvencionadas.

O informe do auditor permitirá obter evidencia suficiente para poder emitir unha opinión sobre a execución dos gastos do proxecto ou actividade subvencionada, conforme estas bases. En todo caso, deberá comprobarse:

a) Que a conta xustificativa foi subscrita polo representante legal da entidade ou persoa con capacidade; debe anexar ao informe unha copia desta verificada pola persoa auditora.

b) Que existe concordancia entre a memoria de actuación e os documentos utilizados para realizar a revisión da xustificación económica.

c) Que o importe xustificado corresponde ao concedido e que se atopa correctamente desagregado e identificado na conta xustificativa, con indicación das imputacións aplicadas. A revisión abarcará a totalidade dos gastos incorridos na realización das actividades subvencionadas. No caso doutros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, deberá indicar o seu importe e a súa procedencia.

d) Que o gasto declarado é real e elixible e que está debidamente acreditado e xustificado conforme á normativa vixente. Para estes efectos, o informe de auditoría deberá confirmar:

1º. Que os gastos realizados e imputados ao proxecto gardan unha relación directa con el e que son conformes coas normativas autonómica, nacional e comunitaria en materia de elixibilidade de gastos e subvencións.

2º. Que as facturas orixinais ou documentos contables de valor probatorio equivalente que figuran na relación de gastos contan cos datos requiridos pola lexislación vixente; os devanditos gastos serán realizados e efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación, salvo aqueles que pola súa propia natureza deban liquidarse en datas posteriores.

e) Que a entidade beneficiaria utiliza un sistema de contabilidade separada ou codificación contable que permite a inequívoca identificación dos gastos realizados.

f) Que a entidade beneficiaria dispón de ofertas de diferentes provedores, nos supostos previstos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e dunha memoria que xustifique razoablemente a elección do provedor, naqueles casos en que non recaese na proposta económica máis vantaxosa.

g) No informe constará pronunciamento sobre a elixibilidade do IVE imputado ao proxecto e que non é susceptible de recuperación ou compensación.

h) Que existe acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, copias, captura de pantallas) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

As entidades ás cales se lles concedeu unha cantidade inferior ou igual a 100.000,00 € (suma das subvencións concedidas para as actividades obxecto de subvención) realizarán a xustificación a través dunha conta xustificativa simplificada, regulada no artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Neste último caso, deberán achegar:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

c) Certificación dos gastos polo importe total do proxecto, distribuídos por partidas orzamentarias, e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada pola persoa que teña a representación legal en Galicia da entidade beneficiaria.

d) Declaración responsable do representante legal da entidade (no caso de agrupación de entidades de cada unha delas), complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

e) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do seu emisor, data e forma de pagamento e descrición do gasto co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

f) Se o importe do gasto subvencionable supera as contías establecidas para o contrato menor na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro, deberán remitir copia do expediente de contratación, no seu caso, e como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, agás que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou que o gasto fose realizado con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

3. A documentación que xustifique os gastos efectuados con cargo á subvención concedida presentarase separada para cada un das actividades subvencionadas.

4. A entidade asignará un número de orde a cada xustificante de gasto e debe ter en conta que a suma de todos os importes totais correspondentes aos distintos conceptos de gastos debe xustificar o importe total de cada programa, segundo a memoria adaptada no caso de presentala.

5. Mediante técnica de mostraxe aleatoria simple, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade poderá requirir aos beneficiarios que acheguen os orixinais dos xustificantes que considere oportunos, nos casos en que a normativa reguladora aplicable así o estableza.

6. O órgano concedente da subvención poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda da metade deste e sempre que se cumpran as seguintes condicións:

a) Non se prexudiquen dereitos de terceiros e

b) A prórroga sexa solicitada e concedida antes do 30 de abril de 2025.

Artigo 23. Actuacións de comprobación e verificación

1. A consellería competente en materia de transportes realizará as actuacións de seguimento, control e verificación da correcta realización do gasto por parte dos destinatario últimos das axudas, os cales quedan sometidos a elas así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como nacionais ou comunitarios.

2. No caso de subvencións de capital superiores a 60.000,00 €, en cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, o órgano concedente realizará a comprobación material do investimento, quedando constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

3. Ademais, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 24. Pagamento da subvención

1. No prazo máximo de seis meses desde a presentación da xustificación por parte do beneficiario, o órgano competente verificará o cumprimento da execución da actuación obxecto de subvención e procederá ao seu pagamento e/ou, no seu caso, á devolución da correspondente garantía.

2. O órgano competente ordenará o pagamento da subvención, con expresa referencia á procedencia dos fondos do PRTR, mencionando o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, así como o Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia, conforme o que puidese establecerse respecto diso.

Artigo 25. Perda de dereito á cobranza e reintegro

1. No caso de que o destinatario final da axuda non cumprise coa obriga de xustificación do investimento requirido para levar a cabo a actuación obxecto de axuda, non se procederá ao pagamento da subvención e declararase a perda do dereito á súa cobranza, e iniciará o procedemento de reintegro correspondente, no seu caso, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas polo destinatario último da axuda e a esixencia do xuro de demora desde o momento do pagamento da subvención, nos supostos establecidos no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

3. Así mesmo, dará lugar ao reintegro da subvención o incumprimento do principio do DNSH e da etiquetaxe climática de acordo co disposto no Real decreto 983/2021, do 16 de novembro.

4. Igualmente, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos nos que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

5. As cantidades que teñan que reintegrar os destinatarios últimos da subvención terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 19.1 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no artigo 34.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.

6. De conformidade co previsto no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o beneficiario poderá realizar a devolución voluntaria de cantidades indebidamente percibidas mediante ingreso na conta habilitada da Facenda pública galega. O importe da devolución incluirá os xuros de demora. No documento de ingreso deberá identificarse o número do expediente, o concepto da devolución e o nome e NIF do beneficiario. Unha vez ingresado, deberase comunicar á Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a devolución voluntaria realizada.

7. O órgano competente para a resolución do procedemento de reintegro é a persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 27. Publicidade

1. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicará as subvencións concedidas ao amparo desta convocatoria e as súas bases reguladoras na súa páxina web oficial (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/recursos/axudas-subvencions) e no Diario Oficial de Galicia expresando a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, con todo, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000,00 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da consellería.

2. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

3. Sen prexuízo do anterior e de acordo co disposto no artigo 23 do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, toda referencia á actuación obxecto das axudas desta orde en publicacións, actividades de difusión, páxinas web e, en xeral, en calquera medios de difusión deberá cumprir cos requisitos que figuren no Manual de imaxe do PRTR e, se é o caso, no manual que sexa aprobado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Sen prexuízo do anterior, deberá figurar en todo caso a referencia ao financiamento da actuación mediante fondos do PRTR e á súa xestión polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana nos termos previstos no artigo 18.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

4. Os receptores de financiamento da Unión Europea deben mencionar a orixe deste financiamento e garantir a súa visibilidade, en particular, cando promovan as actuacións subvencionables e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público.

5. Do mesmo xeito, todas as convocatorias, licitacións, convenios e resto de instrumentos xurídicos, que se desenvolvan neste ámbito, deberán conter tanto no seu cabezallo como no seu corpo de desenvolvemento a seguinte referencia «Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», de acordo co artigo 9 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

6. O destinatario último das axudas informará o público do apoio obtido dos fondos europeos facendo unha breve descrición da operación na súa páxina web, no caso de que dispoña dela, de maneira proporcionada ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión Europea.

7. En todo caso, os beneficiarios deberán cumprir calquera instrución que se poida impartir respecto á forma e ao contido da información que deba facilitar.

Artigo 28. Réxime sancionador

O réxime de infraccións e sancións administrativas aplicables será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 29. Información ás persoas interesadas

Sobre estes procedementos administrativos poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Mobilidade, a través dos seguintes medios:

a) A páxina web oficial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, na epígrafe de mobilidade.

b) O teléfono 981 54 45 87 da devandita dirección xeral.

c) O enderezo electrónico: subvencionsfrota.mobilidade@xunta.gal

d) A Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Así mesmo, delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra todas as resolucións que diten por delegación no ámbito de aplicación da presente orde de axudas.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Autorízase á persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para ditar as instrucións e os actos que sexan necesarios para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2022

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file