Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 6 de abril de 2022 Páx. 22086

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 1 de abril de 2022 pola que se modifica a Orde do 31 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR605A).

No Diario Oficial de Galicia número 38, do 24 de febreiro de 2022, publicouse a Orde do 31 de xaneiro pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR605A).

Na dita orde prevense axudas para a prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, nas provincias da Coruña e Lugo, dado que no momento de iniciar a tramitación da devandita orde non había evidencia suficiente de que as enfermidades fúnxicas defoliadoras estivesen a ter unha incidencia fóra das provincias da Coruña e Lugo, de igual xeito que na Orde do 30 de decembro de 2021, as actuacións previstas limitáronse ás devandita provincias.

No entanto, a monitorización da situación levada a cabo pola Rede galega de seguimento de danos obriga a ampliar as actuacións especificamente á provincia de Pontevedra, xa que existe evidencia suficiente de que as enfermidades xa están a ter incidencia nela. O principio de precaución aconsella non deixar fóra a provincia de Ourense, anticipándose a unha posible presenza das enfermidades no futuro inmediato.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 31 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR605A)

A Orde do 31 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022, modifícase nos seguintes termos:

Un. A letra a) do número 2 do artigo 1, Obxecto, queda redactada como segue:

«a) Liña I (medida Feader 8.3 axudas para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes): axudas para realizar tratamentos silvícolas (prácticas preventivas, de carácter local e a pequena escala, que permitan crear descontinuidades verticais e horizontais da cuberta vexetal e o control selectivo de combustible, como son rozas, desmestas, rareos e podas), coa finalidade de prevención de incendios e as axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, e especificamente en piñeirais de piñeiro do país (Pinus pinaster), piñeiro insigne (Pinus radiata) e piñeiro negral (Pinus nigra)».

Dous. O número 1 do artigo 2, Ámbito de aplicación, queda redactado como segue:

«1. O disposto nesta orde será de aplicación para todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con exclusión:

a) Dos bosques ou outras superficies forestais que sexan propiedade da Administración central ou autonómica.

b) Dos bosques e outras superficies forestais propiedade da Coroa.

c) Dos bosques que pertenzan a empresas públicas.

d) Dos bosques propiedade de persoas xurídicas, cando polo menos o 50 % do seu capital pertenza a algunha das institucións anteriormente citadas.

e) Dos terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa.

f) Dos terreos que dentro da Rede Natura 2000 teñan hábitats prioritarios establecidos na Directiva 92/43/CEE, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

g) Para as actuacións incluídas no artigo 5.1.a).3º (axudas para as accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras), a totalidade dos terreos dentro da Rede Natura 2000, na súa totalidade, zonas de protección lateral do Camiño de Santiago ou se están afectadan pola normativa de patrimonio cultural de Galicia, conforme o Decreto 232/2008, do 2 de outubro, sobre o Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia».

Tres. O número 1 do artigo 12, Prazos, queda redactado como segue:

«1. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 29 de abril de 2022».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural