Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 6 de abril de 2022 Páx. 22063

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 25 de marzo de 2022 pola que se autoriza unha prórroga da autorización temporal do centro privado estranxeiro Gándara International School, de Gondomar.

Mediante a Orde do 17 de xuño de 2019 prorrogouse a autorización temporal do centro docente estranxeiro Gándara International School, de Gondomar, ata o 31 de agosto de 2021, para impartir, con carácter temporal, as ensinanzas de Pre-School Section (de 3 a 6 anos) e de Elementary Section (de 6 a 12 anos), do sistema educativo dos Estados Unidos de América.

A titularidade do centro solicita unha prórroga da devandita autorización temporal e achega un certificado, con validez ata o 31 de agosto de 2022, de elixibilidade no proceso de acreditación da New England Association of Schools & Colleges (NEASC) para impartir as ensinanzas de Pre-School Section, que se corresponden coa etapa de educación infantil (de 3 a 6 anos) para un máximo de 30 postos escolares, e para as ensinanzas de Elementary Section, que se corresponden coa etapa de educación primaria (de 6 a 12 anos) para un máximo de 80 postos escolares, do sistema educativo dos Estados Unidos de América.

O Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación informa de que non se aprecia ningunha disposición que impida o establecemento dun centro docente para impartir as devanditas ensinanzas e, tendo e conta o principio de reciprocidade, non existe inconveniente para a autorización. Así mesmo, o Ministerio de Educación e Formación Profesional emite informe favorables sobre a autorización das ensinanzas.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Prórroga da autorización temporal

Prorrogar a autorización temporal, ata o 31 de agosto de 2022, do centro privado estranxeiro Gándara International School de Gondomar para impartir as ensinanzas de Pre-School Section (de 3 a 6 anos) e de Elementary Section (de 6 a 12 anos), do sistema educativo dos Estados Unidos de América.

Os datos do centro son os que se detallan a seguir:

Denominación xenérica: centro privado estranxeiro (CPR EX).

Denominación específica: Gándara International School.

Código do centro: 36025001.

Domicilio: r/ Moureira, 1.

Localidade: Mañufe.

Concello: 36388 Gondomar.

Provincia: Pontevedra.

Titular: Noguera y Valdés, S.L.

Ensinanzas que se prorrogan ata o 31 de agosto de 2022:

Sistema educativo dos Estados Unidos de América, para alumnado español e estranxeiro.

Pre-School Section, que se corresponde coa etapa de educación infantil (de 3 a 6 anos) para un máximo de 30 postos escolares.

Elementary Section, que se corresponde coa etapa de educación primaria (de 6 a 12 anos) para un máximo de 80 postos escolares.

Artigo 2. Ensinanzas de lingua e cultura

O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas, de niveles equivalentes aos obrigatorios do sistema educativo español con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos nos correspondentes decretos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.

Artigo 3. Requisitos do profesorado

O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no artigo 2 deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo e terá os dereitos e obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.

A Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de Pontevedra, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.

Artigo 4. Obrigas do centro

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio.

Artigo 5. Inscrición no rexistro

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade