Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Venres, 8 de abril de 2022 Páx. 22476

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 4 de abril de 2022 pola que se modifica a Orde do 23 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR443A).

A Orde do 23 de decembro de 2021 (DOG núm. 8, do 13 de xaneiro de 2022) establece as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios na Comunidade Autónoma de Galicia e convócanse para o ano 2022 (código de procedemento MR443A).

Nesta orde de convocatoria establécense as axudas da Comunidade Autónoma de Galicia segundo o establecido no Decreto 332/1995, do 27 de decembro, polo que se establecen na Comunidade Autónoma galega axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios.

Pola súa banda, o Real decreto 425/2016, do 11 de novembro, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións da Administración xeral do Estado ao seguro agrario, constitúe o marco regulador básico da subscrición do seguro agrario, en forma de achega do Estado ao pagamento da prima, consolidando o procedemento de concesión directa das subvencións da AGE ao seguro agrario iniciado en 1978.

Por outra banda, o artigo 12 «Cálculo da subvención total aplicable», do Real decreto establece no punto 6:

«6. A subvención da Administración xeral do Estado ao seguro agrario será compatible coas subvencións que establezan as comunidades autónomas coa mesma finalidade, sempre que o importe conxunto das devanditas subvencións non supere a intensidade máxima establecida na normativa da Unión Europea en materia de axudas estatais que lle sexa de aplicación, segundo se recolle no anexo I. En caso de superarse a dita intensidade máxima, reducirase o importe correspondente á subvención da comunidade autónoma».

Entre os requisitos dispóñense os límites máximos permitidos pola normativa da Unión Europea en materia de axudas de Estado para subvencionar as pólizas de seguros agrícolas e gandeiras, por unha banda, e as pólizas acuícolas, por outra, do seguinte xeito:

– 65 % do custo da prima do seguro para seguros agrícolas e gandeiros, con base nas directrices da Unión Europea aplicables ás axudas estatais nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais do 2014 ao 2020 (2014/C 204/01) –prorrogadas–.

– 100 % do custo da prima de seguro para as axudas destinadas á retirada de gando morto e o 75 % do custo da prima de seguro no tocante á destrución do devandito gando.

– 50 % do custo da prima do seguro para seguros de poboacións acuícolas, con base no Regulamento (UE) nº 1388/2014 da Comisión, do 16 de decembro de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas a empresas dedicadas á produción, transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

Do establecido no anexo I do Real decreto, norma básica, é necesario modificar a redacción dada ao número 2 do artigo 3 da Orde do 23 de decembro de 2021 (DOG núm. 8, do 13 de xaneiro de 2022) pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR443A), para os efectos de acomodar a dita redacción aos límites máximos para subvencionar as pólizas acuícolas e a porcentaxe asignada á destrución de gando morto nas explotacións gandeiras.

Do mesmo xeito, signifícase que a terminoloxía empregada non concorda coa usada na normativa básica, por canto a porcentaxe respectiva predícase de «o custo da prima de seguro» e non de «o recibo de prima».

Por outra banda, esta modificación do número 2 do artigo 3 da Orde do 23 de decembro de 2021 non supón que ningunha póliza puidese acceder a unha axuda que supere a intensidade máxima establecida na normativa da Unión Europea en materia de axudas estatais que lle sexa de aplicación, posto que segundo se establece na Resolución do 2 de decembro de 2021 (BOE núm. 295, do 10 de decembro), da subsecretaría, pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros do 30 de novembro de 2021, polo que se aproba o cuadraxésimo terceiro Plan de seguros agrarios combinados e no anexo II da Orde do 23 de decembro de 2021 (DOG núm. 8, do 13 de xaneiro de 2022) pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR443A), o período de contratación destas liñas comeza o día 1 de xuño de 2022, polo que na data desta modificación aínda non hai ningunha póliza contratada destas liñas.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 23 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR443A)

O número 2 do artigo 3 da Orde do 23 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2022, queda redacto da seguinte forma:

«2. A concorrencia das axudas das administracións públicas non superará as porcentaxes máximas establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario para atender posibles perdas causadas por desastres naturais, acontecementos de carácter excepcional, fenómenos meteorolóxicos adversos asimilables a desastres naturais, enfermidades animais, pragas vexetais e retirada e destrución de gando morto. Para asegurar o cumprimento desta normativa, as subvencións terán os seguintes límites:

a) A subvención conxunta entre Enesa e a Consellería do Medio Rural non poderá exceder dos límites xenéricos seguintes:

1º. Para as liñas de seguros agrícolas e gandeiros establécese un límite do 65 % do custo da prima do seguro.

2º. Para as liñas de seguros de explotacións acuícolas establécese un límite do 50 % do custo da prima do seguro.

b) No caso dos seguros de retirada e destrución de animais mortos nas explotacións, a subvención conxunta entre Enesa e a Consellería do Medio Rural non poderá exceder do límite xenérico do 100 % do custo da prima de seguro no que respecta á retirada de gando morto e o 75 % do custo da prima de seguro no tocante á destrución do devandito gando».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural