Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 18 de abril de 2022 Páx. 23336

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de innovación, cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN848D).

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle, no seu artigo 27.19, que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, ten por obxecto establecer o marco de referencia para o fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, da transferencia e valorización de resultados e da innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como da súa xestión eficiente. Esta lei, no seu capítulo III, crea o Plan galego de investigación e innovación como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo, e no seu artigo 15.3 atribúelle a consideración de plan estratéxico de subvencións, para os efectos do establecido no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación tecnolóxica dentro da Administración galega e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes. Entre os seus obxectivos destacan o de definir e desenvolver as políticas públicas que lles permitan ás empresas e ao resto de axentes o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento; definir e desenvolver as políticas públicas orientadas á valorización do coñecemento desenvolvido polas empresas, universidades e centros de investigación de Galicia; fomentar a investigación e o desenvolvemento científico e tecnolóxico, a través de iniciativas e programas específicos na Comunidade Autónoma galega; promover as relacións de colaboración entre os distintos axentes do Sistema galego de innovación impulsando a creación e o fortalecemento de redes de coñecemento entre axentes públicos e privados desde unha perspectiva de intercambio e de investigación aberta; favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes e, particularmente, entre os organismos públicos de investigación e as empresas.

Nos artigos 17, 18 e 19 e seguintes da Lei 5/2013, atribúeselle a Axencia Galega de Innovación a execución e gobernanza do Plan galego de investigación e innovación, coa finalidade de fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e apoiar e impulsar o crecemento e a competitividade das empresas galegas.

O primeiro plan que iniciou a senda de definición de políticas de innovación asociadas ao concepto de especialización intelixente foi o Plan de innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C). Este plan é o antecedente inmediato da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia), que foi aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 7 de novembro de 2013 e que define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia para o período 2014-2020 para a selección de prioridades de investimento.

A Estratexia da RIS3 é a estratexia integral para artellar todas as actuacións da I+D+i en Galicia, integra os grandes obxectivos da política económica e industrial da Unión Europea, construída arredor da sustentabilidade, o Pacto Verde Europeo, a transformación dixital e a responsabilidade social.

Esta actuación tamén se encadra na Axenda de Competitividade Industrial: Industria 4.0, máis concretamente no número 5.4, dedicado ao impulso da innovación no ámbito empresarial, así como na Estratexia galega de impulso á biotecnoloxía, que inclúe como un dos seus eixes prioritarios o eixe 2: Fortalecemento e consolidación empresarial, no cal se integra o programa de actuación B1: Capacitación e competitividade innovadora.

Pola súa vez, a Axencia Galega de Innovación, no compromiso coa investigación e innovación responsable (IIR) e en consonancia coa Axenda 2030, a través desta actuación impulsa no ecosistema galego a adopción de medidas que axuden a garantir e incrementar o impacto social das actividades de I+D+i. Na práctica, a IIR impleméntase como un conxunto de medidas que inclúen e facilitan a participación de múltiples actores e das persoas na investigación e na innovación, permitindo un acceso máis sinxelo aos seus resultados, a incorporación do xénero e da ética no contido e no proceso de I+D+i, e na educación científica formal e informal.

En Galicia existe un contorno moi propicio para o progreso da innovación toda vez que o sistema de I+D+i conta con numerosos axentes de primeiro nivel tanto no eido público como no privado (universidades, organismos públicos de investigación, centros tecnolóxicos, centros de innovación, empresas especializadas en servizos de apoio á I+D+i, empresas provedoras de servizos tecnolóxicos e de tecnoloxías facilitadoras...) que dotan a nosa Comunidade dunha oferta moi importante de coñecemento científico e técnico para o tecido empresarial galego.

A abundante e ampla oferta de axentes tecnolóxicos presente no ecosistema galego de innovación non impide que ao mesmo tempo exista unha baixa taxa de absorción, por parte das pequenas e medianas empresas da I+D+i xerada en Galicia, especialmente naquelas pemes non tecnolóxicas pertencentes a sectores tradicionais.

Este instrumento pretende incidir no déficit das empresas, sobre todo das pemes, e en especial as pemes non tecnolóxicas pertencentes a sectores tradicionais, con respecto á súa capacidade de innovar por falta de recursos idóneos para a absorción de coñecementos que se poidan orientar ao desenvolvemento de produtos e servizos, a transferencia de tecnoloxía, a innovación social, a innovación ecolóxica, as aplicacións de servizo público, o estímulo da demanda, a interconexión en rede, as agrupacións e a innovación aberta a través dunha especialización intelixente, e mediante o apoio á investigación tecnolóxica e aplicada, liñas piloto, accións de validación precoz dos produtos, capacidades de fabricación avanzada e primeira produción, en particular en tecnoloxías facilitadoras esenciais e difusión de tecnoloxías polivalentes. Para iso, propiciarase acceso a activos e recursos tanxibles e intanxibles que contribúan obxectivamente a mellorar a súa capacidade de innovación.

O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e as axudas concedidas no marco desta resolución axustaranse ao establecido na normativa europea.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas galegas (pemes), destinadas ao financiamento das actividades integradas en plans de innovación que lles permitan o fortalecemento naquelas áreas que sexan relevantes para a sistematización e internacionalización dos procesos de innovación da empresa e estean aliñados cos retos da RIS3 para Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2022 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva. As axudas concedidas no marco desta resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado publicado no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE núm. 187, do 26.6.2014).

Artigo 2. Definicións

1. Empresa: segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014, considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

2. Microempresa, pequena e mediana empresa: segundo o artigo 2 do anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014, consideraranse pemes as empresas que ocupan menos de 250 persoas e o seu volume de negocio anual non excede os 50 millóns de euros ou o seu balance xeral non excede os 43 millóns de euros. Dentro das pemes, considerarase pequena empresa aquela que ocupa menos de 50 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; e microempresa, aquela que ocupa menos de 10 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

Para o cálculo destes parámetros que definen o tipo de empresa deberanse considerar as indicacións incluídas nos artigos 3, 4, 5 e 6 do citado anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014.

3. Empresa en crise: a que así se defina consonte o previsto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 e as directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise, DOUE C 249, do 31.7.2014, ou documento que o substitúa.

4. Empresa vinculada: son empresas vinculadas, segundo o artigo 3.3 do anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014, aquelas empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:

• unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios da outra empresa;

• unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control da outra empresa;

• unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato subscrito con ela ou dunha cláusula estatutaria da segunda empresa;

• unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo subscrito con outros accionistas ou socios da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas ou socios.

Presumirase que non existe influencia dominante cando os investidores enunciados no artigo 3.2 (segundo parágrafo) do citado anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 non teñan implicación directa ou indirecta na xestión da empresa en cuestión, sen prexuízo dos dereitos que lles correspondan na súa calidade de accionistas.

As empresas que manteñan calquera das relacións recollidas no parágrafo primeiro do artigo 3 do citado anexo I a través doutra ou doutras empresas, ou cos investidores enumerados no punto 2 do mesmo artigo, consideraranse tamén vinculadas.

Tamén se considerarán empresas vinculadas as que manteñan algunha das ditas relacións a través dunha persoa física ou dun grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se as ditas empresas exercen a súa actividade ou parte desta no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos, considerándose mercado contiguo o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á do mercado en cuestión.

5. Empresa asociada: son empresas que manteñen lazos significativos de asociación financeira con outras empresas, sen que ningunha exerza, directa ou indirectamente, un control efectivo sobre a outra.

Son asociadas as empresas que nin son autónomas nin están vinculadas entre si.

A empresa solicitante é asociada doutra empresa se:

• posúe unha participación ou dereitos de votos superiores ou iguais ao 25 % da dita empresa, ou se a dita empresa posúe unha participación ou dereitos de voto superiores ou iguais ao 25 % da empresa solicitante.

• e as empresas non son empresas vinculadas, o que significa, entre outras cousas, que os dereitos de voto dunha delas na outra non supera o 50 %.

• e a empresa solicitante non elabora contas consolidadas que inclúan a dita empresa por consolidación, nin está incluída por consolidación nas contas da dita empresa nin nas de ningunha empresa vinculada a ela.

6. Iniciativa empresarial emprendedora: empresa xa constituída que non supere a antigüidade máxima de 42 meses na data de presentación da solicitude, consonte o establecido no artigo 5 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

7. Investigación aplicada: a que ten como finalidade a obtención de novos coñecementos directamente vinculados a procesos empresariais no desenvolvemento de novos produtos ou procesos ou na mellora substancial dos xa existentes. Tamén se coñece como investigación industrial.

8. Innovación: actividade que ten como resultado a obtención e a posta no mercado de novos produtos, servizos ou procesos, ou melloras substanciais dos xa existentes, de modo que presenten características ou aplicacións que difiran substancialmente dos existentes con anterioridade.

9. Innovación en produto: introdución no mercado dun produto mellorado que difire de xeito significativo dos produtos ou servizos previos tanto para a entidade que os desenvolve como para o mercado que os usa.

10. Transferencia: proceso desenvolvido polas persoas físicas ou xurídicas titulares de resultados de investigación ou tecnoloxías protexidos, destinado a cederlle a outra persoa física ou xurídica diferente da que os obtivo os dereitos sobre a titularidade e/ou o uso destes resultados ou tecnoloxías nos termos que se acorden entre as partes mediante un contrato específico chamado «contrato de transferencia», coa finalidade de incorporar estes resultados ou estas tecnoloxías en procesos de innovación.

11. Valorización: actividade consistente en dotar de valor comercial resultados de investigación ou tecnoloxías protexidos que carecen deste para conseguir a súa explotación empresarial ou a súa transferencia mediante o desenvolvemento de accións específicas e planificadas previamente.

12. Efecto incentivador: considérase que, antes de comenzar a desenvolver as actividades para as cales se solicita a axuda, o beneficiario presentou por escrito a solicitude da axuda (artigo 6 do Regulamento (UE) núm. 651/2014).

13. Retos, prioridades e cadeas de valor da Estratexia RIS3 de Galicia: sintetiza o conxunto de obxectivos tecnolóxicos e de innovación da Estratexia RIS3 de Galicia, baseados tanto en actividades existentes como en oportunidades de futuro.

Retos da RIS3:

• Reto 1: novo modelo de xestión dos recursos naturais e culturais baseados na innovación. Modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan na mellora da eficiencia e o rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación aos usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

• Reto 2: novo modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento. Aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia a través da hibridación e as tecnoloxías facilitadoras esenciais.

• Reto 3: novo modelo de vida saudable cimentado no envellecemento activo da poboación. Situar Galicia como a rexión líder do sur de Europa en oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable: envellecemento activo, aplicación terapéutica de recursos hídricos e mariños e a nutrición funcional.

Prioridades da RIS3 Galicia:

• Prioridade 1: solucións científico-tecnolóxicas para a sustentabilidade. Desenvolvemento e aplicación das diferentes solucións científico-tecnolóxicas e de innovación para avanzar na descarbonización das cadeas de valor, a sustentabilidade dos recursos naturais (terra e mar) e patrimoniais de Galicia, xerando, ademais, oportunidades para a diversificación a produtos sustentables competitivos internacionalmente e mellorando o benestar das persoas.

• Prioridade 2: dixitalización para o novo modelo industrial e social. Apoio á tecnificación e dixitalización (desenvolvemento e/ou incorporación de tecnoloxías) para impulsar o modelo industrial galego e a xestión e prestación de servizos sanitarios e sociais de calidade, como panca para a transformación resiliente de Galicia.

• Prioridade 3: orientación dos esforzos en I+D+i cara aos retos da sociedade en alimentación, saúde e envellecemento activo, convertendo Galicia nun contorno de referencia mundial para o desenvolvemento e o exame de novas oportunidades científico-tecnolóxicas e empresariais: Galicia Living Lab.

Cadeas de valor de Galicia:

• Cadea de valor da industria aeroespacial e aeronáutica.

• Cadea de valor da industria da agroalimentación.

• Cadea de valor da industria de automoción.

• Cadea de valor das enerxías renovables e o almacenamento enerxético.

• Cadea de valor da industria forestal e da madeira.

• Cadea de valor da industria do mar e o medio mariño.

• Cadea de valor da industria naval.

• Cadea de valor da loxística.

• Cadea de valor da saúde, a calidade de vida e o envellecemento.

• Cadea de valor da industria téxtil e da moda.

• Cadea de valor do turismo e do patrimonio.

• Cadea de valor das TIC.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións imputaranse ao capítulo VII do orzamento da Axencia Galega de Innovación á aplicación orzamentaria que se indica neste artigo, na cal existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma Galega, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria segundo o disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitudes que resulte da aplicación dos criterios de valoración.

A distribución de crédito para cada unha das anualidades é:

Aplicación orzamentaria

Código do proxecto

Ano 2022

Ano 2023

Total

06.A2.561A.770.0

2016 00007

1.100.000,00 €

1.700.000,00 €

2.800.000,00 €

2. A distribución de fondos establecida para cada anualidade, na aplicación orzamentaria sinalada, é unha previsión que se deberá axustar tras a valoración das solicitudes de axuda, sen incrementar o crédito total.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas, conforme as definicións contidas no artigo 2, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as cales se solicita a axuda.

2. Os beneficiarios das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán no documento que establece as condicións da axuda (DECA), conforme o disposto no artigo 23 desta resolución.

Artigo 5. Exclusións

Quedan excluídos desta convocatoria e non poderán adquirir a condición de beneficiarios destas axudas:

a) As pemes que xa resultasen beneficiarias dunha axuda no programa Innovapeme do ano 2017 (Resolución do 27 de novembro de 2017; DOG núm. 232, do 7 de decembro), do ano 2019 (Resolución do 29 de xullo de 2019; DOG núm. 153, do 13 de agosto e Resolución do 29 de outubro de 2019; DOG núm. 226, do 27 de novembro), do ano 2020 (Resolución do 15 de setembro de 2020; DOG núm. 196, do 20 de setembro) e do ano 2021 (Resolución do 8 de outubro de 2021; DOG núm. 203, do 21 de outubro).

b) As pemes que, no momento da publicación desta resolución, inclúan como rúbricas exclusivas da Clasificación nacional de actividades económicas CNAE-2009 algunha das seguintes:

• Sección J: Información e comunicacións: quedan excluídas como beneficiarias as empresas das divisións 61: Telecomunicacións; 62: Programación, consultoría e outras actividades relacionadas coa informática, e 63: Servizos de información.

c) As pemes en crise conforme a definición contida no artigo 2.3 desta convocatoria.

A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme e que se cumpren as condicións establecidas no artigo 2.18 do Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión, para considerar unha empresa en crise.

d) As pemes nas cales concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

e) As pemes vinculadas ou asociadas e/ou pertencentes ao mesmo grupo empresarial, nos seguintes casos:

• Que fosen beneficiarias doutras convocatorias do programa Innovapeme.

• Que sexan beneficiarias simultaneamente nesta convocatoria. Neste caso, as pemes beneficiarias deberán determinar cal é o expediente que continúa no procedemento.

f) As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.

g) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á Administración institucional, calquera que sexa a Administración en que se integren.

h) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se crease especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Artigo 6. Contía, intensidade das axudas e concorrencia

1. As axudas concederanse en forma de subvencións. A contía máxima da axuda que pode ser concedida a cada beneficiario determinarase sobre o investimento total que se subvenciona e será conforme os límites de intensidade previstos nos artigos 28 e 29 do Regulamento (UE) núm. 651/2014, segundo a seguinte táboa:

Modalidade

Investimento

Subvención

Intensidade

Subvención non reembolsable

De 80.000 € a 200.000 €

De 40.000 € ata 100.000 €

50 %

2. As axudas concedidas pola Axencia Galega de Innovación ao abeiro desta convocatoria serán compatibles coa percepción doutras axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, salvo que se superen as intensidades máximas de axuda establecidas no Regulamento (UE) núm. 651/2014 que se indican, teñen a consideración de intensidade máxima.

3. Esta convocatoria se establécese en réxime de concorrencia competitiva ata o esgotamento de crédito e conforme os criterios de avaliación establecidos nesta convocatoria.

Artigo 7. Actividades que se subvencionan

1. As actividades incluídas no plan de innovación que se subvencionan serán as que reúnan, necesariamente, as seguintes características.

a) Constituirán un conxunto completo e coherente de actividades, incluídas na memoria descritiva da solicitude, e que permitan implementar e/ou incrementar as capacidades innovadoras da empresa solicitante.

b) O orzamento subvencionable será dun mínimo de 80.000 euros e dun máximo de 200.000 euros.

A presentación dun plan de innovación cun orzamento fóra do rango establecido será causa de inadmisión da solicitude de axuda.

c) A súa duración mínima será dun ano e a máxima estenderase ata o 30 de setembro de 2023; a presentación dun plan de innovación cunha duración fóra do rango establecido será causa de inadmisión da solicitude de axuda.

d) As actividades que se subvencionan serán (a modo indicativo, achégase un catálogo de actividades no anexo I):

I. Actividades de innovación, destinadas principalmente a corrixir deficiencias de mercado relacionadas con externalidades positivas (desbordamento do coñecemento), deficiencias de coordinación e, en menor medida, información asimétrica; estas actividades comprenderán a obtención, validación e defensa de patentes e outros activos inmateriais, e a adquisición de servizos de asesoramento e apoio á innovación.

II. Actividades de innovación, destinadas á mellora de:

– procesos, mediante aplicación de métodos de produción ou loxística, novos ou mellorados de xeito significativo (que inclúa cambios substanciais en canto ás condicións tecnolóxicas, equipamentos ou implementación de novas solucións informáticas).

– e xestión innovadora empresarial, mediante a posta en funcionamento de novos métodos organizativos para a comercialización, a organización do centro e actividades do traballo ou as relacións exteriores da empresa.

Non se inclúen os cambios ou melloras de importancia menor, os aumentos das capacidades de produción ou servizo mediante a introdución de sistemas de fabricación ou loxística moi similares aos xa utilizados, os cambios baseados en métodos organizativos xa empregados na empresa, os cambios na estratexia de xestión, as fusións e adquisicións, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada, a adaptación aos usos locais, os cambios periódicos de carácter estacional ou outros cambios cíclicos, e o comercio de produtos novos ou mellorados de xeito significativo.

2. Soamente se financiarán as actividades desenvolvidas na Comunidade Autónoma galega.

3. De acordo co artigo 6 do Regulamento (UE) núm. 651/2014, considerarase que as axudas teñen un efecto incentivador. O comezo do plan de innovación terá como data mínima de inicio a data de solicitude, polo que calquera actividade ou investimento terá que ser executado con posterioridade á solicitude.

Artigo 8. Conceptos de gasto que se subvencionan

1. Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento dos obxectivos de innovación para os cales foron concedidos. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos que se subvencionan poderá ser superior ao valor de mercado.

2. Para a anualidade de 2022, só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude de subvención e o 30 de setembro de 2022. Para a anualidade 2023, admitiranse os gastos realizados dentro do período comprendido entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2023.

3. Os gastos que se subvencionan deberán respectar o disposto nesta convocatoria, na normativa aplicable e na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020 (e modificacións posteriores) e serán exclusivamente custos directos, entendendo como tales aqueles que estean directa e inequivocamente relacionados coa actividade subvencionada e cuxo nexo con esta actividade se pode demostrar.

Consideraranse custos directos que se subvencionan os seguintes:

I. Custos de obtención, validación e defensa de patentes e outros activos inmateriais, así como a obtención de certificacións: aceptaranse os custos derivados da obtención de certificacións de normas oficiais vinculadas aos obxectivos innovadores presentados na memoria técnica da solicitude, como, a modo indicativo, a especificación EA0047 «Requisitos para a consideración como pequena ou mediana empresa innovadora», EA0043 »Requisitos da xove empresa innovadora» e as incluídas na serie de Normas UNE 166000 dedicadas a apoiar a optimización da «Xestión da I+D+i» e outras certificacións específicas que se consideren adecuadas para o desenvolvemento da actividade empresarial innovadora dentro do plan.

II. Custos de servizos de asesoramento en materia de innovación: consultoría, asistencia e capacitación nos ámbitos da transferencia de coñecemento, a adquisición, protección e explotación de activos inmateriais, e o uso de normas e regulamentos que os incorporan.

III. Custos de servizos de apoio en materia de innovación: accesos a bancos de datos, bibliotecas, estudo de investigación de mercados, laboratorios, etiquetaxe de calidade, ensaio e certificación, co fin de desenvolver produtos, procesos ou servizos máis eficaces.

IV. Custos de persoal, baixo as especificacións do artigo 9 desta convocatoria.

V. Custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición e non adquirido con fondos ou axudas públicas: na medida en que se utilicen para as actividades solicitadas que se subvencionan.

Se o equipamento e material non se utiliza exclusivamente para as actividades do plan, ou por exceder a súa vida útil a duración deste, só serán imputables os custos de amortización que correspondan ao período que se subvenciona, calculados sobre a base das boas prácticas contables e a táboa de coeficientes de amortización lineal da Axencia Tributaria. Para que este custo sexa considerado como gasto, deberase detallar na solicitude o procedemento de cálculo seguido para calcular os custos de amortización tendo en conta o tempo concreto de imputación ás actividades da memoria presentada.

Cando, polas súas características específicas, o equipamento ou material instrumental se dedica exclusivamente ás actividades do plan de innovación e a súa vida útil se esgota ao termo do período que se subvenciona, considerarase como gasto o custo de adquisición. Neste caso, deberanse xustificar na solicitude esta condición e a vida útil deste equipamento.

A instalación do equipamento ou material instrumental, sempre e cando sexa estritamente necesaria para a súa posta en funcionamento, poderase incluír no custo amortizable.

Inclúense neste concepto de gasto as licenzas e renovacións de licenzas de software se son de uso específico para as actividades de I+D+i e non de uso xeral e coherentes cos obxectivos presentados na memoria técnica.

Nesta epígrafe están excluídos os seguintes gastos:

▪ Instalacións de edificios e obra civil (electricidade, climatización, redes de telecomunicacións...).

▪ Equipamento para espazos ou usos alleos ás actividades de I+D+i: zonas de administración ou xestión, salas de reunións, despachos, mobiliario de oficina...

▪ Melloras de aplicacións ou software xa existente ou a súa adaptación; os desenvolvementos ofimáticos (ERP, páxinas web, plataformas de comercio electrónico...), financeiros ou contables;

▪ Servizos de telecomunicacións ou de almacenamento ou hospedaxe da información;

▪ Arrendamento de equipamentos (hardware), redes ou sistemas físicos de tecnoloxías da información ou das comunicacións.

VI. Custos de adquisición de licenzas de propiedade industrial: as licenzas deberán ser adquiridas ou obtidas de fontes externas, sempre e cando a operación se realice en condicións de plena competencia e sen elemento ningún de colusión.

VII. Custos de material, subministracións e produtos similares, que deriven directamente do desenvolvemento das actividades especificadas na memoria presentada na solicitude.

Os custos de material de oficina e consumibles informáticos no se financiarán neste concepto.

Este custo non poderá superar o límite do 20 % do custo total do investimento.

VIII. Subcontratacións: aquelas actuacións contratadas con terceiros que supoñan a execución dunha parte das actividades incluídas no plan de innovación que constitúe o obxecto da subvención.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades, ou prestación de servizos ou subministracións subvencionadas con:

a. Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b. Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c. Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d. Persoas ou entidades vinculadas, asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial que o beneficiario, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Se empresas vinculadas, asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial participan como entidades subcontratadas, como provedores, prestadores de servizos ou dalgunha outra forma, a súa actividade non será subvencionable.

e. Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reuniren os requisitos ou non acadaren a valoración suficiente.

4. No suposto de que o importe do IVE non sexa recuperable, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso, deberase presentar un certificado relativo á situación da entidade co respecto ao IVE.

En ningún caso serán subvencionables as actuacións ou actividades habituais da empresa, nin a modificación ou adaptación de produtos ou servizos existentes, de procesos produtivos ou de procesos en materia de organización, que non supoñan unha innovación.

En concreto, exclúense os custos derivados:

• Do cumprimento da normativa obrigatoria.

• Da implantación de certificados de calidade, ambiente, boas prácticas e similares de tipo xeral e non relacionados coas accións de innovación presentadas na memoria técnica que se presentou na solicitude.

• Das análises, ensaios ou caracterizacións habituais ou recorrentes non vinculados ás accións de innovación que figuran na memoria técnica que se presentou na solicitude.

• Da formación de carácter xeral, técnica ou científica, aínda que sexa necesaria para a introdución dun novo produto, proceso ou servizo diferenciador.

Artigo 9. Custos de persoal

O persoal que participa no plan de innovación e cuxos custos se imputen na solicitude da axuda deberán ter relación contractual coa entidade beneficiaria e estar de alta laboral nun centro de traballo sito na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os custos de persoal serán subvencionables na medida en que se incorrese neles de xeito efectivo, e inclúen os salarios fixados nun contrato de traballo ou na lei e que teñan relación coas responsabilidades especificadas na descrición do posto de traballo correspondente.

Subvencionarase un máximo de cinco persoas dedicadas ao plan de innovación, incluído tanto o persoal propio como o de nova contratación.

1. Poderanse subvencionar:

a) Os custos de persoal propio no tempo imputado exclusivamente ao desenvolvemento do plan de innovación.

b) Os de persoal de nova contratación que se incorpore á entidade para a realización do plan.

2. No caso de persoal propio, cando a imputación ao plan non sexa do 100 %, na memoria que se achegue á solicitude deberanse xustificar os motivos da porcentaxe de imputación do tempo de dedicación ao plan. Non será suficiente unha xustificación xenérica que non permita valorar a adecuación, pertinencia e verificabilidade do tempo imputado.

O custo de persoal propio poderá ser, como máximo, o 50 % do custo subvencionable total do plan.

Só no caso de micropemes se poderán subvencionar os custos de persoal directivo e de xerencia que realice actividades do plan de innovación cando se retribúan a través de nómina e cunha dedicación máxima do 30 %. Na memoria que se achegará coa solicitude xustificaranse detalladamente as funcións/tarefas concretas que desenvolverá este persoal nas diferentes actividades recollidas no plan. Estas funcións deberán ser compatibles co seu labor directivo ou de xerencia. A contía do gasto non poderá exceder os custos máximos anuais por grupo de cotización que figuran no punto catro.

3. No caso de persoal de nova contratación, deberase dedicar de xeito exclusivo cunha dedicación do 100 % ao plan de innovación, a xornada completa, e non ter contrato laboral coa empresa ou empresa vinculada nos seis (6) meses anteriores á formalización do contrato. Non se admitirán a contratos de prácticas.

4. Os custos de persoal que se subvencionan serán os máximos anuais por grupo de cotización que se establecen no seguinte cadro:

Grupo

cotización

Titulación/categoría profesional

Total anual (salario base + % Seguridade Social por conta da empresa)

1

Enxeñaría/licenciatura/persoal de alta dirección

37.350,00 €

2

Enxeñaría técnica, peritaxe e axudantes con título/diplomatura

32.682,00 €

3

Xefes administrativos e de taller (técnicos especialistas)

26.145,00 €

4

Axudantes sen titulación

21.475,00 €

5

Oficiais administrativos

21.475,00 €

6

Subalternos

21.475,00 €

7

Auxiliares administrativos

21.475,00 €

8

Oficiais de primeira e segunda

17.500,00 €

9

Resto de oficiais

17.500,00 €

10

Peóns

17.500,00 €

11

Persoal traballador menor de 18 anos

17.500,00 €

5. Só serán subvencionables aqueles gastos de persoal relacionados con actividades do plan de innovación que se subvenciona e que a entidade non levaría a cabo se non se realiza o plan. Consideraranse custos de persoal subvencionables os custos de salario base do persoal e a parte proporcional do custo da Seguridade Social por conta da empresa.

6. Non se considerarán subvencionables:

a) Os gastos de persoal que non teña relación laboral contractual coa entidade beneficiaria da subvención, salvo no caso dos autónomos societarios retribuídos a través de nónima.

b) Os custos de persoal administrativo relacionados con tarefas de xestión do plan.

c) Os custos de viaxes, as indemnizacións ou axudas de custos.

d) Os custos de persoal directivo e de xerencia que realice labores de I+D+i no caso de medianas empresas e de pequenas empresas que non teñan a categoría de micropemes.

e) Os pagamentos salariais xustificados mediante factura, en todo caso.

7. Calquera modificación no cadro de persoal asignado ao plan de innovación deberá ser motivada e xustificada, e será aprobada pola Axencia Galega de Innovación. En caso de se producir substitucións, ademais, a persoa substituta deberá cumprir as mesmas condicións de perfil e contratación que a persoa que causou baixa.

Artigo 10. Ofertas

De acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable, no caso de adquisición de bens de equipos e contratación de servizos ou subministracións e materiais, iguale ou supere os 15.000 euros, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

Estas excepcións deberanse xustificar expresamente. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 11. Subcontratacións

1. As entidades beneficiarias das axudas poderán subcontratar as actividades subvencionadas ata unha porcentaxe máxima do 50% do orzamento subvencionable, respectando para iso o establecido nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei e no artigo 8 desta convocatoria.

A subcontatación deberá estar debidamente xustificada e motivada na memoria técnica da solicitude.

2. Considéranse subcontratacións as actuacións contratadas a terceiros que supoñan a execución total ou parcial das actividades do plan de innovación que constitúe o obxecto da subvención e que non poden ser realizadas polos beneficiarios, cuestión que haberá que xustificar e motivar na memoria técnica do plan de innovación.

Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer o beneficiario para a realización por si mesmo da actividade subvencionada. As tarefas subcontratadas non poderán ser realizadas polos beneficiarios cos seus propios medios, tanto humanos como materiais.

3. Conforme o establecido no artigo 27.3 da citada Lei 9/2007, que estable que, cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da actividade subvencionada e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscriba por escrito.

b) Que a súa subscrición a autorice previamente a Axencia Galega de Innovación.

Non se poderá fraccionar un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos exixidos no parágrafo anterior.

4. En ningún caso as entidades beneficiarias poderán subcontratar con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunhas das prohibicións que se recollen no artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe do custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades solicitantes de axuda na mesma convocatoria que non obtivesen subvención por non reuniren os requisitos ou non acadaran a valoración suficiente.

e) Persoas ou entidades vinculadas ou asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial que o beneficiario. Se persoas ou entidades vinculadas ou asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial co beneficiario participan como entidades subcontratadas, a súa actividade non será subvencionable.

Artigo 12. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo III) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao día seguinte ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderáse que o prazo expira o derradeiro día do mes.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 13. Documentación complementaria

1. Para a tramitación do procedemento é necesario achegar, xunto co formulario de solicitude (anexo III), a seguinte documentación:

a) Memoria técnica do plan de innovación proposto, cuxo contido se indica no anexo IV, e que inclúe o seu orzamento e actividades que se van desenvolver xunto con outros datos detallados. Este anexo editable estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal).

A non presentación da memoria técnica será causa de inadmisión da solicitude.

b) Copia do informe de benchmarking de innovación Innobench, que se poderá obter na ligazón http://www.zfv.es/innobench/ e que servirá de referencia para a avaliación da idoneidade do plan.

c) Copia da escritura de constitución da entidade e as súas modificacións posteriores.

d) Certificación actualizada do Rexistro Mercantil, na cal se especifiquen a data de constitución, o obxecto social, capital, sede social e clasificación CNAE...

e) De ser o caso, poder de representación bastante.

f) Declaración completa do imposto de sociedades do último exercicio pechado, modelo 200 da Axencia Tributaria Estatal.

g) Informe do cadro de persoal medio anual, emitido pola Seguridade Social, do ano 2021.

No caso de non ter traballadores dados de alta no réxime xeral da Seguridade Social, achegarase documento acreditativo emitido pola Seguridade Social e declaración responsable do representante legal da entidade de non ter traballadores.

h) Anexo V, declaración da condición de peme.

No caso de pemes vinculadas, asociadas ou participadas de acordo cos criterios establecidos no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, deberanse achegar os anexos V-A, V-B, V-A.1 ou V-B.1, segundo corresponda.

Tamén, como documentación complementaria, se deberá achegar para cada unha das empresas vinculadas ou asociadas a documentación das alíneas c), d), f), g) deste artigo.

i) Deberase presentar a documentación acreditativa daqueles criterios de avaliación que se detallan no artigo 21 desta convocatoria, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderaselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que cómpre presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento á Consellería de Facenda.

h) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos que correspondan.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da dita lei, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

3. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora e do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo, co código IN848D, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa lapela de axudas.

b) Nos teléfonos 981 95 70 17, 981 54 10 79 e 981 95 73 93 da dita axencia.

c) No enderezo electrónico servizos.gain@xunta.gal

d) Na Guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento e as incidencias no funcionamento na sede electrónica poderase facer uso do teléfono de Información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 6 e seguintes da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

4. En cumprimento do previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberaselles dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Instrución do procedemento e tramitación

1. A Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, e corresponderalle á Dirección da Axencia Galega de Innovación ditar as resolucións de outorgamento das ditas axudas.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, ou non se lle xunta a documentación exixida, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderaselle requirir ao solicitante que subministre cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver os procedementos e para o seguimento e avaliación da RIS3 en que se enmarcan estas axudas.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán avaliados consonte os criterios de avaliación e remitidos á Comisión de Selección.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

6. O feito de non se axustar aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Comisión de Selección

1. A Comisión de Selección será o órgano colexiado encargado de seleccionar as solicitudes e estará composta por:

a) Un/unha director/a de área da Axencia Galega de Innovación, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a.

b) Unha persoa que exerza a xefatura de departamento da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue.

c) Tres empregados públicos da Axencia Galega de Innovación, dos cales un deles actuará como secretario.

2. A Comisión realizará a selección de acordo co informe de avaliación realizado para cada solicitude, conforme os criterios de valoración establecidos nas bases reguladoras do procedemento.

Proporase a concesión das solicitudes por orde decrecente de puntuación ata esgotar os créditos dispoñibles, e quedarán, de ser o caso, como suplentes aquelas solicitudes para as cales non se dispón de crédito suficiente pero que acadaron unha puntuación igual ou superior á puntuación mínima exixida para ser beneficiario (60 puntos).

3. A Comisión de Selección emitirá un informe final no cal figurarán, de xeito individualizado, as solicitudes propostas para obteren a subvención e se especificará a avaliación que lles corresponde. Así mesmo, indicarase o importe do custo subvencionable e da subvención para cada un deles sen superar o crédito dispoñible e tendo en conta a intensidade da axuda prevista nesta convocatoria.

Artigo 21. Criterios de avaliación

A avaliación de cada solicitude que reúna os requisitos exixidos nesta convocatoria será realizada por xestores/as técnicos/as da GAIN, que poderán contar co apoio de persoal experto externo.

1. Os criterios de avaliación clasifícanse, segundo as características que se van examinar, en tres epígrafes:

A. Da empresa solicitante.

B. Do plan de innovación presentado.

C. Dos resultados esperados pola implantación do plan.

A avaliación de cada plan de innovación que reúna os requisitos exixidos nesta convocatoria realízase sobre un total de 100 puntos, que se outorgarán atendendo aos obxectivos e aspectos técnicos e económico-financeiros do plan de innovación, así como á súa potencialidade para xerar valor económico, segundo os seguintes criterios de avaliación parametrizados como segue:

A. Da empresa (20 puntos).

A.1. Perfil da empresa (ata 10 puntos).

a) Microempresa............................................................................................. (3 puntos).

b) Pequena empresa....................................................................................... (2 puntos).

c) Xeolocalización (zonas despoboadas ou rurais, segundo a Orde do 9 de febreiro de 2017, da Consellería de Facenda, pola que se determinan as parroquias que teñen a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais (...) (DOG núm. 29,
do 10.2.2017)...................................................................................................... (4 puntos).

d) Nos ter sido beneficiario nos últimos tres (3) anos de axudas de I+D+i ou incentivos fiscais....................................................................................................................(3 puntos).

A.2. Solvencia económica e técnicas (ata 5 puntos).

a) Económica (volume anual de negocio maior que 1,5 veces o investimento total do plan de innovación)...............................................................................................(2 puntos).

b) Investimento I+D+i declarado........................................................................(1 punto).

c) Avaliación do informe Innobench..................................................................(2 puntos).

A.3. Responsabilidade social e sustentabilidade (ata 5 puntos).

a) Dispor dun plan de igualdade rexistrado.....................................................(+1 punto).

b) Cadro de persoal paritario e responsabilidade social:

i. 40-60 % mulleres...........................................................................................(+1 punto).

ii. > 60 % mulleres...........................................................................................(+3 puntos).

iii. > 10 % de persoal con diversidade funcional recoñecida..........................(+2 puntos).

c) Compromiso coa sustentabilidade ambiental...............................................(+1 punto).

d) Responsabilidade social empresarial...........................................................(+1 punto).

e) Adecuación á investigación responsable (IIR)..............................................(+1 punto).

B. Do plan de innovación (68 puntos).

B.1. Viabilidade técnica e metodolóxica (até 45 puntos).

a) Grao de definición, claridade e adecuación das actividades aos obxectivos do plan .............................................................................................................................(10 puntos).

b) Diversificación de actividades...................................................................(10 puntos).

c) Adecuación do equipo humano implicado..................................................(10 puntos).

d) Coherencia económico-financeira..............................................................(10 puntos).

e) TFE (especificadas no anexo I) e métodos de elevada intensificación tecnolóxica empregados no plan..............................................................................................(5 puntos).

B.2. Impacto sociolaboral e creación de emprego (ata 10 puntos).

a) Cada nova contratación co perfil muller.....................................................(+5 puntos).

b) Cada nova contratación co perfil de diversidade funcional >33 %...............(+5 puntos).

c) Cada nova contratación con outro perfil.....................................................(+3 puntos).

B.3. Colaboración cos axentes de innovación (ata 10 puntos).

a) Organismo público ou privado de investigación con sede en Galicia.......(+4 puntos).

b) Provedores de TFE (anexo I).....................................................................(+4 puntos).

B.4. Aliñamento do contido do plan cos retos RIS3 Galicia (3 puntos).

C. Impactos e resultados do plan (ata 12 puntos).

C.1. Resultados esperados de internacionalización.........................................(3 puntos).

C.2. Desenvolvemento de novos procesos, deseño de produtos e cambios organizativos substanciais...........................................................................................................(3 puntos).

C.3. Subministrar a I+D+i na empresa...............................................................(3 puntos).

C.4. Mellora da capacidade operativa, competitiva e posición non mercado.....(3 puntos).

A IIR (investigación responsable) desenvolvida pola empresa deberase aliñar con:

a) A I+D realizada axudará a mellorar a calidade de vida e a saúde dos cidadáns.

b) A I+D realizada terá un impacto positivo na conservación ambiental e/ou dará lugar a unha relación máis sustentable entre a sociedade, a industria e o ambiente.

c) A I+D realizada axudará a aumentar o coñecemento, concienciación e comprensión da ciencia, enxeñaría e a tecnoloxía entre a sociedade en xeral.

d) A I+D realizada axudará a mellorar a reputación internacional da rexión.

e) A I+D realizada cumpre cos criterios éticos da investigación.

As puntuacións na epígrafe B.2 Impacto sociolaboral e creación de emprego son acumulables entre si. Para puntuar nesta epígrafe, as novas contratacións feitas no plan de innovación terán que cumprir os seguintes requisitos:

• A retribución anual bruta que percibirá cada persoa contratada adscrita ao plan deberá figurar expresamente no contrato e non poderá ser inferior a 19.000 €.

• Para os efectos do disposto nesta convocatoria, consideraranse os grupos de cotización correspondentes á titulación do persoal contratado segundo a seguinte táboa:

Titulación

Grupo/s cotización á Seg. Social

Título superior universitario (licenciado universitario, arquitecto, enxeñeiro ou grao)

1 ou 2

Título medio universitario (graduado, diplomado, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou grao)

1 ou 2

Título de formación profesional de grado superior ou equivalente

3 ou 5

A colaboración cos axentes de innovación que se puntúa deberá ter contido económico, cun importe mínimo de 10.000 €. En todo caso, a formalización da colaboración será a través dun documento de compromiso ou contrato, que se poderá condicionar a resultar beneficiaria da subvención, e deberá recoller, como mínimo, os seguintes aspectos: obxectivos da colaboración, descrición das actividades, data de inicio e duración total, orzamento total e desagregación por anualidades. A obtención da puntuación correspondente a esta colaboración estará condicionada á presentación do dito documento de compromiso ou contrato da colaboración xunto coa solicitude.

2. No caso de empate nas puntuacións, como criterio de desempate terán preferencia as empresas que dispoñan dun plan de igualdade dos previstos no capítulo I do título III do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

No caso de persistir o empate, terase en conta a puntuación obtida do criterio de valoración establecido en primeiro lugar, e así sucesivamente.

Artigo 22. Trámite de audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución desta convocatoria, poráselles de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e as xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 23. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola Comisión de Selección á directora da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.

Na proposta de resolución figurarán de xeito individualizado as solicitudes propostas para obteren a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nas bases reguladoras. Indicarase, así mesmo, o importe da subvención para cada unha delas.

No expediente de concesión de subvencións tamén se fará constar o informe do órgano instrutor no cal conste que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para accederen ás axudas.

2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, ao non seren tidos en conta outros feitos ou outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, a directora da Axencia Galega de Innovación ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. A resolución expresará, cando menos:

a) A denominación das entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda concedida e a desagregación dos ditos importes por anualidades, se é o caso.

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes que non se admitiron a trámite.

4. En todo caso, deberáselle notificar a cada beneficiario un documento no cal deberán figurar, como mínimo, a identificación do beneficiario, a contía da subvención e obrigas que correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que se deban obter coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa que debe conter o documento polo cal se establecen as condicións de axuda (DECA).

5. No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor no cal conste que, da información que ten no seu poder, se desprende que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para accederen ás axudas.

6. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de tres meses, contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo para a presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

7. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 desa lei, a notificación individual de concesión da axuda poderase substituír pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

Artigo 24. Réxime de recursos

1. Segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria os interesados poderán interpor recurso de alzada, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor o recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso de reposición, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor o recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

Artigo 25. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer na sede electrónica onde se tramitou o procedemento ou por calquera outro medio que permita a súa constancia, sempre que incorpore as sinaturas que correspondan ás persoas coa capacidade de obrar en nome da entidade beneficiaria, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da dita norma.

Artigo 26. Modificación da resolución

1. As actuacións subvencionadas débense executar no tempo e na forma que se determinen nas resolucións de concesión, e deberase obter autorización previa da Axencia Galega de Innovación para realizar cambios nelas.

2. Porén, cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano concedente.

3. Tamén se poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario, sempre que este presente a solicitude de modificación cunha anterioridade mínima de vinte (20) días á data de finalización do prazo de xustificación da anualidade correspondente, se se cumpren os seguintes requisitos:

a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.

b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que fosen determinantes para a concesión da axuda, a determinación do beneficiario, nin danen dereitos de terceiros.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non se puideron prever no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supor a denegación da subvención nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. A solicitude de modificación debe ser formulada polo representante legal da entidade beneficiaria, que expresará os motivos dos cambios que se propoñen e xustificará a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

Salvo naqueles supostos en que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada no Rexistro da solicitude de modificación.

5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola directora da Axencia Galega de Innovación, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. A autorización da modificación deberase realizar de forma expresa e notificaráselle ao interesado.

Artigo 27. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria e normativa de aplicación, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

i. Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e a acreditalo ante o órgano concedente, así como cumprir os requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión, e no documento en que se establecen as condicións de axuda.

ii. Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e o desfrute da subvención.

iii. Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

iv. Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

v. Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

vi. Comunicarlle á Axencia Galega de Innovación a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

vii. Desenvolver as actividades do plan de innovación na Comunidade Autónoma de Galicia.

viii. Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación autorización previa para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobadas. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable suporá a non admisión das cantidades desviadas.

ix. Darlles publicidade ás axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, relatorios, equipamentos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con elas, mencionando expresamente a súa orixe e o financiamento da Axencia Galega de Innovación. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na páxina web da empresa. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Axencia Galega de Innovación e a frase «subvencionado pola Axencia Galega de Innovación».

As instrucións detalladas relativas ás obrigas de publicidade da axuda estarán á disposición na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe Axudas.

x. Realizar un evento de difusión no momento da finalización do plan de innovación, para expor os resultados e logros acadados non suxeitos á confidencialidade. Este evento realizarase, como máximo seis (6) meses despois da finalización das actividades do plan de innovación. No evento se porase de manifesto o apoio da Axencia Galega de Innovación. A data de realización do evento deberá ser comunicada cunha antelación mínima de dez (10) días naturais.

xi. Colocar, nun lugar ben visible para o público, un cartel informativo, de tamaño mínimo A3, no cal figurarán, como mínimo, o nome da actividade subvencionada, o logotipo da Axencia Galega de Innovación e a frase «subvencionado pola Axencia Galega de Innovación».

xii. No caso de persoal de nova contratación, farase mención expresa no contrato ao financiamento da Axencia Galega de Innovación e a esta convocatoria.

Para o resto de persoal dedicado ás actividades do plan de innovación, o beneficiario deberalle comunicar por escrito ao traballador que parte do seu salario está a ser financiado pola Axencia Galega de Innovación, e incluirá unha mención expresa a esta convocatoria e á porcentaxe de imputación do seu tempo ás actividades do plan de innovación.

xiii. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes aos investimentos realizados ao abeiro desta resolución, e conservar a documentación xustificativa relativa a esta subvención durante un prazo de cinco anos, contados a partir do ano en que rematan as actividades obxecto da axuda.

xiv. Facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros instrumentos, en particular as enquisas do INE, relacionados coa medición da I+D+i. Os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar consignados á Comunidade Autónoma de Galicia.

No marco do Plan de avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias, así como o seu nivel de satisfacción co apoio recibido. Para tales efectos, e por indicación da Axencia Galega de innovación, durante a execución e ao finalizar a axuda (expost), os beneficiarios deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores, entre os cales se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+i.

xv. Asistir a unha xornada formativa impartida pola Axencia Galega de Innovación sobre as obrigas desta axuda e outros aspectos relacionados cos obxectivos da Axencia, para o cal será convocado expresamente con antelación. Á dita xornada deberá acudir, como mínimo, unha persoa pertencente ao cadro de persoal do beneficiario, vinculada ás tarefas de innovación.

xvi. Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.

Artigo 28. Xustificación da subvención

1. Prazos de xustificación:

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:

– Primeira anualidade: desde a data de presentación da solicitude ata o 30 de setembro de 2022. Presentación da documentación xustificativa, ata o 14 de outubro de 2022.

– Segunda anualidade: desde o 1 de outubro de 2022 ata o 30 de setembro de 2023. Presentación da documentación xustificativa, ata o 16 de outubro de 2023.

2. Exceptúanse desta regra xeral aqueles gastos cuxos pagamentos se deban efectuar nun momento posterior por se axustaren aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento antes de finalizar o mes seguinte a aquel en que ao beneficiario lle corresponda liquidar eses gastos.

3. A xustificación da execución dos custos das actividades para os cales se concede a axuda deberase facer accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, e cubrindo o formulario de achega de documentación xustificativa. Incluirase como documentación adicional a que se detalla a seguir.

4. Deberase presentar a documentación xustificativa económica e técnica necesaria para acreditar a execución das actividades e os gastos implicados no plan de innovación.

As instrucións detalladas, os formularios correspondentes e documentos tipo para a presentación da documentación xustificativa estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) e será preciso presentar a documentación de xeito ordenado seguindo a estrutura establecida nas ditas indicacións.

5. Sen prexuízo da documentación que se indique, poderanse requirir a información, os datos, os documentos complementarios e as aclaracións que resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

6. Soamente serán admitidos os custos para os cales quede demostrada de xeito explícito a súa rastrexabilidade, con pistas de auditoría suficientes para a súa verificación, e que cumpran os requisitos e preceptos establecidos nesta convocatoria e normativa de aplicación.

7. Se, transcorrido o prazo establecido para a xustificación da subvención, a empresa non presenta a documentación pertinente, a Axencia Galega de Innovación requiriraa para que no prazo improrrogable de dez días a presente, e advertíraa de que a falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Documentación xustificativa económica

Para a xustificación de cada anualidade, a empresa beneficiaria achegará a seguinte documentación, cuxos modelos estarán dispoñibles na web da Axencia Galega de Innovación xunto coas instrucións necesarias, a través da Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia:

1. Solicitude de libramento da axuda, asinada polo representante legal.

2. Resumo global de execución do plan de innovación. Neste documento incluiranse a totalidade dos conceptos subvencionables, os datos do provedor, o importe (IVE excluído) e outros datos requiridos.

3. As seguintes declaracións responsables, segundo os modelos establecidos:

i. Declaración do conxunto de axudas solicitadas ou concedidas, para a mesma finalidade, e tamén aquelas solicitadas ou concedidas, para os mesmos custos aínda que a finalidade for diferente, de todas as administracións públicas.

De ser o caso, deberase achegar unha copia simple da resolución de concesión desoutras axudas ou documentación complementaria.

ii. Declaración de mantemento de contabilidade separada para o plan de innovación.

iii. Declaración responsable dos datos de titularidade da conta bancaria da entidade beneficiaria onde se deba efectuar o pagamento.

4. No caso de que a entidade beneficiaria se opoña ou non manifeste consentimento expreso para a súa consulta por parte do órgano xestor, achegaranse os certificados que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o beneficiario está ao día nas súas obrigas tributarias.

5. Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos, consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 48 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da citada lei. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia en formato pdf dos documentos orixinais.

6. Documentación xustificativa do pagamento: os pagamentos xustificaranse con copia de transferencias bancarias, certificacións bancarias, extractos bancarios ou documentos obtidos a través da banca electrónica. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor.

Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, o número de factura e a satisfacción do importe total da factura (IVE incluído), así como o concepto a que se refiren. No caso de que no documento de pagamento non se faga referencia ás facturas, deberá ir acompañado da documentación complementaria que permita verificar a correspondencia entre gasto e pagamento.

No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, xuntarase unha relación detallada delas en que se poida apreciar que o pagamento se corresponde coas ditas facturas. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao plan, será necesario achegar o correspondente extracto bancario xunto coa orde de pagamento da empresa selada polo banco, coa relación detallada das facturas e copia destas.

En ningún caso se admitirán pagamentos xustificados mediante recibos do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

7. Certificado relativo á situación da entidade con respecto ao IVE, só para os casos en que o seu importe non sexa recuperable total ou parcialmente, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso, deberase presentar un certificado de exención ou rateo relativo á situación da entidade con respecto ao IVE.

8. Para a xustificación de custos de persoal, deberanse achegar:

i. Certificación dos custos de persoal debidamente asinada, segundo os formularios normalizados da convocatoria, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ás actividades do plan, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na entidade, retribución bruta e líquida mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo ao organismo de investigación/empresa, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado (retribucións e Seguridade Social) segundo a dedicación de cada traballador ás actividades do plan.

ii. Follas mensuais da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao plan de innovación subvencionado, asinadas por cada traballador/a e a persoa responsable da entidade, segundo o formulario normalizado.

iii. Xustificación da comunicación por escrito ao traballador de que parte do seu salario está a ser cofinanciado pola subvención desta convocatoria.

iv. Declaración asinada polo responsable de Recursos Humanos cos importes mensuais de retencións do IRPF dos traballadores dedicados ás actividades do plan, xunto cos modelos 111 e cos seus correspondentes xustificantes bancarios. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe considerarase xustificado coa presentación da citada declaración e as entidades quedarán obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación no prazo máximo dun mes desde a data límite de xustificación establecida na convocatoria.

v. Copias das nóminas do persoal dedicado ás actividades do plan de innovación e copias dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores e o concepto, así como as cantidades percibidas por cada un deles. Cando a documentación xustificativa deste gasto conste nun xustificante bancario da remesa total mensual, deberase achegar a listaxe da orde de transferencia en que se detallen os distintos traballadores incluídos, que deberá estar selada pola entidade bancaria.

vi. Boletíns de cotización á Seguridade Social e os seus xustificantes de pagamento. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, as entidades quedarán obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación no prazo máximo dun mes desde a data límite de xustificación establecida na convocatoria.

vii. Informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social para cada un dos traballadores.

viii. No caso de persoal de nova contratación, deberase achegar copia do contrato de traballo en que se poida verificar a contratación para o desenvolvemento de actividades do plan, conforme os requisitos desta convocatoria. Copia da titulación académica.

ix. De ser o caso, certificado acreditativo do grao de discapacidade do persoal contratado.

x. De acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable iguale ou supere a contía de 15.000 euros, no suposto de subministración de bens de equipo e servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso da prestación de servizo ou entrega do ben, salvo que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto fose realizado con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán presentar na xustificación, deberase xustificar expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

xi. No caso de equipamentos e material instrumental, declaración asinada polo representante legal da empresa, na cal se detalle:

1º. Que o equipamento e material instrumental imputado á subvención non foi adquirido con fondos ou axudas públicas.

2º. De ser o caso, o cadro de amortización de cada equipamento calculado sobre a base de boas prácticas contables, así como informe técnico sobre o período de amortización. En todo caso, esta documentación deberá ir acompañada dos estados contables da entidade e dos correspondentes documentos xustificativos do gasto e pagamento da compra. A Axencia Galega de Innovación poderá comprobar a veracidade destes datos accedendo, en calquera momento, aos documentos contables da empresa.

xii. No caso de subcontratacións, deberase achegar a seguinte documentación:

1º. Copia da factura emitida pola entidade subcontratada na cal se especifiquen claramente o título e contido das actividades do plan de innovación financiadas.

2º. Xustificantes de pagamento da/das factura/s da subcontratación.

3º. Memoria xustificativa realizada polo subcontratista na cal se detallen os traballos da execución das actividades contratadas do plan.

9. Malia o disposto neste artigo, no presente procedemento admitiranse a dixitalización de documentos en papel debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación coa organización da emisión das copias electrónicas.

Artigo 30. Documentación xustificativa técnica

1. A documentación xustificativa técnica das actividades desenvolvidas constará de:

i. Informe técnico normalizado (parcial ou final), no cal constarán o grao de desenvolvemento das actividades realizadas, as melloras producidas e os obxectivos acadados en relación co impacto do plan de innovación e o incremento do desempeño innovador da empresa.

ii. Memoria libre sobre a evolución do plan, na cal se deberá incluír a xustificación do cumprimento das normas de publicidade do artigo 27.ix desta convocatoria, a través de:

a) Fotografía/s do cartel que divulga a obtención da axuda, colocado nun lugar visible das dependencias na empresa.

b) Ligazón á páxina web da empresa, onde figure a publicidade da axuda.

c) Probas gráficas das medidas de información e comunicación realizadas.

As instrucións detalladas sobre as características e colocación do cartel ou placa estarán á disposición na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe Axudas.

iii. Copia do informe de benchmarking de innovación Innobench, que poderá obter na ligazón http://www.zfv.es/innobench/ actualizado na data de finalización do plan de innovación.

2. Sen prexuízo da documentación anteriormente indicada, poderase requirir do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 31. Pagamento

1. O pagamento da axuda da Axencia Galega de Innovación efectuaráselle ao beneficiario ou á entidade con dereito ao seu cobramento, despois da verificación da documentación xustificativa presentada e das accións de inspección e verificación preceptivas para cada anualidade.

2. Poderanse realizar pagamentos anticipados e á conta das subvencións recollidas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e nesta convocatoria. A concesión destes pagamentos realizarase mediante resolución motivada.

i. Anualidade 2022: poderase solicitar o anticipo de ata o 50 % do importe concedido para esta anualidade. A entidade beneficiaria que queira solicitar o anticipo deberá presentar a solicitude no modelo que estará ao seu dispor na páxina web da Axencia Galega de Innovación e na cal se incluirá unha declaración responsable de ter iniciado as actividades do plan, así como achegar a documentación complementaria indicada: declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, de todas as administracións públicas, e a certificación bancaria actualizada onde se materializará o pagamento.

Esta solicitude deberase cursar no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación da resolución de concesión.

ii. Anualidade 2023: poderase anticipar, como máximo, ata o 50 % do importe da subvención concedida para esta anualidade sempre que, conxuntamente cos pagamentos anticipados e á conta realizados ata ese momento, non se supere o 80 % do importe da subvención total, conforme o punto 3 deste artigo.

A entidade beneficiaria que queira solicitar o anticipo desta anualidade deberá presentar a solicitude, no modelo indicado anteriormente, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da notificación da resolución de pagamento da anualidade 2022.

No caso de que a xustificación da anualidade anterior sexa insuficiente e dea lugar a unha minoración da subvención que implique reintegro dun importe por parte do beneficiario, detraerase do importe do pagamento anticipado desta anualidade.

3. O importe conxunto dos pagamentos parciais, á conta e dos pagamentos anticipados non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

4. No caso de pagamentos á conta ou anticipos, non se precisará a presentación de garantías de acordo co disposto no 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

5. Ademais, con carácter previo ao pagamento final da subvención, será obrigatoria unha actividade de inspección por parte da Axencia Galega de Innovación para comprobar a realización das actividades desenvolvidas no plan de innovación, tendo como referencia as previsións da entidade beneficiaria valoradas no artigo 21 desta convocatoria.

No caso de subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento por parte do órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade, asinada tanto polo representante da Administración coma polo beneficiario.

Artigo 32. Control

1. A Axencia Galega de Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxecto das subvencións.

En calquera momento, poderanse realizar visitas aos beneficiarios coa finalidade de realizar comprobacións e solicitudes de aclaracións que se consideren necesarias para a verificación do correcto desenvolvemento das actividades para as cales se concedeu a axuda, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou o desvío dos obxectivos para os cales se concederon, poderá propor a suspensión da subvención concedida.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

3. Así mesmo, a Axencia Galega de Innovación poderá convocar os beneficiarios, se o considera necesario, a unha entrevista en relación coa execución das actividades e os resultados obtidos.

4. Previamente ao pagamento final da subvención, será obrigatorio que a Axencia Galega de Innovación realice unha actividade de inspección. Ademais desta actividade final de inspección, a Axencia, no marco dos seus plans de inspección, poderá realizar as visitas e comprobacións iniciais, intermedias e finais que considere convenientes.

A comprobación dará lugar a un informe técnico positivo ou negativo. O segundo caso suporá, de acordo co disposto nesta convocatoria, unha minoración da axuda igual á porcentaxe de incumprimento sinalado no informe técnico, sempre e cando o incumprimento non supere o 40 % do investimento concedido, suposto en que procederá o reintegro total.

5. Conforme o sinalado no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento por parte da Axencia Galega de Innovación, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade, asinada tanto polo representante da Administración coma polo beneficiario.

6. Se, pola situación excepcional derivada pola pandemia da COVID, non for oportuno realizar a inspección in situ, poderase substituír transitoriamente pola entrega de xustificación documental en que se constate, de forma razoable e suficiente, a realización da actividade subvencionada, e, no caso de activos tanxibles, polo envío de materiais fotográficos por parte do beneficiario, de modo que se poida comprobar o correcto funcionamento destes e as súas características, número de serie e o cumprimento dos requisitos de publicidade previstos na convocatoria, sen prexuízo de que posteriormente, cando sexa posible, se efectúe a dita inspección.

Artigo 33. Gradación dos incumprimentos, perda do dereito ao cobramento, reintegros e sancións

1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como os compromisos asumidos nela durante a execución das actividades subvencionadas e o tempo establecido na normativa de aplicación. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos recollidos no artigo 32 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

2. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento por parte do beneficiario da súa obriga de estar ao día nas súas obrigas coa Facenda estatal, a autonómica e coa Seguridade Social.

3. Serán causas de reintegro as seguintes:

1º. O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos subministrados polo beneficiario que servisen de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a impedisen.

2º. O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do plan de innovación inicial ou da finalidade para a cal foi concedida a axuda.

3º. O incumprimento da obrigación de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

4º. O incumprimento da obrigación de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 27 desta convocatoria.

5º. A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, de rexistro ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

6º. O incumprimento dos prazos de mantemento da actividade ou do emprego.

7º. A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

8º. Non facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación, nos termos e condicións establecidos no artigo 27.xiv desta convocatoria.

9º. Non asistir á xornada formativa que impartirá a Axencia Galega de Innovación, nos termos e condicións establecidos no artigo 27.xv desta convocatoria.

10º. Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

En todo caso, serán causas de incumprimento total:

1º. Non xustificar a execución dun orzamento mínimo de 70.000 € para o plan de innovación.

2º. A obtención dun informe final negativo que estableza unha porcentaxe de incumprimento superior ao 40 %, de acordo co disposto no artigo 32.4 desta convocatoria.

5. Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, poderase apreciar un incumprimento parcial e deberase resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que teña a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

1º. No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de aplicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables; se é o caso, deberanse reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción.

2º. De se teren incumprido as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do plan de innovación dando lugar a un informe final negativo, o incumprimento valorarase en función deste e suporá a aplicación dunha minoración da axuda igual á porcentaxe de incumprimento sinalado no informe técnico, sempre que se acade a porcentaxe mínima para non dar lugar ao reintegro total.

3º. Non comunicar a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas suporá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora e a perda dun 5 % da subvención concedida, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

4º. Non lle dar publicidade ao financiamento do plan de innovación segundo a normativa comunitaria de conformidade co artigo 27 desta convocatoria suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

5º. Non comunicar a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención suporá a perda do 5 % da subvención concedida.

6º. Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

7º. Non respectar o mantemento do emprego por un período de dous (2) anos para as contratacións indefinidas realizadas ao abeiro do plan de innovación será causa de reintegro de ata o 1 % da subvención concedida por cada mes completo que reste para completar o dito período de dous (2) anos. Este reintegro só procederá naqueles casos en que a baixa do traballador non teña carácter de voluntario.

8º. Non facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación será causa de reintegro de ata o 2 % da subvención concedida.

9º. Non asistir á xornada formativa que impartirá a Axencia Galega de Innovación nos termos e condicións establecidos desta convocatoria suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberanse xustificar en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecten en controis posteriores ao pagamento dalgún incumprimento relativo a esas obrigas.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á súa apreciación conxunta, aplicando a minoración conxunta correspondente.

6. Se o incumprimento deriva da inobservancia dalgunha condición ou suposto distinto dos anteriores, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.

7. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 34. Procedemento de reintegro

1. Se logo de aboada parte ou a totalidade da axuda, acaecen os motivos que se indican no artigo 33 desta convocatoria, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas, e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas e comunicaráselle ao beneficiario a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito ou de reintegro e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007, e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución do procedemento de reintegro porá fin á vía administrativa.

5. Sen prexuízo do anterior, aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 35. Prescrición

1. O dereito da Administración a recoñecer ou liquidar o reintegro prescribirá aos catro anos, sen prexuízo do establecido na normativa de axudas de Estado.

2. Este prazo computarase, en cada caso:

a) Desde o momento en que venceu o prazo para presentar a xustificación por parte do beneficiario.

b) Desde o momento da concesión, no suposto previsto no punto 9 do artigo 28 da Lei 9/2007.

c) No suposto de que se establecesen condicións ou obrigas que deberían ser cumpridas ou mantidas por parte do beneficiario ou da entidade colaboradora durante un período determinado de tempo, desde o momento en que venceu o dito prazo.

3. O cómputo do prazo de prescrición interromperase:

a) Por calquera acción da Administración realizada con coñecemento formal do beneficiario ou da entidade colaboradora, que conduza a determinar a existencia dalgunha das causas de reintegro.

b) Pola interposición de recursos de calquera clase, pola remisión do tanto de culpa á xurisdición penal, ou pola presentación de denuncia ante o Ministerio Fiscal, así como polas actuacións realizadas con coñecemento formal do beneficiario ou da entidade colaboradora no curso dos ditos recursos.

c) Por calquera actuación fidedigna do beneficiario ou da entidade colaboradora, conducente á liquidación da subvención ou do reintegro.

Artigo 36. Normativa

As axudas obxecto desta convocatoria teñen como referencia lexislativa fundamental a seguinte normativa:

• Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE núm. L187, do 26.6.2014).

• Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOUE núm. L124, do 20.5.2003).

• Comunicación 2003/C 118/03 da Comisión. Exemplo de declaración sobre a información relativa á condición de peme dunha empresa (DOUE núm. C118, do 20.5.2003). Corrección da Comunicación 2003/C 118/03 da Comisión no que se refire á nota explicativa relativa aos tipos de empresas consideradas para calcular os efectivos e importes financeiros (DOUE núm. C42, do 18.2.2005).

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2.10.2015).

• Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020 (BOE núm. 315, do 30.12.2016).

• Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25.6.2007).

• Decreto 15/2014, do 6 de febreiro, polo que se modifican os estatutos da Axencia Galega de Innovación e a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 34, do 19.2.2014).

• Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 19, do 27.1.2012).

• Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29.1.2009).

• Resto de normativa aplicable.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2022

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

ANEXO I

Catálogo de actividades de innovación

De xeito indicativo e orientador, a modo de guía, cítanse as actividades do plan de innovación consideradas no artigo 7 desta convocatoria. O desenvolvemento destas actividades permite incrementar a capacidade innovadora das empresas introducindo innovacións significativas que melloran a eficiencia produtiva e das cales deriven vantaxes competitivas.

1. Auditoría/consultoría en produto/servizo. Análise da carteira de produtos/servizos dirixidos a actividades de innovación.

2. Estudos de viabilidade técnica e industrial, económica e/ou de mercado, previos ao desenvolvemento de produto/servizo; estudos de satisfacción e detección de necesidades dos mercados.

3. Protección da propiedade industrial:

a) Elaboración de estudos do estado da arte, previos á xestión da propiedade industrial, á solicitude de patentes, modelos de utilidade e outras licenzas; vixilancia e prospectiva tecnolóxica.

b) Xestión da solicitude e mantemento de patentes, modelos de utilidade e outras licenzas.

Neste concepto quedan excluídos os custos de defensa xurídica de patentes...

4. Asesoramento para a transferencia de tecnoloxía.

5. Obtención de certificacións de normas oficiais vinculadas aos obxectivos innovadores presentados na memoria técnica da solicitude, a modo indicativo, a especificación EA0047 «Requisitos para a consideración como pequena ou mediana empresa innovadora», EA0043 «Requisitos da Xove empresa innovadora. XEI» e as incluídas na serie de Normas UNE 166000 dedicadas a apoiar a optimización da «Xestión da I+D+i», e outras certificacións específicas que se consideren adecuadas para o desenvolvemento da actividade empresarial innovadora dentro do plan.

6. Asesoramento para a xestión de proxectos colaborativos de I+D+i.

7. Asesoramento para o acceso ao financiamento da innovación a través de instrumentos financeiros ou fondos de capital risco.

8. Asesoramento ou servizos relacionados co posicionamento, márketing ou comercialización de produtos e servizos innovadores.

9. Deseño e desenvolvemento de novos procesos produtivos e organización da produción.

10. Implantación de metodoloxías de mellora dos procesos e produtividade.

11. Implantación de metodoloxías de mellora da xestión da organización.

12. Implantación de metodoloxías de mellora da xestión do coñecemento.

13. Incorporación de tecnoloxías facilitadoras (TFE) relacionadas coa fotónica, micro-nanoelectrónica, nanotecnoloxía, biotecnoloxía, materiais avanzados e fabricación e procesamento avanzado:

a) Tecnoloxías que conecten o mundo físico co dixital:

• Realidade aumentada, visión artificial e outras tecnoloxías similares empregadas en procesos.

• Impresión en 3D en aplicacións específicas con materiais ou procesos de alta intensidade tecnolóxica.

• Automatización avanzada e robótica.

• Internet das cousas aplicadas a melloras de procesos ou a sistemas complexos.

b) Tecnoloxías que permitan a comunicación e o tratamento de datos con intensificación tecnolóxica (quedan excluídas as TIC de uso común).

c) Ciberseguridade.

d) Tecnoloxías que faciliten a xestión intelixente das operacións, así como o traballo colaborativo nos ámbitos de referencia da epígrafe do apartado.

14. Implementación de novos métodos de organizacións no negocio, na organización do traballo e/ou nas relacións cara ao exterior:

a) Definición e introdución de novas iniciativas de innovación que supoñan cambios na xestión interna da empresa e propicien a súa participación en redes empresariais.

b) Establecemento de relacións de cooperación e innovación aberta.

c) Redefinición das estratexias de comercialización e relación con clientes e provedores.

d) Apertura de novos mercados.

15. Creación de departamentos/unidades de I+D+i:

a) Creación e ampliación da capacidade tecnolóxica estable dentro das empresas mediante a contratación de persoal especializado.

b) Creación de estruturas de investigación e innovación de dimensión apropiada para a xeración de desenvolvemento tecnolóxico e non asociadas á actividade produtiva.

ANEXO II

Información adicional acerca da acreditación documental
de criterios de avaliación e outra de interese

A. Acreditación documental de condicións dos criterios de avaliación e outras características da entidade solicitante descritas nesta convocatoria.

a) Tipo e categoría de empresa. Está definido na convocatoria, segundo o establecido na normativa europea no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE núm. L187, do 26.6.2014).

Información detallada e práctica para o cálculo dos datos solicitados na declaración da condición de peme pódese atopar en:

– Guía do usuario sobre a definición do concepto de peme, 2020. Pódese atopar na ligazón do Portal de publicacións da Unión Europea (https://op.europa.eu/es/home) ou na web da Axencia Galega de Innovación.

– Ferramenta en liña da Dirección Xeral de Industria e Pequena e Mediana Empresa do Ministerio (https://soypyme.ipyme.org/Home).

b) Solvencia económica. Para a obtención desta puntuación, tomarase como referencia o importe neto da cifra de negocios que figura na declaración do imposto de sociedades (modelo 200, recadro 00255).

c) Investimento en I+D+i. Acreditarase documentalmente (por exemplo, deducións incluídas no modelo 200 do imposto de sociedades, ou outro documento oficial...).

d) Plan de igualdade. Copia do rexistro do plan de igualdade ou certificado da oficina de rexistro conforme se cumpre a condición.

e) Compromiso coa sustentabilidade ambiental. Mediante a presentación de certificación en vigor de xestión ambiental (ISO 14001, Emas...), de xestión enerxética (ISO 50001, outras), certificacións MSC, FSC, SAN, FAIRTRADE... ou documento acreditativo.

f) Responsabilidade social empresarial. Mediante a presentación de certificación en vigor da norma OSHAS 18001, SA8000, ISO26000...

g) Adecuación á investigación responsable (IIR). Documento acreditativo da realización, por parte da entidade solicitante, de investigación/ou innovación responsable, de acordo coas definicións dos programas marco europeos.

h) CNAE. O código que se deberá cubrir no formulario de solicitude que identifica a actividade principal da empresa será o consignado no modelo 200 do imposto de sociedades.

B. Criterios de aplicación para amortizacións de equipamento e material instrumental de nova adquisición.

A vida útil mínima considerable para o equipamento e conceptos de gasto inventariables que se inclúan no plan de innovación vén definida polos coeficientes lineais máximos de amortización lineal, establecidos pola Axencia Tributaria.

Calquera outro caso en que se encontre o investimento que cómpre xustificar terá que ser motivado e pendente de aprobación por parte da Axencia Galega de Innovación.

Nesta convocatoria establécense os seguintes coeficientes de amortización:

Tipo de equipamento

Coef. lineal máximo

Instalacións

Maquinaria

12 %

Equipamentos médicos e asimilados

15 %

Outras instalacións

10 %

Mobles e ferramenta

Útiles e ferramentas

25 %

Moldes, matrices e modelos

33 %

Outros útiles

15 %

Equipamentos electrónicos e informáticos. Sistemas e programas

Equipamentos electrónicos

20 %

Equipamentos para procesos de información

25 %

Sistemas e programas informáticos

33 %

Outros

10 %

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Especificacións para elaborar a memoria técnica do plan de innovación

Número máximo de páxinas: 11 (excluída a portada).

tamaño de letra: Arial 11.

Marxes 2 cm.

Todos os contidos incluídos nas páxinas que excedan o número que se determina neste documento non se terán en conta na avaliación do plan de innovación.

A memoria terá os seguintes contidos mínimos que se describen a continuación e coa extensión na súa redacción que se indica:

A. Entidade solicitante (máximo 1 páxina).

– Breve presentación da entidade.

– Actividade económica que desenvolve.

– Ámbito sectorial e alcance territorial.

– Experiencia en actividades de I+D+i.

– ... (outros que considere).

B. Descrición dos obxectivos e actividades do plan de innovación (máximo 5 páxinas).

– Obxectivo xenérico do plan.

– Obxectivos específicos numerados e con metas concretas.

– Descrición de indicadores para avaliar os ditos obxectivos.

– Valor actual e valor previsto, ao finalizar o plan, dos indicadores descritos.

– Cadro sinóptico do plan de innovación1.

Núm. obxectivo

Núm. act.

Título da actividade

Data inicio

Data fin

Custo 2022

Custo 2023

Custo total

– Cronograma das actividades.

– Descrición detallada das actividades e o que se pretende coas accións que inclúen.

1. Xustificación dos custos que se imputan.

2. Recursos implicados: materiais e humanos, custos e accións que se inclúen en cada actividade.

– Cadro orzamentario resumo do plan de innovación, segundo a táboa que se achega:

Cadro orzamentario do plan de innovación2

Concepto de gasto

Ano 2022

Ano 2023

Total

Descrición do gasto

Custos de apoios á innovación3

Obtención, validación e defensa de patentes, certificacións

(desagréguense os custos implicados neste punto)

Servizos de asesoramento en materia de innovación

(desagréguense os custos implicados neste punto)

Servizos de apoio en materia de innovación

(desagréguense os custos implicados neste punto)

Custos implicados en melloras de procesos e/ou organización

Persoal propio

(indíquense o nome do persoal e os custos asociados)

Persoal nova contratación

(indíquense o perfil imputado e os custos asociados)

Equipamento e material instrumental de nova adquisición

(inclúanse os totais resultantes do cadro de amortizacións)

Adquisición de licenzas de propiedade industrial

(desagréguense os custos implicados neste punto)

Materiais, subministracións e produtos similares

(desagréguense de xeito xenérico os custos deste punto)

Subcontratacións de actividades

(desagréguense os custos implicados neste punto por subcontratación)

Totais

Custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición

Anualidade 2022

Anualidade 2023

Custo total

Descrición

Núm. act.

Custo sen IVE

Cota anual amort.4

%

dedicación

Meses

Custo

%

dedicación

Meses

Custo

(agréguese unha liña por cada equipamento)

Custo 2022->

Custo 2023->

C. Equipo humano implicado (máximo 2 páxinas).

1. Persoal propio.

– Nome e apelidos.

– Titulación, formación específica.

– Cargo e actividade que desenvolve na entidade.

– Porcentaxe de dedicación ao plan de innovación (valor medio ou indíquense valores aproximados nas anualidades)

– Actividades do plan en que participa e a súa función.

2. Persoal de nova contratación5.

– Nome ou perfil profesional que se vai contratar.

– Titulación, formación específica.

– Características do perfil sociolaboral (home, muller, diversidade funcional).

– Actividades do plan en que participa e a súa función.

Cadro resumo do persoal implicado no plan:

Nome/perfil6

Posto

Titulación

Grupo cotización

Funcións

Actividades en que participa

D. Impactos e resultados do plan (máximo 2 páxinas).

– Internacionalización: descríbanse os resultados esperados e as actividades que o promoven.

– Defina novos procesos, deseño de novos produtos e cambios organizativos substanciais que se orixinarán a partir do plan e as actividades que o promoven.

– Actividades implicadas en fomentar a I+D+i na empresa e a descrición dos resultados.

– Posicionamento no mercado: descríbanse as actividades que van mellorar a capacidade operativa, competitiva e de posicionamento e transmítanse os resultados.

E. Tecnoloxías avanzadas da industria (máximo 1 páxina).

No caso de incluír no plan provedores de tecnoloxías facilitadoras esenciais definidas no anexo I, defínanse o alcance do seu emprego na empresa e os resultados implicados nas actividades do plan.

Notas:

(1) A información presente no cadro sinóptico e os resto dos datos incluídos na memoria deberán ser concordantes coa información que figure no formulario de solicitude.

(2) Segundo o artigo 8 da convocatoria.

(3) Véxase o anexo I para identificar custos.

(4) Os coeficientes de amortización lineal anual máximos de aplicación pódense consultar no anexo II.

(5) Os datos do persoal descritos neste punto deben concordar co detallado no formulario de solicitude.

(6) No caso das novas contratacións, cúbrase como perfil1, perfil2...

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file