Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 20 de abril de 2022 Páx. 23956

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 1 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para promover a práctica profesional e a formación en competencias brandas das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, programa Talento 30 (código de procedemento TR353C).

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e do Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, a Consellería de Emprego e Igualdade asume o exercicio das competencias e funcións, en materia de intermediación e orientación laboral, promoción da empregabilidade e formación profesional para o emprego.

Con base no exposto, correspóndelle a dirección e a xestión das funcións atribuídas á consellería en materia de formación para o emprego; a programación, o seguimento, o control e, de ser o caso, a xestión dos programas mixtos de formación e emprego, e a confección e execución dos correspondentes plans anuais de política de emprego, así como a formulación de propostas de inclusión de medidas e programas concretos no eido da colaboración institucional entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

De acordo co artigo 36 do texto refundido da Lei de emprego, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2015, do 23 de outubro, as comunidades autónomas están habilitadas para o deseño e execución de programas e servizos de políticas activas de emprego adaptadas ás peculiaridades e características dos seus mercados de traballo locais que, en todo caso, deberán preverse no respectivo Plan anual de política de emprego (PAPE). O programa Talento 30 enmárcase dentro dos programas mixtos de emprego e formación regulados nos artigos 29 e seguintes do Real decreto 818/2021, do 28 de setembro, polo que se regulan os programas comúns de activación para o emprego do Sistema nacional de emprego (BOE núm. 233, do 29 de setembro).

Os incentivos para promover a práctica profesional e a formación en competencias brandas para persoas mozas menores de 30 anos (programa Talento 30) responden á necesidade de proporcionarlles aos nosos mozos e mozas unha práctica profesional no posto de traballo que lles permita ou ben mellorar as súas cualificacións profesionais (no caso daquelas persoas mozas que carezan de cualificación profesional recoñecida polo sistema de formación profesional para o emprego ou o sistema educativo), ou ben adquirir a experiencia profesional necesaria para asegurar unha carreira profesional cunha evolución progresiva e ascendente dentro do mercado laboral galego. Adicionalmente, o programa Talento 30 quere dotar os mozos e mozas galegas con competencias cruciais para desenvolverse adecuadamente na contorna laboral e para asegurar o seu progreso profesional: as competencias brandas. Segundo a OCDE, o noso mercado laboral carece, especialmente, de competencias tales como a resolución de problemas complexos, habilidades de comunicación verbal, asertividade ou habilidades de relación social, carencias todas elas que é frecuente atopar nas persoas mozas que queren acceder ao mercado laboral.

Doutra banda, tanto a propia OCDE como a Unión Europea na súa Recomendación «Unha ponte cara ao Emprego: reforzo da Garantía Xuvenil e Plan GJ+» (2019) sinala a necesidade de programas de orientación personalizada e plans de actuación individuais como puntos fundamentais para lograr unha inserción laboral estable e a consolidación das carreiras profesionais de mozos e mozas.

O programa de competencias brandas ao cal terán acceso as persoas mozas contratadas ao abeiro desta orde de axudas persegue precisamente que os nosos mozos e mozas teñan acceso a un programa de formación dentro do seu posto de traballo que os dote con ferramentas e habilidades transversais para desenvolverse de forma óptima na contorna laboral, e para mellorar a súa empregabilidade. A mellora das competencias brandas para o desempeño profesional das nosas persoas mozas facilitaralles non só un mellor desempeño profesional, senón tamén unha mellora na súa progresión profesional.

As bases dos programas regulados nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e obxecto deste réxime, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito.

O financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde realizarase con cargo á aplicación 11.05.322A.470.0 (proxecto 2021 00152) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, polo importe de 10.080.664 euros, e con cargo á mesma aplicación ou a que resulte equivalente dos orzamentos para 2023 por importe de 2.160.000 euros. A aplicación mencionada está financiada por fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xuño.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e obtidos os informes favorables da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e autorizada polo Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do día 24 de marzo de 2022 o seu carácter plurianual e, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas cales se rexerá, en réxime de concorrencia non competitiva e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria das subvencións establecidas pola Consellería de Emprego e Igualdade para facilitar un período de práctica profesional acompañada dun proceso de formación para o emprego ás persoas menores de 30 anos (código de procedemento TR353C), facilitando así a inserción laboral das persoas mozas en Galicia, e dotándoas de competencias para o emprego que as acompañen durante a súa vida laboral, coa finalidade última de promover a súa empregabilidade e a retención do talento mozo na nosa Comunidade Autónoma.

2. Por medio desta convocatoria, as empresas terán a posibilidade de obter axudas para a contratación de menores de 30 anos a través das seguintes liñas:

a) Liña 1: programa Talento 30 en prácticas, mediante contratos para a obtención de práctica profesional, subscritos con persoas traballadoras menores de 30 anos que estean en posesión de título universitario (grao, máster ou doutoramento), ou título de grao medio ou superior, especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional, consonte o establecido na Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional; así como daquelas persoas que posúan un título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral, segundo o establecido no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para esta tipoloxía de contratos.

b) Liña 2: programa Talento 30 formación en alternancia, mediante contratos de formación en alternancia que se realicen con persoas traballadoras menores de 30 anos, e que poderán celebrarse con persoas que carezan da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención de práctica profesional regulada no punto 2.a). Sen prexuízo do anterior, poderanse realizar contratos vinculados a estudos de formación profesional con persoas que posúan outra titulación sempre que non tivese outro contrato formativo previo nunha formación do mesmo nivel formativo e do mesmo sector produtivo, segundo o establecido no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para esta tipoloxía de contratos.

3. Por medio desta convocatoria, as empresas tamén poderán solicitar axudas para os contratos en prácticas e para os contratos para a formación e a aprendizaxe baseados no previsto no artigo 11 do Estatuto dos traballadores, segundo a redacción vixente antes da entrada en vigor do punto un do artigo primeiro do Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, e que resultarán aplicables ata a súa duración máxima, nos termos recollidos no citado precepto tal e como establece a disposición transitoria primeira do dito real decreto lei.

Artigo 2. Marco normativo

As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022; no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; nos regulamentos (UE) nº 1407/2013 e 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, e no Regulamento 717/2014, relativos á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis e no disposto nesta orde.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, non concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Financiamento

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas. Se o orzamento establecido para esta axuda non é suficiente para a concesión e pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación.

Para estes efectos, terase en conta a data en que se presente a correspondente solicitude de acordo co establecido nesta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes a orde de prioridade virá determinada pola hora de presentación.

2. No exercicio económico 2022 as axudas recollidas nesta orde de convocatoria financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 11.05.322A.470.0, código de proxecto 2021 00152, cunha contía de 10.080.664 euros correspondentes a fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal. No exercicio económico 2023 financiaranse con cargo á mesma aplicación ou á que resulte equivalente dos orzamentos para 2023 por importe de 2.160.000 euros.

3. Os importes máximos recollidos no parágrafo anterior poderán ser obxecto de modificación como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos finalistas para o financiamento dos programas e servizos en materia de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais, así como nos supostos previstos nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, logo da aprobación, se é o caso, da modificación orzamentaria que proceda. Os incrementos de crédito serán obxecto da oportuna publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

2. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, os centros especiais de emprego, as entidades de formación, así como as entidades sen ánimo de lucro.

3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, encontrarse declaradas en concurso agás que adquirira eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas, nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

i) Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.

j) En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais de ilegalidade penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non se dite resolución xudicial firme en cuxa virtude se poida practicar a inscrición no correspondente rexistro.

4. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria as persoas ou entidades solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Artigo 6. Liñas de axuda

Establécense as seguintes liñas de axuda:

– Liña 1. Programa Talento 30 en prácticas. Programa de incentivos á contratación para a obtención da práctica profesional axeitada ao nivel de estudos das persoas menores de 30 anos.

– Liña 2. Programa Talento 30 formación en alternancia. Programa de incentivos para contratos de formación en alternancia de persoas menores de 30 anos sen cualificación profesional.

Artigo 7. Contía das axudas

1. A contía máxima da subvención que se concederá con carácter xeral será de:

– 20.225 € para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 1 e 2: 16.625 € en concepto de incentivo á contratación e 3.600 € que se destinarán á impartición dun programa de formación en competencias brandas cunha duración de 80 horas.

– 16.900 € para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 3 a 7: 13.300 € en concepto de incentivo á contratación e 3.600 € que se destinarán á impartición dun programa de formación en competencias brandas cunha duración de 80 horas.

– 13.575 € para as persoas mozas contratadas no grupos de cotización 8 a 11: 9.975 € en concepto de incentivo á contratación e 3.600 € que se destinarán á impartición dun programa de formación en competencias brandas cunha duración de 80 horas.

2. As persoas mozas serán contratadas a tempo completo durante un período mínimo de 12 meses. A contía da subvención toma como referencia os custos de contratación totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social.

3. O salario que percibirán as persoas mozas contratadas será aquel que corresponda legal ou convencionalmente e será acorde coa súa categoría profesional e titulación requirida para o posto subvencionado.

4. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade solicitante.

5. As axudas reguladas pola presente orde serán incompatibles con calquera outra que financie as mesmas actividades que se recollan na resolución de concesión da subvención.

Artigo 8. Definicións

Para os efectos desta orde, entenderase:

1. Persoa desempregada: aquela que estea inscrita no Servizo Público de Emprego no momento da súa contratación e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

2. Persoa moza: persoas maiores de 16 anos e menores de 30 anos no momento da súa contratación.

3. Persoa moza desempregada sen cualificación: aquela persoa que, tendo menos de 30 anos no momento da súa contratación, careza da cualificación profesional recoñecida polo sistema de formación profesional para o emprego ou do sistema educativo requirida para concertar un contrato en prácticas ou para o posto de traballo ou ocupación obxecto do contrato.

4. Contrato de formación en alternancia: contrato celebrado con persoas menores de 30 anos, que carezan da cualificación profesional requirida para concertar un contrato formativo para a obtención da práctica profesional. Terá por obxecto compatibilizar a actividade laboral retribuída cos correspondentes procesos formativos no ámbito da formación profesional, os estudos universitarios ou o catálogo de especialidades formativas do Sistema Nacional de Emprego. Estarase ao disposto no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

5. Contrato de formación para a obtención da práctica profesional axeitada ao nivel de estudos: contrato celebrado con persoas menores de 30 anos, que estiveran en posesión de título universitario (grao, máster ou doutoramento) ou título de grao medio ou superior, especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional, consonte o establecido na Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional; así como daquelas persoas que posúan un título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral. O posto de traballo deberá permitir a obtención da práctica profesional axeitada ao nivel de estudos ou de formación cursados. Estarase ao disposto no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

6. Acción formativa: formación que se impartirá a través dunha entidade externa ou expertos, co obxecto de que a persoa traballadora participante adquira coñecementos e habilidades en relación co posto de traballo que desenvolverá na empresa participante no marco do programa.

7. Competencias brandas: combinación de habilidades sociais e de comunicación, actitudes, intelixencia social e emocional, que facultan as persoas para moverse pola súa contorna laboral, traballar xunto a outros, facilitan as relacións humanas e permiten desenvolverse con éxito no ámbito laboral.

Artigo 9. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos-chave365).

2. As dúas liñas de axudas que se poden solicitar poderán presentar dúas modalidades:

– Axudas para novos contratos por conta allea, que deberán formalizarse nos 15 días seguintes á notificación da concesión da axuda

– Axudas polas contratacións por conta allea subvencionables realizadas con anterioridade á notificación da concesión da axuda e ata os seis meses inmediatamente anteriores á data de publicación desta orde, sempre que a formalización do contrato se realizase no ano en curso e se cumpran os requisitos establecidos para o programa para o que se solicita a axuda.

3. O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria estará aberto a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta orde ata o día 30 de setembro de 2022, ou ata esgotamento do crédito.

4. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade: Portada-Consellería de Emprego e Igualdade (xunta.gal) e na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

5. Para a presentación de solicitudes as persoas ou entidades beneficiarias poderán contar co asesoramento dos axentes de emprego e desenvolvemento local da rede coordinada pola Consellería de Emprego e Igualdade.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Poder suficiente da persoa representante e asinante da solicitude para actuar no nome da persoa solicitante, de ser o caso.

b) No caso de novas contratacións:

• Descrición do perfil da persoa moza que se vai contratar, con indicación das funcións que vai desenvolver e grupo de cotización.

c) No caso das relacións laborais iniciadas con anterioridade á data de notificación da resolución de concesión da axuda:

• Descrición do perfil da persoa moza contratada, con indicación das funcións que desenvolve no seu posto de traballo e grupo de cotización.

• Contrato de traballo celebrado/asinado coa persoa moza que está contratada.

• Nómina ou documento acreditativo das percepcións salariais dos meses devindicados ata un máximo de seis.

• Documentación acreditativa do nivel máximo de formación acadado pola persoa moza contratada.

• Anexo II-A e/ou anexo II-B: comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, relativo ás persoas mozas contratadas con anterioridade á data de notificación da resolución de concesión da axuda.

d) Documentación complementaria. Memoria dos proxectos formativos segundo se recolle nos artigos 30 e 39 para cada modalidade contractual: (anexos III-A e/ou III-B segundo corresponda).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderase solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas, responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Instrución e emenda

1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Programas Mixtos da Consellería de Emprego e Igualdade, que instruirá os procedementos de acordo cos criterios establecidos para o dito programa.

2. A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde.

3. No suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa ou entidade interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que a persoa ou entidade interesada desiste da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

4. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Número de identificación fiscal da entidade solicitante.

d) Número de identificación fiscal da entidade representante.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Atriga.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

h) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

i) Consulta de concesións pola regra de minimis da persoa solicitante.

j) Alta no imposto de actividades económicas da entidade solicitante.

k) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

l) Consulta de datos de residencia con data da última variación padroal da persoa contratada.

m) DNI ou NIE da persoa contratada.

n) Consulta da situación de desemprego e inscrición no Servizo Público de Emprego no momento da súa contratación e no dia anterior á data de inicio do contrato a través do Servizo «estar inscrito como demandante de emprego a data concreta» da persoa contratada.

2. A comprobación da vida laboral realizarase a través da plataforma e-SIL da Seguridade Social, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a estas consultas, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitaráselle o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5. A comprobación será realizada polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación das axudas.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Resolución e recursos

1. A competencia para resolver as solicitudes corresponderá, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, á Dirección Xeral de Formación e Colocación.

2. O prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses desde a presentación da solicitude pola persoa interesada e non máis tarde do 30 de novembro de 2022. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Unha vez notificada a resolución definitiva, as entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. No caso de existiren solicitudes que non acaden o dereito á subvención, ao terse esgotado o crédito dispoñible, pasarán a formar unha lista de agarda, coas persoas solicitantes que poderán ser susceptibles de recibir a axuda se se produce un incremento do crédito, ben por dispor de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención, de conformidade co disposto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

O esgotamento do crédito será publicado na páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade.

5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. A resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención e as obrigas que correspondan á persoa beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución.

7. O órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións firmes que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Pagamento

1. O pagamento do incentivo á contratación farase efectivo dunha soa vez, unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación que se realizará unicamente a través de medios electrónicos, na forma sinalada no artigo 13 desta orde, dentro dos prazos establecidos na resolución de concesión da subvención e, en todo caso, con data límite de xustificación o 15 de decembro de 2022, da seguinte documentación:

a) Declaración de inicio, no modelo publicado na páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade, Portada-Consellería de Emprego e Igualdade (xunta.gal), en que consten:

– Os custos de contratación da persoa contratada referidos a un período anual.

– Declaracións responsables do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou, e é o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anteriores, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade de Galicia.

– A titularidade da conta da entidade beneficiaria onde se deba efectuar o pagamento.

b) Documentación relacionada co contrato de traballo:

– Contratos de traballo do persoal subvencionado e comunicación destes a través de Contrat@.

– Informes de datos de cotización (modelo IDC) do persoal contratado.

c) Documentación relativa á persoa contratada:

– Documento acreditativo do nivel máximo de formación acadado pola persoa moza contratada.

– Anexo II-A e/ou anexo II-B: comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, relativo ás persoas mozas contratadas posteriormente á data de notificación da resolución de concesión da axuda.

– Inscrición da persoa moza contratada no Servizo Galego de Emprego no momento da súa contratación, no caso de que se opoña á súa consulta.

– Informe de vida laboral da persoa moza contratada, no caso de que se opoña á súa consulta.

– DNI ou NIE da persoa contratada, no caso de que se opoña á súa consulta.

2. Realizaranse pagamentos anticipados da axuda á formación en competencias brandas reguladas nestas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actividades de formación nos casos en que o gasto aínda non estea realizado. Este pagamento quedará suxeito ás seguintes condicións:

a. Anticiparase o 40 % da subvención concedida para o programa de formación en competencias brandas.

b. As persoas beneficiarias quedarán exoneradas da constitución de garantía, conforme o establecido na letra i) do artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c. O pagamento deste anticipo realizarase de oficio conxuntamente co pago do incentivo á contratación unha vez se xustifique este último cos requisitos recollidos no punto 1 anterior. Para o caso de que en función da data de concesión e contratación se prevexa que o correspondente gasto non se vai executar no exercicio inicial, este anticipo aboarase no ano seguinte. O gasto de formación realizado e pagado entre o 1 de outubro e o 31 de decembro de 2022 poderá considerarse subvencionable con cargo á anualidade 2023.

3. Antes do 30 de abril de 2023 a entidade beneficiaria presentará a xustificación do anticipo do 40 % da subvención concedida para o programa de formación en competencias brandas comprensiva dos gastos realizados ata 31 de decembro de 2022.

Artigo 19. Xustificación final das axudas e liquidación

1. Para os efectos da xustificación final da subvención percibida á contratación de persoas mozas, as entidades beneficiarias deberán presentar, no prazo dun (1) mes desde a finalización do contrato, o modelo anexo IV-A e/ou anexo IV-B, segundo corresponda, e nos cales deberá constar a declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, complementaria da presentada coa solicitude, ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anteriores.

Estos anexos terán que ir acompañados da seguinte documentación:

– Nóminas aboadas ás persoas traballadoras que se contraten e boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións, relación nominal das persoas traballadoras, etc.), así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento, e máis os impresos de liquidación nominal do IRPF e xustificantes do seu pagamento, unha vez se dispoña deles.

– Memoria final resumo das accións realizadas no posto de traballo durante a totalidade do período subvencionado, segundo o modelo que se publicará na web institucional da Xunta de Galicia.

– Facturas e documentación acreditativa dos gastos pagados na impartición do programa de formación en competencias brandas.

– Currículo das persoas encargadas da impartición do programa de competencias brandas.

– Memoria específica das accións formativas en competencias brandas desenvolvidas ao longo do período, con especificación dos obxectivos da formación, accións impartidas, logros acadados, e identificación de asistentes. A memoria deberá estar asinada pola persoa formadora e a entidade beneficiaria. Anexas a esta memoria figurarán as acreditacións da recepción das actividades formativas polas persoas contratadas ao abeiro da presente orde nas cales conste a denominación das actividades formativas, a súa duración e a sinatura das persoas traballadoras que acredite a súa asistencia.

2. A presentación da xustificación da subvención realizarase unicamente a través de medios electrónicos na forma sinalada no artigo 13.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen a ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa ou entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de 10 días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

4. En canto á forma de xustificación deberá aterse ao previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación sinalado na convocatoria.

5. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo de execución establecido nesta orde.

6. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as obrigas de facturación e deberán estar emitidas a nome da entidade ou empresa solicitante dentro do prazo de execución establecido na convocatoria.

7. Só se admitirá como documentación xustificativa do pagamento dos gastos documentos bancarios nos cales consten o número de conta e a titularidade das persoas ou entidades receptoras e emisoras dos pagamentos (que deberán coincidir coas beneficiarias das axudas), así como o concepto e o importe (IVE incluído) do pagamento. Os mesmos datos deberán constar no caso de xustificantes bancarios emitidos a través da internet. Os datos dos xustificantes bancarios de pagamento deberán coincidir exactamente cos da factura. Se o importe reflectido no documento bancario non coincide por existiren varios pagamentos agrupados, deberase presentar un desagregamento onde poidan identificarse os pagamentos en cuestión. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

8. A unidade administrativa responsable da instrución do programa analizará a documentación xustificativa acreditativa da realización da formación en competencias brandas subvencionada e emitirá unha proposta de pagamento do importe resultante da liquidación que se elevará ao órgano competente para resolver, que será tamén o órgano competente para ordenar o pagamento.

9. Se da documentación presentada pola persoa ou entidade beneficiaria resultase que os gastos soportados acadan unha contía inferior á do incentivo percibido, tramitarase un expediente de reintegro polo importe da diferenza entre as dúas cantidades.

10. En ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte a Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 20. Réxime de incompatibilidades e exclusións

1. As axudas previstas nesta orde serán incompatibles coas axudas que polos mesmos conceptos e gastos poidan outorgar as administracións públicas.

2. Así mesmo, quedan excluídas da presente convocatoria as seguintes relacións laborais:

– As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadoras ou traballadores para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

– Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con ela.

– As novas contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos últimos 6 meses prestaran servizos na mesma empresa ou grupo de empresas ou empresas de carácter vinculado, mediante un contrato de carácter temporal ou mediante un contrato formativo, de remuda ou de substitución por anticipación da idade de xubilación. O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador ou da traballadora con empresas ás cales a persoa solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

–As persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido noutra empresa nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 49.1.g), 51 e 52.c) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Son obrigas das persoas e entidades beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención de acordo co previsto na solicitude e na resolución de concesión, nesta orde e, de ser o caso, no documento de instrucións operativas que se poida poñer á disposición das entidades beneficiarias na páxina web institucional da Xunta de Galicia Portada-Consellería de Emprego e Igualdade (xunta.gal).

b) Retribuír as persoas contratadas cos salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación.

c) Manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada durante un período mínimo de 12 meses.

d) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

e) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego e Igualdade; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou doutros órganos da Administración do Estado e da unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Especificamente, no prazo de 10 días hábiles, deberán comunicarse á Dirección Xeral de Formación e Colocación:

– As subvencións ou axudas obtidas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

– Aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que desenvolverá a persoa contratada, co obxecto de que poida valorarse o seu carácter.

– Calquera alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

g) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

h) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

Agás aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable axeitado para os gastos obxecto da subvención.

i) Obter o consentimento das persoas contratadas para o tratamento automatizado dos seus datos persoais e facilitarlles información do estado dos seus datos de carácter persoal incluídos nos ficheiros automatizados en calquera das formas expresadas na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, adoptando as medidas técnicas e organizativas necesarias para garantir a seguranza dos datos.

j) Nos contratos de traballo, na súa comunicación a través da aplicación «Contrata» e na documentación e materiais gráficos e audiovisuais xerados para a formación, deberán figurar, de forma visible, o texto e a imaxe normalizada establecida e publicada pola Dirección Xeral de Formación e Colocación na web institucional da Xunta de Galicia _ Portada-Consellería de Emprego e Igualdade (xunta.gal), onde constará o financiamento por parte da Xunta de Galicia con fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

2. Cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de 12 meses tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria deberá contratar outra persoa moza de perfil análogo a aquel para o que se solicitou a subvención, en substitución daquela, durante o tempo restante. Esta contratación deberá realizarse no prazo dun mes contado desde a extinción da relación laboral. O dito prazo poderá ampliarse por autorización expresa da Dirección Xeral de Formación e Colocación, logo de solicitude fundamentada da entidade beneficiaria.

A falta de contratación nos casos de extinción de contrato dentro do prazo anteriormente sinalado dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, á obriga de reintegro, da parte proporcional que corresponda do incentivo á contratación.

3. Cando se produzan suspensións do contrato de traballo por causas relacionadas con situacións de incapacidade temporal, nacemento, adopción, garda con fins de adopción, acollemento, risco durante o embarazo, risco durante a lactación, violencia de xénero ou outra causa de interrupción da duración deste tipo de contratos recollida por lei, interromperase o cómputo da duración do contrato. En todo caso o proxecto formativo darase por finalizado como máximo no prazo de dezaoito meses desde a data inicial de contratación e procederase á liquidación e aboamento dos custos da formación en competencias brandas en función do seu estado ao vencemento do prazo indicado.

Artigo 22. Reintegro e perda do dereito ao cobramento da subvención

1. A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión, de acordo co procedemento e coas causas establecidas no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, levará aparellada a obriga de devolver as cantidades percibidas.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

3. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deba reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) A obtención da subvención falseando os datos, feitos ou documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impedisen: reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.

c) Por cada contratación subvencionada e non substituída conforme o establecido no artigo 21.2 desta orde, procederá o reintegro proporcional da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate. Cando a substitución non se realice no prazo establecido no antedito artigo, entenderase que se produce un incumprimento parcial. Neste caso, a contía que se vai reintegrar calcularase do seguinte xeito:

i. Divídese entre 12 meses o importe concedido pola persoa traballadora substituída.

ii. Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante, descontando para estes efectos o prazo que concede a orde para proceder á substitución.

iii. Multiplícase o importe obtido na operación primeira (i) polo número de meses en que o posto de traballo estivese vacante.

iv. Para os efectos do cálculo do reintegro das contías outorgadas para formación en competencias brandas, procederase do seguinte xeito:

• Divídese entre 80 o importe concedido pola persoa traballadora substituída.

• Calcúlase o número de horas que a persoa traballadora non percibiu a formación, consonte o plan proposto pola entidade beneficiaria na súa solicitude.

• Multiplícase o importe obtido na operación primeira polo número de horas que a persoa traballadora no percibiu a súa formación.

d) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación previstas no artigo 21.1.e) e 24 desta orde, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, previstas no artigo 21.1.h), cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado: reintegro do 100 % da subvención concedida.

e) A percepción doutras subvencións públicas, concedidas como medida de fomento de emprego polas contratacións por conta allea, incompatibles coa subvención prevista no artigo 20 desta orde: reintegro do 100 % da subvención concedida.

f) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 5 % da axuda concedida.

Artigo 23. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 24. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Emprego e Igualdade levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento dos programas.

2. Para realizar as ditas funcións poderá utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas aos fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, as persoas e entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. A Consellería de Emprego e Igualdade poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento.

Artigo 25. Axudas baixo condicións de minimis

Así mesmo, estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño), e ao Regulamento (UE) nº 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución da concesión.

Polo tanto, ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que no caso de axudas a empresas, de recibir a persoa ou entidade beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector de transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro.

CAPÍTULO II

Programa Talento 30 en prácticas

Programa de contratación para a obtención da práctica profesional axeitada ao nivel de estudos das persoas menores de 30 anos

Artigo 26. Accións subvencionables

Incentivos á formación e á actividade laboral de persoas menores de 30 anos mediante a subscrición de contratos de 12 meses de duración para a obtención de práctica profesional axeitada ao seu nivel de estudos (liña 1).

Neste tempo, o programa dedicará 80 horas á formación da persoa empregada menor de 30 anos en competencias brandas, e o tempo restante a traballo efectivo na empresa que promova o programa de formación.

Artigo 27. Requisitos das persoas mozas contratadas

As persoas mozas contratadas deberán ser menores de 30 anos no momento da súa contratación, e deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Estar en situación de desemprego e inscritas no Servizo Público de Emprego no momento da súa contratación e no día anterior á data de inicio de contrato.

c) Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

– Título universitario:

i. Grao universitario.

ii. Máster universitario.

iii. Doutoramento.

– Título de grao medio ou superior.

– Especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional.

– Título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral.

d) O contrato de traballo para a obtención de práctica profesional deberá concertarse dentro dos tres anos, ou dos cinco anos se se formaliza cunha persoa con discapacidade, seguintes á terminación dos correspondentes estudos. Non se poderá subscribir con quen xa obtivese experiencia profesional ou realizado actividade formativa na mesma actividade dentro da empresa por un tempo superior a tres meses, sen que se computen para estes efectos os períodos de formación ou prácticas que formen parte do currículo exixido para a obtención da titulación ou certificado que habilita esta contratación.

Artigo 28. Procedemento de selección das persoas participantes

A selección e a contratación das persoas mozas participantes no programa realizarase directamente pola entidade beneficiaria.

Artigo 29. Requisitos dos contratos

1. A persoa moza deberá ser contratada pola entidade beneficiaria durante 12 meses, e deberase formalizar a contratación consonte a modalidade do contrato formativo para a adquisición de práctica profesional axeitada ao seu nivel de estudos, de acordo coa súa regulación na lexislación laboral vixente no momento da contratación.

2. O centro de traballo deberá estar localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 30. Actividades formativas en competencias brandas: programa de formación

1. A formación terá por obxecto a mellora e/ou adquisición de competencias profesionais brandas. A entidade solicitante deberá presentar un proxecto de formación sobre unha ou varias das seguintes temáticas (sen ánimo de exhaustividade):

a) Competencias brandas esenciais: traballo en equipo, resolución de conflitos, comunicación interpersoal, liderato.

b) Competencias brandas para o desenvolvemento profesional.

c) Intelixencia social e interacción positiva no traballo.

Desde o principio do programa, a persoa traballadora compatibilizará a formación en competencias brandas coa realización dun traballo efectivo nun centro de traballo da entidade beneficiaria, de xeito que esta formación complemente a súa cualificación profesional e favoreza a súa inserción laboral futura.

2. Os centros en que se desenvolva a formación en competencias brandas deberán estar situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O programa de formación iniciarase nos trinta (30) días seguintes á concesión da subvención ou, de ser o caso, iniciarase coa contratación da persoa traballadora menor de 30 anos.

4. Un mínimo do 40 % do tempo de formación en competencias brandas deberá realizarse nas 12 primeiras semanas tras a formalización do contrato ou aceptación da subvención, e un mínimo do 30 % do tempo dedicado a esta formación deberase realizar nas 12 semanas anteriores á finalización do período subvencionable (12 meses).

Artigo 31. Documentación complementaria programa Talento 30 en prácticas

Para acceder ás subvencións previstas na presente orde, as entidades beneficiarias deberán presentar un proxecto formativo en competencias brandas. A memoria de proxecto formativo en competencias brandas (anexo III-A), deberá conter, como mínimo:

a) O perfil profesional ao cal vai dirixido o programa de formación en competencias brandas.

b) O contido do proxecto, coa súa descrición e xustificación de obxectivos, contidos, duración e criterios de cumprimento e avaliación dos obxectivos da formación.

c) O calendario estimado, xornada e programación no que as persoas traballadoras realizarán a súa actividade formativa e a súa actividade laboral, así como os criterios de conciliación das vacacións a que teñen dereito consonte a duración do contrato, sen prexuízo da súa posterior adaptación ao período real de execución. A calendarización deberá ter en conta as condicións de reparto de tempo de formación establecidos no artigo anterior.

d) Lugar de execución da formación.

e) Identificación e perfís das persoas responsables da titorización do proxecto formativo, de xeito que deberá designarse unha persoa titora no centro de traballo.

f) Perfil das persoas responsables da impartición do programa de competencias brandas. Deberán ser persoas con formación específica en Recursos Humanos, Psicoloxía do Traballo ou materias análogas; ou cunha experiencia mínima de 10 anos na xestión e/ou na formación en Recursos Humanos.

Artigo 32. Obrigas específicas das entidades beneficiarias do programa Talento 30 en prácticas

Sen prexuízo das obrigas xerais contidas no artigo 11 da Lei 7/2009, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e as obrigas específicas contidas no artigo 21 desta orde, as entidades beneficiarias do programa Talento 30 estarán obrigadas a:

Cumprir os obxectivos fixados no programa de formación, executar o proxecto formativo, e realizar as súas actividades na forma e prazos contidos na resolución de concesión.

A entidade beneficiaria está obrigada a proporcionar á persoa participante un traballo efectivo relacionado co perfil profesional establecido na memoria do proxecto, e a garantir as condicións que permitan á persoa contratada asistir ao programa de formación, así como a colaborar na formación da persoa traballadora en competencias propias do posto para o cal foi recrutada.

Satisfacer, ao seu vencemento, as obrigas económicas que se deriven do funcionamento da acción subvencionada, especialmente as de carácter salarial.

Comunicar ao órgano concedente calquera alteración das condicións expresadas na solicitude e, en calquera caso, a obtención doutras axudas, subvencións, ingresos ou recursos para idéntico fin. Igualmente, deberanse comunicar as incidencias que se produzan no desenvolvemento do proxecto (abandonos, suspensión do contrato).

A comunicación das incidencias deberá efectuarse tan pronto como se coñezan segundo se establece no artigo 22 desta orde.

Artigo 33. Acreditación da formación

A entidade beneficiaria deberá expedir ao participante un certificado coa duración das prácticas, posto de traballo ocupado, principais tarefas realizadas e contidos do programa de formación de competencias brandas realizado.

CAPÍTULO III

Programa Talento 30 formación en alternancia

Programa de contratos de formación en alternancia de persoas menores de 30 anos sen cualificación profesional

Artigo 34. Accións subvencionables

Incentivos á formación en competencias brandas e á actividade laboral das persoas menores de 30 anos sen cualificación profesional a través de contratos de 12 meses de duración de formación en alternancia (liña 2).

Neste tempo, a entidade ou persoa empregadora dedicará 80 horas á formación en competencias brandas da persoa empregada menor de 30 anos, sen prexuízo da impartición da formación inherente aos contratos de formación en alternancia segundo se establece no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual, e demais normativa de aplicación.

Artigo 35. Requisitos das persoas mozas contratadas

As persoas mozas contratadas deberán ser menores de 30 anos no momento da súa contratación, e deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Estar en situación de desemprego e inscritas no Servizo Público de Emprego no momento da súa contratación e no día anterior á data de inicio de contrato.

c) A persoa moza carecerá da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención da práctica profesional. Sen prexuízo do anterior, poderanse realizar contratos vinculados a estudos de formación profesional con persoas que posúan outra titulación sempre que non tivesen outro contrato formativo previo nunha formación do mesmo nivel formativo e do mesmo sector produtivo.

Artigo 36. Procedemento de selección das persoas participantes

A selección e a contratación das persoas mozas participantes no programa realizarase directamente pola entidade beneficiaria.

Artigo 37. Requisitos dos contratos

1. A persoa traballadora deberá ser contratada pola entidade beneficiaria durante 12 meses continuados, e deberá formalizarse a contratación consonte a modalidade de contrato de traballo de formación en alternancia, segundo se establece na lexislación laboral vixente.

2. A duración máxima do incentivo será de 12 meses.

Artigo 38. Actividade formativa do programa Talento 30 formación en alternancia

1. A actividade formativa inherente ao contrato para a formación en alternancia, que ten como obxectivo a cualificación profesional das persoas traballadoras nun réxime de alternancia coa actividade laboral retribuída nunha empresa, será a necesaria para a obtención dun título de formación profesional de grao medio ou superior ou dun certificado de profesionalidade ou, no seu caso, certificación académica ou acreditación parcial acumulable.

2. O tempo de traballo efectivo, que haberá de ser compatible co tempo dedicado ás actividades formativas, non poderá ser superior ao sesenta e cinco por cento, durante os doce meses que dure o incentivo.

3. As modalidades, a titorización, e os acordos para as actividades formativas rexeranse polo establecido no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, no Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual, e demais normativa aplicable na parte que non se vexa afectada polo Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral.

Artigo 39. Actividades formativas específicas en competencias brandas: programa de formación

1. A formación terá por obxecto a mellora e/ou adquisición de competencias profesionais brandas. A entidade solicitante deberá presentar un proxecto de formación sobre unha ou varias das seguintes temáticas (sen ánimo de exhaustividade):

– Competencias brandas esenciais: traballo en equipo, resolución de conflitos, comunicación interpersoal, liderato.

– Competencias brandas para o desenvolvemento profesional.

– Intelixencia social e interacción positiva no traballo.

Desde o principio do programa, a persoa traballadora recibirá a formación en alternancia coa realización dun traballo efectivo nun centro de traballo da entidade beneficiaria, de xeito que esta formación complemente a súa cualificación profesional e favoreza a súa inserción laboral futura.

2. Os centros en que se desenvolva a formación en competencias brandas deberán estar situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O programa de formación iniciarase nos trinta (30) días seguintes á concesión da subvención ou, se é o caso, iniciarase coa contratación da persoa traballadora menor de 30 anos.

4. Un mínimo do 40 % do tempo de formación en competencias brandas deberá realizarse nas 12 primeiras semanas tras a formalización do contrato ou aceptación da subvención, e un mínimo do 30 % do tempo dedicado á esta formación deberase realizar nas 12 semanas anteriores á finalización do período subvencionable (12 meses).

Artigo 40. Documentación complementaria programa Talento 30 formación en alternancia

Para acceder ás subvencións previstas na presente orde, as entidades beneficiarias deberán presentar un proxecto formativo en competencias brandas. A memoria de proxecto formativo en competencias brandas (anexo III-B), deberá conter, como mínimo:

a) O perfil profesional ao cal vai dirixido o programa de formación en competencias brandas.

b) O contido do proxecto, coa súa descrición e xustificación de obxectivos, contidos, duración e criterios de cumprimento e avaliación dos obxectivos da formación.

c) O calendario estimado, a xornada e a programación en que as persoas traballadoras realizarán a súa actividade formativa e a súa actividade laboral, así como os criterios de conciliación das vacacións a que teñen dereito consonte a duración do contrato, sen prexuízo da súa posterior adaptación ao período real de execución. A calendarización deberá ter en conta as condicións de reparto de tempo de formación establecidos no artigo anterior.

d) Lugar de execución da formación.

e) Identificación e perfís das persoas responsables da titorización do proxecto formativo, de xeito que deberá designarse unha persoa titora no centro de traballo.

f) Perfil das persoas responsables da impartición do programa de competencias brandas. Deberán ser persoas con formación específica en Recursos Humanos, Psicoloxía do Traballo ou materias análogas; ou cunha experiencia mínima de 10 anos na xestión e/ou na formación en Recursos Humanos.

Artigo 41. Obrigas específicas das entidades beneficiarias do programa Talento 30 formación en alternancia

Sen prexuízo das obrigas xerais contidas no artigo 11 da Lei 7/2009, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e as obrigas específicas contidas no artigo 21 desta orde, as entidades beneficiarias do programa Talento 30 formación en alternancia estarán obrigadas a:

a) Cumprir os obxectivos fixados no programa de formación, executar o proxecto formativo, e realizar as súas actividades na forma e nos prazos contidos na resolución de concesión.

b) A entidade beneficiaria está obrigada a proporcionar á persoa participante un traballo efectivo relacionado co perfil profesional establecido na memoria do proxecto, e a garantir as condicións que permitan á persoa contratada asistir ao programa de formación; así como a colaborar na formación da persoa traballadora en competencias propias do posto para o cal foi recrutada.

c) Satisfacer, ao seu vencemento, as obrigas económicas que se deriven do funcionamento das accións subvencionadas, especialmente as de carácter salarial.

d) Comunicar ao órgano concedente calquera alteración das condicións expresadas na solicitude e, en calquera caso, a obtención doutras axudas, subvencións, ingresos ou recursos para idéntico fin. Igualmente, deberanse comunicar as incidencias que se produzan no desenvolvemento do proxecto (abandonos, suspensión do contrato).

A comunicación destas circunstancias deberá efectuarse tan pronto como se coñezan, segundo se establece no artigo 22 desta orde.

Artigo 42. Acreditación da formación

1. A entidade beneficiaria deberá expedir ao participante un certificado coa duración das prácticas, posto de traballo ocupado, principais tarefas realizadas e contidos do programa de formación de competencias brandas realizado.

2. A cualificación ou competencia profesional adquirida a través do contrato para a formación en alternancia será obxecto de acreditación nos termos establecidos na normativa de aplicación.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección de Formación e Colocación para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da conselleira.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2022

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file