Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 20 de abril de 2022 Páx. 24005

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 1 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para promover a práctica profesional e a formación en competencias brandas das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, programa Talento 30 (código de procedemento TR353C).

BDNS (Identif.): 621119.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas cales se rexerá, en réxime de concorrencia non competitiva e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria das subvencións establecidas pola Consellería de Emprego e Igualdade para facilitar un período de práctica profesional acompañada dun proceso de formación para o emprego ás persoas menores de 30 anos (código de procedemento TR353C), facilitando así a inserción laboral das persoas mozas en Galicia, e dotándoas de competencias para o emprego que as acompañen durante a súa vida laboral, coa finalidade última de promover a súa empregabilidade e a retención do talento mozo na nosa Comunidade Autónoma.

Por medio desta convocatoria, as empresas terán a posibilidade de obter axudas para a contratación de menores de 30 anos a través das seguintes liñas:

a) Liña 1: programa Talento 30 en prácticas, mediante contratos para a obtención de práctica profesional, subscritos con persoas traballadoras menores de 30 anos que estean en posesión de título universitario (grao, máster ou doutoramento), ou título de grao medio ou superior, especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional, consonte o establecido na Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional; así como daquelas persoas que posúan un título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral, segundo o establecido no artigo 11 do Texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para esta tipoloxía de contratos.

b) Liña 2: programa Talento 30 formación en alternancia, mediante contratos de formación en alternancia que se realicen con persoas traballadoras menores de 30 anos, e que poderán subscribirse con persoas que carezan da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención de práctica profesional regulada no punto 2.a). Sen prexuízo do anterior, poderanse realizar contratos vinculados a estudos de formación profesional con persoas que posúan outra titulación sempre que non tivese outro contrato formativo previo nunha formación do mesmo nivel formativo e do mesmo sector produtivo, segundo o establecido no artigo 11 do Texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para esta tipoloxía de contratos.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 1 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para promover a práctica profesional e a formación en competencias brandas das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, programa Talento 30 (código de procedemento TR353C).

Cuarto. Importe

O importe total da convocatoria ascende a 12.240.664 euros. O financiamento farase con cargo á aplicación 11.05.322A.470.0, por unha contía de 10.080.664 euros para o ano 2022, e de 2.160.000 euros para o ano 2023 que se financiará con cargo á mesma aplicación ou á que resulte equivalente dos orzamentos para 2023. A aplicación mencionada está financiada por fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

A contía máxima da subvención que se concederá con carácter xeral será de:

– 20.225 € para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 1 e 2: 16.625 € en concepto de incentivo á contratación e 3.600 € que se destinarán á impartición dun programa de formación en competencias brandas cunha duración de 80 horas.

– 16.900 € para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 3 a 7: 13.300 € en concepto de incentivo á contratación e 3.600 € que se destinarán á impartición dun programa de formación en competencias brandas cunha duración de 80 horas.

– 13.575 € para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 8 a 11: 9.975 € en concepto de incentivo á contratación e 3.600 € que se destinarán á impartición dun programa de formación en competencias brandas cunha duración de 80 horas.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria estará aberto a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta orde ata o día 30 de setembro de 2022, ou ata esgotamento do crédito.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2022

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade