Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 21 de abril de 2022 Páx. 24307

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas ao deseño para a mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas en Galicia, a través do impulso da xestión do deseño estratéxico de produtos, servizos, experiencias e marcas e identidades corporativas, enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (programa DeseñaPeme) (código de procedemento IN848E).

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Esta lei, no seu capítulo III, crea o Plan galego de investigación e innovación como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo e, no seu artigo 15.3, atribúelle a consideración de plan estratéxico de subvencións, para os efectos do establecido no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación tecnolóxica dentro da Administración galega e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de tecnoloxías e programas de innovación eficientes.

A estratexia da RIS3 é a estratexia integral para artellar todas as actuacións da I+D+i en Galicia, integra os grandes obxectivos da política económica e industrial da Unión Europea, construída arredor da sustentabilidade, o Pacto verde europeo, a transformación dixital e a responsabilidade social.

A incorporación do deseño nas pemes no contexto actual de transformación representa un elemento de carácter estratéxico de cara á xestión da incerteza, xa que ten incidencia no incremento do seu valor empresarial porque ten repercusión directa nalgunhas das variables e dos aspectos máis significativos da actividade empresarial (volume de vendas, penetración de mercados, internacionalización, propiedade industrial, diferenciación, imaxe percibida e recoñecemento de marca, fidelización ao cliente, etc.). O deseño, unido á ciencia e á tecnoloxía, axuda na transformación dese coñecemento en produto, actúa como «unha disciplina clave para levar as ideas ao mercado, transformándoas en produtos ou servizos atractivos e amigables» (Innovation Union, Europe 2020 Flagship Initiative).

A Axencia Galega de Innovación impulsa desde o ano 2018, tamén no marco da RIS3, o Programa de deseño para a innovación 2020, o cal foi aprobado no Consello da Xunta do 21 de xuño de 2018. O 24 de xuño de 2022 aprobouse no Consello o novo Programa de deseño para a innovación e a sustentabilidade 2024-Diferenza, que dá continuidade ao anterior programa e constitúe a aposta pola innovación e o deseño estratéxico para a transformación social e económica de Galicia desde un enfoque sustentable, atendendo á capacidade dos procesos creativos e do deseño como axentes de cambio.

O deseño está dentro da Estratexia de especialización intelixente de Galicia, xa que o uso do deseño, así como doutras innovacións non tecnolóxicas, é un dos factores clave na RIS para o desenvolvemento de produtos de alto valor, o aumento da produtividade e a mellora da eficiencia dos recursos.

Este programa ten como un dos seus obxectivos clave axudar a incorporar nas pemes galegas o deseño e poñer en valor a figura do profesional do deseño como elemento de competividade empresarial.

Desgraciadamente, prevalece na nosa contorna unha concepción e unha visión errónea e redutiva do deseño que o considera unha disciplina artística cuxo único propósito é o de engadir estética ou estilo ao produto industrial ou á comunicación empresarial. Queremos axudar ás pemes galegas, da man de profesionais e axentes do deseño galego, a introducir o deseño nos seus modelos de negocio empresariais de maneira estratéxica. Cos profesionais do deseño queremos contribuír a proxectar o carácter multidisciplinar do deseño e a súa importancia para a competitividade e a innovación das nosas empresas, e traballar co fin de reforzar aínda máis Galicia e a súa industria, a súa economía e o futuro do seu tecido empresarial.

A innovación, xunto co deseño como forza impulsora, permite lanzar unha economía xeradora de bens e servizos de alto valor engadido e unha xestión eficaz das súas cadeas de valor cun maior acceso aos mercados en todo o mundo.

No presente son moitos os casos, de pemes e grandes empresas galegas, que xa apostan polo deseño para a innovación como motor de competitividade e creceron grazas á súa aposta estratéxica ao longo da nosa historia.

Pero o reto é que sexan moitas máis e que se focalice a implementación nas pemes galegas. Que se realice unha construción dun ecosistema galego de deseño e innovación, sólido e sustentable no tempo para a difusión da importancia do deseño nas pemes e, en definitiva, a promoción do binomio deseño e innovación en todos os sectores industriais e empresariais galegos, a través dos seus axentes protagonistas.

A abundante e ampla oferta de axentes tecnolóxicos presente no ecosistema galego de innovación non impide que, ao mesmo tempo, exista unha baixa taxa de absorción por parte das pequenas e medianas empresas da I+D+i xerada en Galicia, especialmente naquelas pemes non tecnolóxicas pertencentes a sectores tradicionais. O sector do deseño galego, polo tanto, está chamado a xogar un rol clave neste proceso, a unión do deseño e a innovación mediante a construción dun ecosistema sólido de axentes impulsores posibilitará que a transformación ecolóxica e dixital sexa máis accesible e sustentable no tempo.

O novo Programa de deseño para a innovación e a sustentabilidade 2024–Diferenza ten como prioridades estratéxicas catro áreas fundamentais do contexto socioeconómico actual:

• Reto climático.

• Transformación dixital.

• Competitividade empresarial.

• Benestar social.

O reto climático é sen dúbida un dos grandes desafíos da nosa xeración e deste século. O deseño circular toma unha gran relevancia no contexto actual. Xa non falamos só de ecodeseño de produtos, senón de todo un movemento creativo ao redor da sustentabilidade. Por tanto, as persoas e o planeta teñen que estar no centro das nosas prioridades. Unha economía circular baséase precisamente no deseño, en deseñar estratexicamente para reducir a xeración de residuos e de contaminación nos procesos e manter dentro dun mesmo ciclo (circular) os materiais e os produtos en uso, este modelo é unha aposta clave para os negocios empresariais actuais. Trátase de producir e consumir de forma máis responsable e eficiente, e minimizar a utilización de materias primas e enerxía, na liña da Axenda 2030 sobre o desenvolvemento sustentable.

A transformación dixital é outro dos grandes retos en que estamos inmersos. Neste gran cambio social das últimas décadas, o deseño amosou de maneira patente todo o seu potencial, achegando as súas metodoloxías para a concepción de interfaces e de sistemas e contribuíndo a que o desenvolvemento de tecnoloxías da información se orientase aos usuarios e ás persoas e non á tecnoloxía en si mesma. Ademais, a COVID-19 escalou o uso das novas tecnoloxías e non podemos perder de vista a necesaria humanización destas, contribución fundamental desde o deseño.

A través destas axudas queremos que as pemes implanten un método para a xestión estratéxica do deseño de produtos e servizos como unha parte máis da xestión empresarial, co fin de asegurar un maior grao de eficacia para as empresas na súa relación co mercado, e dotar esta de maiores trazos de innovación, sustentabilidade, diferenciación e adaptación ao usuario. Tamén o uso de metodoloxías que favorecen a xestión da identidade e as marcas das empresas, entre as que o adecuado uso do deseño cobra importancia, debido a que contribúe a que os públicos obxectivos visualicen e perciban adecuadamente os valores e as estratexias de posicionamento e comunicación en que aquelas, a identidade corporativa e as marcas, se asentan.

Ademais, para abordar estes obxectivos, cómpre poñer en valor un sector de servizos avanzados no ámbito da xestión do deseño estratéxico en Galicia.

O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e as axudas concedidas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido na normativa europea.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas, destinadas ao financiamento de proxectos de deseño, para a mellora das capacidades de innovación e sustentabilidade das empresas en Galicia, a través do impulso da xestión do deseño estratéxico de produtos, servizos e marcas e identidades corporativas, aliñados coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia (programa DeseñaPeme). Código de procedemento IN848E.

2. O seu obxectivo é incorporar o deseño estratéxico nas pemes beneficiarias, é dicir, os seus procesos e o pensamento creativo propio do deseño, na xestión do negocio. Esta convocatoria de axudas será unha ferramenta para facilitar o obxectivo de mellorar a posición das empresas, e fomentar entre elas a adopción do deseño no marco empresarial como un valor estratéxico, que proporciona innovación aos produtos e aos servizos, aos soportes en que estes se presentan ao mercado, e que contribúe a fixar unha imaxe das empresas diferenciada e moderna, nun contorno cada vez máis competitivo e globalizado.

Nestas axudas diferéncianse tres ámbitos do deseño segundo o tipo de proxecto que se vaia poñer en marcha nas empresas beneficiarias:

1.1. Deseño de produto.

1.2. Deseño de servizos/experiencias.

1.3. Deseño de marca e identidade corporativa.

As axudas relativas aos puntos 1.1 e 1.2 teñen como obxectivo que as pemes implanten un método para a xestión do deseño de novos produtos, servizos e experiencias como unha parte máis da xestión empresarial, co fin de garantir un maior grao de eficacia para as empresas na súa relación co mercado e dotar estas de maiores trazos de innovación, sustentabilidade, diferenciación e adaptación ao usuario.

A axuda relativa ao punto 1.3 ten como obxectivo que as pemes implanten o uso de metodoloxías que favorecen a xestión da identidade e as marcas das empresas, entre as cales o adecuado uso do deseño cobra importancia, debido a que contribúe a que o público obxectivo recoñeza adecuadamente as empresas, os seus valores e as súas estratexias de posicionamento e comunicación sobre as que a identidade corporativa e as marcas se constrúen.

No artigo 5 seguinte inclúese o detalle dos requisitos que deberán cumprir os proxectos en cada un dos ámbitos de deseño.

3. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas axudas para o ano 2022 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código de procedemento IN848E).

Artigo 2. Definicións

1. Empresa: segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

2. Microempresa, pequena e mediana empresa: segundo o artigo 2 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, consideraranse pemes as empresas que ocupan a menos de 250 persoas e o seu volume de negocio anual non excede 50 millóns de euros ou o seu balance xeral non excede 43 millóns de euros. Dentro das pemes, considerarase pequena empresa aquela que ocupa menos de 50 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros, e microempresa, aquela que ocupa menos de 10 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

Para o calculo destes efectivos deberán considerarse as indicacións incluídas nos artigos 3, 4, 5 e 6 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

3. Empresa en crise: a que así se defina consonte o previsto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 e as directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise, DOUE C 249, do 31.7.2014, ou documento que o substitúa.

4. Empresa vinculada: son empresas vinculadas segundo o artigo 3.3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 aquelas empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios da outra empresa.

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control da outra empresa.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato subscrito con ela ou dunha cláusula estatutaria da segunda empresa.

d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo celebrado con outros accionistas ou socios da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas ou socios.

Presumirase que non existe influencia dominante cando os investidores enunciados no artigo 3.2 (segundo parágrafo) do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 non teñan implicación directa ou indirecta na xestión da empresa en cuestión, sen prexuízo dos dereitos que lles correspondan na súa calidade de accionistas.

As empresas que manteñan calquera das relacións recollidas no parágrafo primeiro do artigo 3 do citado anexo I a través doutra ou doutras empresas, ou cos investidores enumerados no punto 2 do mesmo artigo, consideraranse tamén vinculadas.

Tamén se considerarán empresas vinculadas as que manteñan algunha das devanditas relacións a través dunha persoa física ou un grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se as devanditas empresas exercen a súa actividade ou parte desta no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos, considerándose mercado contiguo o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á do mercado en cuestión.

5. Retos, prioridades e cadeas de valor da Estratexia RIS3 de Galicia: sintetiza o conxunto de obxectivos tecnolóxicos e de innovación da Estratexia RIS3 de Galicia, baseados tanto en actividades existentes como en oportunidades de futuro.

Retos da RIS3:

Reto 1: novo modelo de xestión innovadora de recursos naturais e culturais. Modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan no melloramento da eficiencia e rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

Reto 2: o modelo industrial da Galicia do futuro. Aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través da hibridación e as tecnoloxías facilitadoras esenciais.

Reto 3: novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo. Posicionar Galicia para o ano 2020 como a rexión líder no sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable: o envellecemento activo, a aplicación terapéutica de recursos hídricos e mariños e a nutrición funcional.

Prioridades da RIS3 Galicia:

• Prioridade 1:

◦ Solucións científico-tecnolóxicas para a sustentabilidade. Desenvolvemento e aplicación das diferentes solucións científico-tecnolóxicas e de innovación para avanzar na descarbonización das cadeas de valor, a sustentabilidade dos recursos naturais (terra e mar) e patrimoniais de Galicia, xerando ademais oportunidades para a diversificación a produtos sustentables competitivos internacionalmente e mellorando o benestar das persoas.

• Prioridade 2:

◦ Dixitalización para o novo modelo industrial e social. Apoio á tecnificación e dixitalización (desenvolvemento e/ou incorporación de tecnoloxías) para impulsar o modelo industrial galego e a xestión e prestación de servizos sanitarios e sociais de calidade, como panca para a transformación resiliente de Galicia.

• Prioridade 3:

◦ Orientación dos esforzos en I+D+i cara os retos da sociedade en alimentación, saúde e envellecemento activo, convertendo Galicia nunha contorna de referencia mundial para o desenvolvemento e exame de novas oportunidades científico-tecnolóxicas e empresariais: Galicia Living Lab.

Cadeas de valor de Galicia:

• Cadea de valor da industria aeroespacial e aeronáutica.

• Cadea de valor da industria da agroalimentación.

• Cadea de valor da industria de automoción.

• Cadea de valor das enerxías renovables e o almacenamento enerxético.

• Cadea de valor da industria forestal e da madeira.

• Cadea de valor da industria do mar e o medio mariño.

• Cadea de valor da industria naval.

• Cadea de valor da loxística.

• Cadea de valor da saúde, a calidade de vida e o envellecemento.

• Cadea de valor da industria téxtil e da moda.

• Cadea de valor do turismo e do patrimonio.

• Cadea de valor das TIC.

6. Deseño: o deseño é un proceso centrado no usuario para a resolución de problemas e a exploración de oportunidades que impulsa a innovación non tecnolóxica, que proporciona metodoloxías e ferramentas que poden ser utilizadas en diferentes fases do proceso de innovación para incrementar o valor de novos sistemas de produtos e servizos. O seu uso sistemático como ferramenta de innovación impulsada polo mercado e centrada no usuario, complementa a innovación tecnolóxica e reforza a competitividade. Integrado a un nivel estratéxico na empresa, fortalece a súa marca e o seu posicionamento diferenciado, e crea unha vantaxe sustentable no tempo.

7. Deseño estratéxico: esta disciplina do deseño incorpora deseño, procesos e pensamento de deseño na propia xestión do negocio; o deseño traballa ao servizo da empresa para repensar o concepto de negocio, para crear novos escenarios e visións, para ser unha das forzas estratéxicas que xeren produtos, servizos, interaccións e novos modelos de negocio innovadores.

8. Deseño de produto: enténdese por deseño de novo produto a concepción e desenvolvemento de produtos que se perciban no mercado como novos ou, no caso de redeseño de produtos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial.

9. Deseño de servizos/experiencias: é a actividade de planificar e organizar persoas, infraestrutura, comunicación e materiais que compoñen un servizo, para mellorar a súa calidade, a interacción entre o provedor e as persoas usuarias e as súas experiencias. O deseño de servizos permite deseñar experiencias memorables para as persoas usuarias, crear novos vínculos entre os diferentes axentes do proceso e potenciar as súas capacidades de acción e interacción. Esta disciplina xorde debido a que hai un cambio dunha sociedade industrial a unha sociedade de servizos e provoca que os/as profesionais do deseño deban agora resolver tamén a ergonomía tanto dos produtos como dos servizos e esa é unha tarefa en ocasións altamente complexa.

10. Deseño de identidade corporativa: a identidade corporativa encárgase de definir e concretar unha personalidade para a corporación ou entidade para a cal se deseña. Nela estará reflectido todo o que a representa e tamén o que diferencia a empresa ou a organización doutras. Ademais, o deseño da identidade corporativa tamén se encarga do desenvolvemento da promoción dos produtos e servizos da compañía.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións imputaranse ao capítulo VII do orzamento da Axencia Galega de Innovación, á aplicación orzamentaria que se indica neste artigo, en que existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma galega, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria segundo o disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitudes que resulte da aplicación dos criterios de valoración.

Procedemento IN848E

Beneficiarios

Aplicación orzamentaria

Ano 2022

Ano 2023

Total

Pemes

06.A2.561A.770.0

600.000,00 €

900.000,00 €

1.500.000,00 €

2. A distribución de fondos establecida para cada anualidade, na aplicación orzamentaria sinalada, é unha previsión que deberá axustarse tras a valoración das solicitudes de axuda, sen incrementar o crédito total.

Artigo 4. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas, conforme as definicións contidas no artigo 2, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as cales se solicita a axuda.

2. Os beneficiarios das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán no Documento que establece as condicións da axuda (DECA), conforme o disposto no artigo 21 da presente resolución.

3. Non poderán adquirir a condición de beneficiarias destas axudas:

a) As pemes que xa resultasen beneficiarias dunha axuda do programa DeseñaPeme.

b) As pemes incluídas nalgunha das seguintes rúbricas da Clasificación nacional de actividades económicas-CNAE-2009:

• Sección J: información e comunicacións. Quedan excluídas como beneficiarias as empresas das divisións 61: telecomunicacións; 62: programación, consultoría e outras actividades relacionadas coa informática, e 63: servizos de información.

c) As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.

d) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á Administración institucional, calquera que sexa a Administración en que se integren.

e) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se creasen especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen a máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

f) As pemes en crise conforme a definición contida no artigo 2 desta convocatoria. A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, e que se cumpren as condicións establecidas no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión, para considerar a unha empresa en crise.

g) As pemes nas cales concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

h) As pemes vinculadas ou pertencentes ao mesmo grupo empresarial.

• Non poderán coexistir na mesma convocatoria solicitudes de entidades vinculadas (segundo se explicita no artigo 2) ou pertencentes ao mesmo grupo empresarial, e considerarase soamente a que primeiro presente a solicitude.

Non poderán ser beneficiarias as empresas vinculadas ou do mesmo grupo empresarial doutras que fosen beneficiarias doutras convocatorias desta axuda e transcorresen menos de 2 anos desde a súa concesión.

Artigo 5. Actividades subvencionables

1. Serán actividades subvencionables aquelas incluídas no Proxecto de deseño para a innovación e sustentabilidade, que deberá reunir, como mínimo, as seguintes características:

a) Introduciranse un conxunto de actividades que constitúan un conxunto completo e homoxéneo de fases que permita implementar ou incrementar as capacidades de deseño da empresa solicitante.

b) As fases, coas súas actividades correspondentes, incluídas no Proxecto de deseño para a innovación e sustentabilidade relativas a cada un dos ámbitos de deseño obxecto desta convocatoria, deben implicar o desenvolvemento das opcións desagregadas, tal e como se describe a continuación:

b.1) Deseño de produto.

Concepción e desenvolvemento de produtos, que se perciban no mercado como novos ou, no caso de redeseño dos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial. Os proxectos que se presenten nesta liña deberán expoñer o deseño ou redeseño dun só produto ou dunha soa gama concreta de produto.

Para isto, as actividades subvencionables de cada unha das fases do proxecto de deseño deberán incluír:

Fase I: análise, estratexia e conceptualización.

Esta fase ten como obxectivo a análise do contexto do proxecto, a definición de claves para o deseño e a materialización de solucións en forma de conceptos visuais. Esta fase deberá comprender, como mínimo, as seguintes actividades:

1.1. Análise da organización interna da empresa e do deseño das súas estratexias, posicionamentos e carteira de produtos, nos seguintes ámbitos:

Produto: produtos de referencia, produtos substitutivos, competencia, análise de valor.

Tecnolóxico: definición de condicionantes técnicos, funcionais e dimensionais.

Económico-produtivo: canal comercial, punto de venda, materiais e procesos. Custo obxectivo e investimentos.

Usuario-cliente: definición e priorización de targets, factores de valor, ergonomía aplicable e contorno de uso.

1.2. Briefing: resumo do posicionamento, insights e keys de deseño. Obxectivos e especificacións de deseño.

1.3. Conceptualización-brainstorming: conceptos e estilo do produto consonte solucións asociadas a obxectivos; presentación de conceptos de produto-estilo asociado a unha aproximación a custos e investimentos; selección final.

Fase II: deseño de detalle e desenvolvemento.

Esta fase ten como obxectivo definir integramente o deseño a partir do concepto seleccionado na fase I, así como da súa arquitectura xeral e despezamento, tanto desde o punto de vista estético, funcional, técnico/produtivo como económico. Esta fase deberá comprender como mínimo as seguintes actividades:

2.1. Deseño de detalle:

2.1.1. Deseño funcional e dimensional do produto: análise de todos os usos para garantir o correcto funcionamento e a interacción co usuario. Definición da arquitectura de produto e despezamento.

2.1.2. Selección de materiais, procesos e compoñentes.

2.1.3. Refinamento estético (axuste de proporcións e encontros entre os diferentes compoñentes).

2.1.4. Deseño de gráfica aplicada. Selección de acabados. Integración da marca.

2.2. Desenvolvemento:

2.2.1. Definición técnica dos diferentes compoñentes (adecuación a cada proceso produtivo e optimización da montaxe e transporte).

2.2.2. Desenvolvemento dos diferentes sistemas e mecanismos; modelado 3D das pezas e xeración de planos para produción.

Fase III: preindustrialización.

Esta fase ten como obxectivo integrar todas as melloras necesarias nas diferentes pezas e compoñentes do produto. Elaborarase o material necesario para a contratación de útiles ou moldes de fabricación e a produción dos diferentes compoñentes para a súa produción seriada.

Esta fase deberá comprender como mínimo as seguintes actividades:

3.1. Análise de secuencia de ensamblaxe e puntos críticos de axuste.

3.2. Deseño e modelado 3D de pezas para produción.

3.3. Solucións para mantemento e reparación.

3.4. Especificacións de montaxe.

Nos proxectos de deseño de produto que se presenten a esta convocatoria tamén se poderán recoller outras disciplinas do deseño que se interrelacionan para a consecución do resultado final do dito proxecto, que son as seguintes:

• Deseño circular: mediante esta liña de subvención, preténdese impulsar o deseño circular de cara a conseguir novos produtos sustentables. Esta convocatoria pretende poñer en marcha novas solucións sustentables para contribuír á transición ecolóxica mediante o deseño de novos produtos.

• Deseño dixital: os casos en que o deseño do produto supoña o desenvolvemento de deseños dixitais poderán ser incluídos como actividade subvencionable sempre que estean asociados ao novo produto.

• Deseño de identidade de produto: os proxectos poderán incluír elementos de identidade gráfica, envase, embalaxe e comunicación sempre que estean asociados ao novo produto.

b.2) Deseño de servizos e experiencias.

Concepción e desenvolvemento de servizos e experiencias, que se perciban no mercado como novos ou, no caso de redeseño dos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial.

Para iso, as actividades subvencionables de cada unha das fases do proxecto de deseño deberán incluír:

Fase I: análise, estratexia e conceptualización.

Análise da organización interna da empresa e do deseño das súas estratexias, posicionamentos e carteira de servizos e a súa interrelacción. Nesta fase analizarase o contexto do proxecto de deseño, estableceranse as claves do deseño e as solucións materializaranse en forma de concepto.

Fase II: deseño de detalle e desenvolvemento.

Procedementos para a execución do deseño do servizo seleccionado e prototipos do novo deseño, para iso compre definir integramente o deseño partindo do concepto seleccionado na fase I, así como a súa arquitectura xeral, desde o punto de vista estético, funcional, técnico/produtivo e económico.

Nos proxectos de deseño de servizos e experiencias que se presenten a esta convocatoria, tamén se poderán recoller outras disciplinas do deseño que se interrelacionan para a consecución do resultado final do dito proxecto, que son as seguintes:

• Deseño dixital: casos en que o deseño do servizo supoña o desenvolvemento de deseños dixitais poderán ser incluídos como actividade subvencionable sempre que estean asociados ao novo servizo.

• Deseño de identidade de servizo: os proxectos poderán incluír elementos de identidade gráfica e comunicación sempre que estean asociados ao novo servizo.

b.3) Deseño de marca e identidade corporativa.

Este ámbito do deseño ten como obxectivo formular a identidade corporativa e marca das empresas e a súa interrelación cos seus produtos e servizos e do deseño como parte significativa delas.

Para iso, as actividades subvencionables de cada unha das fases do proxecto de deseño deberán incluír:

Fase I: análise, estratexia e conceptualización.

1.1. Análise interna e externa.

Esta análise ten como obxectivo a valoración xeral da situación en canto á identidade da empresa, da súa marca ou marcas, os seus produtos, servizos e dos seus soportes e métodos de comunicación e a súa relación, así como a valoración de como todo iso é percibido polo usuario/cliente. Para iso realizarase unha análise en profundidade da:

– Estratexia da empresa; sector; posicionamento; unidades de negocio, segmentos de mercado; carteira de produtos e servizos.

– Estrutura de marcas, a forza e a potencialidade destas e públicos clave.

– Plans e actuacións internas e externas de comunicación, os elementos utilizados ou a través dos cales se proxecta a dita comunicación (oficinas, fachadas, rótulos, vehículos, catálogos, folletos, manuais técnicos, envases e envoltorios dos produtos, etiquetas, papelaría, internet, etc.), os procedementos de relación externa (protocolos de atención ao cliente e/ou servizo posvenda, relacións públicas).

1.2. Proposta de deseño conceptual da identidade corporativa.

Proposta de deseño de identidade coherente e realista para a empresa nos seus diferentes niveis (empresa, marca e produto/servizo) e elementos de actuación, que persiga a eficacia ante os seus diferentes públicos clave.

Fase II: deseño de detalle e desenvolvemento.

O prego de especificacións deberá incluír a definición do proxecto, os obxectivos de deseño, xunto coa información relevante para cada proxecto: valores que se van transmitir, que esperan e valoran os distintos públicos clave, as marcas existentes, os produtos, os elementos de comunicación, soportes e packaging utilizados; así como información sobre o mercado e sobre as restricións técnicas e de custo que resulten significativas.

O deseño gráfico, a identidade visual, o packaging, os soportes dixitais, etc. son unha parte relevante do branding que fai tanxible a súa estratexia para as persoas e para o mercado.

Potenciarase que os deseños desta identidade representen valores sustentables e innovadores asociados á empresa-marca e produto-servizo.

c) Deberá estar aliñado con algunha das prioridades da RIS3 para Galicia.

d) O orzamento subvencionable será dun mínimo de 10.000 € e dun máximo de 200.000 €.

A presentación dun proxecto de deseño para a innovación e a sustentabilidade cun orzamento fóra do rango establecido será causa de inadmisión da solicitude de axuda.

e) A súa duración mínima será de seis meses para un proxecto de deseño de marca e identidade corporativa, e dun ano para os deseños de produto e deseño de servizos e experiencias.

A data máxima estenderase ata o 30 de setembro de 2023 e a presentación dun proxecto de deseño para a innovación e sustentabilidade cunha duración fóra do rango establecido será causa de inadmisión da solicitude de axuda.

2. Só se financiarán proxectos de deseño desenvolvidos na Comunidade Autónoma galega.

3. O comezo do proxecto de deseño terá como data mínima de inicio a data de solicitude, polo que calquera actividade ou investimento terá que ser executado con posterioridade á solicitude. De non cumprirse esta condición, non poderá financiarse ningún gasto derivado do devandito proxecto.

Artigo 6. Contía, intensidade das axudas e concorrencia

1. As axudas concederanse en forma de subvencións. A contía máxima da axuda que pode ser concedida para cada proxecto de deseño determinarase sobre o investimento subvencionable de cada beneficiario e será conforme os límites de intensidade previstos nos artigos 28 e 29 do Regulamento (UE) nº 651/2014, de acordo coa seguinte táboa:

Modalidade

Investimento

Subvención

Intensidade

Subvención non reembolsable

De 10.000 € a 200.000 €

De 5.000 € ata 100.000 €

50 %

2. As axudas concedidas pola Axencia Galega de Innovación ao abeiro desta convocatoria serán compatibles coa percepción doutras axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, salvo que se superen as intensidades máximas de axuda establecidas no Regulamento (UE) nº 651/2014 que se indican na táboa anterior, que teñen a consideración de intensidade máxima.

3. Esta convocatoria establécese en réxime de concorrencia competitiva ata o esgotamento de crédito e conforme os criterios de avaliación establecidos nesta convocatoria.

Artigo 7. Conceptos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto de deseño para a innovación para o cal foron concedidos. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

2. Para a anualidade de 2022, só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude de subvención e o 30 de setembro 2022. Para a anualidade 2023, admitiranse os gastos realizados dentro do período comprendido entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2023.

3. Os gastos que se subvencionan deberán respectar o disposto na presente convocatoria e serán exclusivamente custos directos, entendendo como tales aqueles que estean directa e inequivocamente relacionados coa actividade subvencionada e cuxo nexo con esta actividade pode demostrarse.

Consideraranse custos subvencionables os seguintes:

a.1) Custos de obtención, validación e defensa de patentes e outros activos inmateriais.

a.2) Custos de servizos de asesoramento en materia de deseño para a innovación: consultoría, asistencia e capacitación nos ámbitos da transferencia de coñecemento, a adquisición, protección e explotación de activos inmateriais, e o uso de normas e regulamentos que os incorporan.

a.3) Custos de servizos de apoio en materia de deseño para a innovación: acceso a bancos de datos, bibliotecas, estudo de investigación de mercados, laboratorios, etiquetaxe de calidade, ensaio e certificación, etc., co fin de desenvolver produtos, procesos ou servizos máis eficaces.

a.4) Custos de activos materiais e inmateriais exclusivamente ligados ao proxecto, que permitan consolidar a implantación das actividades de deseño na empresa, como poden ser moldes, utensilios, prototipos e equipamentos necesarios para o prototipado. Quedan excluídos aqueles investimentos no ámbito da fabricación dos produtos, así como a renovación de activos xa existentes na empresa.

a.5) Custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición e non adquirido con fondos ou axudas públicas: na medida en que se utilicen para as actividades do proxecto de deseño para a innovación e a sustentabilidade.

Se o equipamento e material non se utiliza exclusivamente para as actividades do proxecto de deseño, ou por exceder a súa vida útil a duración deste, só serán imputables os custos de amortización que correspondan ao período que se subvenciona, calculados sobre a base das boas prácticas contables e a táboa de coeficientes de amortización lineal da Axencia Tributaria. Para que este custo sexa considerado como gasto, deberá detallarse na solicitude o procedemento de cálculo seguido para calcular os custos de amortización tendo en conta o tempo concreto de imputación ás actividades da memoria presentada.

Cando, polas súas características específicas, o equipamento ou material instrumental se dedica exclusivamente ás actividades do proxecto de deseño e a súa vida útil esgotase ao final do período que se subvenciona, considerarase como gasto o custo de adquisición. Neste caso, deberase xustificar na solicitude esta condición e a vida útil deste equipamento.

A instalación do equipamento ou material instrumental, sempre e cando sexa estritamente necesaria para a súa posta en funcionamento, poderase incluír no custo amortizable.

Inclúense neste concepto de gasto as licenzas e renovacións de licenzas de software se son de uso específico para as actividades de I+D+i e non de uso xeral e coherentes cos obxectivos presentados na memoria técnica.

Neste punto están excluídos os seguintes gastos:

• Instalacións de edificios e obra civil (electricidade, climatización, redes de telecomunicacións, etc.).

• Equipamento para espazos ou usos alleos ás actividades de I+D+i: zonas de administración ou xestión, salas de reunións, despachos, mobiliario de oficina.

• Melloras de aplicacións ou software xa existente ou a súa adaptación.

• Servizos de telecomunicacións ou de almacenamento ou hospedaxe da información.

• Arrendamento de equipamentos (hardware), redes ou sistemas físicos de tecnoloxías da información ou das comunicacións.

a.6) Custos de persoal propio.

a.7) Custos de persoal de nova contratación que deberá dispoñer dunha titulación ou recoñecemento no ámbito do deseño.

Os custos de persoal propio e de nova contratación rexeranse polo disposto no artigo seguinte desta convocatoria.

a.8) Custos de adquisición de licenzas de propiedade industrial: as licenzas deberán ser adquiridas ou obtidas de fontes externas, sempre e cando a operación se realice en condicións de plena competencia e sen elemento ningún de colusión.

a.9) Custos de material, subministracións e produtos similares, que deriven directamente do desenvolvemento do proxecto de deseño e que deberán estar especificados na memoria presentada na solicitude.

Os custos de material de oficina e consumibles informáticos no se financiarán neste concepto.

Este custo non poderá superar o límite do 20 % do custo total do investimento.

a.10) Subcontratacións:

1. Consideraranse subcontratacións as actuacións contratadas a terceiros que supoñan a execución dunha parte da actividade de deseño que constitúe o obxecto da subvención. A subcontratación deberá estar debidamente xustificada e motivada na memoria técnica.

As subcontratacións correspóndense cos custos de servizos de asesoramento en materia de deseño con entidades provedoras de servizo de deseño, profesionais do deseño, estudos de deseño e empresas externas de servizos de consultoría especializadas nas disciplinas de deseño obxecto da convocatoria.

2. As entidades beneficiarias das axudas reguladas nestas bases poderán subcontratar como máximo ata o 50 % do importe da actividade subvencionada.

O orzamento subvencionable relativo ás subcontratacións estará comprendido nos seguintes rangos en función da disciplina do deseño que a empresa beneficiaria queira abordar:

Ámbito

Orzamento total

Alcance da axuda

Deseño de produto

Mínimo de 30.000 € ata un máximo de 100.000 €

Mínimo de 15.000 € ata un máximo de 50.000 €

Deseño de servizos/experiencias

Mínimo de 20.000 € euros ata un máximo de 60.000 €

Mínimo de 10.000 € euros ata un máximo de 30.000 €

Deseño de marca e identidade corporativa

Mínimo de 10.000 € ata un máximo de 50.000 €

Mínimo de 5.000 € ata un máximo de 25.000 €

3. Será obrigatoria a subscrición dun contrato entre a empresa e a entidade subcontratista, que poderá condicionarse a resultar a primeira beneficiaria da subvención, e deberá recoller, como mínimo, os seguintes aspectos: obxectivos do contrato, descrición das actividades, data de inicio e duración total, orzamento total e desagregación por anualidades. No contrato deberanse detallar as persoas que participan na subcontratación, unha descrición específica das actividades realizadas por cada unha delas neste e a porcentaxe de dedicación ao proxecto de deseño. Todos estes aspectos serán revisados pola Axencia Galega de Innovación.

O profesional ou equipo de profesionais colaboradores externos que presten o servizo deberán dispoñer dunha titulación ou recoñecemento no ámbito do deseño específico en que participen e contar cunha experiencia demostrable superior a 2 anos na prestación de servizos similares aos solicitados pola empresa.

4. En ningún caso a entidade beneficiaria poderá subcontratar con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións que se recollen no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe do custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades solicitantes da axuda na mesma convocatoria e programa que non obtivesen a subvención por non reuniren os requisitos ou non acadaren a valoración suficiente.

e) Persoas ou entidades vinculadas co beneficiario, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

1ª) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2ª) Que se obteña a autorización previa da Axencia Galega de Innovación.

5. No suposto de que o importe do IVE non sexa recuperable, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado relativo á situación da entidade con respecto ao IVE.

Artigo 8. Custos de persoal

1. Poderanse subvencionar os custos de persoal propio da empresa, así como os gastos do persoal de nova contratación que se incorpore á entidade para a realización da actuación para a cal se solicita a axuda, no tempo imputado exclusivamente para o seu desenvolvemento.

Para cada empresa, o custo de persoal propio será como máximo o 50 % do custo subvencionable.

2. No caso de persoal de nova contratación, deberá dedicarse de xeito exclusivo cunha dedicación do 100 % ao proxecto de deseño e non ter contrato laboral coa empresa ou empresa vinculada nos 6 meses anteriores á formalización do contrato. Debe incorporarse no contrato de traballo a vinculación exclusiva deste persoal ao proxecto que motiva a contratación.

3. No caso de persoal propio, cando a imputación ao proxecto non sexa do 100 %, na memoria que se achegue coa solicitude deberán xustificarse os motivos da porcentaxe de imputación do tempo de dedicación ao proxecto. Non será suficiente unha xustificación xenérica que non permita valorar a adecuación, pertinencia e verificabilidade do tempo imputado.

Só no caso de micropemes poderán subvencionarse os custos de persoal directivo e xerencial que realice actividades do proxecto cunha dedicación máxima do 30 %. Na memoria que se achegará coa solicitude xustificaranse detalladamente as funcións/tarefas concretas que desenvolverá este persoal nas diferentes actividades recollidas no plan. Estas funcións deberán ser compatibles co seu labor directivo ou xerencial.

4. Os custos de persoal non poderán superar os custos máximos anuais por grupo de cotización que se establecen no seguinte cadro:

Grupo de cotización

Titulación/categoría profesional

Total anual

(Soldo bruto1 + Seguridade Social por conta da empresa)

1

Enxeñeiros/licenciados/persoal de alta dirección

45.000 €

2

Enxeñeiros técnicos, peritos e axudantes titulados/diplomados

39.375 €

3

Xefes administrativos e de taller (técnicos especialistas)

31.500 €

5. Non se considerarán subvencionables:

a) Os gastos relacionados con aqueles traballadores que non estean dados de alta nun centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia onde se desenvolve o proxecto de deseño.

b) Os gastos de persoal que non teña relación contractual laboral coa entidade beneficiaria da subvención, agás que se trate:

– De socios traballadores de cooperativas ou sociedades laborais.

– De socios da empresa con labor directivo e xerencial e coas limitacións establecidas no punto 2 deste artigo.

c) Os conceptos incluídos na retribución bruta do traballador que non garden relación coa actividade subvencionada.

d) Os custos de persoal administrativo relacionados con tarefas de xestión do proxecto de deseño.

e) Os custos de viaxes, as indemnizacións ou axudas de custos.

f) Os custos de persoal directivo e xerencial que realice labores de I+D+i no caso de medianas empresas e de pequenas empresas que non teñan a categoría de micropemes.

6. Calquera modificación no cadro de persoal asignado ao proxecto de deseño deberá ser motivada e xustificada, e será aprobada pola Axencia Galega de Innovación. En caso de producírense substitucións, ademais, a persoa substituta deberá cumprir as mesmas condicións de perfil e contratación que a persoa que causou baixa.

Os custos de persoal serán subvencionables na medida en que se incorrese neles de xeito efectivo e se xustifiquen mediante os correspondentes documentos acreditativos de gasto e de pagamento.

Artigo 9. Ofertas

De acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable iguale ou supere a contía de 15.000 €, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación, deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Cando o gasto subvencionable sexa de importe inferior ao sinalado no parágrafo anterior, deberá presentarse, como mínimo, unha oferta ou factura pro forma do provedor.

Artigo 10. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse, obrigatoriamente, por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao día seguinte ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Memoria técnica do Proxecto de deseño para a innovación e sustentabilidade proposto, que incluirá a desagregación do seu orzamento, segundo o guión-modelo que se inclúe como anexo II, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

A non presentación da memoria técnica será causa de inadmisión da solicitude.

b) Copia da escritura de constitución da entidade e as súas modificacións posteriores.

c) Certificación actualizada do Rexistro Mercantil, en que se especifique a data de constitución, o obxecto social, capital, sede social e clasificación CNAE.

d) De ser o caso, poder de representación verificado.

e) Declaración completa do imposto de sociedades do último exercicio pechado, modelo 200 da Axencia Tributaria Estatal.

f) Informe do cadro de persoal medio anual emitido pola Seguridade Social.

No caso de non ter traballadores dados de alta no réxime xeral da Seguridade Social, achegarase documento acreditativo emitido pola Seguridade Social e declaración responsable do representante legal da entidade de non ter traballadores.

g) No caso de pemes vinculadas, asociadas ou participadas de acordo cos criterios establecidos no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, deberá achegarse para cada unha das empresas vinculadas a documentación das alíneas b), c), e), f).

h) Copia da resolución de concesión de axudas para a mesma finalidade.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, de non se poderen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude (anexo I) deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Ademais, deberase presentar a documentación acreditativa daqueles criterios de avaliación que se detallan no artigo 19.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da persoa ou entidade representante.

c) DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.

d) Poder do representante que presenta a solicitude inscrito no rexistro competente.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Tributaria AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

h) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións documentadas necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014, e que non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no punto 3 do artigo 2 desta convocatoria, para considerar unha empresa en crise.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da devandita lei, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten como código IN848E, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

b) Nos teléfonos 881 99 91 20, 981 95 70 00 desta axencia.

c) No enderezo electrónico programadeseno.gain@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 6 e seguintes da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

4. En cumprimento do previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 17. Instrución do procedemento e tramitación

1. A Área de Centros da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións. Corresponderalle á Dirección da Axencia Galega de Innovación ditar as resolucións de outorgamento das ditas axudas.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou non se xunta a documentación exixida, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución. Se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación na web pola notificación individualizada.

Non se considerará emendable a falta de presentación ou a presentación fóra de prazo da solicitude de axuda e/ou memoria técnica, así como o incumprimento de determinados requisitos da presente convocatoria.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúna todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á Comisión de Selección.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

6. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 18. Comisión de Selección

1. A Comisión de Selección será o órgano colexiado encargado de seleccionar as solicitudes e estará composto por:

a) A persoa que desempeña a dirección dunha área da Axencia Galega de Innovación, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

b) A persoa que desempeña a xefatura dun departamento da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue.

c) Dúas persoas empregadas públicas da Axencia Galega de Innovación, actuando unha delas como secretario, con voz e sen voto.

2. A comisión fará a selección de acordo co informe de avaliación realizado para cada solicitude conforme os criterios de valoración establecidos nas bases reguladoras do procedemento.

Proporase a concesión das solicitudes por orde decrecente ata esgotar os créditos dispoñibles e quedarán, de ser o caso, como suplentes aquelas para as cales non se dispón de crédito suficiente pero que acadaron unha puntuación igual ou superior á puntuación mínima indicada no punto 2 do artigo seguinte.

3. A Comisión de Selección emitirá un informe final en que figurarán, de xeito individualizado, as solicitudes propostas para obter a subvención, especificando a avaliación que lles corresponde. Así mesmo, indicarase o importe do custo subvencionable e da subvención para cada un deles sen superar o crédito dispoñible e tendo en conta a intensidade de axuda prevista nesta convocatoria.

Artigo 19. Criterios de avaliación

A avaliación de cada solicitude que reúna os requisitos exixidos nesta convocatoria será realizada por persoal xestor técnico da Axencia Galega de Innovación, que poderá contar co apoio de persoal experto externo.

1. A avaliación de cada proxecto de deseño, que reúna os requisitos exixidos nesta convocatoria, realizarase sobre un total de 200 puntos que se outorgarán atendendo aos obxectivos e aspectos técnicos e económico-financeiros do deseño, así como á súa potencialidade para xerar valor económico e tamén no concernente aos aspectos relativos á capacidade da peme solicitante para a execución do proxecto de deseño, segundo os seguintes criterios de avaliación:

1.1. Calidade técnica do proxecto en termos de innovación (40 puntos).

1.2. Calidade técnica do proxecto en termos de sustentabilidade (40 puntos).

1.3. Capacidade técnica e financeira do proxecto (30 puntos).

1.4. Capacidade da empresa solicitante para a execución do proxecto (30 puntos).

1.5. Impacto económico e social (30 puntos).

1.6. Impacto sociolaboral e xeración de emprego (30 puntos).

Criterios de avaliación

Puntuación

1.1. Calidade técnica do proxecto de deseño en termos de innovación: valorarase o grao de innovación e novidade do novo deseño desenvolvido. Un proxecto baixo ou nulo no grao de innovación será desestimado.

40

1.1.1. Grao de novidade do produto/experiencia/marca no mercado.

10

1.1.2. Grao de detección das necesidades do mercado actual.

10

1.1.3. Grao de innovación relacionado con como os obxectivos do proxecto atenden a termos de estética e calidade da experiencia máis alá da funcionalidade do propio deseño e como se interrelaccionan entre si (interrelacción función e forma).

10

1.1.4. Grao de innovación cultural, relacionada coa identidade propia a partir da tradición ou de calquera outro aspecto cultural actual galego, ou da propia tradición da empresa.

Grao en que o deseño axudará a mellorar a reputación internacional da rexión.

10

1.2. Calidade técnica da proposta en termos de sustentabilidade: valorarase o grao de sustentabilidade da nova solución desenvolvida.

40

1.2.1. Grao de definición, claridade e adecuación das actividades aos obxectivos do proxecto en termos de sustentabilidade (incluída circularidade) e como son abordados.

10

1.2.2. Impacto sobre o consumo de recursos naturais e enerxía.

Análise do consumo de recursos e materias primas na concepción e realización do prototipo e no ciclo de vida que se espera do produto/experiencia/marca.

10

1.2.3. Impacto sobre a contorna.

Análise da utilización de materiais reciclados e reciclables, ciclo de vida e xeración de residuos implicados na concepción e prototipado do produto/experiencia/marca.

10

1.2.4. Grao en que o deseño terá un impacto positivo na conservación ambiental e/ou dará lugar a unha relación máis sustentable entre a sociedade, a industria e o ambiente.

10

1.3. Capacidade técnica e financeira do proxecto:

Metodoloxía, plan de traballo e orzamento do proxecto. Valorarase a coherencia do plan de traballo e a metodoloxía prevista para o seu desenvolvemento e a adecuación do orzamento do proxecto de deseño aos obxectivos previstos para a súa correcta execución.

30

1.3.1. Calidade e claridade dos obxectivos do deseño e a memoria técnica do proxecto. Viabilidade técnica do proxecto.

15

1.3.2. Adecuación do equipo humano implicado con experiencia no ámbito do deseño, incorporación de profesionais titulados en deseño, capacidade e experiencia da entidade colaboradora.

15

1.4. Capacidade da empresa solicitante para a execución do proxecto

30

1.4.1. Perfil da empresa: xeolocalización (zonas despoboadas ou rurais, segundo a Orde do 9 de febreiro de 2017, da Consellería de Facenda, pola que se determinan as parroquias que teñen a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais (...) (DOG núm. 29, do 10.2.2017).

10

1.4.2. Solvencia económica e técnica: volume anual de negocio maior que 1,5 veces o investimento total do proxecto de deseño.

5

1.4.3. Responsabilidade social empresarial: dispoñer dun plan de igualdade rexistrado.

5

1.4.4. Cadro de persoal paritario:

1. 40-60 % mulleres

2. > 60 % mulleres

3. > 10 % de persoal con diversidade funcional recoñecida

+2 puntos

+4 puntos

+4 puntos

1.5. Impacto económico e social:

Avaliarase a repercusión económica e social prevista pola aplicación do resultado do proxecto.

30

1.5.1. Resultados esperados de internacionalización.

10

1.5.2. Incremento das vendas e mellora da capacidade operativa, competitiva e posición no mercado.

10

1.5.3. Desenvolvemento de novos procesos e cambios organizativos substanciais grazas á integración do deseño na estratexia da organización.

5

1.5.4. Impacto nos retos e prioridades RIS3 Galicia.

5

1.6. Impacto sociolaboral e xeración de emprego:

Puntuarase o número e características do persoal de nova contratación a tempo completo adscrito ao proxecto de deseño.

30

1.6.1. Cada nova contratación co perfil muller.

+10 puntos

1.6.2. Cada nova contratación co perfil diversidade funcional >33 %.

+10 puntos

1.6.3. Cada nova contratación cun perfil diferente aos anteriores.

+3 puntos

1.6.4. Cada nova contratación dun profesional con formación e experiencia no ámbito de deseño.

+7 puntos

As puntuacións no número 1.6, Impacto sociolaboral e xeración de emprego, son acumulables entre si. Para puntuar nesta epígrafe, as novas contratacións feitas no proxecto de deseño terán que cumprir os seguintes requisitos:

• A retribución anual bruta que percibirá cada persoa contratada adscrita ao proxecto, deberá figurar expresamente no contrato e non poderá ser inferior a 19.000 €.

• Para os efectos do disposto nesta convocatoria, consideraranse os grupos de cotización correspondentes á titulación do persoal contratado segundo a seguinte táboa:

Titulación

Grupo/s cotización á Seg. Social

Título superior universitario (licenciado universitario, arquitecto, enxeñeiro ou grao)

1 ou 2

Título medio universitario (graduado, diplomado, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou grao)

1 ou 2

Título de formación profesional de grado superior ou equivalente

3 ou 5

2. No caso de empate nas puntuacións, como criterio de desempate terán preferencia as empresas que dispoñan dun plan de igualdade dos previstos no capítulo I do título III do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

No caso de persistir o empate, terase en conta a puntuación obtida do criterio de valoración establecido en primeiro lugar e así sucesivamente.

Artigo 20. Trámite de audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 21. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola Comisión de Selección á directora da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.

Na proposta de resolución figurarán de xeito individualizado as solicitudes propostas para obteren a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nestas bases reguladoras. Indicarase, así mesmo, o importe da subvención para cada unha delas.

2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, ao non seren tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, a directora da Axencia Galega de Innovación ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. As resolucións expresarán, cando menos, e para cada procedemento:

a) A relación de entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda para cada entidade e a desagregación do dito importe por anualidades.

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes que non se admitiron a trámite.

4. En todo caso, deberá notificarse a cada beneficiario un documento en que deberán figurar, como mínimo, a identificación do beneficiario, a contía da subvención e obrigas que correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o Documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

5. No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

6. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de tres meses contados a partir do día seguinte ao de remate do prazo para a presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

7. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 desa lei, a notificación individual de concesión da axuda poderase substituír pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

Artigo 22. Modificación da resolución

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e na forma que se determinen nas resolucións de concesión, e deberase obter autorización previa da Axencia Galega de Innovación para realizar cambios nelas.

2. Porén, cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano concedente.

3. Tamén se poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario se cumpre os seguintes requisitos:

a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.

b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que fosen determinantes para a concesión da axuda, a determinación do beneficiario, nin dane dereitos de terceiros.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non puideron preverse no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supor a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. A solicitude de modificación debe formulala o representante legal da entidade beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

Salvo naqueles supostos en que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola directora da Axencia Galega de Innovación, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa e notificaráselle ao interesado.

Artigo 23. Réxime de recursos

1. Segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, os interesados poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

Artigo 24. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer na sede electrónica onde se tramitou o procedemento ou, por calquera outro medio que permita a súa constancia, sempre que incorpore as sinaturas que correspondan ás persoas con capacidade de obrar en nome da entidade beneficiaria, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da dita norma.

Artigo 25. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención, e acreditalo ante o órgano concedente, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión ou documento en que se establecen as condicións de axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases de convocatoria e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e desfrute da subvención.

c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007.

d) Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Comunicar á Axencia Galega de Innovación a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Desenvolver as actividades do proxecto de deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobadas que estean suxeitas á autorización previa. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable suporá a non admisión das cantidades desviadas.

i) Dar publicidade das axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, relatorios, equipamentos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiados con elas. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na páxina web e mantela actualizada. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Axencia Galega de Innovación e a frase «Subvencionado pola Axencia Galega de Innovación».

As instrucións detalladas relativas ás obrigas de publicidade da axuda estarán á disposición na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

j) Colocar, nun lugar ben visible para o público un cartel informativo, de tamaño mínimo A3, no cal figurará como mínimo, o nome da actividade subvencionada, o logotipo da Axencia Galega de Innovación e a frase «Subvencionado pola Axencia Galega de Innovación».

k) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta resolución, e conservar a documentación xustificativa relativa a esta subvención durante un prazo de cinco anos, contados a partir do ano en que rematan as actividades obxecto da axuda.

l) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación.

No marco do Plan de avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e técnicos obtidos polas entidades beneficiarias, así como o seu nivel de satisfacción co apoio recibido.

m) Asistir a unha xornada formativa impartida pola Axencia Galega de Innovación sobre as obrigas desta axuda e outros aspectos relacionados cos obxectivos da Axencia, para a cal será convocado expresamente con antelación. Á dita xornada deberá acudir como mínimo unha persoa pertencente ao cadro de persoal do beneficiario vinculada ás tarefas de deseño.

n) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.

Artigo 26. Xustificación da subvención

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda, a xustificación deberá facerse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Prazos de xustificación:

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:

Primeira anualidade:

Desde a data de presentación da solicitude ata o 30 de setembro de 2022.

Presentación da documentación xustificativa, ata o 10 de outubro de 2022.

Segunda anualidade:

Desde o 1 de outubro de 2022 ata o 30 de setembro de 2023.

Presentación da documentación xustificativa, ata o 31 de outubro de 2023.

3. Exceptúanse desta regra xeral aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por se axustaren aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento antes de finalizar o mes seguinte ao cal ao beneficiario lle corresponda liquidar eses gastos.

4. Documentación xustificativa: deberá presentarse a documentación económica xustificativa do custo das actividades e a documentación técnica.

As instrucións detalladas e os formularios correspondentes para a presentación da documentación xustificativa estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), e é preciso presentar a documentación de xeito ordenado seguindo a estrutura establecida nas instrucións.

5. Sen prexuízo da documentación indicada nos artigos seguintes, poderá requirirse que se acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

6. Soamente serán admitidos os custos para os cales quede demostrado de xeito explícito a súa rastrexabilidade, con pistas de auditoría suficientes para a súa verificación, e que cumpran os requisitos e preceptos establecidos na presente convocatoria e normativa de aplicación.

7. Se, transcorrido o prazo establecido para a xustificación da subvención, a empresa non presenta a documentación pertinente segundo o indicado, a Axencia Galega de Innovación requiriraa para que no prazo improrrogable de dez días a presente, advertíndolle que a falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007.

Artigo 27. Documentación xustificativa económica

Para a xustificación de cada anualidade, a empresa beneficiaria achegará electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica, un resumo global de execución para a totalidade do proxecto de deseño, en que conste:

1. Solicitude de libramento da axuda, no modelo que estará á súa disposición na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), en que constarán as seguintes declaracións responsables:

1.1. Conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade e tamén aquelas, solicitadas ou concedidas, para os mesmos custos, aínda que a finalidade fose diferente, de todas as administracións públicas. De ser o caso, deberá achegarse unha copia simple da resolución de concesión desoutras axudas.

1.2. Un resumo global de execución do proxecto de deseño en que conste o concepto subvencionable, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados agrupados por conceptos de gastos.

1.3. A titularidade da conta da entidade beneficiaria onde se deba efectuar o pagamento.

1.4. Contabilidade separada para o proxecto de deseño.

2. Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 48 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da citada lei. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia en formato pdf dos documentos orixinais.

3. Documentación xustificativa do pagamento: os pagamentos xustificaranse con copias de transferencias bancarias, certificacións bancarias, extractos bancarios ou documentos obtidos a través da banca electrónica. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor.

Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, o número de factura e a satisfacción do importe total da factura (IVE incluído), así como o concepto a que se refiren. No caso en que no documento de pagamento non se faga referencia ás facturas, deberá ir acompañado da documentación complementaria que permita verificar a correspondencia entre gasto e pagamento.

No caso en que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, xuntarase unha relación detallada delas en que se poida apreciar que o pagamento se corresponde coas devanditas facturas. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto de deseño será necesario achegar o correspondente extracto bancario acompañado da orde de pagamento da empresa selada polo banco coa relación detallada das facturas e copia delas.

En ningún caso se admitirán pagamentos xustificados mediante recibos do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

4. Certificado relativo á situación da entidade con respecto ao IVE, só para os casos en que o seu importe non sexa recuperable total ou parcialmente, e poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado de exención ou rateo relativo á situación da entidade co respecto ao IVE.

5. No caso de que a entidade beneficiaria se opoña ou non manifeste consentimento expreso para a súa consulta por parte do órgano xestor, achegaranse os certificados que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o beneficiario está ao día nas súas obrigas tributarias.

6. Para a xustificación de custos de persoal, deberá achegarse:

6.1. Certificación dos custos de persoal debidamente asinada, segundo os formularios normalizados da convocatoria, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ás actividades do proxecto, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na entidade, retribución bruta e líquida mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado (retribucións e Seguridade Social) segundo a dedicación de cada traballador ás actividades do proxecto de deseño.

6.2. Follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao proxecto de deseño subvencionado asinadas por cada traballador/a e a persoa responsable da entidade, segundo o formulario normalizado.

6.3. Declaración asinada polo responsable de recursos humanos cos importes mensuais de retencións do IRPF dos traballadores dedicados ás actividades do proxecto de deseño, acompañada dos modelos 111 e dos seus correspondentes xustificantes bancarios. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe considerarase xustificado coa presentación da citada declaración e as entidades quedarán obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación no prazo máximo dun mes desde a data límite de xustificación establecida na convocatoria.

6.4. Copias das nóminas ou documentos correspondentes do persoal dedicado ás actividades do proxecto de deseño, así como as copias dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas ou documentos que correspondan deberán vir detallados os seus receptores e o concepto, así como as cantidades percibidas por cada un deles. Cando a documentación xustificativa deste gasto conste dun xustificante bancario da remesa total mensual, deberá achegarse a listaxe da orde de transferencia en que se detallen os distintos traballadores incluídos, que deberá estar selada pola entidade bancaria.

6.5. Boletíns de cotización á Seguridade Social e os seus xustificantes de pagamento. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, as entidades quedarán obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación no prazo máximo dun mes desde a data límite de xustificación establecida na convocatoria. No caso de traballadores autónomos, deberanse achegar nóminas e xustificantes bancarios do seu pagamento, así como xustificantes de pagamento das cotas á Seguridade Social.

6.6. Informe de vida laboral referida á data de finalización do prazo de xustificación e que comprenda toda a anualidade. No caso de persoal autónomo, certificado de vida laboral referida á data de finalización do prazo de xustificación.

6.7. No caso de persoal de nova contratación deberá achegarse copia do contrato de traballo en que se poida verificar a contratación para o desenvolvemento de actividades do proxecto de deseño, conforme os requisitos desta convocatoria, xunto coa certificación da súa titulación académica.

6.8. Se é o caso, certificado acreditativo do grao de discapacidade do persoal contratado.

7. De acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable iguale ou supere a contía de 15.000 €, no suposto de subministración de bens de equipamento e servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso da prestación de servizo ou entrega do ben, salvo que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto fose realizado con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación, deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

8. No caso de equipos e material instrumental, declaración asinada polo representante legal da empresa na que se detalle:

8.1. Que o equipamento e material instrumental imputado á subvención non foi adquirido con fondos ou axudas públicas.

8.2. De ser o caso, o cadro de amortización de cada equipo calculado sobre a base de boas prácticas contables, así como informe técnico sobre o período de amortización. En todo caso, esta documentación deberá acompañarse dos estados contables da entidade e dos correspondentes documentos xustificativos do gasto e pagamento da compra. A Axencia Galega de Innovación poderá comprobar a veracidade destes datos accedendo, en calquera momento, aos documentos contables da empresa.

9. No caso de subcontratacións deberá achegarse a seguinte documentación:

9.1. Copia da factura emitida pola entidade subcontratada en que se especifique claramente o título e o contido das actividades do proxecto de deseño financiadas.

9.2. Xustificantes de pagamento da/das factura/s da subcontratación.

9.3. Memoria xustificativa realizada polo subcontratista en que se detallen os traballos da execución das actividades contratadas do plan.

10. Non obstante o disposto neste artigo, no presente procedemento, nos prazos establecidos polas bases reguladoras, admitirase a dixitalización de documentos en papel. Será suficiente que nos prazos establecidos polas bases reguladoras se presente a través da Carpeta cidadá dispoñible desde a sede electrónica toda a documentación exixida. Acompañarase dunha declaración responsable sobre a súa autenticidade, sen prexuízo de que posteriormente se poida requirir aquela documentación que non estea autenticada.

Artigo 28. Documentación xustificativa técnica

1. A documentación xustificativa técnica das actividades desenvolvidas constará de:

a) Informe técnico normalizado (parcial ou final) en que constará o grao de desenvolvemento das actividades realizadas, as melloras producidas e os obxectivos acadados en relación co impacto do proxecto de deseño e o incremento do desempeño innovador e sustentable da empresa.

b) Memoria libre sobre a evolución do proxecto de deseño, en que deberá incluírse a xustificación do cumprimento das normas de publicidade do artigo 25.i), a través de:

• Fotografía/s do cartel que divulga a obtención da axuda, colocado nun lugar visible das dependencias na empresa.

• Ligazón á páxina web da empresa onde figure a publicidade da axuda.

• Probas gráficas das medidas de información e comunicación realizadas.

As instrucións detalladas sobre as características e colocación do cartel ou placa estarán á disposición na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

2. Sen prexuízo da documentación anteriormente indicada, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 29. Pagamento

1. O pagamento farase efectivo, para cada anualidade, unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución do proxecto, sen necesidade de achegar ningún tipo de garantías.

2. Pagamentos anticipados.

Poderán realizarse pagamentos anticipados e á conta das subvencións recollidas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e nesta convocatoria, e tras a autorización do Consello da Xunta de Galicia. A concesión destes pagamentos realizarase mediante resolución motivada.

Estes pagamentos están exentos da presentación de garantías de acordo co establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, conforme a autorización do Consello da Xunta de Galicia.

a) Anualidade 2022: poderá solicitarse o anticipo do ata o 50 % do importe concedido para esta anualidade, logo de solicitude expresa para o efecto.

A entidade beneficiaria que queira solicitar o anticipo deberá presentar a solicitude, no modelo que estará ao seu dispor na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) e na cal se incluirá unha declaración responsable de ter iniciado as actividades do proxecto de deseño, así como achegar a documentación complementaria indicada: declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas e a certificación bancaria actualizada onde se materializará o pagamento.

Esta solicitude deberá cursarse no prazo de 10 días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación da resolución de concesión.

b) Anualidade 2023: poderá anticiparse como máximo ata o 50 % do importe da subvención concedida esta anualidade sempre que, conxuntamente cos pagamentos anticipados e á conta realizados ata ese momento, non se supere o 80 % da porcentaxe subvencionada conforme o punto 3 deste artigo.

A entidade beneficiaria que queira solicitar o anticipo desta anualidade deberá presentar a solicitude, no modelo indicado anteriormente, no prazo de 10 días hábiles contados desde o seguinte ao da resolución de pagamento da anualidade 2022.

No caso de que a xustificación da anualidade anterior sexa insuficiente e dea lugar a unha minoración da subvención que implique reintegro dun importe por parte do beneficiario, detraerase do importe do pagamento anticipado desta anualidade.

3. Pagamentos parciais á conta: faranse efectivos, para cada anualidade, unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución das actividades obxecto da axuda.

4. O importe conxunto dos pagamentos parciais á conta e dos pagamentos anticipados non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

5. No caso de pagamentos á conta ou anticipos, non se precisará a presentación de garantías de acordo co disposto no aritigo 67.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Recibida a documentación xustificativa da subvención, a Axencia Galega de Innovación, antes de proceder ao seu pagamento final, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Ademais, con carácter previo ao pagamento final da subvención, será obrigatoria unha actividade de inspección por parte da Axencia Galega de Innovación, para comprobar a realización das actividades desenvolvidas no proxecto de deseño, tendo como referencia as previsións da entidade beneficiaria valoradas no artigo 19 desta resolución.

No caso de subvencións de capital superiores a 60.000 €, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

Artigo 30. Gradación dos incumprimentos, perda do dereito ao cobramento, reintegros e sancións

1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como os compromisos asumidos nela durante o tempo de duración do proxecto de deseño. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

2. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento por parte do beneficiario de estar ao día das súas obrigas coa Facenda estatal e autonómica, e coa Seguridade Social.

3. Serán causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, a inexactitude ou a omisión dos datos fornecidos polo beneficiario que servisen de base para a concesión da axuda ou ocultación daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou da finalidade para o cal a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultamento nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión e publicidade contidas no artigo 25 desta resolución.

e) A resistencia, a escusa, a obstrución ou a negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e a regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) O incumprimento dos prazos de mantemento da actividade ou do emprego.

g) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

h) Non facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación nos termos e condicións establecidos no artigo 25.l) desta resolución.

i) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

En todo caso, serán causas de incumprimento total:

• Non xustificar a execución dun orzamento mínimo para o proxecto de deseño dun mínimo do 50 %.

• A obtención dun informe final negativo que estableza unha porcentaxe de incumprimento superior ao 40 %, de acordo co disposto no artigo 29.6 desta resolución.

5. Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, poderase apreciar un incumprimento parcial e deberase resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables e deberanse, se é o caso, reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción.

b) Se se tivesen incumprido as tarefas, os compromisos, os obxectivos ou as condicións do proxecto de deseño dando lugar a un informe final negativo, o incumprimento valorarase en función deste e suporá a aplicación dunha minoración da axuda igual á porcentaxe de incumprimento sinalado no informe técnico, sempre que se acade a porcentaxe mínima para non dar lugar ao reintegro total.

c) Non comunicar a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas suporá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora e a perda dun 5 % da subvención concedida, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto de deseño, segundo a normativa de conformidade co artigo 27 desta resolución, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

e) Non comunicar a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención suporá a perda do 5 % da subvención concedida.

f) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

g) Non respectar o mantemento do emprego por un período de 2 anos para as contratacións indefinidas realizadas ao abeiro do proxecto de deseño será causa de reintegro de ata o 1 % da subvención concedida por cada mes completo que reste para completar o dito período de 2 anos. Este reintegro só procederá naqueles casos en que a baixa do traballador non teña carácter de voluntario.

h) Non facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación será causa de reintegro de ata o 2 % do incentivo.

No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para poder pagar a subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo a esas obrigas.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas e aplicarase a minoración conxunta correspondente.

6. Se o incumprimento deriva da inobservancia dalgunha condición ou suposto distinto dos anteriores, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.

7. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 31. Control

1. A Axencia Galega de Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxecto das subvencións.

A Axencia Galega de Innovación, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento aos beneficiarios as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actividades do proxecto de deseño, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, poderá propoñer a suspensión da subvención concedida.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establecen o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

3. Así mesmo, a Axencia Galega de Innovación poderá convocar os beneficiarios, se o considera necesario, a unha entrevista en relación coa execución das actividades e os resultados obtidos.

4. Previamente ao pagamento final da subvención, será obrigatorio realizar unha actividade de inspección por parte da Axencia Galega de Innovación. Ademais desta actividade final de inspección, a axencia, no marco dos seus plans de inspección, poderá realizar as visitas e comprobacións iniciais, intermedias e finais que considere convenientes.

A comprobación dará lugar a un informe técnico positivo ou negativo. O segundo caso suporá, de acordo co disposto nesta convocatoria, unha minoración da axuda igual á porcentaxe de incumprimento sinalado no informe técnico, sempre e cando o incumprimento non supere o 40 % do investimento concedido, suposto en que procederá o reintegro total.

5. Conforme o sinalado no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de subvencións de capital superiores a 60.000 €, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento pola Axencia Galega de Innovación e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

6. Se, pola situación excepcional derivada pola pandemia da COVID-19, non fose oportuno realizar a inspección in situ, transitoriamente poderá substituírse pola entrega de xustificación documental en que se constate, de forma razoable e suficiente, a realización da actividade subvencionada e, no caso de activos tanxibles, polo envío de materiais fotográficos por parte do beneficiario, de modo que se poida comprobar o correcto funcionamento destes e as súas características, número de serie e o cumprimento dos requisitos de publicidade previstos na convocatoria, sen prexuízo de que posteriormente, cando sexa posible, se efectúe a dita inspección.

Artigo 32. Procedemento de reintegro

1. Se, aboada parte ou a totalidade da axuda, acaecesen os motivos que se indican no artigo 31 desta convocatoria, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas e comunicarase ao beneficiario a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007, e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución do procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa.

5. Sen prexuízo do anterior, aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 33. Prescrición

1. O dereito da Administración a recoñecer ou liquidar o reintegro prescribirá aos catro anos, sen prexuízo do establecido na normativa de axudas de estado.

2. Este prazo computarase, en cada caso:

2.a) Desde o momento en que venceu o prazo para presentar a xustificación por parte do beneficiario.

2.b) Desde o momento da concesión, no suposto previsto no punto 9 do artigo 28 da Lei 9/2007.

2.c) No suposto de que se establecesen condicións ou obrigas que debesen ser cumpridas ou mantidas por parte do beneficiario ou da entidade colaboradora durante un período determinado de tempo, desde o momento en que venceu o dito prazo.

3. O cómputo do prazo de prescrición interromperase:

3.a) Por calquera acción da Administración realizada con coñecemento formal do beneficiario ou da entidade colaboradora, que conduza a determinar a existencia dalgunha das causas de reintegro.

3.b) Pola interposición de recursos de calquera clase, pola remisión do tanto de culpa á xurisdición penal, ou pola presentación de denuncia ante o Ministerio Fiscal, así como polas actuacións realizadas con coñecemento formal do beneficiario ou da entidade colaboradora no curso dos ditos recursos.

3.c) Por calquera actuación fidedigna do beneficiario ou da entidade colaboradora conducente á liquidación da subvención ou do reintegro.

Artigo 34. Normativa aplicable

As axudas obxecto desta convocatoria teñen como referencia lexislativa fundamental a seguinte normativa:

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2.10.2015).

• Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25.6.2007).

• Decreto 15/2014, do 6 de febreiro, polo que se modifican os estatutos da Axencia Galega de Innovación e a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 34, do 19.2.2014).

• Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 19, do 27.1.2012).

• Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29.1.2009).

• Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

• Resto de normativa aplicable.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2022

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file