Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 21 de abril de 2022 Páx. 24292

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2022, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática para o curso 2022/23.

O Decreto 179/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática na Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 5.1, establece que para o acceso a estas ensinanzas se requirirá cumprir os requisitos establecidos no artigo 55.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro. Así mesmo, o punto 4 do mesmo artigo do dito decreto establece que a consellería competente en materia de educación, a través da dirección xeral correspondente, convocará, organizará, desenvolverá e avaliará, con carácter anual, unha proba específica de acceso a estes estudos superiores.

Igualmente, a Orde do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas superiores de Arte Dramática en desenvolvemento do citado Decreto 179/2015, do 29 de outubro, nos seus artigos 3, 4, 5, 6, 7, 8 e 9, regula respectivamente os requisitos xerais para o acceso, a proba específica de acceso, as características desta proba específica, a proba que substitúe o requisito de titulación, a convocatoria das probas de acceso, o acceso para aspirantes con discapacidade e o acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel.

Por outra banda, o Decreto 89/2013, do 13 de xuño, fixa os prezos públicos correspondentes aos estudos conducentes á obtención dos títulos oficiais nas ensinanzas de música e artes escénicas, de idiomas, deportivas, de conservación e restauración de bens culturais e nos estudos superiores de deseño. Así mesmo, a instrución conxunta da Axencia Tributaria de Galicia e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa sobre a aplicación de prezos públicos nas ensinanzas de réxime especial, do 5 de xuño de 2015, establece o procedemento para a xestión do establecido no devandito decreto.

Por todo o exposto, esta secretaría xeral, en virtude das atribucións que lle foron conferidas polo Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, resolve convocar as probas de acceso ás ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática para o curso 2022/23, que se rexerán polas seguintes instrucións:

Primeira. Condicións das persoas aspirantes

1. De acordo co establecido no artigo 3 da Orde do 21 de novembro de 2016 para o acceso ás ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática, en calquera das súas especialidades, requirirase estar en posesión do título de bacharelato, ou ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, así como a superación da correspondente proba específica a que se refire o artigo 55.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro.

2. De conformidade co establecido no artigo 4.1 da Orde do 21 de novembro de 2016, a proba específica de acceso ás ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática terá como finalidade valorar a madureza, os coñecementos e as aptitudes para cursar con aproveitamento estas ensinanzas, e axustarase ao disposto no artigo 5 da citada orde, segundo a especialidade a que se opte.

3. De conformidade co establecido no artigo 4.2 da Orde do 21 de novembro de 2016, a superación da proba específica de acceso ás ensinanzas superiores de Arte Dramática faculta, unicamente, para matricularse no ano académico e na especialidade para o que a proba específica fose convocada e realizada, en calquera dos centros do Estado en que se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da dispoñibilidade de prazas.

4. Poderanse presentar á proba específica de acceso ás ensinanzas artísticas superiores aquelas persoas que, tendo accedido á universidade por unha vía distinta á do bacharelato, acrediten estar en posesión dun título universitario de licenciado ou graduado. Quen acredite estar en posesión dun título universitario de diplomatura poderá presentarse á devandita proba se o título universitario de diplomatura quedou asimilado ao correspondente título universitario de grao.

5. Aquelas persoas que desexen realizar a proba específica de acceso e teñan pendente algunha das materias do bacharelato poderán inscribirse no proceso de acceso e admisión e realizar a devandita proba e, no caso de superala, poderán optar á asignación da praza solicitada, unha vez que estean en posesión do título de bacharelato.

6. As persoas que na convocatoria ordinaria estean pendentes do procedemento de revisión no centro, ou de resolución da xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ao respecto de reclamacións das cualificacións de materias de segundo curso de bacharelato ou das cualificacións nas materias pendentes de primeiro curso de bacharelato, deberán presentar igualmente a solicitude para o acceso e admisión a estas ensinanzas artísticas superiores no prazo establecido na instrución quinta. De permitir o resultado da reclamación a obtención do título de bacharelato, a persoa solicitante poderá realizar a proba específica, debendo estar en posesión do antedito título para optar á asignación de praza.

7. De conformidade co establecido no artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016, as persoas que queiran optar á proba de acceso e que, sendo maiores de dezaoito anos, non cumpran os requisitos xerais de titulación deberán acreditar que posúen os coñecementos, habilidades e aptitudes necesarios para cursar con aproveitamento as correspondentes ensinanzas mediante a realización dunha proba. A devandita proba desenvolverase segundo o establecido no anexo I desta resolución.

Segunda. Acceso para aspirantes con discapacidade

1. De acordo co establecido no artigo 8 da Orde do 21 de novembro de 2016, as persoas aspirantes ao acceso e admisión ás ensinanzas superiores de Arte Dramática que presenten algunha discapacidade poderán requirir a adaptación que corresponda para a realización das probas de acceso ás devanditas ensinanzas.

2. Para tal efecto, as persoas aspirantes con algunha discapacidade deberán presentar, xunto coa súa inscrición no procedemento de acceso e admisión ás ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática, a documentación que acredite oficialmente a súa discapacidade e unha solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda.

3. Correspóndelle ao tribunal encargado da organización, realización e cualificación de cada proba adoptar as medidas precisas e adaptar os medios e as condicións de realización da proba, co obxecto de permitir que as persoas aspirantes con discapacidade poidan realizar a proba correspondente en condicións de igualdade co resto de persoas aspirantes.

4. Na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia reservarase un 10 % das prazas ofertadas en cada especialidade para as persoas aspirantes que superen a proba específica de acceso e que acreditasen o recoñecemento oficial dun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. As prazas reservadas para estas persoas aspirantes e que non poidan ser adxudicadas serán ofrecidas ás demais persoas aspirantes pola orde que lles corresponda.

Terceira. Acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel

Conforme o establecido no artigo 9 da Orde do 21 de novembro de 2016, en cada centro da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparta algunha das especialidades das ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática, reservaranse adicionalmente as prazas necesarias en cada especialidade impartida para o acceso a estas das persoas aspirantes coa condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento que reúnan os requisitos académicos establecidos.

Cuarta. Órganos competentes para resolver os procesos de acceso e a admisión

1. Acceso. Tribunal.

De acordo co establecido no artigo 7.3 da Orde do 21 de novembro de 2016, para a organización, realización, avaliación e cualificación das probas específicas de acceso, constituirase un tribunal por especialidade, que figura no anexo II desta resolución. A Dirección da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia garantirá a actuación destes tribunais e, se é o caso, das suplencias que se poidan producir.

2. Admisión. Comisión de Admisión.

Para os efectos de dar cumprimento ao establecido nesta resolución, constituirase unha comisión que supervisará o proceso de admisión do alumnado e o cumprimento das normas que o regulan, e proporá, se é o caso, á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional a adopción das medidas que considere adecuadas. Os membros desta comisión son os que se recollen no anexo II desta resolución.

Quinta. Prazo, lugar e forma de presentación das solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comprenderá desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 23 de maio, ambos os dous incluídos. As persoas aspirantes que non se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato poderán presentar solicitude ata o 23 de xuño, inclusive. Para tal fin, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia deberá expor no seu taboleiro de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado, así como o número de prazas ofertadas en cada especialidade, con indicación das prazas reservadas para as persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

2. Con carácter xeral, as solicitudes cubriranse de xeito telemático no formulario dispoñible en https://www.edu.xunta.gal/eas/, e empregando o certificado dixital ou sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Non obstante, tamén se poderá formalizar a inscrición directamente na Secretaría da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. As persoas aspirantes que só dispoñan de pasaporte deberán realizar a inscrición na Secretaría da escola.

3. Para completar o proceso de inscrición, deberase presentar unha copia da solicitude, xunto coa documentación requirida, na Secretaría da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

Sexta. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia de DNI, NIE ou pasaporte.

b) Xustificante do aboamento dos prezos públicos segundo o Decreto 89/2013, do 13 de xuño (DOG do 17 de xuño), consonte un destes modelos oficiais, xunto cos certificados de exención ou redución correspondente, se é o caso:

– Modelo E (autocopiativo en papel facilitado na Secretaría da Escola).

– Modelo AI.

– Modelos 730 e 731, xerados electronicamente no portal da internet da Axencia Tributaria de Galicia (https://ovt.atriga.gal).

O pagamento dos prezos públicos correspondentes ás probas de acceso non poderá ser fraccionado.

c) Documentación académica segundo proceda:

– Título de bacharelato.

– Certificación académica do bacharelato con indicación de materias pendentes.

– Certificación de ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

– Título universitario que cumpra as condicións establecidas no punto 4 da instrución primeira desta resolución.

– Certificado de superación da proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato correspondente a convocatorias anteriores.

d) Documento acreditativo do grao de discapacidade e solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda, de ser o caso.

e) Documento acreditativo da condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento, de ser o caso.

Sétima. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais solicitados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Educación e Universidade, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Oitava. Publicación das listaxes de aspirantes que se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato

1. Concluído o prazo de presentación de solicitudes para as persoas aspirantes que se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato, publicarase a listaxe provisional de persoas inscritas admitidas e excluídas, con expresión neste último caso das causas que motivaron a exclusión. A devandita listaxe será exposta no taboleiro de anuncios da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia o día 25 de maio, así como no Portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, https://www.edu.xunta.gal

2. As persoas aspirantes que se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato poderán presentar reclamacións contra a listaxe provisional de persoas inscritas admitidas e excluídas os días 26 e 27 de maio, na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

3. A listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba específica de acceso que se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato farase pública o día 30 de maio no taboleiro de anuncios da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, así como no Portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, https://www.edu.xunta.gal

Novena. Publicación das listaxes de aspirantes que non se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato

1. Concluído o prazo de presentación de solicitudes para as persoas aspirantes que non se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato, publicarase a listaxe provisional de persoas inscritas admitidas e excluídas, con expresión neste último caso das causas que motivaron a exclusión. A devandita listaxe será exposta no taboleiro de anuncios da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia o día 28 de xuño, así como no Portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, https://www.edu.xunta.gal

2. As persoas aspirantes que non se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato poderán presentar reclamacións contra a listaxe provisional de persoas inscritas admitidas e excluídas os días 29 e 30 de xuño, na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

3. A listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba específica de acceso que non se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato farase pública o día 1 de xullo no taboleiro de anuncios da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, así como no Portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, https://www.edu.xunta.gal

Décima. Lugar, datas e desenvolvemento das probas de acceso

1. A proba para as persoas aspirantes que non cumpran o requisito de titulación terá lugar o día 31 de maio no IES San Clemente de Santiago de Compostela, segundo o establecido no anexo I desta resolución e de acordo co artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016.

2. As probas específicas de acceso ás ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática darán comezo o día 4 de xullo na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, segundo figura no anexo II desta resolución e de acordo co establecido no artigo 5 da Orde do 21 de novembro de 2016.

Décimo primeira. Adxudicación de prazas

As vacantes existentes nas distintas especialidades adxudicaranse segundo a prelación resultante das cualificacións obtidas polas persoas aspirantes na proba específica de acceso.

Décimo segunda. Matrícula

1. As persoas aspirantes que obteñan praza deberán formalizar a súa matrícula entre os días 19 e 22 de xullo, ambos os dous incluídos.

2. Para formalizar a matrícula, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia facilitaralle ás persoas interesadas os modelos para o efecto. Unha vez cubertos, entregarase unha única solicitude de matrícula na secretaría da escola, que se xuntará á documentación xa presentada pola persoa aspirante. A non formalización da matrícula no prazo estipulado, agás causas debidamente xustificadas que valorará a Dirección da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, implicará a perda do dereito á praza asignada para cursar estas ensinanzas no ano académico 2022/23.

3. O día 27 de xullo, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia remitirá á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional a listaxe de alumnado matriculado en cada especialidade, así como a relación de prazas vacantes por especialidade e o calendario de matrícula e celebración no caso de realizar probas extraordinarias no mes de setembro (no caso de quedaren prazas vacantes, que se farán públicas nas distintas especialidades no taboleiro de anuncios da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e na súa páxina web). Ese mesmo día, se é o caso, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia publicará na súa páxina web a listaxe de agarda.

4. No caso de convocarse probas extraordinarias, estas realizaranse nos primeiros días do mes de setembro. Estas probas realizaranse de acordo co establecido nesta resolución e a adxudicación de prazas resultante farase pública na páxina web da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia o día 6 de setembro. As persoas aspirantes que obtivesen praza nas probas extraordinarias deberán formalizar a súa matrícula os días 7 e 8 de setembro. Finalizado o proceso, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia comunicará o día 9 de setembro á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional o resultado destas probas e, de ser o caso, o número de prazas que quedasen sen cubrir.

5. A posta en marcha de cada especialidade estará condicionada á existencia dun mínimo de alumnado admitido, sen se cuantificar para estes efectos o alumnado repetidor.

Décimo terceira. Reclamacións e recursos ás probas específicas de acceso

1. De acordo co establecido no artigo 32 da Orde do 21 de novembro de 2016, a cualificación das probas de acceso poderá ser obxecto de reclamación perante a Dirección da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, nun prazo de 2 días contados a partir do día seguinte ao da comunicación da cualificación, que a someterá ao tribunal avaliador correspondente. Logo de recibido o informe do tribunal, o director ou a directora do centro emitirá resolución motivada ao respecto no prazo de dous días.

2. Contra a resolución emitida en resposta ás reclamacións das probas de acceso, a persoa interesada poderá presentar recurso de alzada perante a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de Pontevedra no prazo máximo dun mes a partir da súa notificación. No caso de que o recurso se presente a través da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, a Dirección tramitarao xunto coa documentación correspondente nun prazo non superior a 48 horas. A resolución da Xefatura Territorial de Pontevedra porá fin á vía administrativa.

3. Tamén poderán ser obxecto de reclamación os acordos e decisións sobre a asignación de prazas, mediante escrito dirixido á comisión de admisión, e/ou mediante correo electrónico no seguinte enderezo xsereap@edu.xunta.gal

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2022

José Luis Mira Lema
Secretario xeral de Educación e Formación Profesional

ANEXO I

Proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato
para o acceso ás ensinanzas artísticas superiores

1. A proba que substitúe o requisito de titulación establécese no artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática en desenvolvemento do Decreto 179/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A esta proba poderán presentarse as persoas aspirantes que non estean en posesión do título de bacharelato ou non teñan superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos e teñan 18 anos ou os fagan no ano 2022.

3. As persoas inscritas deberán ter feito constar o seu desexo de realizar esta proba na epígrafe correspondente da inscrición e, para a súa realización, deberán presentar, o día da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla de solicitude de inscrición.

4. As persoas aspirantes deberán realizar un total de cinco exames no IES San Clemente, rúa de San Clemente, s/n, Santiago de Compostela, o día 31 de maio de 2022, de acordo co seguinte horario:

11.30 horas: presentación.

Das 12.00 ás 13.00 horas: Filosofía.

Das 13.00 ás 14.00 horas: Historia de España.

Das 16.00 ás 17.00 horas: Lingua Galega e Literatura.

Das 17.00 ás 18.00 horas: Lingua Castelá e Literatura.

Das 18.30 ás 19.30 horas: Lingua Estranxeira (inglés ou francés).

5. Características da proba:

Os exames de Lingua Castelá e Literatura, Lingua Estranxeira (inglés ou francés) e Lingua Galega e Literatura constarán cada un deles de dous exercicios. O primeiro exercicio será tipo test e o segundo consistirá na produción dun texto escrito.

Os exames de Filosofía e Historia de España constarán cada un deles de dous exercicios. O primeiro exercicio será tipo test e o segundo consistirá na elaboración dunha redacción a partir dun texto proposto.

6. Contido das probas.

Tomaranse como referencia os vixentes currículos oficiais de bacharelato recollidos no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Valoraranse os coñecementos e o grao de madureza en relación cos obxectivos do bacharelato, así como a correcta comprensión de conceptos, a utilización da linguaxe e a capacidade de análise e síntese.

7. Cualificación da proba.

A cualificación final da proba expresarase unicamente como apto/a ou non apto/a.

Cada un dos cinco exames cualificarase entre 0 e 10 puntos.

A cualificación apto/a obterase cando a media aritmética das cualificacións obtidas en cada un dos cinco exames calculada con dous decimais sexa igual ou superior a 5. A cualificación non apto/a obterase cando a media aritmética das cualificacións obtidas en cada un dos cinco exames calculada con dous decimais sexa inferior a 5.

Así mesmo, a cualificación final da proba será non apto/a cando a persoa aspirante non se presente a algún dos cinco exames de que consta a proba.

8. Listaxe de resultados e período de reclamacións.

O día 3 de xuño o tribunal publicará as cualificacións provisionais obtidas polas persoas aspirantes, no taboleiro de anuncios Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e a través do Portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal).

Poderanse presentar reclamacións contra as cualificacións provisionais os días 6 e 7 de xuño, ante o/a presidente/a do tribunal avaliador, na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Neste mesmo período, os centros remitirán á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, a través do correo electrónico xsereap@edu.xunta.gal, as reclamacións presentadas para proceder á súa revisión.

As cualificacións definitivas publicaranse o día 10 de xuño, no taboleiro de anuncios da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e a través do Portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal).

Contra as cualificacións definitivas, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada ante a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

9. Emisión de certificación.

Unha vez publicada a listaxe definitiva de persoas aspirantes que superaron a proba, a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional remitirá os correspondentes certificados de ter superada a proba á Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

10. Validez das probas.

De conformidade co artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016, a superación da proba, que substitúe o requisito de titulación, terá validez permanente para o acceso ás ensinanzas superiores de Arte Dramática en todo o Estado.

11. Tribunal da proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato.

O tribunal que elaborará, supervisará e avaliará a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato para o acceso ás ensinanzas artísticas superiores será designado pola persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

ANEXO II

Probas específicas de acceso ás ensinanzas artísticas
superiores de Arte Dramática

1. As probas específicas de acceso desenvolveranse de acordo co establecido nos artigos 4 e 5 da Orde do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática.

2. As persoas inscritas deberán presentar para a realización da proba o seu documento oficial de identidade e copia da folla de solicitude de inscrición.

3. Realizaranse na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, rúa da Poza Cabalo, s/n, Vigo, e darán comezo o día 4 de xullo, de acordo co calendario e horario que estableza o tribunal encargado da súa realización e cualificación.

4. A proba de acceso ás ensinanzas superiores de Arte Dramática será realizada por especialidades. Constará dunha única proba que comprenderá diferentes exercicios, referidos á especialidade pola que opten as persoas aspirantes.

a) Na especialidade de Dirección Escénica e Dramaturxia consistirá, como mínimo, nun traballo escrito que implicará o desenvolvemento dunha proposta escénica, nun exercicio breve de dirección de grupos, na escrita dun texto breve a partir dunha situación dramática, e nunha entrevista persoal.

b) Na especialidade de Escenografía consistirá, como mínimo, na realización dun debuxo do natural e dun deseño escenográfico a partir dos motivos que en cada caso se propoñan, e nunha entrevista persoal.

c) Na especialidade de Interpretación consistirá, como mínimo, en dúas sesións de traballo cunha duración non superior a catro horas cada unha, en que se realizarán diferentes actividades expresivas propias da especialidade, e nunha entrevista persoal.

5. O tribunal encargado da organización, realización e cualificación da proba específica de acceso porá en coñecemento dos/das aspirantes o contido e a duración da entrevista persoal establecida nas letras a), b) e c) do punto 4 deste anexo e os criterios de cualificación desta.

6. A cualificación global da proba de acceso específica ás ensinanzas superiores de Arte Dramática expresarase en termos numéricos nunha escala de 0 ao 10, con dous decimais, resultado da media aritmética das cualificacións emitidas polos membros do tribunal correspondente. Considérase a proba superada para as cualificacións iguais ou superiores a 5 puntos.

7. O día 11 de xullo, o tribunal publicará a listaxe provisional de aspirantes presentados/as, con expresión da cualificación final obtida na proba específica e aspirantes non presentados/as, ordenada segundo a cualificación obtida na proba de acceso, en orde decrecente, no taboleiro de anuncios e na páxina web da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, e remitirá a dita listaxe á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

8. As persoas aspirantes poderán reclamar contra a cualificación obtida, segundo o establecido nesta resolución, durante os días 12 e 13 de xullo.

9. O/a director/a da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia deberá resolver sobre as reclamacións en contra das cualificacións e/ou sobre as solicitudes de corrección de erros recibidas, logo de informe do tribunal avaliador, publicará o día 15 de xullo a listaxe definitiva no taboleiro de anuncios e na páxina web da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e achegará a dita listaxe á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional a través do enderezo de correo electrónico xsereap@edu.xunta.gal

10. Logo da publicación da listaxe coas cualificacións definitivas das persoas aspirantes, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia remitirá á comisión de admisión a proposta de alumnos/as admitidos/as por especialidade, con expresión de aspirantes admitidos e aspirantes en listaxe de agarda.

11. A comisión de admisión fará pública no Portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, o día 18 de xullo, a listaxe de adxudicacións por especialidade.

12. A superación da proba de acceso ás ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática faculta, unicamente, para matricularse no curso académico para o que fose convocada.

13. Tribunais encargados da redacción, realización e cualificación da proba específica de acceso ás ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática:

Dirección Escénica e Dramaturxia

Presidente

Daniel González Salgado

Secretaria

Irene Moreira Fontán

Vogal 1

María del Carmen Labella Rivas

Vogal 2

Almudena Pérez de Oliveira

Vogal 3

Leonel Joaquín García Laborde

Suplente 1

Roi Vidal Ponte

Suplente 2

Santiago Fernando Prego Cabeza

Suplente 3

Carmen Abizanda Losada

Escenografía

Presidenta

M. Carmen Romero Rodríguez

Secretaria

Ana María Fernández Arteaga

Vogal 1

Alejandra Montemayor Suárez

Vogal 2

María Sarmiento Rivas

Vogal 3

María Jesús Ramos Calvelo

Suplente 1

Diego González Valeiras

Suplente 2

David Mortol Moreno

Suplente 3

Nuria Montero Gullón

Interpretación

Presidenta

Olga Magaña Rodríguez

Secretaria

Mónica Groba Lorenzo

Vogal 1

Francisco Man Peleteiro Román

Vogal 2

María Cristina Domínguez Dapena

Vogal 3

Noelia Blanco Pérez

Suplente 1

Ricardo Solveira Díaz

Suplente 2

Rosa Mariana Fernández Pérez

Suplente 3

Francisco Damián Contreras Orero

14. Comisión de Admisión ás ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática:

Presidente: Juan Durán Alonso.

Secretaria: Nuria Campo Campo.

Vogal: Roberto Francisco Relova Quinteiro.