Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 21 de abril de 2022 Páx. 24275

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2022, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais para o curso 2022/23.

O Decreto 174/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, nas especialidades de Bens Arqueolóxicos, Escultura e Pintura na Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 5.1 establece que para o acceso a estas ensinanzas se requirirá cumprir os requisitos establecidos no artigo 56.1 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro. Así mesmo, o punto 4 do mesmo artigo do dito decreto establece que a consellería competente en materia de educación, a través da dirección xeral correspondente, convocará, organizará, desenvolverá e avaliará, con carácter anual, unha proba específica de acceso a estas ensinanzas artísticas superiores.

Igualmente, a Orde do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais en desenvolvemento do citado Decreto 174/2015, do 29 de outubro, nos seus artigos 3, 4, 5, 6, 7, 8 e 9 regula, respectivamente, os requisitos xerais para o acceso, a proba específica de acceso, as características desta proba específica, a proba que substitúe o requisito de titulación, a convocatoria das probas de acceso, o acceso para aspirantes con discapacidade e o acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel.

Por outra banda, o Decreto 89/2013, do 13 de xuño, fixa os prezos públicos correspondentes aos estudos conducentes á obtención dos títulos oficiais nas ensinanzas de música e artes escénicas, de idiomas, deportivas, de conservación e restauración de bens culturais e nos estudos superiores de deseño. Así mesmo, a instrución conxunta da Axencia Tributaria de Galicia e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa sobre a aplicación de prezos públicos nas ensinanzas de réxime especial, do 5 de xuño de 2015, establece o procedemento para a xestión do establecido no dito decreto.

Por todo o exposto, esta secretaría xeral, en virtude das atribucións que lle foron conferidas polo Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, resolve convocar as probas de acceso ás ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais para o curso 2022/23, que se rexerán polas seguintes instrucións:

Primeira. Condicións das persoas aspirantes

1. De acordo co establecido no artigo 3 da Orde do 21 de novembro de 2016, para o acceso ás ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, en calquera das súas especialidades, requirirase estar en posesión do título de bacharelato, ou ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, así como a superación da correspondente proba específica a que se refire o artigo 56.1 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro.

2. De conformidade co establecido nos artigos 4.1 e 4.2 da Orde do 21 de novembro de 2016, a proba específica de acceso ás ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais terá por obxecto demostrar que a persoa aspirante posúe a madureza, os coñecementos e as aptitudes para cursar con aproveitamento estes estudos, será única para o acceso ás diferentes especialidades destas ensinanzas e terá carácter unificado para todas as persoas aspirantes. As características e a cualificación da proba específica de acceso ás ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais axustaranse ao disposto no artigo 5 da citada orde.

3. En consonancia co artigo 4.4 da Orde do 21 de novembro de 2016, a superación da proba específica de acceso ás ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais faculta, unicamente, para matricularse no ano académico para o cal a proba específica fose convocada e realizada, en calquera dos centros do Estado en que se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da dispoñibilidade de prazas.

4. Poderanse presentar á proba específica de acceso ás ensinanzas artísticas superiores aquelas persoas que, tendo accedido á universidade por unha vía distinta á do bacharelato, acrediten estar en posesión dun título universitario de licenciado ou graduado. Quen acredite estar en posesión dun título universitario de diplomatura poderase presentar á dita proba se o título universitario de diplomatura quedou asimilado ao correspondente título universitario de grao.

5. Aquelas persoas que desexen realizar a proba específica de acceso e teñan pendente algunha das materias do bacharelato poderanse inscribir no proceso de acceso e admisión e realizar a dita proba e, no caso de superala, poderán optar á asignación da praza solicitada unha vez que estean en posesión do título de bacharelato.

6. As persoas que na convocatoria ordinaria estean pendentes do procedemento de revisión no centro ou de resolución da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ao respecto de reclamacións das cualificacións de materias de segundo curso de bacharelato ou das cualificacións nas materias pendentes de primeiro curso de bacharelato, deberán presentar igualmente a solicitude para o acceso e admisión a estas ensinanzas artísticas superiores no prazo establecido na instrución sexta. De permitir o resultado da reclamación a obtención do título de bacharelato, a persoa solicitante poderá realizar a proba específica e deberá estar en posesión do dito título para optar á asignación de praza.

7. De conformidade co establecido no artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016, as persoas que queiran optar á proba de acceso e que, sendo maiores de dezaoito anos non cumpran os requisitos xerais de titulación, deberán acreditar que posúen os coñecementos, habilidades e aptitudes necesarios para cursaren con aproveitamento as correspondentes ensinanzas mediante a realización dunha proba. A dita proba desenvolverase segundo o establecido no anexo I desta resolución.

Segunda. Acceso para aspirantes con discapacidade

1. De acordo co establecido no artigo 8 da Orde do 21 de novembro de 2016, as persoas aspirantes ao acceso e admisión ás ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais que presenten algunha discapacidade poderán requirir a adaptación que corresponda para a realización das probas de acceso ás ditas ensinanzas.

2. Para tal efecto, as persoas aspirantes con algunha discapacidade deberán presentar, xunto coa súa inscrición no procedemento de acceso e admisión ás ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, a documentación que acredite oficialmente a súa discapacidade e unha solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda.

3. Correspóndelle ao tribunal encargado da organización, realización e cualificación de cada proba adoptar as medidas precisas e adaptar os medios e as condicións de realización da proba, co obxecto de permitir que as persoas aspirantes con discapacidade poidan realizar a proba correspondente en condicións de igualdade co resto de aspirantes.

4. Na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia reservarase un 10 % das prazas ofertadas para as persoas aspirantes que superen a proba específica de acceso e que acreditasen o recoñecemento oficial dun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. As prazas reservadas para estas persoas aspirantes e que non poidan ser adxudicadas serán ofrecidas ás demais persoas aspirantes pola orde que lles corresponda.

Terceira. Acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel

Conforme o establecido no artigo 9 da Orde do 21 de novembro de 2016, en cada centro da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparta algunha das especialidades das ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais reservaranse adicionalmente as prazas necesarias en cada especialidade impartida para o acceso a estas das persoas aspirantes coa condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento que reúnan os requisitos académicos establecidos.

Cuarta. Acceso directo

1. Poderá acceder ás ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, sen necesidade de realizar a proba específica de acceso, quen estea en posesión dun título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño.

2. As persoas aspirantes que opten polo acceso directo deberán formalizar igualmente a súa inscrición no proceso de acceso e admisión segundo o procedemento e o calendario establecido nesta resolución para as persoas aspirantes que non se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato.

3. No caso de que a persoa aspirante estea pendente da avaliación do proxecto final ou da avaliación final de ciclo para a obtención dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño na convocatoria de xuño do ano académico 2021/22 e, en consecuencia, non dispoña do título antes de finalizar o prazo de inscrición, poderá igualmente formalizar a súa inscrición para o acceso e admisión ás ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais segundo o calendario establecido nesta resolución para as persoas aspirantes que non se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato, e deberá presentar a certificación de ter solicitado o dito título para a formalización da matrícula no prazo ordinario establecido nesta resolución.

Quinta. Órganos competentes para resolver os procesos de acceso e admisión

1. Acceso. Tribunal.

De acordo co establecido no artigo 7.3 da Orde do 21 de novembro de 2016, para a organización, realización, avaliación e cualificación da proba específica de acceso constituirase o tribunal que figura no anexo II desta resolución. A Dirección da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia adoptará as medidas oportunas relacionadas coa dispoñibilidade de espazos e medios para a realización das probas, en colaboración coa Presidencia do tribunal e, se é o caso, das suplencias que se poidan producir.

2. Admisión. Comisión de Admisión.

Para os efectos de dar cumprimento ao establecido nesta resolución, constituirase unha comisión que supervisará o proceso de admisión do alumnado e o cumprimento das normas que o regulan, e proporá, se é o caso, á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional a adopción das medidas que considere adecuadas. Os membros desta comisión son os que se recollen no anexo II desta resolución.

Sexta. Prazo, lugar e forma de presentación das solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comprenderá desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 23 de maio, ambos os dous incluídos. As persoas aspirantes que non se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato poderán presentar solicitude ata o 23 de xuño incluído. Para tal fin, a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia deberá expor no seu taboleiro de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado, así como o número de prazas ofertadas, con indicación das prazas reservadas para as persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

2. Con carácter xeral, as solicitudes cubriranse de xeito telemático no formulario dispoñible en https://www.edu.xunta.gal/eas/ e empregando o certificado dixital ou sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Non obstante, tamén se poderá formalizar a inscrición directamente na Secretaría da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. As persoas aspirantes que só dispoñan de pasaporte deberán realizar a inscrición na Secretaría da Escola.

3. Para completar o proceso de inscrición deberase presentar unha copia da solicitude, xunto coa documentación requirida, na Secretaría da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.

Sétima. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia de DNI, NIE ou pasaporte.

b) Xustificante do aboamento dos prezos públicos segundo o Decreto 89/2013, do 13 de xuño (DOG do 17 de xuño), conforme a un destes modelos oficiais, xunto cos certificados de exención ou redución correspondente, se é o caso:

– Modelo E (autocopiativo en papel facilitado na Secretaría da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia).

– Modelo AI.

– Modelos 730 e 731, xerados electronicamente no Portal da internet da Axencia Tributaria de Galicia (https://ovt.atriga.gal).

O pagamento dos prezos públicos correspondentes ás probas de acceso non poderá ser fraccionado.

c) Documentación académica segundo proceda:

– Título de bacharelato.

– Certificación académica do bacharelato, con indicación de materias pendentes.

– Certificación de ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

– Título universitario que cumpra as condicións establecidas no punto 4 da instrución primeira desta resolución.

– Certificación académica do título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño cursado, no caso de optar pola quenda de acceso directo.

– Certificado de superación da proba que substitúe o requisito de titulación correspondente a convocatorias anteriores.

d) Documento acreditativo do grao de discapacidade, e solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda, de ser o caso.

e) Documento acreditativo da condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento, de ser o caso.

Oitava. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais solicitados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Educación e Universidade, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Novena. Publicación das listas de aspirantes que se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato

1. Concluído o prazo de presentación de solicitudes para as persoas aspirantes que se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato, publicarase a lista provisional de persoas inscritas admitidas e excluídas, con expresión, neste último caso, das causas que motivaron a exclusión. A dita lista será exposta no taboleiro de anuncios da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia o día 25 de maio, así como no Portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade https://www.edu.xunta.gal

2. As persoas aspirantes que se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato poderán presentar reclamacións contra a lista provisional de persoas inscritas admitidas e excluídas, os días 26 e 27 de maio, na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.

3. A lista definitiva de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba específica de acceso que se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato farase pública o día 30 de maio no taboleiro de anuncios da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, así como no Portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade https://www.edu.xunta.gal

Décima. Publicación das listas de aspirantes que non se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato

1. Concluído o prazo de presentación de solicitudes para as persoas aspirantes que non se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato, publicarase a lista provisional de persoas inscritas admitidas e excluídas, con expresión, neste último caso, das causas que motivaron a exclusión. A dita lista exporase no taboleiro de anuncios da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia o día 28 de xuño, así como no Portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade https://www.edu.xunta.gal

2. As persoas aspirantes que non se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato poderán presentar reclamacións contra a lista provisional de persoas inscritas admitidas e excluídas, os días 29 e 30 de xuño, na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.

3. A lista definitiva de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba específica de acceso que non se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato farase pública o día 4 de xullo no taboleiro de anuncios da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, así como no Portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade https://www.edu.xunta.gal

Décimo primeira. Lugar, datas e desenvolvemento das probas de acceso

1. A proba para as persoas aspirantes que non cumpran o requisito de titulación terá lugar o día 31 de maio no IES San Clemente de Santiago de Compostela, segundo o establecido no anexo I desta resolución e de acordo co artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016.

2. A proba específica de acceso ás ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais desenvolverase o día 5 de xullo na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, segundo figura no anexo II desta resolución e de acordo co establecido no artigo 5 da Orde do 21 de novembro de 2016.

3. A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia organizará a distribución horaria e de espazos de ocupación do tribunal que actúe nela.

Décimo segunda. Adxudicación de prazas

1. As vacantes existentes adxudicaranse segundo a prelación resultante das cualificacións obtidas polas persoas aspirantes na proba específica de acceso ou, se for o caso, da cualificación media do expediente académico da persoa aspirante.

2. De conformidade co artigo 4.3 da Orde do 21 de novembro de 2016, a porcentaxe de prazas sobre o total para as persoas aspirantes que estean en posesión dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño é do 20 %. O 80 % restante das prazas ofertadas asignarase mediante a proba específica de acceso.

3. O criterio de prelación na asignación das prazas dispoñibles para o acceso directo ás ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais será o establecido pola mellor cualificación media final do expediente académico do ciclo formativo de grao superior en Artes Plásticas e Deseño alegado por cada aspirante. Cando o ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño se cursase segundo un plan de estudos establecido ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, a nota calcularase segundo se dispón no artigo 9.4 da Orde do 9 de setembro de 2004 pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia; no caso de ciclos cursados segundo un plan de estudos establecido ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, a nota calcularase segundo se dispón no artigo 19.9 do Real decreto 596/2007, do 4 de maio, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño. No caso de graduados en Artes Plásticas e Oficios Artísticos, a cualificación que se terá en conta será a obtida na reválida ou proxecto final do Plan de estudos de 1963.

Para os efectos do cálculo da cualificación media final do expediente académico das persoas inscritas que soliciten acceder ás ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais aplicaranse, cando cumpra, as seguintes equivalencias, agás que no expediente académico da persoa inscrita consten explicitamente as cualificacións numéricas das disciplinas. As ditas equivalencias serán:

– Suficiente/aprobado: 5,5.

– Ben: 6,5.

– Notable: 7,5.

– Sobresaliente/matrícula de honra: 9,0.

No caso de non quedaren cubertas as prazas correspondentes ao acceso directo, estas prazas serán asignadas ás persoas aspirantes que superaron a proba específica.

4. O día 18 de xullo, a Comisión de Admisión fará pública no Portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade https://www.edu.xunta.gal a adxudicación de prazas.

Décimo terceira. Matrícula

1. As persoas aspirantes que obteñan praza na adxudicación do 18 de xullo deberán formalizar a súa matrícula entre os días 19 e 21 de xullo, ambos os dous incluídos.

2. Para formalizar a matrícula, a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia facilitaralles ás persoas interesadas os modelos para o efecto. Unha vez cubertos, entregarase unha única solicitude de matrícula na Secretaría da Escola, que se xuntará á documentación xa presentada pola persoa aspirante. A non formalización da matrícula no prazo estipulado, agás causas debidamente xustificadas que valorará a Dirección da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, implicará a perda do dereito á praza asignada para cursar estas ensinanzas no ano académico 2022/23.

3. O día 29 de xullo, a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia remitiralle á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional a lista de alumnado matriculado, así como a relación de prazas vacantes e o calendario de matrícula e realización no caso de realizar probas extraordinarias no mes de setembro (no caso de quedaren prazas vacantes, que se farán públicas no taboleiro de anuncios do centro e na súa páxina web). Ese mesmo día, se for o caso, o centro educativo publicará na súa páxina web a lista de espera, por quenda de acceso.

4. No caso de convocarse probas extraordinarias, estas realizaranse nos primeiros días de setembro. Estas probas realizaranse de acordo co establecido nesta resolución, e a adxudicación de prazas resultantes farase pública na páxina web da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia o día 6 de setembro. As persoas aspirantes que obtivesen praza nas probas extraordinarias deberán formalizar a súa matrícula os días 7 e 8 de setembro. Finalizado o proceso, o centro educativo comunicaralle o 9 de setembro á secretaría xeral competente en materia de educación o resultado destas probas e, de ser o caso, o número de prazas que quedasen sen cubrir.

5. A posta en marcha do primeiro curso destas ensinanzas estará condicionada á existencia dun mínimo de dez (10) alumnos/as admitidos/as e non se cuantificará, para estes efectos, o alumnado repetidor.

Décimo cuarta. Reclamacións e recursos ás probas específicas de acceso

1. De acordo co establecido no artigo 30 da Orde do 21 de novembro de 2016, a cualificación das probas de acceso poderá ser obxecto de reclamación, perante o director ou directora da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, nun prazo de dous (2) días contados a partir do día seguinte ao da comunicación da cualificación, que a someterá ao tribunal avaliador correspondente. Logo de recibido o informe do tribunal, o director ou a directora do centro emitirá resolución motivada ao respecto no prazo de dous días.

2. Contra a resolución emitida en resposta ás reclamacións das probas de acceso, a persoa interesada poderá presentar recurso de alzada, perante a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de Pontevedra, no prazo máximo dun mes a partir da súa notificación. No caso de que o recurso se presente a través da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, a Dirección tramitarao xunto coa documentación correspondente nun prazo non superior a 48 horas. A resolución da Xefatura Territorial de Pontevedra porá fin á vía administrativa.

3. Tamén poderán ser obxecto de reclamación os acordos e as decisións sobre a asignación de prazas, mediante escrito dirixido á Comisión de Admisión e/ou mediante correo electrónico no seguinte enderezo: xsereap@edu.xunta.gal

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2022

José Luis Mira Lema
Secretario xeral de Educación e Formación Profesional

ANEXO I

Proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato
para o acceso ás ensinanzas artísticas superiores

1. A proba que substitúe o requisito de titulación establécese no artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais en desenvolvemento do Decreto 174/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, nas especialidades de Bens Arqueolóxicos, Escultura e Pintura na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A esta proba poderanse presentar as persoas aspirantes que non estean en posesión do título de bacharelato ou non superasen a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos e acrediten unha idade igual ou superior aos 18 anos ou que os fagan no ano 2022.

3. As persoas aspirantes deberán ter feito constar o seu desexo de realizar esta proba na epígrafe correspondente da inscrición, e para a súa realización deberán presentar, o día da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla de solicitude de inscrición.

4. As persoas aspirantes deberán realizar un total de cinco exames no IES San Clemente, na rúa de San Clemente, s/n, Santiago de Compostela, o día 31 de maio de 2022, de acordo co seguinte horario:

11.30 horas: presentación.

Das 12.00 ás 13.00 horas: Filosofía.

Das 13.00 ás 14.00 horas: Historia de España.

Das 16.00 ás 17.00 horas: Lingua Galega e Literatura.

Das 17.00 ás 18.00 horas: Lingua Castelá e Literatura.

Das 18.30 ás 19.30 horas: Lingua Estranxeira (inglés ou francés).

5. Características da proba.

Os exames de Lingua Castelá e Literatura, Lingua Estranxeira (inglés ou francés) e Lingua Galega e Literatura constarán, cada un deles, de dous exercicios. O primeiro exercicio será tipo test e o segundo consistirá na produción dun texto escrito.

Os exames de Filosofía e Historia de España constarán cada un deles de dous exercicios. O primeiro exercicio será tipo test e o segundo consistirá no comentario dun texto proposto.

6. Contido das probas.

Tomaranse como referencia os vixentes currículos oficiais de bacharelato recollidos no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Valoraranse os coñecementos e o grao de madureza en relación cos obxectivos do bacharelato, así como a correcta comprensión de conceptos, a utilización da linguaxe e a capacidade de análise e síntese.

7. Cualificación da proba.

A cualificación final da proba expresarase unicamente como apto/a ou non apto/a.

Cada un dos cinco exames cualificarase entre 0 e 10 puntos.

A cualificación apto/a obterase cando a media aritmética das cualificacións obtidas en cada un dos cinco exames, calculada con dous decimais, sexa igual ou superior a 5. A cualificación non apto/a obterase cando a media aritmética das cualificacións obtidas en cada un dos cinco exames, calculada con dous decimais, sexa inferior a 5.

Así mesmo, a cualificación final da proba será non apto/a cando a persoa aspirante non se presente a algún dos cinco exames de que consta a proba.

8. Lista de resultados e período de reclamacións.

O día 3 de xuño, o tribunal publicará as cualificacións provisionais obtidas polas persoas aspirantes no taboleiro de anuncios da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e a través do Portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal).

Poderanse presentar reclamacións contra as cualificacións provisionais os días 6 e 7 de xuño, ante o/a presidente/a do tribunal avaliador, na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. Neste mesmo período, os centros remitirán á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, a través do correo electrónico xsereap@edu.xunta.gal, as reclamacións presentadas para proceder á súa revisión.

As cualificacións definitivas publicaranse o día 10 de xuño no taboleiro de anuncios da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e a través do Portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal).

Contra as cualificacións definitivas, a persoa interesada poderá interpor recurso de alzada, ante a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

9. Emisión de certificación.

Unha vez publicada a lista definitiva de persoas aspirantes que superaron a proba, a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional remitiralles os correspondentes certificados de teren superado a proba aos centros onde as persoas aspirantes realizaron a inscrición.

10. Validez das probas.

De conformidade co artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016, a superación da dita proba, que substitúe o requisito de titulación, terá validez permanente para o acceso ás ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais en todo o Estado.

11. Tribunal da proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato.

O tribunal que elaborará, supervisará e avaliará a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato para o acceso ás ensinanzas artísticas superiores será designado pola persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

ANEXO II

Probas específicas de acceso ás ensinanzas artísticas superiores
de Conservación e Restauración de Bens Culturais

1. As probas específicas de acceso desenvolveranse de acordo co establecido nos artigos 4 e 5 da Orde do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais en desenvolvemento do Decreto 174/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e copia da folla de solicitude de inscrición.

3. Realizaranse na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, na rúa do Xeneral Martitegui, s/n, Pontevedra, o día 5 de xullo, de acordo co calendario e co horario que estableza o tribunal encargado da súa realización e cualificación.

4. A proba específica de acceso ás ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais constará de dous exercicios:

a) Primeiro exercicio:

Este exercicio consistirá na análise dun texto relacionado cos bens culturais, nun tempo máximo de noventa minutos, e terá como obxecto apreciar a madureza e formación xeral do alumnado, especialmente no referente á compresión de conceptos, utilización da linguaxe e capacidade de síntese e relación. A cualificación do exercicio realizarase entre 0 e 40 puntos.

b) Segundo exercicio. Aptitude plástica.

Inclúe as seguintes probas:

1º. Realización dun debuxo do natural, de enfoque mimético e con modelo real, exento e inanimado. Valoraranse a fidelidade na representación, a calidade do grafismo e a precisión e o acabamento do traballo.

2º. Realización dun traballo sobre representación da cor. Consideraranse a correcta utilización das técnicas empregadas e o grao de comprensión dos valores e calidades da cor.

3º. Realización dun traballo práctico para a valoración das aptitudes específicas que requiren os estudos de Conservación e Restauración de Bens Culturais. Consideraranse a habilidade manual, a meticulosidade e a pulcritude na realización do traballo.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será establecido polo tribunal de acceso. Este exercicio terá por obxecto apreciar as aptitudes das persoas aspirantes, tanto plásticas como específicas, para a conservación e restauración. A súa cualificación será a media aritmética da puntuación obtida en cada epígrafe, que se cualificará entre 0 e 20 puntos.

5. A cualificación global da proba de acceso específica resultará da media ponderada das cualificacións obtidas nos distintos exercicios. O primeiro ponderarase nun 40 % e o segundo nun 60 %. Para a superación da proba de acceso exixirase unha cualificación igual ou superior a 5 puntos.

6. O día 8 de xullo, o tribunal publicará a lista de aspirantes presentados/as, con expresión da cualificación final obtida na proba específica, e de aspirantes non presentados/as, ordenada segundo a cualificación obtida na proba de acceso, en orde decrecente, no taboleiro de anuncios e na páxina web da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que lle remitirá a dita lista á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

7. As persoas aspirantes poderán reclamar contra a cualificación obtida, segundo o establecido nesta resolución, durante os días 12 e 13 de xullo.

8. O/a director/a da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia deberá resolver sobre as reclamacións en contra das cualificacións e/ou sobre as solicitudes de corrección de erros recibidas, logo de informe do tribunal avaliador, e publicará o día 15 de xullo a lista definitiva no taboleiro de anuncios e na páxina web da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, e achegaralle a dita lista á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional a través do enderezo de correo electrónico xsereap@edu.xunta.gal

9. Logo da publicación da lista coas cualificacións definitivas das persoas aspirantes, a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia remitiralle á Comisión de Admisión a proposta de alumnos/as admitidos/as por quenda de acceso mediante proba específica e por quenda de acceso directo, con expresión de aspirantes admitidos e aspirantes en lista de espera.

10. A superación da proba de acceso ás ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais faculta, unicamente, para matricularse no curso académico para o cal fose convocada.

11. A Comisión de Admisión fará pública no Portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, o día 18 de xullo, a lista de adxudicacións.

12. Tribunal encargado da redacción, realización e cualificación da proba específica de acceso ás ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Tribunal titular

Tribunal suplente

Presidente

José Antonio Quinteiro Alonso

Cristina María Montojo Santos

Secretaria

María Dolores Cores Riveiro

María Inmaculada Santiago Cendán

Vogal 1ª

Carmen Lage Veloso

Ángela López García

Vogal 2º

Fernando Carrera Ramírez

Sonia Seco Lanzós

Vogal 3ª

María del Carmen Lorenzo Rivera

Álvaro Ramón Arizaga Castro

13. Comisión de Admisión ás ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Presidente: Juan Durán Alonso.

Secretaria: María Rosario Ureña Lara.

Vogal: Gonzalo Porral Mato.