Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 27 de abril de 2022 Páx. 25477

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as e os resultados definitivos de baremación correspondentes ao primeiro proceso de xeración de listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de persoal médico de hospitalización a domicilio.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 11 de decembro de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 240, do 18 de decembro), publicouse o Pacto subscrito pola Administración sanitaria coas organizacións sindicais CIG, CESM-O’MEGA, CC.OO., UGT e CSIF sobre a selección de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 25 de xuño de 2021 (Diario Oficial de Galicia núm. 129, do 8 de xullo), iniciouse o prazo para a inscrición de aspirantes nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais como persoal médico de hospitalización a domicilio no ámbito das institucións sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia.

A base cuarta desta resolución dispón que para a primeira xeración de listas poderanse formalizar as solicitudes desde o día seguinte ao da súa publicación ata o 3 de setembro de 2021, ambos incluídos. Os méritos computables serán os causados ata o 15 de xuño de 2021 que consten acreditados na data límite de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Mediante a Resolución do 19 de xaneiro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 23, do 3 de febreiro), publicáronse os resultados provisionais de baremación.

Finalizado o prazo de impugnación contra a citada resolución e analizadas as reclamacións presentadas, este centro directivo, de conformidade co anexo I, base sétima, da Resolución do 25 de xuño de 2021,

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a orde de prelación e a puntuación definitiva obtidas polas persoas aspirantes admitidas no primeiro proceso de xeración de listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais da categoría de persoal médico de hospitalización a domicilio.

As listas co número de orde e a puntuación definitiva obtidas polas persoas aspirantes admitidas están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos

Segundo. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderase interpoñer recurso de reposición, ante este mesmo órgano, nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Terceiro. As listas entrarán en vigor con efectos do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2022

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos