Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Luns, 2 de maio de 2022 Páx. 26115

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 29 de abril de 2022 pola que se establecen os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais nos centros dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar durante a folga convocada pola Confederación Nacional do Traballo (CNT) para o día 3 de maio de 2022.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño). O artigo 3 deste decreto faculta ás persoas titulares das consellerías competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación, oído o comité de folga.

A Confederación Nacional do Traballo (CNT) comunicou a convocatoria de folga no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (en diante, Consorcio), indicando que «A folga convocada terá lugar o día 3 de maio de 2022. Este día 3 de maio de 2022 a folga terá unha duración de 24 horas, comezando ás 00.00 e rematando ás 24.00».

Así pois, a necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a esta Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais, que se concretan nesta orde.

Preténdense dar a coñecer máis xustificadamente, se cabe, os criterios en virtude dos cales se procedeu a identificar os servizos mínimos como esenciais e a determinar os efectivos necesarios para aseguralos á luz da presente convocatoria de folga. Todo isto observando a necesaria proporción entre o sacrificio para o dereito dos traballadores e os bens e intereses que se teñen que salvagardar.

Ademais da xustificación concreta e pormenorizada que se establece nos parágrafos seguintes, debe atenderse á especial necesidade de protección das persoas usuarias dos centros xestionados polo Consorcio que fai necesaria, malia a favorable evolución da situación epidemiolóxica na comunidade por mor da COVID-19, a fixación duns servizos mínimos que permitan, cando menos, a apertura dos centros nunhas condicións que posibiliten a prestación duns servizos que, non sendo os ordinarios, fagan posible unha atención adecuada ás persoas usuarias destes servizos públicos.

Para a determinación dos servizos mínimos nos centros da Área de Benestar do Consorcio, tivéronse en conta os seguintes criterios:

1. A actual evolución do contexto epidemiolóxico, sanitario e de saúde pública, que mantén a obriga de aplicar uns procedementos extraordinarios de traballo, recollidos na Resolución do 17 de setembro de 2020, conxunta da Consellería de Sanidade e de Política Social, pola que se aproban as medidas específicas que deberán adoptarse nos centros residenciais sociosanitarios en relación co réxime de visitas, saídas, outros aspectos organizativos e as medidas específicas para os centros de atención diúrna, no contexto da situación epidemiolóxica relacionada coa infección ocasionada polo virus SARS-CoV-2 (COVID-19), e no Protocolo conxunto da Consellería da Sanidade e da Consellería de Política Social para o manexo da crise sanitaria provocada polo virus SARS-CoV-2 (COVID-19) nas residencias de maiores e noutros centros sociosanitarios, na súa versión actualizada o 13 de abril de 2022.

2. A consideración dos recursos residenciais para maiores dependentes como: «centros destinados a vivenda permanente e común en que se presta unha asistencia integral e continuada ás persoas maiores con perda da súa autonomía física ou psíquica e en situación de dependencia o en grave risco de padecela».

3. A consideración dos centros de día como: «equipamentos destinados á atención diúrna de persoas maiores con perda da súa autonomía física ou psíquica e en situación de dependencia o en grave risco de padecela que, residindo nos seus propios fogares, precisan dunha serie de coidados e atencións de carácter persoal, terapéutico ou social».

4. A necesidade de manter a continuidade e estabilidade na asistencia terapéutica dos residentes e usuarios deste tipo de centros en favor do seu beneficio físico e psíquico, co obxectivo de alongar o máximo tempo posible o mantemento de capacidades necesarias para a realización das actividades da vida diaria, diminuíndo o ritmo da súa deterioración física e cognitiva.

5. A consideración de centros de atención continuada, tanto os de atención diúrna como os residenciais, que non interrompen a súa actividade en ningunha época do ano. Tanto é así, que foi a declaración da pandemia provocada pola COVID 19 e o consecuente decreto de estado de alarma, o causante do primeiro peche (entre o 13 de marzo e o 15 de xullo de 2020) producido desde a súa apertura nos centros de día do Consorcio. Debendo engadir, neste sentido, a todo o anteriormente exposto, que se trata de centros que constitúen un instrumento de conciliación imprescindible para as familias das persoas usuarias.

6. A necesidade da presenza efectiva que garanta o funcionamento dos centros, nas condicións descritas, tendo como referencia o seguinte:

– Para os centros asistenciais de atención residencial, establécese como servizos mínimos:

Persoal xerocultor e persoal de servicios xerais (PSX): nestas categorías profesionais, o número de efectivos presentes será o mesmo que os que ordinariamente traballan os fins de semana. Estes son os días en que a prestación de servizos e a realización de actividades acada os seus niveis mínimos, limitándose ao mantemento básico e esencial dos centros, o cal non pode ser desatendido.

– Para os centros asistenciais de atención diúrna, establécense como servizos mínimos:

O persoal mínimo de atención directa necesario para a súa apertura e prestación mínima de servizo que garanta unha atención adecuada ás persoas usuarias destes centros. En consecuencia, proponse o mantemento da ratio mínima disposta na Orde do 18 de abril de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores, que establece unha ratio mínima de persoal de atención directa en réxime de xornada completa en 0,10 profesionais por usuario, cun mínimo de 2.

– En canto ao persoal de servizos xerais, 1 profesional por centro que manteña, en cumprimento das súas funcións, a limpeza puntual necesaria para garantir o correcto nivel de hixiene e salubridade dos diferentes espazos destinados a maiores dependentes, tendo en conta que se mantén a vixencia dos protocolos de limpeza implementados por mor da pandemia orixinada pola COVID-19.

– Para as vivendas comunitarias, establécense como servizos mínimos:

Para as vivendas comunitarias, co fin de cumprir coa Orde do 12 de xaneiro pola que se regula a presentación e a comunicación das reclamacións en materia de servizos sociais que exixe atención presencial as 24 horas do día, establécense como servizos mínimos: 1 traballador/a en quenda de mañá, 1 traballador/a en quenda de tarde, 1 traballador/a en quenda de noite. Un/unha destes/as profesionais asumirá entre as súas funcións a de responsable COVID do centro.

– No Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero, ao tratarse dun centro de carácter residencial, establécense como servizos mínimos o número de efectivos presentes nun día festivo, limitándose a prestación ao mantemento básico e esencial do centro, o cal non pode ser desatendido.

Na fixación dos servizos mínimos na Área de Escolas Infantís tívose en conta o contexto epidemiolóxico, sanitario e de saúde pública actual. O servizo de escola infantil considérase esencial para que moitas familias poidan conciliar a súa vida persoal e laboral sen ter que deixar aos seus fillos/as a cargo da rede familiar ou social de apoio que, na maior parte das ocasións, está constituída por persoas maiores de especial vulnerabilidade.

Con data do 29.6.2021, os ministerios de Sanidade e Educación e Formación Profesional fixeron público o documento de «Medidas de Prevención, Hixiene e Promoción da saúde fronte á COVID-19 para centros educativos no curso 2021-2022» que no seu punto 7.2, dedicado a educación infantil de 0 a 6 anos, apunta a esta primeira etapa de infantil como prioritaria á hora de «manter a presencialidade nos centros».

Dentro do contexto normativo das escolas infantís en Galicia, e para que os servizos mínimos fixados garantan a posibilidade de atención a grupos reducidos de usuarios, para os que sexa imprescindible o servizo por motivos de conciliación, aínda non sendo a xornada completa como o sería habitualmente, cómpre ter en consideración o que establece o Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, relativo ás ratios de persoal das escolas infantís 0-3, que no artigo 27.2 establece que a proporción de persoal cualificado con que deberán contar os centros é dun número igual ao de unidades en funcionamento máis un.

Por outra banda, a situación de pandemia actual obriga a aplicar uns procedementos extraordinarios de traballo destinados a minimizar a carga viral dos centros, recollidos no anterior Protocolo de actuación para as escolas infantís 0-3 fronte ao coronavirus aplicable a casas niño, puntos de atención á infancia, espazos infantís e ludotecas, dentro do ámbito do Plan de reactivación no ámbito infantoxuvenil en relación coa infección polo virus SARS-CoV-2, aprobado pola Comisión de Xestión da Crise Sanitaria da COVID-19 da Xunta de Galicia, e que foi novamente revisado e actualizado polo dito comité cara ao curso 2021/22. Este protocolo aínda vixente, no seu punto 3 di o seguinte: «A implantación de medidas preventivas nunha escola infantil 0-3 é moito máis complexa que para outros ciclos superiores, toda vez que a maiores da actividade lectiva, esta compleméntase coa cobertura dunha serie de necesidades básicas como durmir ou xantar, ademais doutras afectivas incompatibles co afastamento social recomendado ante o coronavirus. Os coidados dun lactante ou dun neno ou nena de 0-3 anos, tanto no fogar como na escola, precisa do estreito contacto humano e dun vencello afectivo que facilite o crecemento físico e emocional dos máis cativos».

Os grupos estables de convivencia «están formados por un número determinado de nenas/os dunha mesma aula e os seus profesores/educadores, entre os cales non será preciso manter a distancia de seguridade, non debendo romper a súa estanquidade, agás en momentos puntuais e, preferiblemente, só nas actividades no exterior». Os ditos grupos manteranse como unidades de referencia, así como o establecemento dunha planificación para o mantemento da actividade presencial das escolas infantís de 0 a 3 anos, adoptando unha serie de medidas de carácter preventivo que teñen por obxecto a protección de todas as persoas usuarias dos centros, e a do resto de persoas integrantes dos equipos técnicos e demais persoal traballador propio ou externo. En definitiva, trátase de garantir a estanquidade en todas as actividades que se realicen dentro do centro educativo e de evitar a interacción con outros grupos, limitando ao máximo o número de contactos e o número de adultos que interaccionan en cada grupo.

O protocolo sanitario fronte á COVID 19 para as escolas infantís en Galicia, no punto 3.4 sobre cuestións referidas á hixiene, fálase da necesidade de limpeza e desinfección frecuente de espazos de uso común, equipamento e utensilios, e elementos máis comunmente usados ou tocados, coa utilización de desinfectantes como lixivia diluída ou calquera outro desinfectante virucida autorizado polo Ministerio de Sanidade. No punto 3.5.2 entre outras cuestións fala do lavado frecuente e esterilización diaria de chupetes e biberóns, ou no 3.5.4 do lavado de sabas dos berces e camiñas encaixables preferiblemente a diario e a temperatura axeitada entre 60º e 90º, igual que na desinfeccións de camas. No punto 3.3.5 fálase do uso de materiais que poidan limparse, desinfectar ou poñerse en corentena segundo as idades dos nenos. Todas estas funcións e moitas outras son competencia do persoal de Servizos Xerais que se fai imprescindible nunha escola para o mantemento das medidas básicas de hixiene e limpeza nos centros, e non se pode prescindir del.

Por outra banda, segue sendo imprescindible a necesidade de contar con persoal PSX (persoal de servizos xerais), en número suficiente para permitir a organización de entradas e saídas dos nenos nos centros e a debida desinfección de superficies e utensilios, tal e como se recolle nos puntos 3.4, desinfección e esterilización de chupetes e biberóns recollido no punto 3.5.2, ou o cambo e lavado de roupa de berces recollido no punto 3.5.4. ou limpeza e desinfección de xogos, materiais de uso de nenos e nenas recollido no 3.3.5, o que fai imprescindible a presenza dunha persoa de servizos xerais (PXS) por ser estas as competencias deste posto de traballo.

Malia a evolución actual da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19, cómpre ter en conta que os/as nenos/as desta etapa educativa non levan máscaras de protección debido á súa incapacidade de mantela posta, e polo risco que comportaría o seu uso, son poboación non vacinada e, polo tanto, se converteron en poboación albo para o risco de contaxio e transmisión da COVID-19, e tampouco poden gardar as distancias mínimas de seguridade (todas estas cuestións que son as recomendadas para a poboación xeral neste momento). Seguimos comprobado unha alta capacidade de transmisión da enfermidade da COVID-19, moi superior a que tiñan as variantes ás cales estábamos acostumados a observar nos centros ao longo do 2020-2021, facendo máis preciso que nunca que os xa establecidos e coñecidos «grupos estables de convivencia», funcionen máis que nunca como a barreira principal para evitar a propagación do virus, que poría en perigo a saúde de nenos/as, familias, pero tamén de traballadores/as.

De non respectar estes grupos estables de convivencia, estaríase rachando por completo coa dinámica de prevención prevista para todo o ámbito do 0 a 3 anos, que se basea case en exclusiva neste momento, no mantemento destes grupos, en que a figura de, cando menos, un/unha persoa de referencia, é fundamental (titor/ra dunha unidade ou aula).

En consecuencia, os servizos mínimos que se establecen para todas as escolas da rede serán de dúas persoas traballadoras de persoal de atención directa aos nenos/as, que garantan a apertura e peche dos centros ao longo da xornada. Nas escolas de dúas ou máis unidades abertas haberá, ademais, unha persoa de atención directa por cada unha das unidades que teña a escola en funcionamento a partir da hora prevista na que en cada escola se constitúan cada un dos grupos estables de convivencia, e un/unha PSX. Un/unha das persoas de atención directa asumirá entre as súas funcións a de responsable COVID no centro durante a xornada de folga.

– Para os restantes centros de traballo do Consorcio establécese a fixación como servizo mínimo, dun/dunha traballador/a na súa quenda habitual para garantir a apertura e peche dos centros de traballo e, no caso dos servizos centrais do Consorcio, tendo en conta que é a este a quen se limita o ámbito da folga, dun auxiliar administrativo/a do Departamento de Persoal para os efectos da tramitación dos datos de seguimento desta.

En consecuencia, por proposta da Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, oído o comité de folga, e en virtude das facultades que me confire o artigo 3 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da comunidade autónoma,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

A convocatoria de folga realizada pola Confederación Nacional do Traballo (CNT) que afecta o persoal que presta servizos no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen no anexo.

Artigo 2. Designación dos efectivos

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, e que deberá recaer nos/as profesionais de xeito rotatorio, será determinada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Artigo 3. Salvagarda dos dereitos

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira única. Efectos da orde

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

ANEXO

Para as xornadas de folga a que fai referencia esta orde, terán a consideración de servizos mínimos a xornada completa os que se relacionan a seguir:

1. Nos centros de atención ás persoas maiores:

a) Centros residenciais:

– Vivenda comunitaria de Vilasantar.

1 traballador/a en quenda de mañá, 1 traballador/a en quenda de tarde e 1 traballador/a en quenda de noite.

– Vivenda comunitaria da Pontenova.

1 traballador/a en quenda de mañá, 1 traballador/a en quenda de tarde e 1 traballador/a en quenda de noite.

– Vivenda comunitaria de Riotorto.

1 traballador/a en quenda de mañá, 1 traballador/a en quenda de tarde e 1 traballador/a en quenda de noite.

– Vivenda comunitaria/Centro de día de Vilar de Santos.

3 traballadores/as en quenda de mañá, 2 traballadores/as en quenda de tarde e 1 traballador/a en quenda de noite.

– Fogar residencial/Centro de día de Taboadela.

3 xerocultores/as en quenda de mañá.

2 xerocultores/as en quenda de tarde.

1 xerocultor/a en quenda de noite.

1 PSX en quenda de mañá.

1 PSX en quenda de tarde.

– Fogar residencial/Centro de día de Cerdedo.

3 xerocultores/as en quenda de mañá.

3 xerocultores/as en quenda de tarde.

1 xerocultor/a en quenda de noite.

1 PSX en quenda de mañá.

1 PSX en quenda de tarde.

– Fogar residencial/Centro de día de Cerceda.

4 xerocultores/as en quenda de mañá.

4 xerocultores/as en quenda de tarde.

1 xerocultor/a en quenda de noite.

1 PSX en quenda de mañá.

1 PSX en quenda de tarde

– Minirresidencia/Centro de día de Melide.

5 xerocultores/as en quenda de mañá.

3 xerocultores/as en quenda de tarde.

2 xerocultor/a en quenda de noite.

3 PSX en quenda de mañá.

2 PSX en quenda de tarde.

– Residencia/Centro de día de Ortigueira.

6 xerocultores/as en quenda de mañá.

4 xerocultores/as en quenda de tarde.

2 xerocultores/as en quenda de noite.

2 PSX en quenda de mañá.

2 PSX en quenda de tarde.

b) Centros de día:

Provincia da Coruña:

Centro de día de Boiro: 3 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de día de Cabana de Bergantiños: 3 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de día de Dodro: 3 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de día de Muros: 3 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de día de Outes: 3 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de día de Sada: 3 xerocultores/as e 1 PSX.

Provincia de Lugo:

Centro de día de Abadín: 4 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de día de Chantada: 4 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de día de Monforte: 2 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de día do Corgo: 2 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de día de Pantón: 2 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de día da Pobra do Brollón: 2 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de día de Ribadeo: 2 xerocultores/as e 1 PSX.

Provincia de Ourense:

Centro de día de Coles: 2 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de día de Oimbra: 2 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de día de Toén: 3 xerocultores/as e 1 PSX.

Provincia de Pontevedra:

Centro de día das Neves: 3 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de día de Ponteareas: 2 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de día de Portas: 4 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de día de Valga: 3 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de día de Vigo Teis: 3 xerocultores/as e 1 PSX.

2. No Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero (CEMVI):

1 traballadora en quenda de mañá.

1 traballadora en quenda de tarde.

1 traballadora en quenda de noite.

3. Nas escolas infantís:

Os servizos mínimos para todas as escolas da rede serán de dúas persoas traballadoras de persoal de atención directa aos nenos/as, que garantan a apertura e peche dos centros ao longo da xornada. Nas escolas de dúas ou máis unidades abertas haberá, ademais, unha persoa de atención directa por cada unha das unidades que teña a escola en funcionamento a partir da hora prevista en que en cada escola se constitúan cada un dos grupos estables de convivencia, e un/unha PSX. Unha das persoas de atención directa asumirá entre as súas funcións a de responsable COVID no centro durante cada xornada de folga.

4. Nos servizos centrais do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar:

1 auxiliar administrativo/a do Departamento de Persoal para os efectos da tramitación dos datos de seguimento da folga.

5. Nos centros de traballo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar non incluídos nos puntos anteriores:

1 traballador/a na súa quenda habitual para garantir a apertura e peche dos centros de traballo.