Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Mércores, 4 de maio de 2022 Páx. 26732

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2022 pola que se dá publicidade da encomenda de xestión da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) á Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural para realizar traballos dentro do marco da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

De conformidade co artigo 8 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade da seguinte encomenda de xestión intrasubxectiva:

Resolución de autorización do 25 de marzo de 2022, da Consellería do Medio Rural, pola que se lle encomenda a xestión de carácter técnico-administrativo da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) á Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural para realizar traballos dentro do marco da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

– Actividade: realizar as actuacións necesarias para pór en marcha os instrumentos recollidos na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, en concreto:

a) Deseñar e implantar estratexias e plans integrados para o desenvolvemento e a xestión do territorio rural que coordinen actuacións de diversa natureza e conten coa participación dos axentes socioeconómicos públicos e privados, así como a promoción e xestión dos ditos plans e programas de desenvolvemento.

b) Supervisar, coordinar e difundir as políticas e estratexias de desenvolvemento rural, en especial as orientadas á recuperación das terras forestais e da superficie agraria útil como base da bioeconomía.

c) Deseñar, programar e executar as medidas de recuperación e, en xeral, da xestión da terra agroforestal de Galicia a través dos instrumentos previstos nesta lei para tal fin.

d) Tramitar os procedementos de investigación da propiedade de inmobles de natureza rústica dos cales non se teña certeza sobre a súa titularidade, así como a revisión xeométrica e topográfica deses predios no caso de existiren dúbidas sobre a súa configuración e estado.

e) Articular proxectos de desenvolvemento rural con carácter piloto e innovador, destinados a reforzar a base produtiva das áreas rurais, valorizar os seus recursos e mellorar a calidade de vida dos seus habitantes.

f) Articular proxectos de xestión de terras agroforestais e de desenvolvemento rural dirixidos directa ou indirectamente a favorecer a prevención e a loita contra os incendios no territorio rural e fronte a pragas e enfermidades.

g) Promover e fomentar a cooperación entre axentes públicos e privados cuxas actuacións incidan directa ou indirectamente no desenvolvemento das zonas rurais.

h) Impulsar a formulación e a aplicación a nivel comarcal de estratexias de desenvolvemento rural integrado, especialmente a través da dinamización e coordinación dos grupos de desenvolvemento rural responsables da súa execución.

i) Promover o desenvolvemento dos catálogos, mapas e demais soportes documentais previstos na lei.

j) Contribuír ao reforzo do tecido social e á mellora da capacidade organizativa das áreas rurais.

k) Aplicar outras medidas e actuacións que teñan por obxecto, en particular, a revitalización do tecido produtivo e a fixación da poboación nas áreas rurais, realizando as actuacións precisas para promover a efectiva igualdade de mulleres e homes, de conformidade co artigo 30 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, de igualdade efectiva de mulleres e homes, e cos artigos 42 e 43 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

l) Xestionar e aplicar as medidas contidas nos programas de desenvolvemento rural sustentable no ámbito da aplicación da Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural, ou da norma que a substitúa, sen prexuízo das competencias que nesta materia teñan outros órganos da Administración autonómica.

m) Xestionar as medidas e actuacións que se lle encomenden no marco da programación dos fondos europeos de desenvolvemento rural.

n) Adquirir, allear, permutar e arrendar predios, edificacións no rural, explotacións agrarias e calquera outro ben e dereito de natureza rústica, coas finalidades e nos termos previstos nesta lei. O anterior comprende, en xeral, a administración, xestión, conservación e disposición de predios, explotacións agrarias, vivendas ou grupos de vivendas, no rural, así como os demais bens e dereitos que formen parte do seu patrimonio ou os que, non sendo titularidade da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, estean ou non adscritos ao seu patrimonio, sexan xestionados por ela en virtude de calquera título válido en dereito, no marco do exercicio das competencias e finalidades que lle son propias, en particular, a xestión dos bens e dereitos de titularidade da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural incorporados ao Banco de Terras de Galicia, que estarán adscritos ao patrimonio da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural co obxectivo de devolvelos ao tráfico xurídico.

o) Mediar no arrendamento ou compravenda de explotacións co fin de garantir a continuidade daquelas que, pola idade das persoas titulares, por dificultades na xestión ou por outras circunstancias, deixen ou vaian deixar de ser explotadas polos seus titulares.

p) Exercer calquera outra función técnica, xurídica ou material que, en relación coas materias da súa competencia, se encomende ou competa á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: encomenda de xestión intrasubxectiva, ao ser Agader e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural órganos e entidades pertencentes á mesma consellería, de acordo co disposto no artigo 8 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

– Prazo de vixencia e supostos en que proceda a finalización anticipada da encomenda ou a súa prórroga: esta encomenda producirá efectos a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Estará vixente ata a constitución da nova Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, tras a aprobación dos seus estatutos. No seu defecto, terá unha vixencia máxima de catro anos contados desde a publicación desta encomenda.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural