Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Mércores, 4 de maio de 2022 Páx. 26656

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 19 de abril de 2022 pola que se declara como espazo privado de interese natural o lugar denominado Fragas e Brañas do Alto do Gaiteiro (concello de Mesía), e se aproban as súas normas de xestión e de conservación.

A Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, recoñece os espazos privados de interese natural (en diante, EPIN) como unha das categorías en que se clasifican os espazos naturais protexidos. O artigo 39 desta lei establece a posibilidade de que as persoas propietarias ou titulares dun dereito de uso de terreos nos cales existan formacións naturais, especies ou hábitats de flora e fauna silvestres cuxa protección se considere de interese poidan propoñerlle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a súa declaración como EPIN.

A declaración dun EPIN é competencia da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, mentres que a responsabilidade e competencia da súa xestión será das persoas promotoras da súa declaración, que deberán ser propietarias ou titulares acreditadas do dereito de uso dos terreos. Así mesmo, a declaración dun EPIN non comporta a súa inclusión na Rede galega de espazos protexidos, nin implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación, aínda que pode ter preferencia na obtención de axudas para a súa conservación e xestión.

Casa Grande de Xanceda é na actualidade un dos maiores produtores de lácteos ecolóxicos de España e o máis importante de Galicia, cunha cifra de negocio de 10 millóns de euros no ano 2020. Ofrece 45 postos de traballo directos estables (60 % mulleres). Fixo investimentos de máis de cinco millóns de euros desde o ano 2006 e proxecta investimentos de máis de seis millóns de euros para os próximos tres anos.

O procedemento de declaración do EPIN Fragas e Brañas do Alto do Gaiteiro, localizado no concello de Mesía, iniciouse o 13.2.2020 por proposta da Casa Grande de Xanceda, S.L., representada por Guillermo Martínez Ruiz. Casa Grande de Xanceda, S.L. é a persoa titular acreditada dos dereitos de uso dos predios e a responsable da súa xestión. O expediente de declaración foi sometido a participación pública o 7.12.2020, DOG núm. 247, e a información pública e audiencia das persoas interesadas o día 27.12.2021, DOG núm. 246, e recibiuse unha alegación.

O expediente conta cunha memoria técnica que acredita que a zona posúe valores singulares e reúne as condicións adecuadas para ser declarada espazo protexido, axustándose aos contidos establecidos no artigo 40 da Lei 5/2019, do 2 de agosto. O expediente de declaración conta, ademais, co compromiso formal da persoa promotora de poñer en práctica as medidas precisas para a conservación dos valores naturais deste espazo.

A memoria presentada conta cunha proposta adecuada de normas de xestión e de conservación que se axusta aos contidos establecidos no artigo 64 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, para os instrumentos de planificación dos EPIN. As normas de xestión e de conservación establecen o réxime de usos e actividades permitidas no espazo, así como as limitacións que se consideran necesarias para a súa conservación; cumpre coa finalidade de adecuar a xestión do EPIN aos principios inspiradores sinalados no artigo 2 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e tamén conta cos contidos mínimos referidos no artigo 20 desa mesma lei; polo que, tras a realización dos trámites correspondentes, elévase á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a súa aprobación mediante orde, en cumprimento do artigo 41 da Lei 5/2019, do 21 de agosto.

Esta orde ten por obxecto declarar o lugar denominado Fragas e Brañas do Alto do Gaiteiro, no concello de Mesía, como EPIN, unha vez constatadas as singularidades que presenta este espazo natural, que o fan merecedor da protección dos seus valores naturais. Simultaneamente, a orde aproba as normas de xestión e de conservación que constitúen o instrumento de planificación deste espazo natural protexido.

Polo exposto, e no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposición xeral

Artigo 1. Obxecto da orde

1. Esta orde ten por obxecto declarar o lugar denominado Fragas e Brañas do Alto do Gaiteiro, no concello de Mesía, como EPIN, unha vez constatadas as singularidades que presenta este espazo natural, que o fan merecedor da protección dos seus valores naturais.

2. Tamén é obxecto desta orde aprobar as súas normas de xestión e de conservación que constitúen o instrumento de planificación deste espazo natural protexido.

CAPÍTULO II

Declaración do espazo natural protexido

Artigo 2. Declaración das Fragas e Brañas do Alto do Gaiteiro como EPIN

1. Declárase como EPIN o espazo denominado Fragas e Brañas do Alto do Gaiteiro, no concello de Mesía, por proposta da Casa Grande de Xanceda, S.L., persoa xurídica que ten os dereitos de uso sobre os terreos que conforman o EPIN, promotora do ámbito declarado e responsable da súa xestión. Casa Grande de Xanceda, S.L. está representada por Guillermo Martínez Ruiz.

2. No expediente de declaración constan a documentación acreditativa da titularidade das parcelas e o permiso para este uso por parte do propietario dos predios.

Artigo 3. Límites

1. A extensión e límites do EPIN Fragas e Brañas do Alto do Gaiteiro son os sinalados no anexo I desta orde.

2. O EPIN localízase na follas 070-II e 070-IV da cartografía 1:25.000 do Instituto Xeográfico Nacional (MTN25), cuadrículas UTM 10×10 km 29TNH57, 29TNH67 e 29TNH66.

3. O ámbito territorial está constituído polas Fragas e Brañas do Alto do Gaiteiro, localizadas nos polígonos 14 e 504 do concello de Mesía (A Coruña), parroquia de Xanceda, formado polas parcelas catastrais seguintes: 15048A014000180000LQ, 15048A014000240000LT, 048A014001970000LJ, 15048A014000260000LM, 15048A014000410000LS, 15048A014000480000LY, 15048A014001150000LQ, 15048A014001250000LK, 15048A014002050000LA, 15048A014002150000LT, 15048B504000920000SQ, 15048B504000930000SP, 002100700NH67A0000MG(2), 02100700NH67A0001QH, 15048A014002090000LQ, 15048A014002090001BW e 15048A014002080000LG.

4. A contorna de protección alcanza unha superficie de 74,5 ha e está disposta en dous enclaves separados entre si por leiras de terceiras persoas alleas ao espazo declarado.

Artigo 4. Xestión

Será responsabilidade da Casa Grande de Xanceda, S.L. a xestión do espazo natural Fragas e Brañas do Alto do Gaiteiro, de acordo coas normas de xestión e de conservación establecidas no anexo II desta orde.

Artigo 5. Efectos da declaración

1. A declaración do EPIN Fragas e Brañas do Alto do Gaiteiro non comporta a súa inclusión na Rede galega de espazos protexidos.

2. A declaración non implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación, aínda que pode ter preferencia na obtención de axudas.

3. De conformidade cos artigos 31.1.a), 34.2.f) e 34.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia:

a) Os terreos do ámbito declarado están sometidos ao réxime de especial protección, de conformidade coa lexislación sectorial ambiental estatal e galega de conservación dos espazos naturais protexidos.

b) A categoría de solo rústico de protección de espazos naturais aplicarase de forma complementaria ás demais categorías de solo rústico definidas polo Plan xeral de ordenación municipal (en diante, PXOM) do concello de Mesía, aprobado o 26.12.2012, especialmente coas de solo rústico de protección agropecuaria (SRPAG), solo rústico de protección forestal (SRPF) e solo rústico de protección de augas (SRPAU).

4. O ámbito da declaración foi obxecto de concentración parcelaria polo Decreto 249/1995, do 7 de setembro, polo que se declarou de utilidade pública e urxente execución da concentración parcelaria da zona de Xanceda (Mesía-A Coruña) (ID: 15047402 Xanceda-Mesía II). Atópase na comarca de Ordes, declarada zona de especial interese agrario polo Decreto 206/2007, do 25 de outubro.

A declaración como espazo natural protexido é compatible co anterior.

5. A zona obxecto desta declaración contén terreos clasificados como dominio público hidráulico. A declaración do EPIN Fragas e Brañas do Alto do Gaiteiro non implicará a cesión do dominio público nin a súa utilización significará a cesión das facultades demaniais da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Caracterización do EPIN e xustificación da proposta de declaración

De conformidade co artigo 41.4 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, a norma autonómica que declare un espazo natural protexido deberá ter, entre outros contidos mínimos, a caracterización do espazo e a xustificación da proposta de declaración:

1. Casa Grande de Xanceda, S.L. é unha empresa familiar dedicada a explotación de gando vacún para leite e a elaboración e comercialización de produtos lácteos de alta calidade, todo iso en réxime de produción ecolóxica certificada polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) desde o ano 2004. A explotación, de 180 ha, evita por completo en toda a súa superficie o uso de produtos químicos de síntese como fertilizantes, herbicidas e praguicidas prexudiciais para o ambiente, polo que a diversidade de insectos e polinizadores é considerable. As características inherentes á produción en ecolóxico, unidas ao feito de que conserva unha notable mostra de sebes multiespecíficas, brañas, fragas e vexetación ripícola, fan que este lugar manteña uns valores naturais que merecen ser preservados e potenciados; así, os enclaves de maior valor natural e singularidade da explotación foron seleccionados para formar parte do EPIN ata acadar as 74,5 ha. O promotor desenvolve un modelo agrogandeiro e fabril sustentable, que internaliza as consideracións ambientais e promove a conservación da biodiversidade de xeito compatible.

2. A seguir, xúntase unha descrición dos tipos de hábitats de interese comunitario (THIC da Directiva hábitats 92/43/CEE e da Lei 42/2007, do 13 de decembro) presentes no espazo que o converten en meritorio da declaración como EPIN:

O principal curso de auga nace na denominada Braña do Galo e discorre uns 1.400 m polos terreos que ocupa a Casa Grande de Xanceda. Trátase do rego de Xanceda, afluente de cabeceira do río Maruzo, da bacía do río Tambre. Durante todo este percorrido amosa unha representación interesante e nun grao de conservación xeralmente bo de bosque de ribeira que conforma o hábitat de interese comunitario prioritario THIC 91E0* Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae). A extensión deste bosque é practicamente continua ao longo de todo o curso. Nos sectores onde o caudal do río se ensancha, temos o THIC 3260 Ríos dos pisos de planicie a montano con vexetación de Ranunculion fluitantis e de Callitricho-Batrachion. Por outra banda, nas marxes mellor conservadas aparece o THIC 6430, Megaforbios eutrofos higrófilos das orlas de chaira e dos pisos montano a alpino.

As carballeiras galaico-portuguesas de Quercus robur e Quercus pyrenaica, THIC 9230, están representadas por dúas unidades de gran valor natural e etnográfico. Unha delas é unha carballeira madura perfectamente conservada, moi vella, que mantén unha orla boscosa de acivros e cerquiños nas zonas máis periféricas. Esta carballeira está formada por uns setenta carballos de gran porte. A segunda unidade é unha carballeira de porte máis modesto, acompañada principalmente de cerquiño (Quercus pyrenaica), acivro (Ilex aquifolium), castiñeiro (Castanea sativa) e loureiro (Laurus nobilis).

Hai prados moi húmidos con zonas higroturbosas ou brañas en que atopamos o THIC 4020* Breixeiras húmidas atlánticas de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix. Trátase dunha comunidade dominada por matos baixos de ericáceas, principalmente Erica cinerea, E. ciliaris, Calluna vulgaris e, puntualmente, E. tetralix. Nas zonas de menor uso aparece o THIC 6410 Prados con molinias sobre substratos calcarios, turbosos ou arxilo-limónicos (Molinion caeruleae), dominado pola gramínea Molinia caerulea e xuncos como Juncus bulbosus e J. acutus.

No sector nordés do EPIN atópase unha zona húmida de peculiar interese. Neste punto probablemente se produce unha ruptura do nivel freático superficial, o que, unido á nula pendente do terreo, acaba formando unha área permanentemente enchoupada, dentro da cal aparece unha charca de augas claramente estancadas, vexetada fundamentalmente por lentella de auga (Lemna minor) e espiga de auga (Potamogeton natans); esta charca aparece rodeada por vexetación típica de zonas húmidas interiores, principalmente por espadana (Typha latifolia), esparganios (Sparganium neglectum) e xunco (Juncus acutus e J. bulbosus). Todo o conxunto conforma o THIC 3110 Augas oligotróficas cun contido de minerais moi baixo das chairas areentas (Littorelletalia uniflorae).

3. O compromiso do promotor coa conservación da biodiversidade, cos agrosistemas e, particularmente, coa conservación do medio natural e das paisaxes agrarias, foi patente nos últimos anos ao manter as sebes, brañas e arborado nos pastos xunto coa produción ecolóxica abordando, incluso, o seguimento de especies de fauna ao longo do ano 2016 (Grupo Naturalista Hábitat, 2017), a plantación de pés de froitos vermellos de interese trófico para moitas especies animais ou a colocación de caixas niño como refuxio para aves e quirópteros, e divulgando estas iniciativas na súa web; e, así mesmo, desenvolvía simultaneamente un modelo de negocio gandeiro, produtivo e fabril sustentable e compatible.

4. A paisaxe do EPIN Fragas e Brañas do Alto do Gaiteiro mantén hábitats naturais, unha ampla representación de sebes nos lindeiros dos predios que actúan como corredores ecolóxicos e refuxio de multitude de especies animais e vexetais e que conforman unha paisaxe en mosaico, así como pequenas zonas húmidas que conservan hábitats e especies de interese. Finalmente, destacamos o uso eficiente que se está facendo das áreas lindeiras cos cursos de auga, con respecto polo medio acuático e polo mantemento da vexetación propia das ribeiras. Estas particulares características fan que na Casa Grande de Xanceda se manteñan, hoxe en día, certos hábitats naturais de interese prioritario que serán preservados e potenciados cunha xestión axeitada e coa implantación de medidas de conservación activas.

5. As especies fruxívoras vense particularmente beneficiadas pola agricultura ecolóxica. Diversos estudos suxiren que a agricultura ecolóxica beneficiaría as aves de campiña en paisaxes heteroxéneas, particularmente durante o inverno, probablemente debido ao incremento dos recursos tróficos dispoñibles, así como á importancia de producir en ecolóxico e de manter a heteroxeneidade do hábitat como medio para soster unha maior biodiversidade de aves. O grupo das aves de interese especial é moi numeroso, polo que só destacaremos as contidas no anexo I da Directiva aves: Caprimulgus europaeus, Ciconia ciconia, Falco peregrinus, Lanius collurio, Lullula arborea, Milvus migrans e Pernis apivorus. Entre as aves ameazadas as tartarañas Circus cyaneus e Circus pygargus son vulnerables. Os anfibios catalogados como vulnerables son Alytes obstetricans, Chioglossa lusitanica, Discoglossus galganoi, Hyla molleri, Lissotriton boscai, Rana iberica, Rana temporaria e Salamandra salamandra, por ser especies ameazadas. Entre os réptiles singularizados na Lista de especies en réxime de protección especial cítanse Anguis fragilis, Chalcides striatus, Coronella austriaca, Lacerta schreiberi e Natrix astreptophora. Por último, Pispistrellus pipistrellus e Plecotus austriacusou destacan entre os mamíferos ameazados.

Artigo 7. Extinción

Mediante a orde da consellería con competencias en materia de conservación do patrimonio natural poderase poñer fin para os efectos da declaración do espazo protexido Fragas e Brañas do Alto do Gaiteiro, nos casos legalmente establecidos.

CAPÍTULO III

O instrumento de planificación

Artigo 8. Aprobación das normas de xestión e de conservación do EPIN

1. Apróbanse as normas de xestión e de conservación do EPIN Fragas e Brañas do Alto do Gaiteiro, recollidas no anexo II, como instrumento de planificación deste espazo natural protexido.

2. O instrumento de planificación ten como finalidade a de adecuar a xestión do EPIN aos principios inspiradores sinalados no artigo 2 da Lei 42/2007, do 13 de decembro.

3. O ámbito territorial de aplicación das normas de xestión e de conservación coincide coa extensión e os límites cartografados no anexo I. O EPIN atópase no termo municipal de Mesía, provincia da Coruña, e conta cunha superficie de 74,5 ha.

4. As normas de xestión e de conservación estarán á disposición da cidadanía na web que as persoas promotoras e xestoras do EPIN habiliten, e poderanse solicitar no seguinte correo electrónico: info@casagrandexanceda.com

Artigo 9. Contidos

1. As normas de conservación e de xestión do EPIN Fragas e Brañas do Alto do Gaiteiro e as sucesivas modificacións que poidan ter lugar deberán recoller, ademais dos contidos mínimos determinados polo artigo 64 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, aqueles determinados polo artigo 20 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, para todos os instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos, con independencia da súa denominación.

2. O instrumento de planificación consta dunha memoria estruturada en 2 capítulos e 8 artigos que recolle a delimitación territorial do ámbito, a finalidade e os principios inspiradores, a identificación dos valores que hai que protexer e os riscos que poidan afectarlles, e dunha parte normativa e de programación composta por 6 capítulos e 23 artigos onde se definen as directrices de xestión, os gravames, as limitacións respecto dos usos e actividades para garantir a conservación da biodiversidade, a normativa urbanística aplicable ao solo e a programación de actividades xunto co orzamento e os planos.

Disposición adicional. Revisión do Plan xeral de ordenación municipal de Mesía

Establécese un prazo de 24 meses para que o Concello de Mesía inicie o procedemento de revisión do PXOM, aprobado definitivamente o 26.12.2012, co fin de introducir e aprobar as modificacións necesarias para adaptar os aspectos incompatibles con esta planificación. En particular, deberase recoller a aplicación do réxime de solo rústico de protección de espazos naturais para todo o ámbito tipificado como solo rústico, así como os usos admisibles asociados a este tipo de solo. Queda exceptuado desta modificación o solo tipificado como núcleo rural, que manterá a súa cualificación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da dirección xeral con competencias en espazos naturais protexidos para ditar, no ámbito das súas competencias, cantas instrucións técnicas sexan precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANEXO I

Límites do EPIN Fragas e Brañas do Alto do Gaiteiro

1. O EPIN localízase na follas 070-II e 070-IV da cartografía 1:25.000 do Instituto Xeográfico Nacional (MTN25), cuadrículas UTM 10×10 km 29TNH57, 29TNH67 e 29TNH66.

2. O ámbito territorial está constituído polas Fragas e Brañas do Alto do Gaiteiro, espazo localizado nos polígonos 14 e 504 do concello de Mesía (A Coruña), parroquia de Xanceda, e formado polas parcelas coas seguintes referencias catastrais: 15048A014000180000LQ, 15048A014000240000LT, 048A014001970000LJ, 15048A014000260000LM, 15048A014000410000LS, 15048A014000480000LY, 15048A014001150000LQ, 15048A014001250000LK, 15048A014002050000LA, 15048A014002150000LT, 15048B504000920000SQ, 15048B504000930000SP, 002100700NH67A0000MG, 02100700NH67A0001QH, 15048A014002090000LQ, 15048A014002090001BW e 15048A014002080000LG.

3. Esta contorna de protección acada unha superficie de 74,5 ha e está disposta en dous enclaves separados entre si por leiras de terceiras persoas, alleas ao espazo declarado.

4. Os seus límites son os seguintes:

Norte: as parcelas 208, 18 e 197 fan límite cunha vía de servizo e coas parcelas 199 e 29 do polígono 14.

Sur: a parcela 007 linda co camiño de servizo para o propio predio e coas parcelas 53, 54, 55, 61, 60, 63, 64, 65, 66, 67, 68 e 112 e a parcela 48 linda cunha pista de servizo do polígono 14.

Leste: no polígono 14, as parcelas 24, 26 e 93 fan límite coas parcelas 27 e 25 e co camiño de servizo para este predio. Máis abaixo, as parcelas 209 e 48 limitan coa estrada de servizo que une Xanceda Vella coa Fraga. As parcelas 215, 205 e 125 lindan ao leste coa parcela 126 e cun camiño de servizo.

Oeste: coa estrada autonómica AC-524 (base cartográfica PNOA2020-cedido por © Instituto Xeográfico Nacional-Xunta de Galicia).

5. Plano de delimitación territorial do EPIN Fragas e Brañas do Alto do Gaiteiro e parcelación catastral.

missing image file

ANEXO II

Instrumento de planificación: normas de xestión e de conservación do EPIN
Fragas e Brañas do Alto do Gaiteiro

ÍNDICE

Memoria

CAPÍTULO I. Disposicións xerais

Artigo 1. Ámbito de aplicación da planificación

Artigo 2. Finalidade do plan e principios inspiradores

Artigo 3. Documentación acreditativa da titularidade dos terreos

CAPÍTULO II. Valores naturais do espazo e factores de risco

Artigo 4. Descrición do medio físico

Artigo 5. Descrición socioeconómica da contorna

Artigo 6. Identificación dos valores naturais que hai que conservar e xustificación da proposta de declaración

Artigo 7. Identificación dos factores de risco que poidan afectar os valores naturais

Artigo 8. Ameazas sobre os insectos polinizadores e a súa conservación

Normativa e programación

CAPÍTULO III. Directrices para a xestión do espazo

Artigo 9. Directrices en relación cos recursos naturais

Artigo 10. Directrices reitoras dos distintos usos do EPIN

Artigo 11. Directrices para as actividades educativas

Artigo 12. Directrices de aproveitamento dos recursos

Artigo 13. Directrices de protección da paisaxe

CAPÍTULO IV. Os accesos e gravames sobre o espazo natural

Artigo 14. Accesos e gravames sobre o espazo natural

CAPÍTULO V. Normativa

Artigo 15. Prevalencia do plan

Artigo 16. A regulación dos usos e actividades no EPIN

Artigo 17. Limitacións xerais e específicas respecto dos usos e actividades para garantir a conservación da biodiversidade

Artigo 18. Infraccións

Artigo 19. Normativa urbanística aplicable ao solo do ámbito do EPIN

Artigo 20. Regulación dos usos do PXOM do concello de Mesía para o solo de núcleo rural

Artigo 22. A regulación de usos en solo rústico de protección forestal

Artigo 23. A regulación de usos en solo rústico de protección de augas

Artigo 24. A regulación de usos en solo rústico de protección de infraestruturas

Artigo 25. A regulación da protección dos recursos arquitectónicos

Artigo 26. A regulación da protección dos recursos arqueolóxicos

CAPÍTULO VI. Programación

Artigo 27. Obxectivos de conservación

Artigo 28. Medidas de conservación e recuperación

Artigo 29. Necesidades orzamentarias

CAPÍTULO VII. Vixencia e revisión

Artigo 30. Vixencia

Artigo 31. Revisión

CAPÍTULO VIII. Planos

Memoria

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Ámbito de aplicación da planificación

1. O ámbito de aplicación das normas de xestión e de conservación do EPIN Fragas e Brañas do Alto do Gaiteiro coincide en extensión e límites co ámbito territorial do EPIN declarado, que se localiza nas follas 070-II e 070-IV da cartografía 1:25.000 do Instituto Xeográfico Nacional (MTN25), cuadrículas UTM 10×10 km 29TNH57, 29TNH67 e 29TNH66. O EPIN non dispón de zona periférica de protección.

2. O ámbito territorial desta planificación está constituído por Fragas e Brañas do Alto do Gaiteiro, localizado nos polígonos 14 e 504 do concello de Mesía (A Coruña), parroquia de Xanceda, e formado polas parcelas coas seguintes referencias catastrais: 15048A014000180000LQ, 15048A014000240000LT, 048A014001970000LJ, 15048A014000260000LM, 15048A014000410000LS, 15048A014000480000LY, 15048A014001150000LQ, 15048A014001250000LK, 15048A014002050000LA, 15048A014002150000LT, 15048B504000920000SQ, 15048B504000930000SP, 002100700NH67A0000MG, 02100700NH67A0001QH, 15048A014002090000LQ, 15048A014002090001BW e 15048A014002080000LG.

3. Esta contorna de protección acada unha superficie de 74,5 ha e está disposta en dous enclaves separados entre si por leiras de terceiras persoas, alleas ao espazo declarado.

4. Os seus límites son os seguintes:

Norte: as parcelas 208, 18 e 197 fan límite cunha vía de servizo e coas parcelas 199 e 29 do polígono 14.

Sur: a parcela 007 linda co camiño de servizo para o propio predio e coas parcelas 53, 54, 55, 61, 60, 63, 64, 65, 66, 67, 68 e 112, e a parcela 48 linda cunha pista de servizo do polígono 14.

Leste: no polígono 14, as parcelas 24, 26 e 93 fan límite coas parcelas 27 e 25 e co camiño de servizo para este predio. Máis abaixo, as parcelas 209 e 48 limitan coa estrada de servizo que une Xanceda Vella coa Fraga. As parcelas 215, 205 e 125 lindan ao leste coa parcela 126 e cun camiño de servizo.

Oeste: coa estrada autonómica AC524 (base cartográfica PNOA2020-cedido por © Instituto Xeográfico Nacional-Xunta de Galicia).

Graficamente, a delimitación do ámbito e as parcelas catastrais que conforman o EPIN figuran nos planos anexos a esta planificación.

Artigo 2. Finalidade do plan e principios inspiradores

De conformidade co artigo 16 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, os recursos naturais e os espazos naturais que hai que protexer serán obxecto de planificación coa finalidade de adecuar a súa xestión aos principios inspiradores sinalados no artigo 2 da devandita lei e recollidos igualmente pola Lei 5/2019, do 2 de agosto. Neste senso, a programación de actuacións no EPIN considerará, polo menos:

a) O mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais e dos sistemas vitais básicos, apoiando os servizos dos ecosistemas para o benestar humano.

b) A conservación e a restauración da biodiversidade e da xeodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres. As medidas que se adopten para ese fin terán en conta as exixencias económicas, sociais e culturais, así como as particularidades rexionais e locais.

c) A utilización ordenada dos recursos para garantir o aproveitamento sustentable do patrimonio natural, en particular das especies e os ecosistemas, a súa conservación, restauración e mellora, e evitar a perda neta de biodiversidade.

d) A conservación e preservación da variedade, singularidade e beleza dos ecosistemas naturais, da diversidade xeolóxica e da paisaxe.

e) A integración dos requisitos da conservación, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade nas políticas sectoriais e, en particular, na toma de decisións no ámbito político, económico e social.

f) A prevalencia da protección ambiental sobre a ordenación territorial e urbanística.

g) A precaución nas intervencións que poidan afectar o patrimonio natural ou a biodiversidade.

h) A garantía da información á cidadanía e a súa formación e concienciación sobre a importancia do patrimonio natural e da biodiversidade, así como a súa participación no deseño e execución das políticas públicas dirixidas á consecución dos obxectivos establecidos por esta lei.

i) A mellora do coñecemento científico como base da conservación do patrimonio natural e da biodiversidade, en coordinación coas universidades e as demais institucións de investigación públicas ou privadas.

j) A prevención dos problemas derivados do cambio climático, a mitigación e adaptación a este, así como a loita contra os seus efectos adversos.

k) A contribución dos procesos de mellora na sustentabilidade do desenvolvemento asociados aos espazos naturais ou seminaturais.

l) A participación dos habitantes e das persoas propietarias ou titulares dun dereito de uso dos territorios incluídos no EPIN nas actividades coherentes coa conservación do patrimonio natural e da biodiversidade que se desenvolvan nos devanditos espazos e nos beneficios que deriven delas.

m) O mantemento e a adaptación das poboacións de todas as especies de aves que viven normalmente en estado salvaxe nun nivel que corresponda, en particular, ás exixencias ecolóxicas, científicas e culturais, tendo en conta as exixencias económicas e recreativas.

Artigo 3. Documentación acreditativa da titularidade dos terreos

A persoa promotora xuntou, e así consta no expediente, nota simple do Rexistro da Propiedade que acredita que Casa Grande de Xanceda, S.L. é a persoa xurídica que ten os dereitos de uso sobre os terreos que conforman o EPIN. Polo tanto, Casa Grande de Xanceda, S.L. ten capacidade para ser a promotora do ámbito declarado como responsable da súa xestión.

CAPÍTULO II

Valores naturais do espazo e factores de risco

Artigo 4. Descrición do medio físico

1. Medio abiótico.

a) Climatoloxía.

A Casa Grande de Xanceda está situada na parroquia de Xanceda (concello de Mesía), dentro da comarca de Ordes, no interior da provincia da Coruña. Sitúase na rexión climática atlántica, dentro do macroclima temperado típico, no bioclima semihiperoceánico e no dominio oceánico húmido en transición cara ao oceánico hiperhúmido (Pérez Alberti, 1982; Guitián e Ramil-Rego, 2007).

Segundo os datos achegados pola estación meteorolóxica de Olas (concello de Mesía) a temperatura media no ano 2010 (o último dispoñible) foi de 10.9 ºC e a precipitación total acumulada 1.767 mm (Xunta de Galicia, 2010).

b) Calidade do aire.

Na contorna da Casa Grande de Xanceda non hai grandes núcleos de poboación nin fábricas ou instalación industriais contaminantes, polo que a calidade do aire é potencialmente boa. A estrada comarcal AC-524, ben que marca o límite oeste da propiedade carece, a priori, dun tráfico o suficientemente denso como para que afecte a calidade do aire. Pola contra, esta estrada si que provoca un certo impacto sonoro e visual, parcialmente corrixido nas últimas décadas mediante a plantación de árbores a ambos os lados da vía. Existe o compromiso por parte do promotor de aumentar no futuro estas barreiras naturais, de maneira que se consiga o menor impacto acústico posible.

c) Hidroloxía.

Os cursos fluviais existentes na área da Casa Grande de Xanceda pertencen á parte alta da bacía do río Tambre. No sector norte, na denominada braña do Galo, nace un regato que, logo de percorrer en solitario arredor de 1,5 km, se une con outro regato que nace nas proximidades doutra braña, a do Mato, distante da anterior uns 1,4 km. O primeiro curso discorre en sentido noroeste-sueste, mentres que o segundo o fai en sentido norte-sur de maneira que ambos acaban uníndose no lugar da Fraga para formar o denominado rego de Xanceda.

Tras 3,1 km de percorrido, o rego de Xanceda únese ao rego do Molar e ambos conforman o rego do Gaiteiro. Tras 6,2 km en que se lle unen outros pequenos cursos, fundamentalmente o rego de Mostás e o rego do Muíño Vello, o rego do Gaiteiro acaba vertendo ao río Maruzo, o cal, tras 12,4 km, desemboca finalmente no río Tambre. Os últimos 400 m do rego do Gaiteiro e todo o río Maruzo, forman parte do Espazo protexido Rede Natura 2000_zona especial de conservación río Tambre (código ZEC ES1110016).

d) Xeoloxía.

A nivel xeolóxico, o EPIN sitúase nos xistos da serie de Ordes. Esta serie ten unha idade imprecisa (trátase dunha serie azoica) que oscila entre o precámbrico e o silúrico, e está constituída por xistos e xistos silíceos orixinados por unha sedimentación de tipo flysch afectada posteriormente por un grao baixo de metamorfismo. Litoloxicamente estamos ante metapelitas e metasamitas nunha alternancia rítmica de capas de espesor métrico a decimétrico, con sedimentación graduada. Son rochas de tons verdes a agrisados, caracterizadas por unha alta xistosidade.

e) Topografía.

O relevo e as formas xeolóxicas da zona comezaron a xerarse durante a Oroxenia herciniana. Unha vez rematada esta etapa, comezou a fase de erosión que aínda continúa. Polo xeral, os materiais da serie de Ordes forman morfoloxías suaves, con vales abertos de ladeiras suaves e pendentes medias inferiores ao 10 %; en concreto, na área incluída neste espazo protexido as pendentes varían entre o 6 e o 13 %.

A altitude oscila entre os 370 e os 428 m.s.n.m., situándose o alto máis destacado da zona (o alto dos Catro Cregos, con 439 m.s.n.m.) a tan só 200 m do límite norte da área considerada.

f) Edafoloxía.

Os solos son ácidos, constituídos por umbrisois ferrálicos e háplicos e por cambisois antri-ferrálicos/antri-dístricos e umbrisois antri-ferrálicos/ántricos, con inclusións de regosois antrópicos.

Os solos de Xanceda proceden da transformación mineralóxica dos xistos de gran fino que durante miles de anos, debido a procesos de alteración e edafoxénese e influenciados polo clima zonal, deron lugar ás paisaxes suaves con solos de alta produtividade. O seu aproveitamento é debido, fundamentalmente, a esa estabilidade xeomorfolóxica da roca nai que, unida á súa propia labilidade, permite explicar o elevado grao de meteorización alcanzado polo substrato xeolóxico propiciando texturas finas, equilibradas e de gran profundidade e nalgún abano aluvial de tipo torrencial, con hidromorfía alternante. Presenta un maior contido en arxilas caoliníticas con intrusións, sen que a zona presente rocha fresca en superficie, o que explica a enorme estabilidade destes solos.

En definitiva, boa desagregación, textura franca con intrusións de cuarzo que garanten unha adecuada drenaxe, boa composición mineralóxica e aproveitamento integral pola profundidade ben definida dos seus horizontes tipo ABC, pH lixeiramente ácido, boa porosidade textural, condicións que en conxunto son ideais para a produción de pastos e forraxes. Ademais, esa labilidade da roca nai que continua alterándose, permite un excelente comportamento fronte a labores agrícolas, con extraordinaria docilidade e ripabilidade cos distintos traballos e apeiros agrícolas.

2. Medio biótico.

a) O estudo do medio biótico baséase fundamentalmente na identificación de THIC recollidos na Directiva 92/43/CEE (Directiva hábitats), trasladados á Lei 42/2007, do 13 de decembro, e que poderían estar presentes na área de estudo.

b) Por outra banda, a catalogación das especies presentes completouse cos datos obtidos co inventario da biodiversidade encargado pola Casa Grande de Xanceda (anos 2016-17) ao Grupo Naturalista Hábitat, e mediante a consulta de fontes especializadas. O catálogo completo das especies detectadas para cada grupo estará á disposición da cidadanía, en formato editable, na páxina web do promotor do EPIN www.casagrandexanceda.com

A modo de resumo, identificáronse 145 especies de plantas vasculares espontáneas (non se consideraron as cultivadas), no que supón tan só unha mera aproximación ao catálogo florístico real da zona. Tamén se identificaron 92 especies de aves –dúas especies vulnerables segundo o Catálogo galego de especies ameazadas e unha recollida no anexo II da Directiva aves–, 26 de mamíferos, 13 de anfibios –sete especies vulnerables segundo o Catálogo galego de especies ameazadas e un no anexo II da Directiva hábitats e da Lei 42/2007, do 13 de decembro– e nove de réptiles –unha delas incluída no anexo II da Directiva hábitats–, 60 especies de invertebrados –dúas delas incluídas na Lista de especies en réxime de protección especial e no anexo II da Directiva hábitats e da Lei 42/2007, do 13 de decembro, como especies de interese comunitario para cuxa conservación é preciso designar zonas especiais de conservación– e 3 de peixes continentais.

c) Importancia dos insectos polinizadores.

i. Os insectos polinizadores brindan servizos importantes aos ecosistemas e son responsables do mantemento da biodiversidade e da función dos ecosistemas; non obstante, tamén son vulnerables ás alteracións antropoxénicas e ao manexo intensivo dos agrosistemas. As plantas son a base da cadea trófica e teñen un carácter esencial dentro dos ecosistemas, polo que a súa reprodución é vital para o correcto funcionamento e boa saúde dos espazos naturais. A polinización das plantas pódese levar a cabo mediante varios axentes pero, sen dúbida, o máis especializado é a zoogamia, é dicir, a polinización realizada por animais: insectos, aves, réptiles e mamíferos. Desta maneira, os chamados polinizadores son organismos clave para o funcionamento dos ecosistemas e tamén para a produción de moitos dos alimentos que consumimos, xa que a maioría das especies anxiospermas dependen deles para reproducírense.

ii. Ao redor do 70 % das plantas silvestres dependen dos polinizadores para reproducírense (Kearns et al., 1998; Ashman et al., 2004). Os insectos son os principais polinizadores das plantas, pois son pequenos, móbiles e moi numerosos. Na península ibérica e nos arquipélagos balear e canario, o número de anxiospermas é de case 7.000 especies e o número de polinizadores supera as 2.500 especies, e os máis abundantes son os himenópteros e o resto lepidópteros, dípteros e coleópteros.

Dado o importante papel que os polinizadores teñen nos ecosistemas, é moi probable que o declive actual que están a sufrir os insectos teña un efecto negativo sobre moitas outras especies que forman parte das comunidades naturais, a conservación dos solos, o control da erosión e a produción agrícola, entre outros. Estímase que dous terzos dos cultivos dependen ou se benefician dos polinizadores, polo que o servizo ecosistémico que ofrecen ten gran repercusión a nivel ambiental, económico e social.

iii. Dentro dos insectos polinizadores, a superfamilia Apoidea (abellas e abellóns) é a máis importante polo seu papel activo na reprodución das plantas, ao tratarse dos polinizadores máis eficientes e especializados. As abellas, do mesmo xeito que outros insectos polinizadores (outros himenópteros, lepidópteros, moscas e coleópteros), precisan na súa fase adulta dos produtos que ofrecen as plantas (pole e néctar) para a súa subsistencia, pero a diferenza destes, as larvas das abellas tamén os precisan para sobrevivir. Por este motivo, as abellas deben visitar un maior número de flores e desenvolveron adaptacións para ser máis eficientes e recoller a maior cantidade de pole posible, pois a supervivencia da súa descendencia depende diso, converténdoas así nos mellores polinizadores.

3. Medio cultural.

a) Arquitectónico: existen dous elementos singularizados polo seu valor arquitectónico por tratarse de construcións tradicionais representativas do medio rural que datan do século XVIII e por atopárense en bo estado de conservación. Trátase de dous elementos sometidos a un grao de protección integral, de nivel 1, o que implica que:

– Só se permitirán obras de conservación, restauración e consolidación.

– As obras de rehabilitación permitiranse sempre que non supoñan un risco de perda ou dano dos valores que motivaron a súa protección integral, preferentemente nos casos de actuacións necesarias para adecuar o edificio aos usos dotacionais de carácter público e, de forma excepcional, para o resto dos casos. Existe unha contorna de protección para os dous elementos en que existen as seguintes limitacións: as construcións que se realicen terán en conta a contorna de protección, procurando en todo caso un tratamento dos volumes e emprego de materiais adecuados, coa finalidade de poñer en valor o ben obxecto de protección. Os peches serán, en todo caso, de materiais tradicionais, permitíndose como excepción a colocación de peches rústicos constituídos por postes e arame. Calquera actuación suxeita a licenza localizada nun destes solos contará coa preceptiva autorización da comisión provincial de patrimonio.

– As normas municipais do PXOM, na epígrafe Arquitectura civil da sección Grupo arquitectónico, identifican os dous elementos como A Casa Grande de Xanceda (ficha AC-16) e o Hórreo da Casa Grande (ficha H-XA-08). A cartografía destes elementos está detallada na sección 4.3.3 da normativa urbanística do Concello de Mesía.

i) Grupo arquitectónico-arquitectura civil: A Casa Grande de Xanceda: o Catálogo autonómico sinala que «A casa na súa estrutura inicial posúe unha torre e unha pequena capela dedicada á Nosa Señora do Rosario, ambas as dúas edificacións foron derrubadas por interese económico da explotación gandeira. A casa pertenceu á dinastía do Marquesado de San Martirio de Ombreiro ata que foi vendida hai cinco xeracións, cando os donos foron para a corte da raíña Cristina. Durante moito tempo serviu de Casa do Concello da bisbarra de Xanceda, ata que hai 40 anos foi mercada polos actuais donos que continuaron e potenciaron a explotación agropecuaria». Así mesmo, faise constar que «(...) conserva unha pequena torre de planta cadrada a carón do edificio principal ademais dun desgastado escudo en que aparecen as armas dos Mosquera, Aguiar e Montenegro».

ii) Ben de interese cultural: grupo arquitectónico Hórreo da Casa Grande (código H-XA-08): un hórreo de máis de cen anos de antigüidade que ademais, por este motivo, está considerado como ben de interese cultural (BIC).

Tamén se establece un contorno de protección para os dous elementos catalogados que se encontra indicado no PXOM da seguinte forma:

missing image file

b) Arqueolóxico: o informe sectorial da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural confirmou que na contorna inmediato do EPIN existen dous elementos singularizados, as mámoas das Medorras núm. 1 e 2 (códigos GA15038059 e GA15038060), así como un elemento arqueolóxico de recente descubrimento que non se atopa aínda incorporado ao PXOM de Mesía: a mámoa da Casa Grande (código GA15047031).

Polo que respecta á incidencia destas mámoas nas actividades que se desenvolvan no EPIN, aténdense as directrices da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. A planificación deste espazo incorpora na cartografía as áreas de protección integral e da contorna de protección do patrimonio arqueolóxico e recolle, tamén, as normas de protección para os recursos arquitectónicos e arqueolóxicos:

Delimitación das áreas de protección integral e contorna de protección das mámoas

das Medorras e da Casa Grande

c) Paisaxe.

De conformidade co Catálogo das paisaxes de Galicia, aprobado polo Decreto 119/2016, do 28 de xullo, o EPIN encóntrase situado na comarca paisaxística Terra de Ordes, dentro da grande área paisaxística Galicia Central. Segundo o visor cartográfico do Catálogo, a Casa Grande de Xanceda consta como lugar de especial interese paisaxístico.

O informe sectorial do Instituto de Estudos do Territorio caracterizou a zona pola súa topografía suave, en que tradicionalmente o espazo se articulaba mediante mosaicos de prados e cultivos mesturados con bosquetes de caducifolias, regos con bosques aluviais nas súas beiras, sebes naturais nos lindes dos predios e numerosos camiños que comunicaban as aldeas e vivendas illadas coas diferentes áreas. De acordo co Catálogo das paisaxes de Galicia, as unidades paisaxísticas do EPIN son, fundamentalmente, o agrosistema extensivo e o agrosistema intensivo, tanto de superficie de cultivo como de mosaico agroforestal. As parcelas teñen a consideración de zona de visibilidade baixa e presentan uns valores paisaxísticos de uso caracterizados por ser unha zona agrícola, con espazos forestais de coníferas, eucaliptos e outras especies, e outros considerados como de alta capacidade produtiva agraria. Ademais, o Catálogo destaca a presenza da Casa Grande como un aspecto de valor cultural e patrimonial.

Artigo 5. Descrición socioeconómica da contorna

1. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE 2020) o municipio de Mesía conta cunha poboación de 2.497 habitantes, 1.236 homes e 1.261 mulleres, cunha media de 53,32 anos de idade.

O municipio enfróntase ao descenso de poboación como consecuencia dos fenómenos migratorios e dun descenso da natalidade. A análise da poboación por franxas de idade sería a seguinte:

Pirámide de idade en Mesía. Fonte IGE, 2018

No caso concreto da parroquia de Xanceda, con data do 1.1.2020, o número de habitantes era de 311 persoas, 149 homes e 162 mulleres.

O número de persoas afiliadas en alta laboral a xuño de 2021 é de 1.018, 561 homes e 457 mulleres (Seguridade Social, IGE 2021), onde predomina o peso do sector servizos (40 %) e da agricultura e pesca (30 %).

2. O PIB por habitante é de 26.407 euros (IGE 2018). Na actividade económica do municipio predomina o sector primario, subsector pecuario, o que influencia notablemente a paisaxe e o aproveitamento do solo:

a) O número de explotacións de gando bovino alcanza as 255, cun total de 12.980 cabezas de gando (IGE-CMR, 2020).

b) Por superficie, o total das explotacións é de 6.518 hectáreas e a superficie agrícola utilizada (SAU) é de 5.393 ha, cun 41 % destinado a pastos permanentes e un 4 % a barbeito e hortas familiares (Censo Agrario, INE 2009). O 78 % das terras están en réxime de propiedade e só un 17 % en arrendamento.

c) Existe unha importante industria cerámica na zona dedicada principalmente á fabricación de tella curva e ladrillo.

d) A actividade económica complétase cunha serie de pequenas e medianas empresas dedicadas á fabricación de mobles, estruturas metálicas, elaboración de pan e repostaría, derivados lácteos e outras pertencentes ao sector servizos.

3. Trátase dun espazo de aproveitamento eminentemente agropecuario e de produción e comercialización de produtos lácteos, con algún aproveitamento forestal e construcións de uso agrario e residencial de carácter secundario. Consultada a sede electrónica do Catastro, as parcelas que conforman o EPIN encóntranse destinadas, cunha intensidade produtiva de tipo 02, aos seguintes usos de cultivo: prados ou pradarías (62,93 %), piñeiral madeirable (33,47 %), carballeira (0,22 %) e labor ou labradío secaño (0,14 %).

Os usos actuais das parcelas son adecuados e congruentes co réxime establecido na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e o PXOM do concello de Mesía.

Artigo 6. Identificación dos valores naturais que hai que conservar e xustificación da proposta de declaración

1. Como se comentou no artigo 5 do capítulo I, Casa Grande de Xanceda, S.L. é unha empresa familiar dedicada á explotación de gando vacún para leite e á elaboración e comercialización de produtos lácteos en réxime de produción ecolóxica, certificada polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) desde o ano 2004. A explotación, de 180 ha, evita por completo en toda a súa superficie o uso de produtos químicos de síntese como fertilizantes, herbicidas e praguicidas prexudiciais para o ambiente, polo que a diversidade de insectos e polinizadores é considerable. As características inherentes á produción en ecolóxico, unidas ao feito de que conserva unha notable mostra de sebes multiespecíficas, brañas, fragas e vexetación ripícola, fan que este lugar manteña uns valores naturais que merecen ser preservados e potenciados; así, os enclaves de maior valor natural e singularidade da explotación foron seleccionados para formar parte do EPIN ata acadar as 74,5 ha.

2. Os hábitats de interese comunitario (THIC da Directiva hábitats 92/43/CEE e Lei 42/2007, do 13 de decembro) presentes no espazo, que o converten en meritorio da declaración como EPIN e que son, consecuentemente, obxectivos de conservación, son os seguintes:

a) O principal curso de auga nace na denominada braña do Galo e discorre uns 1.400 m polos terreos que ocupa a Casa Grande de Xanceda. Trátase do rego de Xanceda, afluente de cabeceira do río Maruzo, da bacía do río Tambre. Durante todo este percorrido amosa unha representación interesante e nun grao de conservación xeralmente bo, de bosque de ribeira que conforma o hábitat de interese comunitario prioritario THIC 91E0* bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae).

A extensión deste bosque é practicamente continua ao longo de todo o curso. Con todo, cara ás marxes, a súa anchura é variable; nalgunhas zonas queda restrinxido case exclusivamente á propia anchura do leito, mentres que noutros puntos, xeralmente coincidindo coa conexión con outros regatos máis pequenos, chega a ter unha extensión considerable.

Nestas zonas máis extensas aparece acompañado por un bo número de especies de leñosas e herbáceas propias deste hábitat como o bidueiro (Betula alba), sabugueiro (Sambucus nigra), sanguiño (Frangula alnus), abeleira (Corylus avellana), estripeiro (Crataegus monogyna), silva (Rubus sp.), senecio de folla longa (Senecio nemorensis) e Valeriana pyrenaica, así como por numerosos fieitos como Dryopteris affinis, D. dilatata, D. filix-mas, Athyrium filix-femina, Blechnum spicant, Polistichum setiferum e Osmunda regalis, principalmente.

b) Nos sectores onde o caudal do río se ensancha temos o THIC 3260 Ríos de pisos de planicie a montano con vexetación de Ranunculion fluitantis e de Callitricho-Batrachion. Por outra banda, nas marxes mellor conservadas aparece o THIC 6430 Megaforbios eutrofos higrófilos das orlas de chaira e dos pisos montano a alpino.

A nivel de fauna vertebrada, é un hábitat singularmente propicio para anfibios como ra patilonga (Rana iberica), ra de Santo Antón (Hyla molleri) e o tritón ibérico (Lissotriton boscai), así coma para aves forestais.

c) As carballeiras galaico-portuguesas de Quercus robur e Quercus pyrenaica, THIC 9230, están representadas por dúas unidades de gran valor natural e etnográfico. Unha delas é unha carballeira madura perfectamente conservada, moi vella, que mantén unha orla boscosa de acivros e cerquiños nas zonas máis periféricas. O sotobosque está condicionado polo pastoreo de cabras, ovellas e cabalos. Está formada por uns setenta carballos de gran porte.

A segunda unidade é unha carballeira de porte máis modesto, pero acompañada principalmente de cerquiño (Q. pyrenaica), acivro (Ilex aquifolium), castiñeiro (Castanea sativa) e loureiro (Laurus nobilis). A comunidade de herbáceas é moito máis numerosa con chuchamel (Lonicera peryclimenum), hedra femia (Hedera hibernica), arenaria do monte (Arenaria montana), anemone trifoliada (Anemone nemorosa) e a xibarda (Ruscus aculeatus), entre moitas outras. Xunto coas sebes, estas carballeiras son un hábitat moi apropiado para diversas especies de aves forestais e pequenos mamíferos.

d) Hai varios prados moi húmidos con zonas higroturbosas, denominadas brañas, en que atopamos o THIC 4020* Breixeiras húmidas atlánticas de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix. Trátase dunha comunidade dominada por matos baixos de ericáceas, principalmente Erica cinerea, E ciliaris, Calluna vulgaris e, puntualmente, E. tetralix con abundante toxo gateño Ulex minor e algunhas outras herbas como Potentilla erecta e Parentucellia viscosa. Nalgúns destes prados higroturbosos o hábitat 4020* atópase alterado polo que a determinación das comunidades vexetais no seu actual estado resulta complicada, ben que gardan un alto potencial para a recuperación da naturalidade. A nivel de vertebrados, son zonas moi interesantes para anfibios coma ra vermella (Rana temporaria) e para aves características destes medios húmidos como a becacina (Gallinago gallinago) ou arcea (Scolopax rusticola).

e) Nas zonas de menor uso aparece o THIC 6410 Prados con molinias sobre substratos calcarios, turbosos ou arxilo-limónicos (Molinion caeruleae), dominado pola gramínea Molinia caerulea e por xuncos como Juncus bulbosus e J. acutus.

f) No sector nordés do EPIN atópase unha zona húmida de peculiar interese. Neste punto probablemente se produce unha ruptura do freático superficial, o que, unido á nula pendente do terreo, acaba formando unha área permanentemente enchoupada, dentro da cal aparece unha charca de augas claramente estancadas, vexetada fundamentalmente por lentella de auga (Lemna minor) e espiga de auga (Potamogeton natans); esta charca aparece rodeada por vexetación típica de zonas húmidas interiores, principalmente por espadana (Typha latifolia), esparganios (Sparganium neglectum) e xunco (Juncus acutus e J. bulbosus). Todo o conxunto conforma o THIC 3110 Augas oligotróficas cun contido de minerais moi baixo das chairas areentas (Littorelletalia uniflorae).

O estado de conservación desta pequena zona húmida é deficiente, ao presentar unha canle de drenaxe de recente construción que ameaza con desecalo. De feito, na zona obsérvase tamén outra antiga canle que na actualidade aparece colmatada e vexetada por Typha latifolia; esta situación unida ao feito de que en cotas lixeiramente inferiores apareza unha xunqueira de Juncus sp. ben desenvolvida indica que a zona ten potencialidade para converterse nunha zona húmida moito maior.

g) Sebes multiespecíficas: formadas por varias especies de árbores principais e algunhas outras acompañantes. Orixinariamente a súa función foi a de delimitar os predios, ben que tamén xogan un papel crucial na conservación da biodiversidade dos agrosistemas, desenvolvendo unha importante función como reserva de biodiversidade pola súa diversidade florística, por servir de refuxio ás especies animais e pola súa importante función como corredor ecolóxico.

Na Casa Grande de Xanceda as especies dominantes son sobre todo o carballo (Quercus robur), o castiñeiro (Castanea sativa) e o loureiro (Laurus nobilis) que aparecen acompañados en maior ou menor medida por outras especies como o cerquiño (Quercus pyrenaica), o bidueiro (Betula alba), o loureiro real (Prunus laurocerasus), o acivro (Ilex aquifolium) e diversas herbáceas de escasa relevancia.

Por zonas, tamén aparecen numerosos exemplares dunha especie exótica, o carballo americano (Quercus rubra) e, nas sebes peor conservadas, de eucalipto (Eucalyptus globulus). Polas dimensións dalgúns dos carballos, algunhas destas sebes son claramente centenarias.

3. O compromiso do promotor coa conservación da biodiversidade, dos agrosistemas e, particularmente, coa conservación do medio natural e da paisaxe agraria, foi patente nos últimos anos non só co mantemento de sebes, brañas e arborado nos pastos, coa produción ecolóxica senón incluso co seguimento de especies de fauna ao longo do ano 2016 (G.N. Hábitat, 2017), coa plantación de pés de froitos vermellos de interese trófico para moitas especies animais ou coa colocación de caixas niño como refuxio para aves e quirópteros e divulgando estas iniciativas na súa web. O promotor desenvolve simultaneamente o seu modelo de negocio de forma sustentable e compatible coa conservación do medio natural.

4. A paisaxe do EPIN Fragas e Brañas do Alto do Gaiteiro mantén os hábitats naturais e unha ampla representación de sebes nos lindeiros nos predios que actúan como corredores ecolóxicos e refuxio de multitude de especies animais e vexetais, e conforman unha paisaxe en mosaico, así como pequenas zonas húmidas que conservan hábitats e especies de interese.

Finalmente, destaca o uso eficiente que se está a facer das áreas lindeiras cos cursos de auga respectando o medio acuático e mantendo a vexetación propia das ribeiras. Estas particulares características fan que na Casa Grande de Xanceda se manteñan, hoxe en día, certos hábitats naturais de interese prioritario que serán preservados e potenciados cunha xestión axeitada e coa implantación de medidas de conservación activas.

5. As especies fruxívoras vense particularmente beneficiadas pola agricultura ecolóxica. Diversos estudos [Godeda et al. (2018), Salaverri et al. (2019) e Sobral et al. (2019)] suxiren que a agricultura ecolóxica pode beneficiar as aves de campiña en paisaxes heteroxéneas, particularmente durante o inverno, probablemente debido ao incremento dos recursos tróficos dispoñibles, así como a importancia de producir en ecolóxico e de manter a heteroxeneidade do hábitat como medio para manter unha maior biodiversidade de aves e insectos.

O grupo das aves de interese especial é moi numeroso polo que só destacaremos as contidas no anexo I da Directiva aves: Caprimulgus europaeus, Ciconia ciconia, Falco peregrinus, Lanius collurio, Lullula arborea, Milvus migrans e Pernis apivorus. Entre as aves ameazadas as tartarañas Circus cyaneus e Circus pygargus son vulnerables. Os anfibios catalogados como vulnerables son Alytes obstetricans, Chioglossa lusitanica, Discoglossus galganoi, Hyla molleri, Lissotriton boscai, Rana iberica, Rana temporaria e Salamandra salamandra, por seren especies ameazadas. Entre os réptiles singularizados na Lista de especies en réxime de protección especial cítanse Anguis fragilis, Chalcides striatus, Coronella austriaca, Lacerta schreiberi e Natrix astreptophora. Por último, Pispistrellus pipistrellus e Plecotus austriacusou destacan entre os mamíferos ameazados.

Denominación

Código Rede Natura 2000

Extensión

Bosque aluvial

91E0*

2,1 km de leito

Megaforbios eutrofos higrófilos (asociado a bosque aluvial)

6430

1 ha

Ríos dos pisos de planicie a montano (asociado a bosque aluvial)

3260

100 m de leito

Carballeiras

9230

0,94 ha

Breixeiras húmidas atlánticas

4020*

2,3 ha

Prados con molinias (asociado a brañas e xunqueiras)

6410

1 ha

Augas oligotróficas

3110

0,01 ha

Hábitats de interese comunitario

Artigo 7. Identificación dos factores de risco que poidan afectar os valores naturais

1. Perda de biodiversidade.

O risco de perda de biodiversidade debido á contaminación podería ser inducida polo uso de praguicidas ou fertilizantes, pero é limitado e improbable no caso do EPIN, xa que o seu emprego na explotación agraria ecolóxica da Casa Grande de Xanceda non é habitual. O seu uso sería prexudicial para os polinizadores.

Por outra banda, debe considerarse que existe un risco de destrución ou degradación de hábitats, polo menos como unha posibilidade, por mor doutras actividades potenciais como o encalado ou a drenaxe de zonas higroturbosas en brañas (THIC 4020*), drenaxe de prados e zonas encharcadas (THIC 3110 e 6410) ou o ramalleo ou pastoreo excesivo sobre os bosque de ribeira, o que podería impedir a súa rexeneración (THIC 91E0*).

2. Degradación da paisaxe.

O mantemento da paisaxe actual en mosaicos de prados, cultivos e bosquetes separados por sebes multiespecíficas, favorece ao máximo a diversidade biolóxica existente na contorna e a heteroxeneidade do agrosistema, o que xoga un papel crucial na conservación da biodiversidade. O abandono rural da actividade agraria ecolóxica poría en risco esta diversidade estrutural, degradando a paisaxe e inducindo perda de biodiversidade.

Así mesmo, a posibilidade de que se declaren incendios forestais tamén pode incidir negativamente no mantemento desta paisaxe agraria.

3. Introdución de especies animais e vexetais.

A introdución de especies animais ou vexetais foráneas pode supoñer un desequilibrio nas poboacións autóctonas. A presenza de plantas invasoras suporía un cambio a curto prazo da composición floral e faunística do lugar afectado; a produción en ecolóxico da instalación protexe contra a liberación e/ou proliferación destas especies.

4. Caza e pesca.

Na actualidade non se desenvolven aproveitamentos cinexéticos nin piscícolas no ámbito do EPIN, sen prexuízo das posibles medidas de control de danos que poidan ser necesarias.

5. Usos recreativos excesivos.

No EPIN as visitas serán sempre guiadas e dirixidas por persoal especializado para evitar calquera molestia, interacción ou afección ao medio máis alá do aceptable, quedando sempre moi por debaixo da capacidade de carga do espazo.

6. Presión urbanística.

A conservación dos valores naturais parece garantida a medio e longo prazo na medida en que se manteña o modelo produtivo ecolóxico que desenvolve a Casa Grande de Xanceda, S.L. Por outra banda, o Concello de Mesía dispón dunha ordenación urbanística con un PXOM aprobado que prevé limitacións e regula a actividade urbanística.

7. Outros posibles riscos.

A Subdirección Xeral de Enerxía informou da existencia de solicitudes de implantación dun parque eólico e das infraestruturas asociadas (subestación e liñas de alta tensión aéreas) que poderían afectar o ámbito do EPIN.

Non entanto, as mencionadas solicitudes están aínda nunha fase temperá da súa tramitación polo que é pertinente que se adopten todas as medidas necesarias para evitar a afección ao EPIN, relocalizando as infraestruturas dos anteditos proxectos.

Artigo 8. Ameazas sobre os insectos polinizadores e a súa conservación

1. As principais causas do declive da abundancia e diversidade dos polinizadores son:

a) A degradación e a fragmentación dos hábitats: para conservar as especies de abellas e outros polinizadores é preciso conservar os hábitats en que viven e as plantas de que dependen. A conservación da biodiversidade dos polinizadores vai unida á da biodiversidade vexetal dos ecosistemas.

b) Mortalidade directa ou indirecta: aos insectos polinizadores aféctanlles os praguicidas, especialmente os neonicotinoides, os funxicidas e os herbicidas. Algúns produtos químicos empregados para o control de pragas ocasionan mortalidade directa e teñen efectos subletais sobre os insectos polinizadores. Outras veces vense afectados de xeito indirecto polo uso indiscriminado destes praguicidas. O uso de herbicidas para o mantemento dos cultivos libres de plantas ruderais ocasiona que polinizadores como as abellas non teñan dispoñibles suficientes recursos alimenticios (néctar e pole), contribuíndo indirectamente na redución das poboacións de abellas e doutros polinizadores silvestres. Esta diminución pode, pola súa vez, repercutir negativamente na produción agrícola.

c) A intensificación agrícola é outro factor que inflúe negativamente nos polinizadores. Esta intensificación da agricultura levou a incrementar o tamaño das parcelas e a eliminar os bordos que proporcionaban recursos florais e lugares de nidificación para insectos polinizadores.

d) A presenza da avespa asiática (Vespa velutina) é un factor que ameaza a supervivencia das poboacións de abellas e, polo tanto, do conxunto da biodiversidade.

Normativa e programación

CAPÍTULO III

Directrices para a xestión do espazo

Artigo 9. Directrices en relación cos recursos naturais

1. Os recursos naturais dentro do espazo protexido serán xestionados coa intervención necesaria para manter non só a estrutura senón tamén as súas funcións, os procesos naturais e a conectividade entre lugares. A conservación activa orientarase a asegurar a evolución natural dos hábitats de interese dentro do espazo e daquelas especies asociadas por medio dun aproveitamento dos recursos sustentables no tempo.

2. Tomaranse medidas para conservar a biodiversidade existente, tratando de recuperar a presenza de especies desaparecidas en tempos restaurando as condicións de habitabilidade dos hábitats que ocupaban.

3. Segundo o Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas:

a) A zona de servidume e a zona de policía do río teranse en conta á hora de planificar calquera actuación no espazo, de acordo coa Lei de augas e co Regulamento do dominio público hidráulico.

b) Calquera actuación nas marxes, ribeiras e leito do río, así como calquera tipo de vertedura, requirirá a autorización da Administración hidráulica.

4. Considérase do máximo interese acadar unha recuperación satisfactoria do estado de conservación dos distintos leitos fluviais, co propósito de que estes sirvan de corredores biolóxicos que conecten ecoloxicamente o Alto do Gaiteiro co resto da bacía do Tambre (ZEC ES1110016). Isto permitirá mellorar a coherencia ecolóxica e a conectividade da Rede Natura 2000 e fomentará a conservación de corredores ecolóxicos, así como a xestión daqueles elementos da paisaxe que resultan esenciais para a migración, a distribución xeográfica e o intercambio xenético entre poboacións de especies de fauna e flora silvestres, mellorando a resiliencia fronte aos impactos futuros do cambio climático (artigo 47 da Lei 42/2007, do 13 de decembro).

5. No ámbito da xestión forestal, tomaranse como referencia, no caso de resultaren aplicables, os modelos silvícolas elaborados pola Xunta de Galicia, aprobados pola Orde da Consellería do Medio Rural, do 19 de maio de 2014, ou norma que a substitúa, e promoverase una xestión forestal sustentable e ordenada.

Artigo 10. Directrices reitoras dos distintos usos do EPIN

1. Dado o marcado interese paisaxístico e biolóxico da contorna agraria que conforma o EPIN, as actividades previstas orientaranse ao desenvolvemento do modelo de aproveitamento gandeiro, produtivo e fabril sustentable de Casa Grande de Xanceda, que implica o mantemento das súas actividades agrícolas ecolóxicas e a transformación en produtos derivados de forma compatible co medio rural e sen que en ningún caso supoñan afeccións significativas aos valores ambientais do EPIN proposto. Ao contrario, as ditas actividades tratarán de poñer en valor os atributos do espazo natural, favorecendo a súa xestión e conservación.

2. A explotación gandeira, que iniciou a súa actividade a finais dos anos 60, xa producía de maneira ecolóxica antes de que existise tal recoñecemento. En 2004 certificouse oficialmente a gandaría como ecolóxica; foi unha das primeiras gandarías lácteas en ter esta certificación e, na actualidade, é o segundo maior produtor ecolóxico de España. Manteranse rigorosamente as prácticas que implican a certificación ecolóxica, xa que esta forma de producir favorece a conservación da biodiversidade. Neste senso:

a) As vacas non comen ningún tipo de alimento que fose tratado con herbicidas ou praguicidas, nin aditivos. Polo tanto, nos prados destinados ao pastoreo das vacas e á colleita da súa alimentación, os produtos químicos están prohibidos, incluídos os fertilizantes químicos. Utilízase unicamente o compost xerado polas propias vacas para fertilizar os prados.

b) As vacas viven ao aire libre e aliméntanse sobre todo co pastoreo.

c) Por cada dúas vacas é necesario ter un mínimo dunha hectárea de prado, co que a carga gandeira e a intensidade do pastoreo é baixa.

d) Non se forza a produción das vacas artificialmente, nin con hormonas nin con potenciadores artificiais. Ademais, o tratamento con antibióticos das vacas está prohibido; isto evita o traslado ao ambiente destes compostos a través de feces e ouriños.

e) A transformación de produtos lácteos realízase en instalacións que dispoñen de maquinaria de última xeración, promovendo o uso eficiente da enerxía e da auga.

Artigo 11. Directrices para as actividades educativas

1. O promotor manterá as actividades de educación ambiental e concienciación, que xa viña desenvolvendo, orientadas ao público en xeral, pero con forte implantación na comunidade escolar. A experiencia previa demostrou que Casa Grande de Xanceda desenvolve estas actividades de xeito compatible coa conservación do medio e as visitas son sempre guiadas. En consecuencia, manteranse as actuacións de educación ambiental e divulgación e traballarase na continua retroalimentación, na mellora de contidos e na ampliación das instalacións para a súa realización, incorporando as novas compoñentes ambientais aos contidos didácticos. En síntese, e sen prexuízo da futura ampliación de contidos ambientais e culturais, as visitas consistirán en:

a) Visita á sala de muxidura: poderase ver a sala de muxidura en funcionamento e coñecer moi de cerca as vacas que logo irán pasar o día aos prados (fíxanse as visitas en horario de tarde para poder visitar a sala de muxidura en funcionamento).

b) Visita ás cortes das vacas e á mini corte.

c) Explicación sobre o obradoiro de elaboración de iogur, a cava de maduración de queixos ou outras instalacións similares.

d) Visita ás vacas nos prados, á eco horta e ao eco zoo.

e) Visita ás colmeas, nas que as 40.000 abellas da Casa Grande de Xanceda traballan en beneficio do ambiente, permitindo a produción de moitos dos alimentos.

f) Visita á Casa Grande de Xanceda, unha casa do século XVIII.

g) En primavera e verán, despois da visita e se o tempo o permite, os nenos e nenas poderán xogar no parque de pacas e de tractores.

h) Visita para o coñecemento científico do medio: divulgación sobre as especies, hábitats e procesos máis característicos do espazo protexido.

Artigo 12. Directrices de aproveitamento dos recursos

1. Na actualidade un 8 % do EPIN está dedicado ao cultivo de millo forraxeiro para o alimento do gando. Estes terreos, polas propias características do cultivo en si, posúen un interese baixo desde o punto de vista de conservación dos valores naturais.

Outro 72 % do espazo protexido son prados dedicados ao pastoreo das vacas e á produción de herba seca e silo. Estes prados, en función do tipo de manexo que se faga deles (intensidade do pastoreo, frecuencia e época das segas, etc.), teñen un interese variable desde o punto de vista da conservación pero, en xeral, pódese considerar como axeitado. Con todo, hai que destacar que é nestes ambientes onde se sitúan as pequenas zonas húmidas de que se falou anteriormente, polo que o interese de certos pasteiros para a conservación dos valores naturais é realmente moi alto.

Un 5 % da superficie está ocupada por instalacións de diversa índole da propia granxa e por instalacións das actividades de produción e comercialización de produtos lácteos (cortellos, almacéns, obradoiro de iogur, queixaría, oficinas, casas residenciais, etc.) e, finalmente, o 15 % restante é o que, xunto coas zonas húmidas situadas nas parcelas dedicadas a pastos, posúe un valor natural máis importante ao estar ocupados por bosque de ribeira asociado aos distintos cursos fluviais, pequenas masas de arboredo caducifolio e sebes.

2. Os usos e aproveitamentos mencionados son tradicionais e foron realizados historicamente polas comunidades da contorna para a consecución de bens materiais e mantéñense no transcurso do tempo. O seu manexo permite lograr a compatibilidade coa protección dos valores do espazo, co uso público e, en todo caso, garanten o uso sustentable dos recursos naturais afectados.

3. No ámbito da xestión forestal, tomaranse como referencia, no caso de resultaren aplicables, os modelos silvícolas elaborados pola Xunta de Galicia e aprobados pola Orde da Consellería do Medio Rural, do 19 de maio de 2014, ou norma que a substitúa, e promoverase una xestión forestal sustentable e ordenada.

Artigo 13. Directrices de protección da paisaxe

1. Co obxecto de preservar e fomentar os valores paisaxísticos do EPIN, as futuras actuacións que poidan chegar a acometerse na súa superficie deberán procurar a integración paisaxística. Neste senso, tomaranse como referencia as directrices de paisaxe aprobadas polo Decreto 238/2020, do 29 de decembro, así como as guías metodolóxicas e de boas prácticas elaboradas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (ou órgano que a substitúa na asunción das competencias en materia de paisaxe), e principalmente as seguintes:

a) Guía de cor e materiais que ten por finalidade o establecemento de directrices técnicas, científicas e obxectivas para a regulación do emprego da cor e os materiais dos revestimentos arquitectónicos nas paisaxes, fomentando a integración paisaxística e a mellora dos espazos públicos.

b) Guía de caracterización e integración paisaxística dos valados que inclúe un estudo pormenorizado dos valados das cincuenta comarcas paisaxísticas de Galicia e concreta uns criterios de calidade para mellorar a paisaxe galega, especialmente no ámbito rural.

CAPÍTULO IV

Os accesos e gravames sobre o espazo natural

Artigo 14. Accesos e gravames sobre o espazo natural

1. O concello de Mesía atópase atravesado pola estrada comarcal AC-524 –pertencente á rede primaria básica autonómica– que une o municipio coa capital comarcal, e pola AC-223 (As Travesas-Xanceda) –pertencente á rede secundaria autonómica– que atravesa gran parte do termo municipal pola súa zona centro. O acceso ás parcelas realízase a través da vía AC-524, que enlaza ao oeste coa autoestrada do Atlántico e a estrada N-550; ao leste coa N-634 e coa AC-223, dentro dos límites do termo municipal de Mesía.

2. Cargas rexistradas: consta no expediente o contrato de arrendamento de predio rústico a favor da Casa Grande de Xanceda, S.L., promotor e xestor do EPIN, de xaneiro do 2019 e actualizado en agosto dese mesmo ano.

3. Os derivados do Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas. Segundo a dita normativa, o rego de Xanceda está afectado por unha zona de servidume de 5 metros de anchura para uso público que se regulamentará e por unha zona de policía de 100 metros de anchura na cal se condicionarán o uso do solo e as actividades que se desenvolvan. Polo tanto, a zona obxecto de declaración contén terreos clasificados como dominio público hidráulico e o organismo responsable da xestión do dominio é a entidade Augas de Galicia; a declaración do EPIN non implica a cesión deste dominio público nin a súa utilización significa a cesión das facultades demaniais da Xunta de Galicia.

4. A servidume de estradas será de aplicación ás parcelas afectadas pola estrada convencional AC-524 que discorre polo límite das parcelas situadas na zona sur do EPIN. Deste modo, parte da superficie do EPIN atópase afectado pola zona de protección do dominio público viario, de conformidade coa Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, e a realización de obras e actividades nestas zonas deberá ter en conta a normativa sectorial aplicable, particularmente no relativo á presentación da correspondente declaración responsable ou á obtención da autorización oportuna da Administración autonómica, sen prexuízo doutras competencias concorrentes.

A zona de servidume está constituída por dúas franxas de terreo a ambos os lados da estrada, delimitadas exteriormente por dúas liñas paralelas ás arestas exteriores da explanación a unha distancia de 8 metros. Na referida zona de servidume só se permitirán os usos compatibles coa seguridade viaria e a adecuada explotación da vía.

5. Estes condicionantes, asociados ás cargas e gravames existentes, son compatibles cos fins e obxectivos que se perseguen coa declaración do EPIN.

CAPÍTULO V

Normativa

Artigo 15. Prevalencia do plan

Coa finalidade de adecuar a xestión aos principios inspiradores sinalados no artigo 2 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, recollidos igualmente polo artigo 2.f) da Lei 5/2019, do 2 de agosto, aplícase o principio de prevalencia da protección ambiental sobre a ordenación territorial e urbanística.

Artigo 16. A regulación dos usos e actividades no EPIN

1. Os usos e actividades que se desenvolverán no EPIN clasifícanse de acordo coas categorías establecidas polo artigo 68 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, e estableceranse usos permitidos, autorizables e prohibidos, en función da incidencia sobre os valores naturais que motivaron a declaración do espazo.

2. Usos permitidos: son aqueles que resulten compatibles cos obxectivos da declaración do espazo natural protexido e poderanse desenvolver sen limitacións especiais. Consideraranse usos e actividades permitidos aqueles de carácter tradicional que sexan compatibles coa protección do espazo natural por non causaren unha afección apreciable. Os usos e as actividades permitidos non requirirán unha autorización específica da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, sen prexuízo de calquera outro título habilitante que resulte exixible.

3. Usos autorizables: son aqueles sometidos a un réxime de intervención administrativa co fin de evitar posibles efectos apreciables á conservación dos valores relevantes deste. Os usos autorizables requirirán:

a) A autorización expresa da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural.

b) O informe preceptivo e vinculante da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural en calquera procedemento de autorización sectorial que figure como sometido a un informe preceptivo na súa propia normativa sectorial. Este informe determinará a existencia ou non dunha afección apreciable sobre os valores naturais que xustificaron a declaración do espazo protexido.

4. Usos prohibidos: considérase uso prohibido aquel que sexa susceptible de causar prexuízo á integridade do EPIN ou unha afección apreciable no estado de conservación dos compoñentes clave para a biodiversidade (hábitats e especies protexidos) e, por conseguinte, é contrario aos obxectivos de conservación do EPIN.

Artigo 17. Limitacións xerais e específicas respecto dos usos e actividades para garantir a conservación da biodiversidade

1. Usos permitidos:

a) Son aqueles que resulten compatibles cos obxectivos da declaración do espazo natural protexido e poderanse desenvolver sen limitacións especiais. Consideraranse usos e actividades permitidos aqueles de carácter tradicional que sexan compatibles coa protección do espazo natural por non causaren unha afección apreciable.

b) As actividades científicas, escolares e divulgativas.

2. Usos autorizables:

Os seguintes usos autorizables pola Comunidade Autónoma requirirán do informe preceptivo e vinculante do órgano autonómico competente en materia de conservación do patrimonio natural:

a) As instalacións para os servizos técnicos de telecomunicacións, a infraestrutura hidráulica e as redes de transporte, distribución e evacuación de enerxía eléctrica, gas, abastecemento de auga e saneamento.

b) Infraestruturas de abastecemento, tratamento, saneamento e depuración de augas, de xestión e tratamento de residuos, así como as instalacións de xeración de enerxía ou infraestruturas asociadas e outros que poidan establecerse sempre que non leven á transformación da natureza rústica do EPIN e quede garantida a integridade dos valores obxecto de protección.

c) Construcións e rehabilitacións destinadas ao turismo ou á actividade divulgativa e de educación ambiental no medio rural que sexan potenciadoras do medio onde se localicen.

d) Inclúese tamén na categoría de uso autorizable calquera plan, programa ou proxecto que requira avaliación das súas repercusións.

3. Usos prohibidos:

a) Con carácter xeral, queda prohibida a destrución ou deterioración significativa das formacións vexetais conformadas por especies silvestres que caracterizan os tipos de hábitats de interese comunitario.

b) A perturbación, persecución, molestia, dano, captura, morte, recollida ou recolección das especies animais e vexetais silvestres, especialmente as autóctonas, tanto dos exemplares ou fracción destes como dos seus propágulos, crías, ovos, restos ou residuos da súa actividade.

c) O uso de megafonía, ruídos ou calquera aparello de reprodución de son que resulten molestos e poidan alterar a tranquilidade das especies ou do lugar.

d) En particular, serán de aplicación as prohibicións establecidas no artigo 80 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, e nos artigos 121, 122 e 123 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, que terán o carácter de infracción administrativa.

e) A entrada de animais domésticos de compañía soltos polo risco de provocar danos ou molestias á fauna ou ben a deterioración dos hábitats. Quedan exceptuados desta prohibición os cans guía, de servizos de emerxencias e os propios da explotación agraria.

f) As actividades comerciais ambulantes.

g) As construcións destinadas ás actividades extractivas, incluídas as explotacións mineiras, as canteiras e a extracción de agregados e terras, así como os seus establecementos de beneficio e actividades complementarias de primeira transformación, almacenamento e envasado de produtos do sector primario da minaría, canteira e a extracción de agregados.

h) A construción no contorno fluvial ou de ribeira de instalacións destinadas a establecementos de acuicultura, implantación de aparcadoiros abertos ao uso público ou implantación de paseos ou fluviais.

i) As instalacións de subministración de carburante.

j) O depósito de materiais, almacenamento e parques de maquinaria e estacionamento ou exposición de vehículos ao aire libre, sen relación coas actividades gandeiras, produtivas e de comercialización habituais de Casa Grande de Xanceda.

Artigo 18. Infraccións

1. As accións que alteren as condicións do espazo natural ou os produtos propios del terán a consideración de infracción.

2. O réxime para sancionar aquelas infraccións que poidan cometerse no espazo natural será, con carácter xeral, o establecido no capítulo II do título IV da Lei 5/2019, do 2 de agosto. Para o non disposto nesa lei, observarase suplementariamente o disposto no artigo 80 da Lei 42/2007, do 13 de decembro.

Artigo 19. Normativa urbanística aplicable ao solo do ámbito do EPIN

1. No que se refire á ordenación urbanística, os predios que conforman o EPIN encóntranse suxeitos ás disposicións do PXOM do concello de Mesía, aprobado o día 26.12.2012 e publicado no DOG do 10.1.2013 e no BOP do 17.1.2013.

2. Trátase dun plan adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, polo que, de conformidade coa disposición transitoria primeira da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, o PXOM conservará á súa vixencia ata a súa revisión ou adaptación, conforme as seguintes regras:

a) Ao solo de núcleo rural e ás súas áreas de expansión aplicaráselles integramente o disposto no planeamento respectivo, salvo no que se refire ás edificacións tradicionais existentes, ás cales lles será de aplicación o previsto no artigo 40 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

b) Ao solo rústico aplicaráselle o disposto Lei 2/2016, do 10 de febreiro, para o solo rústico, mantendo, en todo caso, a vixencia das categorías de solo previstas no planeamento respectivo.

3. Ao ámbito do EPIN correspóndelle o réxime aplicable ao solo de núcleo rural (SNR), solo rústico de protección agropecuaria (SRPAG), solo rústico de protección forestal (SRPFO), solo rústico de protección de augas (SRPAU), así como solo rústico de protección de infraestruturas (SRPIN), tal e como se aprecia no plano de Clasificación xeral do solo e sistemas xenerais dos sectores C-16 e C-19 do PXOM de Mesía (anexo V). Polo tanto, serán de aplicación ao solo rústico do EPIN as condicións de usos e actividades dos artigos 35 e seguintes da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

Atendendo á división parcelaria, a cualificación urbanística das parcelas catastrais é a que segue:

Referencia catastral

Clasificación PXOM e outros

15048A014000180000LQ

SRPAG e SRPAU_Zona de policía

15048A014000240000LT

SRPFO

048A014001970000LJ

SRPFO_Zona de policía

15048A014000260000LM

SRPAG

15048A014000410000LS

SRPAG, SRPIN, SRPAU_Zona de policía

15048A014000480000LY

SRPAU_Zona de policía

15048A014001150000LQ

SRPAG, SRPIN, SRPAU_Zona de policía

15048A014001250000LK

SRPAG_Zona de policía

15048A014002050000LA

SRPAG, SRPAU_Zona de policía

15048A014002150000LT

SRPAG_Zona de policía

15048B504000920000SQ

SRPAG, SRPAU_Zona de policía

15048B504000930000SP

SRPAG_Zona de policía

002100700NH67A0000MG e 02100700NH67A0001QH

SNR, SRPAG, SRPIN, SRPAU_Zona de policía_Contorna de protección de elemento arquitectónico

15048A014002090000LQ e 15048A014002090001BW

SNR, SRPAG, SRPIN, SRPAU_Zona de policía_Contorna de protección de elemento arquitectónico

15048A014002080000LG

SRPAG, SRPIN_Área de cautela de elemento arqueolóxico

4. A partir da declaración o EPIN, este queda afectado pola lexislación ambiental e sectorial de aplicación. Os terreos do EPIN tipificados como solo rústico adquirirán ademais a categoría de solo rústico de protección de espazos naturais (SRPEN), en aplicación do artigo 34.2.f) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro. Queda exceptuado desta modificación o solo tipificado como núcleo rural (SNR), que manterá a súa cualificación.

5. Os usos e aproveitamentos mencionados e as actividades agrarias desenvolvidas conforme as pautas da produción ecolóxica resultan congruentes cos réximes de solo rústico que lle corresponden ao ámbito tras a declaración.

6. Establécese un prazo de 24 meses para que o Concello de Mesía inicie o procedemento de revisión do PXOM, aprobado o 26.12.2012, co fin de introducir e aprobar as modificacións necesaria para adaptar os aspectos incompatibles con esta planificación. En particular, deberase recoller a aplicación do réxime de solo rústico de protección de espazos naturais para todo o ámbito tipificado como solo rústico, así como os usos admisibles asociados a este tipo de solo.

Artigo 20. Regulación dos usos do PXOM do concello de Mesía para o solo de núcleo rural

Ao solo de núcleo rural seralle de aplicación a regulación de usos e disposicións contidas no título IX do PXOM do concello de Mesía sobre usos permitidos, autorizables e prohibidos en núcleo rural.

Artigo 21. A regulación dos usos en solo rústico de protección agropecuaria.

1. Ao solo rústico de protección agropecuaria do EPIN seranlle de aplicación as disposicións do título XI do PXOM do concello de Mesía, salvo contradición coas disposicións deste plan.

2. Son usos permitidos por licenza municipal:

a) Actividades e usos non construtivos:

i. Accións sobre o solo ou subsolo que impliquen movementos de terra, tales como dragaxes, defensa de ríos e rectificación de leitos, socalcos, desmontes, recheos e outras análogas.

ii. Actividades de lecer, tales como práctica de deportes organizados, acampada dun día.

iii. Actividades científicas, escolares e divulgativas.

b) Actividades e usos construtivos:

i. Construcións e instalacións agrícolas en xeral, tales como as destinadas ao apoio das explotacións hortícolas, almacéns agrícolas, talleres, garaxes, parques de maquinaria agrícola, viveiros e invernadoiros, ou outras análogas.

ii. Construcións e instalacións destinadas ao apoio da gandaría extensiva e intensiva, granxas, currais domésticos e establecementos en que se aloxen, manteñan ou críen animais, e instalacións apícolas.

iii. Construcións e instalacións forestais destinadas á xestión forestal e as de apoio á explotación forestal, así como as de defensa forestal, talleres, garaxes e parques de maquinaria forestal.

iv. Instalacións vencelladas funcionalmente ás estradas e previstas na ordenación sectorial.

v. Muros de contención, así como cerramentos ou valados de predios.

3. Son usos autorizables pola Comunidade Autónoma:

a) Actividades e usos construtivos:

i. Construcións destinadas a usos residenciais vinculados á explotación agrícola ou gandeira.

ii. Construcións de natureza artesanal ou de reducida dimensión que alberguen actividades complementarias de primeira transformación, almacenamento e envasado de produtos do sector primario, sempre que garden relación directa coa natureza, extensión e destino do predio ou explotación do recurso natural.

iii. Instalacións e actividades de carácter deportivo, sociocultural, recreativo e de baño, que se desenvolvan ao aire libre, coas obras e instalacións imprescindibles para o uso de que se trate.

4. Son usos prohibidos:

a) Todos os demais, especialmente os de carácter residencial e industrial. Prohíbese expresamente a nova plantación de especies arbóreas que constitúan masa forestal, salvo aquelas encamiñadas á recuperación dos hábitats de interese comunitario (THIC 91E0* e THIC 9230) ou á recuperación e mantemento das sebes multiespecíficas.

Artigo 22. A regulación de usos en solo rústico de protección forestal

1. Ao solo rústico de protección forestal do EPIN seranlle de aplicación as disposicións do título XI do PXOM do concello de Mesía, salvo contradición coas disposicións deste plan.

2. Usos permitidos por licenza municipal:

a) Actividades e usos non construtivos:

i. Accións sobre o solo ou subsolo que impliquen movementos de terra, tales como dragaxes, defensa de ríos e rectificación de leitos, socalcos, desmontes, recheos e outras análogas.

ii. Actividades de lecer, tales como práctica de deportes organizados, acampada dun día e actividades comerciais ambulantes.

Iii. Actividades científicas, escolares e divulgativas.

b) Actividades e usos construtivos:

i. Construcións e instalacións agrícolas en xeral, tales como as destinadas ao apoio das explotacións hortícolas, almacéns agrícolas, talleres, garaxes, parques de maquinaria agrícola, viveiros e invernadoiros, ou outras análogas.

ii. Construcións e instalacións destinadas ao apoio da gandaría extensiva e intensiva, granxas, currais domésticos e establecementos en que se aloxen, manteñan ou críen animais, e instalacións apícolas.

iii. Construcións e instalacións forestais destinadas á xestión forestal e as de apoio á explotación forestal, así como as de defensa forestal, obradoiros, garaxes e parques de maquinaria forestal.

iv. Instalacións vinculadas funcionalmente ás estradas e previstas na ordenación sectorial destas.

v. Muros de contención, así como cerramentos ou valados de predios.

3. Usos autorizables pola Comunidade Autónoma:

a) Actividades e usos non construtivos:

i. Depósito de materiais, almacenamento e parques de maquinaria e estacionamento ou exposición de vehículos ao aire libre.

b) Actividades e usos construtivos:

i. Construcións e rehabilitacións destinadas ao turismo no medio rural e que sexan potenciadoras do medio onde se localicen.

ii. Construcións destinadas a usos residenciais vinculados á explotación agrícola ou gandeira.

iii. Instalacións e actividades de carácter deportivo, sociocultural, recreativo e de baño, que se desenvolvan ao aire libre, coas obras e instalacións imprescindibles para o uso de que se trate.

4. Son usos prohibidos:

Todos os demais, especialmente os residenciais e industriais.

Artigo 23. A regulación de usos en solo rústico de protección de augas

1. Ao solo rústico de protección de augas do EPIN seranlle de aplicación as disposicións do título XI do PXOM do concello de Mesía, salvo contradición coas disposicións deste plan.

2. Usos permitidos por licenza municipal:

a) Actividades e usos non construtivos:

i. Accións sobre o solo ou subsolo que impliquen movementos de terra, tales como dragaxes, defensa de ríos e rectificación de leitos, socalcos, desmontes, recheos e outras análogas.

ii. Actividades de lecer, tales como práctica de deportes organizados, acampada dun día e actividades comerciais ambulantes.

iii. Actividades científicas, escolares e divulgativas.

b) Actividades e usos construtivos:

i. Muros de contención, así como cerramentos ou valados de predios.

3. Usos autorizables pola Comunidade Autónoma:

a) Actividades e usos construtivos:

i. Construcións e rehabilitacións destinadas ao turismo no medio rural e que sexan potenciadoras do medio onde se localicen.

ii. Instalacións e actividades de carácter deportivo, sociocultural, recreativo e de baño, que se desenvolvan ao aire libre, coas obras e instalacións imprescindibles para o uso de que se trate.

4. Usos prohibidos:

Todos os demais, especialmente os residenciais e industriais.

Prohíbese expresamente a nova plantación de especies do xénero Eucalyptus, así como as coníferas. As especies restantes gardarán as distancias descritas na vixente lexislación en materia de plantacións e prevención de incendios forestais.

Artigo 24. Regulación de usos en solo rústico de protección de infraestruturas

1. Ao solo rústico de protección de infraestruturas do EPIN seranlle de aplicación as disposicións do título XI do PXOM do concello de Mesía, salvo contradición coas disposicións deste plan.

2. Usos permitidos por licenza municipal:

a) Actividades non construtivas:

i. Accións sobre o solo ou subsolo que impliquen movementos de terra, tales como dragaxes, defensa de ríos e rectificación de leitos, socalcos, desmontes, recheos e outras análogas.

ii. Actividades de lecer, tales como práctica de deportes organizados, acampada dun día e actividades comerciais ambulantes.

iii. Actividades científicas, escolares e divulgativas.

b) Actividades e usos construtivos:

i. Construcións e instalacións agrícolas en xeral, tales como as destinadas ao apoio das explotacións hortícolas, almacéns agrícolas, talleres, garaxes, parques de maquinaria agrícola, viveiros e invernadoiros, ou outras análogas.

ii. Construcións e instalacións destinadas ao apoio da gandaría extensiva e intensiva, granxas, currais domésticos e establecementos en que se aloxen, manteñan ou críen animais, e instalacións apícolas.

iii. Construcións e instalacións forestais destinadas á xestión forestal e as de apoio á explotación forestal, así como as de defensa forestal, talleres, garaxes e parques de maquinaria forestal.

iv. Instalacións vinculadas funcionalmente ás estradas e previstas na ordenación sectorial destas.

v. Muros de contención, así como cerramentos ou valados de predios.

vi. Infraestruturas de abastecemento, tratamento, saneamento e depuración de augas.

3. Usos autorizables pola Comunidade Autónoma:

En solo rústico de protección de infraestruturas unicamente serán autorizables os usos vinculados funcionalmente á infraestrutura correlativa, así como os que poidan establecerse a través dos instrumentos de ordenación do territorio.

4. Usos prohibidos:

Todos os demais, especialmente os residenciais e industriais. En concordancia co aproveitamento agropecuario ou forestal prohíbese todo tipo de peches, excepto os peches rústicos para delimitación de predios e control de gando.

Artigo 25. A regulación da protección dos recursos arquitectónicos

1. Aos recursos arquitectónicos do EPIN seranlles de aplicación as disposicións do PXOM do concello de Mesía.

2. Só se permitirán as obras de conservación, restauración e consolidación.

3. As obras de rehabilitación permitiranse sempre que non supoñan un risco de perda ou dano dos valores que motivaron a protección integral, preferentemente nos casos de actuacións necesarias para adecuar os edificios aos usos dotacionais de carácter público e de forma excepcional para o resto dos casos.

4. Existe unha contorna de protección para os dous elementos arquitectónicos que se superpón a outras clasificacións de solo rústico, solo urbano e de núcleo rural e solo urbanizable coas seguintes limitacións:

a) As construcións que se realicen terán en conta a contorna en que se encontran, procurando en todo caso un tratamento dos volumes e materiais adecuados, coa finalidade de poñer en valor o ben obxecto de protección.

b) Os peches serán en todo caso de materiais tradicionais, permitíndose como excepción a colocación de peches rústicos constituídos por postes e arame.

c) Calquera actuación suxeita a licenza localizada nun destes solos contará coa preceptiva autorización da comisión provincial de patrimonio.

Artigo 26. A regulación da protección dos recursos arqueolóxicos

1. Aos recursos arqueolóxicos do EPIN seranlles de aplicación as disposicións do PXOM do concello de Mesía.

2. Na área de protección integral da mámoa da Casa Grande non se pode realizar ningunha actividade.

3. Non é preciso establecer cautelas de actuación nas contornas de protección das mámoas mentres os traballos que se realicen neles sexan os propios da actividades agrícolas tradicionais previstas e que se veñen realizando. Porén, no caso de calquera outra actuación que comporte a remoción de terras nunha zona arqueolóxica ou na súa contorna requirirá a autorización previa da consellería competente en materia de patrimonio cultural.

CAPÍTULO VI

Programación

Artigo 27. Obxectivos de conservación

Obxectivo estratéxico 1. Garantir a conservación e recuperación dos enclaves de interese natural, incrementando a superficie de distribución e a naturalidade destes.

1. Manterase a naturalidade dos hábitats de interese comunitario do EPIN e poderanse incrementar as áreas de interese natural mediante restricións á entrada do gando e facendo rozas selectivas manuais para evitar a compactación do solo e o aproveitamento de especies non desexables por parte dos animais.

2. Preservar a continuidade lineal das sebes incrementando a súa anchura e a diversidade de especies e manter a funcionalidade como refuxio de fauna e protección ante o vento para o gando.

3. Fomentar a conservación dos insectos polinizadores seguindo as directrices definidas na Estratexia nacional para a conservación dos polinizadores (MITECO 2020).

a) Promover hábitats favorables para os polinizadores, incluíndo prácticas agrícolas sustentables, como a agricultura ecolóxica.

b) Mellorar a xestión dos polinizadores e reducir os riscos derivados de pragas, patóxenos e especies invasoras.

c) Evitar e reducir o uso de praguicidas prexudiciais para os polinizadores e desenvolver alternativas ao seu uso.

4. Potenciar a presenza de lugares de refuxio e cría para as especies de fauna e mellorar as condicións de tranquilidade en época de reprodución e cría. Traballarase para facilitar a reprodución das aves e respectaranse os períodos de cría en sintonía co aproveitamento forraxeiro.

5. Eliminar a presenza de especies exóticas invasoras arbóreas, arbustivas ou herbáceas.

Traballarase sobre especies como o Eucalyptus globulus, presente de forma illada ou ben formando parte nalgunha formación boscosa ou sebe perimetral. A presenza é anecdótica e, polo tanto, a eliminación levarase a cabo a longo prazo, a medida que os exemplares que os substitúan teñan o porte adecuado.

6. Favorecer a consolidación e rexeneración da vexetación ripícola e recuperar a funcionalidade dos corredores ecolóxicos asociados ás correntes de auga.

Garantirase a protección dos regatos mantendo a vexetación das ribeiras cunha dimensión de cinco metros a cada lado. Poderase acoutar transitoriamente o acceso do gando a estas zonas mediante o emprego de pastores eléctricos. Ante isto, será obrigado dispoñer de bebedoiros para o gando repartidos polas diferentes parcelas e establecer entradas estratéxicas nestas para mover o gando dunha a outra sen atravesar o curso de auga.

7. Crear parches-refuxio de vexetación que favorezan a dispersión, reprodución, paso e invernada de fauna xeneralista.

8. Fomentar o coñecemento sobre a dinámica ou evolución dos compoñentes e dos procesos naturais e realizar unha vixilancia e seguimento periódico do estado de conservación dos tipos de hábitats naturais e das especies catalogadas presentes no espazo.

9. Desenvolver as actividades de educación ambiental e concienciación, que xa se viñan desenvolvendo, orientadas ao público en xeral pero con forte implantación na comunidade escolar, a mellora de contidos e das instalacións para a súa realización, incorporando as novas compoñentes ambientais.

Obxectivo estratéxico 2. Fomentar e desenvolver a actividade agraria e de produción e comercialización de produtos lácteos da explotación incorporando os novos obxectivos do Plan estratéxico da PAC pos 2020 e mantendo a naturalidade do EPIN.

1. Os obxectivos 5 e 6 do Plan estratéxico PAC pos 2020 describen os pasos que hai que seguir para a protección da biodiversidade, a conservación de hábitats e paisaxes, e a xestión tanto do solo coma da auga na súa relación coa actividade agraria. Dada a estreita relación entre o agrosistema, os hábitats de interese comunitario e o uso gandeiro das terras incluídas no EPIN, terase especial coidado no aproveitamento das forraxes para permitir a conservación e, en certos casos, recuperar a naturalidade deste espazo. Para isto programarase unha serie de medidas descritas consistentes en:

a) Seleccionar as especies pratenses.

b) Adecuar o ritmo de pastoreo.

c) Empregar ferramentas de apoio para a ordenación do pastoreo (pastores eléctricos).

d) Axustar o ritmo de sega e recollida de forraxes no espazo, establecendo subparcelas e adecuando as épocas de traballo.

2. As actividades gandeiras e agrícolas primarán os aproveitamentos e usos sustentables, minimizando as afeccións sobre o ambiente.

3. Primarase a conservación e compatibilidade das tarefas agrícolas e gandeiras coa conservación dos valados de pedra por seren refuxio de pequenos animais e por contribuíren á formación de mosaicos na paisaxe.

Artigo 28. Medidas de conservación e recuperación

1. Medidas para a conservación e recuperación de hábitats de interese comunitario incrementando a superficie e a naturalidade:

a) Recuperación do bosque aluvial (THIC 91E0*) nunha superficie estimada de 1,5 ha.

i. Delimitarase mellor o espazo ocupado por animais e para iso revisaranse a totalidade dos valados e cercados existentes, así como os pastores eléctricos, para afastalos como mínimo 5 m dos ríos e garantir a recuperación do hábitat 91E0* na servidume de policía estipulada na Lei de augas.

ii. Plantación de novas árbores propias do medio ripario, en particular Alnus glutinosa, F. excelsior, S. atrocinerea e C. avellana alí onde se detecte unha maior alteración do arboredo de ribeira. As árbores e arbustos que se empreguen para recuperar o bosque aluvial procederán de plantas e sementes que se cultivarán e se manterán no viveiro da Casa Grande de Xanceda.

b) Recuperación de carballeiras (THIC 9230) nunha superficie estimada de 0,94 ha.

Na zona de estudo hai dúas carballeiras, unha pastoreada regularmente por un rabaño mixto de cabras, ovellas e cabalos, onde a comunidade de herbáceas é moi pobre, e a outra non pastoreada, onde o substrato forestal está moito mellor conservado. As medidas de recuperación da naturalidade centraranse en:

i. Adecuar a carga gandeira, acoutando o acceso habitual do gando e permitíndoo ocasionalmente co fin de controlar o risco de incendios.

ii. Plantaranse outras especies de árbores autóctonas, particularmente Quercus robur, nas zonas menos cubertas polos carballos co fin de acelerar a recuperación do hábitat. Seguiranse os criterios de procedencia na elección da planta. As árbores e arbustos que se empreguen para recuperar a carballeira procederán de plantas e sementes que se cultivarán e se manterán no viveiro da Casa Grande de Xanceda.

c) Recuperación de brañas e xunqueiras (THIC 4020*) e dos prados con molinias (THIC 6410) nunha superficie de 3,75 ha.

i. Evitarase por completo bouzar o terreo e a sega mecánica do pasto en, polo menos, catro prados onde a vexetación é a propia de brañas e xunqueiras. A finalidade desta medida é recuperar a naturalidade da vexetación que foi modificada por mor das segas e do pastoreo intensivo. Tipifícase como mantemento e limpeza de prados e carreiros:

ii. Para reverter esta situación, impedirase transitoriamente o acceso das vacas ás parcelas do mapa 3 mediante o seu valado.

iii. Eliminación da gabia de drenaxe para recuperar as condicións de higromorfía.

2. Preservar a continuidade lineal das sebes incrementando a súa anchura e diversidade:

a) Mellora da estrutura e composición de 1,2 km lineais de sebes e mantemento da funcionalidade como refuxio de fauna e protección ante o vento para o gando.

As sebes multiespecíficas teñen unha importancia moi relevante na conservación da biodiversidade nas zonas que soportan uns usos agropecuarios intensivos. Na Casa Grande de Xanceda estas sebes foron tradicionalmente conservadas e potenciadas, o que non quita que o seu estado de conservación poida mellorarse.

i. Restauración e mellora de todas as sebes, con especial incidencia nas parcelas do mapa 3, mediante a plantación de Quercus robur, Q. pyrenaica, Laurus nobilis, Betula alba e Ilex aquifolium. As árbores e arbustos que se empreguen para recuperar as sebes procederán de plantas e sementes que se cultivarán e se manterán no viveiro da Casa Grande de Xanceda.

ii. A implantación de especies autóctonas farase de maneira paulatina en substitución das especies de E. globulus e Pinus radiata que se vaian eliminando.

3. Fomentar a conservación dos insectos polinizadores seguindo as directrices definidas na Estratexia nacional para a conservación dos polinizadores (MITECO 2020).

a) Promover hábitats favorables para os polinizadores, incluíndo prácticas agrícolas sustentables, como a agricultura ecolóxica.

b) Mellorar a xestión dos polinizadores e reducir os riscos derivados de pragas, patóxenos e especies invasoras.

c) Evitar e reducir o uso de praguicidas prexudiciais para os polinizadores e desenvolver alternativas ao seu uso.

d) Colocar, no caso de detectar a súa presenza, trampas para a erradicación da Vespa velutina.

4. Mellora de lugares de refuxio e cría para as especies de fauna:

a) Incrementarase o hábitat útil dispoñible como refuxio de fauna, que se consegue ao incrementar a lonxitude e longura das sebes multiespecíficas.

b) Incrementarase o hábitat útil dispoñible para a reprodución e cría das especies mediante a colocación de caixas niño e adecuarase o aproveitamento forraxeiro en sintonía cos períodos de cría das aves.

5. Eliminar a presenza de especies exóticas invasoras.

Traballarase sobre especies como A. dealbata, V. Velutina e E. globulus, esta última presente de forma illada ou ben formando parte dalgunha formación boscosa ou sebe perimetral. A presenza de E. globulus é anecdótica e, polo tanto, a eliminación levarase a cabo a longo prazo, a medida que os exemplares que os substitúan teñan o porte adecuado.

6. Favorecer a consolidación e rexeneración das correntes de auga e da vexetación ripícola e recuperar a funcionalidade dos corredores ecolóxicos asociados:

a) Eliminaranse os posibles puntos de vertedura de augas residuais non tratadas aos leitos e realizarase un seguimento continuo para detectar a existencia incontrolada de novos puntos, se os houber.

b) Impedirase a degradación das marxes do río por efecto de cambios artificiais na corrente fluvial e as marxes manteranse libres de obstáculos artificiais, lixo ou árbores caídas que poidan supoñer un impedimento importante para que o río siga o seu curso natural.

c) Garantirase a servidume de policía estipulada na Lei de augas e impedirase a súa degradación.

7. Seguimento científico: para verificar o cumprimento obxectivos buscados coa creación do EPIN realizarase un seguimento anual en que se estudará o grao de consecución dos diferentes obxectivos descritos.

8. Desenvolver as actividades de educación ambiental e concienciación orientadas ao público en xeral pero con forte implantación na comunidade escolar e acometer a mellora de contidos ou das instalacións para a súa realización, incorporando as novas compoñentes ambientais.

9. Medidas agrarias para incorporar os novos obxectivos do Plan estratéxico da PAC pos 2020 e mantendo a naturalidade do EPIN:

a) Farase uso das especies pratenses, tanto en forma de pastoreo como de sega.

b) En canto ao pastoreo, consideraranse os condicionantes que se expoñen a seguir:

i. Fomentarase o pastoreo rotacional, establecendo subparcelas dentro das extensións que están delimitadas mediante camiños, sebes naturais ou regos. Estas divisións interiores dimensionaranse procurando que os animais non permanezan na mesma subparcela un tempo maior a catro días, favorecendo desta maneira o rebrote das especies pratenses e a conseguinte acumulación de reservas nas raíces para a seguinte quenda de pastoreo que se establecerá entre 15 e 35 días, segundo a estación do ano.

ii. Evitarase o pastoreo nas zonas de braña desde mediados de abril ata o mes de xullo para favorecer a reprodución das especies pratenses e conservar o banco de sementes, ademais de incrementar a superficie útil para a cría da fauna.

iii. Nos meses do inverno valorarase a oportunidade pastorear as parcelas en función do pisado que poidan xerar ou ben adecuar a carga gandeira para evitar a conseguinte compactación do solo.

iv. Para delimitar as subparcelas de pastoreo empregaranse pastores eléctricos móbiles que permitan dimensionar as áreas segundo o número de animais e a prol de evitar que o arame de espiño poida provocar danos á fauna silvestre.

v. Respecto á sega para a recollida de forraxes, nas zonas de braña realizarase entre os meses de agosto e setembro para favorecer a reprodución da fauna e contribuír á floración e alimento dos insectos polinizadores.

vi. A construción, mellora ou ampliación das instalacións gandeiras e complementarias, de produción, primeira transformación e comercialización de produtos lácteos, e a mellora da eficiencia enerxética e ambiental das actividades.

Artigo 29. Necesidades orzamentarias

Para asegurar que se cumpran eficazmente os fins perseguidos coa declaración do EPIN o promotor comprométese formalmente a poñer en práctica as medidas precisas para a conservación dos valores naturais que motivan a declaración do EPIN Fragas e Brañas do Alto do Gaiteiro e para desenvolver o programa de actuacións previstas. Para o período inicial dos cinco primeiros anos, a distribución do gasto previsto por anualidades será o seguinte:

Medidas de xestión

Descrición das medidas

2022

2023

2024

2025

2026

Total

Obxectivo estratéxico 1

1. Medidas para a conservación e recuperación hábitats de interese comunitario

Cercado de accesos ao río e preservación da vexetación de ribeira. Inclúe compra e reposición de pastores eléctricos

1.600,00 €

100,00 €

100,00 €

1.800,00 €

Retirar o gando da carballeira

600,00 €

600,00 €

600,00 €

600,00 €

600,00 €

3.000,00 €

Plantación de árbores autóctonas (inclúe o mantemento de viveiro)

250,00 €

285,00 €

285,00 €

285,00 €

285,00 €

1.390,00 €

Mantemento e limpeza de prados e carreiros

150,00 €

150,00 €

150,00 €

150,00 €

150,00 €

750,00 €

Abandono da actividade nas parcelas 1 e 2

3.500,00 €

3.850,00 €

3.850,00 €

3.850,00 €

3.850,00 €

18.900,00 €

Eliminación da gabia de drenaxe nas brañas e xunqueiras

810,00 €

810,00 €

Delimitación e acoutado das parcelas

150,00 €

125,00 €

125,00 €

125,00 €

125,00 €

650,00 €

2. Preservar a continuidade lineal e estrutural das sebes

Plantación de árbores autóctonas (inclúe o mantemento de viveiro)

150,00 €

150,00 €

150,00 €

150,00 €

150,00 €

750,00 €

3. Conservación dos insectos polinizadores

Prácticas agrícolas ecolóxicas e sustentables adecuando os aproveitamentos.

Reverter a simplificación da paisaxe

-

-

-

-

-

4. Mellora de lugares de refuxio e cría para fauna

Colocación de caixas niño e adecuación do aproveitamento forraxeiro en sintonía cos períodos de cría das aves

150,00 €

150,00 €

5. Eliminación de exóticas invasoras

Eliminación paulatina de Eucalyptus e substitución por vexetación autóctona

200,00 €

200,00 €

200,00 €

200,00 €

800,00 €

6. Control de posibles puntos de vertedura de augas residuais aos leitos e seguimento

Control e seguimento de posibles verteduras

300,00 €

300,00 €

7. Seguimento científico

Fomentar o coñecemento sobre a dinámica ou evolución dos compoñentes e dos procesos naturais e realizar unha vixilancia e seguimento periódico do estado de conservación dos tipos de hábitats naturais e das especies catalogadas presentes no espazo

300,00 €

400,00 €

400,00 €

400,00 €

400,00 €

1.900,00 €

8. Educación ambiental e divulgación

Desenvolver as actividades de educación ambiental e concienciación e acometer a mellora de contidos, e das instalacións para a súa realización, para incorporar as novas compoñentes ambientais

Determinarase nos seguintes períodos de programación

Obxectivo estratéxico 2

9. Medidas agrarias para incorporar os novos obxectivos do Plan estratéxico da PAC pos 2020

Pastoreo rotacional por subparcelas. Inclúe compra e reposición de pastores eléctricos

-

200,00 €

200,00 €

200,00 €

200,00 €

800,00 €

Adecuar temporalmente o pastoreo para favorecer a reprodución das especies pratenses

150,00 €

200,00 €

200,00 €

200,00 €

200,00 €

950,00 €

Adecuar temporalmente a sega e recollida de forraxes para favorecer a floración

150,00 €

200,00 €

200,00 €

200,00 €

200,00 €

950,00 €

A construción, mellora ou ampliación das instalacións gandeiras e complementarias, de produción, primeira transformación e comercialización de produtos lácteos, e a mellora da eficiencia enerxética e ambiental das actividades

Determinarase nos seguintes períodos de programación

Total anual

8.260,00 €

6.360,00 €

6.460,00 €

6.360,00 €

6.460,00 €

33.900,00 €

CAPÍTULO VII

Vixencia e revisión

Artigo 30. Vixencia

As normas de xestión e de conservación entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e terán unha vixencia indefinida.

Artigo 31. Revisión

As normas de xestión e de conservación poderán revisarse conforme o estado da ciencia e da técnica, así como da aplicación das medidas de seguimento que correspondan.

CAPÍTULO VIII

Planos

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file