Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Mércores, 11 de maio de 2022 Páx. 28096

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 25 de abril de 2022, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución do recurso extraordinario de revisión contra o deslindamento do monte Baamonde, do concello de Begonte (expediente 1_77/6DES_2019).

Na sesión celebrada polo xurado provincial o día 31.3.2022 figura o seguinte acordo:

O 14.2.2022 tivo entrada un recurso extraordinario de revisión, presentado por Francisco Lorenzo Sánchez, contra o acordo do xurado do 2.6.2021 polo que se aproba o deslindamento parcial do MVMC de Baamonde con propiedades particulares. En síntese, manifesta ser propietario dun predio denominado Canle, adquirido por compravenda ante notario en 1991 e inscrito no Rexistro da Propiedade de Vilalba ao seu favor; e que no procedemento de deslindamento o dito predio foi incluído indebidamente dentro do perímetro do monte veciñal de Baamonde, polo que solicita a súa exclusión do monte.

O 9.3.2022, o Servizo de Montes elaborou un informe sobre o predio reclamado polo recorrente, coas seguintes indicacións: o predio identificado en plano polo interesado estaría constituído por unha pequena parte da superficie das parcelas 2 e 3 do polígono 10 do catastro de rústica de Begonte. Estas parcelas teñen como titulares catastrais Concello de Begonte e monte veciñal, respectivamente. Así mesmo, consultado o Arquivo Histórico Provincial de Lugo, o Concello de Begonte figuraba como titular histórico das citadas parcelas.

Ademais do anterior, ningunha da documental achegada polo interesado fai referencia ao inmoble catastral a que corresponde o terreo que di que é da súa propiedade, nin aquela desvirtúa os indicios probatorios da natureza veciñal en man común dos inmobles en que supostamente se atoparía aquel, e nos cales se baseou o acordo de deslindamento contra o cal se recorre.

Examinado o devandito recurso, o xurado, por unanimidade, acorda desestimalo, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución.

Contra esta resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 25 de abril de 2022

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo