Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Mércores, 11 de maio de 2022 Páx. 27960

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 21 de abril de 2022 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Cervantes.

O Concello de Cervantes eleva, para a súa aprobación definitiva, o Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), en relación coa disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. Planeamento municipal e instrumentos de ordenación do territorio.

O Concello de Cervantes non conta con planeamento xeral municipal e é de aplicación subsidiaria o Plan básico autonómico.

O Concello está afectado polo programa coordinado de actuación primeira revisión do Plan forestal de Galicia cara á neutralidade carbónica 2021-2040; Proxecto sectorial 02_2014 de infraestruturas de telecomunicacións de nova implantación xestionadas por Retegal, e Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Xunta de Galicia xestionadas por Retegal.

As directrices de ordenación do territorio de Galicia cualifican os asentamentos de Cervantes como núcleos da estrutura básica da xerarquía de asentamentos do territorio.

Consta a aprobación definitiva de dúas delimitacións de solo de núcleo rural, que afectan San Román, na parroquia de San Román de Cervantes (10.2.2010) e Couso, na parroquia do Castro (9.4.2009).

2. Tramitación.

O 3.5.2011, o Concello de Cervantes comunicou á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación o inicio da tramitación do PXOM e achegou o anteproxecto de planeamento como documento de inicio.

O 7.7.2011, o órgano ambiental formulou o documento de referencia.

Ao abeiro do artigo 85.1 da LOUG, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previo á aprobación inicial do documento o 13.5.2013.

O Concello Pleno do 3.9.2014 acordou aprobar inicialmente o PXOM ao abeiro do artigo 85.2 da LOUG. Someteuse a información pública por dous meses, con anuncio no DOG do 18 de setembro e en dous diarios. Procedeuse á solicitude dos informes sectoriais e déuselles audiencia aos municipios limítrofes.

O 28.7.2017, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático aprobou a resolución pola que se formulou a Memoria ambiental do PXOM de Cervantes (DOG do 31 de agosto).

O PXOM foi aprobado provisionalmente polo Pleno do Concello o 30.6.2021.

II. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación que integra o PXOM do Concello de Cervantes, redactada por Gabinete de Arquitectura e Urbanismo, S.L. en colaboración co Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela, con aprobación provisional plenaria do 30.6.2021, púidose observar que se axusta ao establecido na normativa urbanística de aplicación.

Porén, observáronse os seguintes erros materiais que cómpre emendar:

1. Solo rústico.

Cómpre axustar as categorías do solo rústico ao previsto no artigo 34 da LSG: a protección de augas deberá incluír a totalidade das zonas de policía; a protección forestal (sen distinguir entre protector e produtor) limitarase aos montes ou terreos forestais inscritos no Sistema rexistral forestal de Galicia, e a de patrimonio estenderase á totalidade das áreas de respecto ou protección dos elementos catalogados, superpoñéndose as especiais proteccións cando coincidan.

Suprimirase a protección agropecuaria por canto non existen terreos concentrados nin catalogados.

2. Normas urbanísticas.

A paxinación que figura no índice non se corresponde co contido do documento.

Na normativa atópanse erratas e referencias desactualizadas, que se deberán adaptar á LSG, ao seu regulamento e ao resto de lexislación sectorial, fundamentalmente no punto 1.3, número 7, e nos artigos 9, 10, 13, 14, 15, 16, 17, 18, 19, 20, 21, 22, 26, 58, 68, 69, 70, 74, 76, 90, 92, 95, 101, 102, 105, 114, 115, 117, 119, 123, 139, 140, 141, 142, 144, 145, 147, 148, 149, 150, 151, 152, 153, 154, 155, 156, 157, 160, 163, 164, 165, 168, 169, 170, 174, 180, 182, 183 e 185.

3. Outros.

Non consta plano de información que inclúa as afeccións sectoriais (artigo 58.f) da LSG), nin informe xustificativo do cumprimento da normativa sectorial, exixido no artigo 58.k) da LSG.

Nos documentos memoria, estratexia, estudo económico, ISE e informe de sustentabilidade ambiental existen erratas e referencias desactualizadas en canto á lexislación urbanística e sectorial vixente.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao PXOM do Concello de Cervantes, condicionado á emenda das observacións formuladas na epígrafe II anterior.

O Concello deberá achegar un documento refundido que dea cumprimento ás ditas condicións.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio o PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. Segundo o disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíqueselle esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Cervantes, 21 de abril de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda