Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Mércores, 18 de maio de 2022 Páx. 29196

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 6 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2022-2024 e se procede á primeira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, para o exercicio 2022-2023 (código de procedemento TR301P).

BDNS (Identif.): 626090.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as convocatorias públicas de subvención das accións formativas para o emprego en unidades formativas nas empresas e con compromiso de contratación (código de procedemento TR301P).

Enténdese por unidade formativa da empresa, a formación con compromiso de contratación impartida con medios propios da entidade beneficiaria, ou a través dunha entidade contratada nos termos desta orde, que teña por obxecto a realización das accións formativas solicitadas e relacionadas coa súa actividade empresarial.

2. As bases reguladoras terán vixencia temporal para o período 2022-2024.

3. Así mesmo, coa publicación desta orde realízase a súa primeira convocatoria para o período 2022-2023.

Segundo. Finalidade

1. As subvenciones que se concedan ao abeiro do disposto na orde de bases reguladoras e primeira convocatoria, terán como finalidade o financiamento de programas de formación con compromiso de contratación destinados á cualificación profesional das persoas traballadoras desempregadas, e estarán dirixidos á adquisición e mellora das competencias profesionais necesarias para o desempeño dos postos de traballo obxecto da contratación.

2 A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, e de acordo co establecido no artigo 4 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, polo que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo.

Terceiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, e as agrupacións temporais de empresas que presenten solicitude conxunta, mediante un convenio que acredite a correspondente agrupación.

2. Así mesmo, poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións a que se refiren estas bases reguladoras as empresas que sexan entidades de formación e que sexan titulares de centros ou entidades de formación inscritos para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia naquelas especialidades formativas para as cales soliciten subvención.

Cuarto. Accións formativas

1. Serán subvencionables ao abeiro do disposto nesta orde, e nos termos establecidos no artigo 28 do Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, as accións formativas para o emprego con compromiso de contratación na Comunidade Autónoma de Galicia, que garden relación coa actividade empresarial das entidades solicitantes e estean incluídas no Catálogo de especialidades formativas no marco do Sistema de formación para o emprego no ámbito laboral.

2. Para estes efectos, poderán solicitarse especialidades formativas non conducentes á obtención de certificados de profesionalidade incluídas no Catálogo de especialidades formativas no marco do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.

Así mesmo, poderán solicitarse especialidades formativas non dirixidas á obtención de certificados de profesionalidade que non estean incluídas no Catálogo de especialidades formativas. Neste caso, as entidades solicitantes deberán presentar a documentación que para tales efectos se referencia no artigo 9 da orde de bases reguladoras.

Quinto. Liñas formativas

1. Establécese unha dobre tipoloxía de accións formativas subvencionables en función das seguintes características:

Liña formativa I, de carácter xeral: destinada a impartir accións formativas para o emprego con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas dirixidas a persoas traballadoras desempregadas.

Liña formativa II, de infrarrepresentación feminina: destinada a impartir accións formativas para o emprego con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, dirixidas a mulleres traballadoras desempregadas, correspondentes a aquelas ocupacións laborais e profesionais en que exista infrarrepresentación feminina.

2. As empresas poderán solicitar impartir accións formativas de ambas as liñas, pero deberán presentar solicitudes diferenciadas para cada unha das liñas descritas en que incluirán todas as accións formativas desa liña para a que solicita subvención.

Sexto. Financiamento da primeira convocatoria

Cada convocatoria determinará o importe total do crédito que se destinará a subvencións, con indicación das anualidades en que se distribuirá, as aplicacións orzamentarias a que se imputará, así como o financiamento e as reservas de crédito que, se for o caso, se establezan para determinadas accións formativas.

Destínase a esta primeira convocatoria un crédito por importe total de 14.000.000,00 €, distribuído en dúas anualidades, que se imputarán con cargo á aplicación orzamentaria 11.05.323A.471.0, ou aquelas que as substitúan de conformidade coa normativa orzamentaria aplicable, con código de proxecto 2013 00545.

Aplicación orzamentaria

Liña formativa

Anualidade 2022

Anualidade 2023

Importe total

11.05.323A.471.0

I

3.500.000 €

3.500.000 €

7.000.000 €

11.05.323A.471.0

II

3.500.000 €

3.500.000 €

7.000.000 €

Total

7.000.000 €

7.000.000 €

14.000.000 €

Sétimo. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día da entrada en vigor da orde.

Oitavo. Forma e lugar de presentación das solicitudes e documentación complementaria

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes

Noveno. Execución da segunda convocatoria

As accións formativas correspondentes á presente convocatoria non poderán comezar ata transcorrido un mínimo de cinco días hábiles desde a aceptación da resolución de concesión.

A data límite para o remate das accións formativas que se desenvolvan exclusivamente durante a anualidade 2022 será o 20 de decembro de 2022.

Para accións formativas que se desenvolvan durante as anualidades 2022 e 2023, ou exclusivamente durante a anualidade 2023, a data límite para o remate das accións formativas será o 30 de setembro de 2023.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2022

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade