Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Mércores, 25 de maio de 2022 Páx. 30899

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2022 pola que se modifica a Resolución do 5 de xullo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora do estado das instalacións de captación, potabilización e almacenamento de comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento AU232A).

O 19 de xullo de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 5 de xullo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora do estado das instalacións de captación, potabilización e almacenamento de comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento AU232A).

No artigo 22 da Resolución do 5 de xullo de 2021 establécese que o prazo para presentar a documentación xustificativa será o seguinte:

1. As comunidades de usuarios beneficiarias que realicen os investimentos obxecto de subvención antes do 25 de novembro de 2021 terán de prazo para presentar a correspondente xustificación ata o 1 de decembro de 2021.

2. As comunidades de usuarios beneficiarias que realicen os investimentos obxecto de subvención desde o 26 de novembro de 2021 terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a correspondente xustificación ata o 30 de xuño de 2022.

Con posterioridade ao outorgamento das subvencións recibíronse en Augas de Galicia comunicacións de comunidades de usuarios beneficiarias solicitando a ampliación do prazo de xustificación.

Debe terse en conta, así mesmo, o elevado número de solicitudes presentadas no procedemento, cuxa revisión e valoración tivo como consecuencia que non se puidese ditar a resolución do procedemento no prazo establecido na convocatoria de axudas, e que, debido á situación actual, as comunidades de usuarios atópanse con dificultades para poder executar as obras no prazo establecido, a causa tanto dos problemas das empresas para adquirir material como da suba de prezos que incrementa os problemas de financiamento das comunidades de usuarios.

O artigo 45.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

As bases reguladoras non conteñen precepto en contra da ampliación do prazo de xustificación.

A ampliación do prazo non causa prexuízo a terceiros.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada e tendo en conta todo o exposto,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 5 de xullo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora do estado das instalacións de captación, potabilización e almacenamento de comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento AU232A).

A Resolución do 5 de xullo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora do estado das instalacións de captación, potabilización e almacenamento de comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento AU232A), queda modificada como segue:

Un. Modifícase o punto 1 do artigo 22, que queda redactado como segue:

«1. As comunidades de usuarios beneficiarias terán de prazo para presentar a correspondente xustificación ata o 15 de setembro de 2022.»

Dous. Déixase sen contido o punto 2 do artigo 22.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2022

Ethel María Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia