Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Mércores, 25 de maio de 2022 Páx. 30902

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2022 pola que se fai pública a delegación de competencias do Consello de Dirección na Dirección Xeral.

A Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia (DOG núm. 94, do 21 de maio), no artigo 7.1, letra c), establece que é competencia da Agader deseñar, programar e executar as medidas de recuperación e, en xeral, da xestión da terra agroforestal de Galicia a través dos instrumentos previstos nela para tal fin, entre os cales se encontran os instrumentos de recuperación de terras, artigos 67 a 82 dos capítulos I, II e III do título V da lei, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta e as aldeas modelo.

En particular, os artigos 111.2 e 115.3 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, atribúen ao Consello de Dirección da Agader unha serie de competencias en relación coas aldeas modelo, como son a declaración da aldea modelo e a aprobación do seu proxecto de ordenación produtiva, respectivamente.

A actividade administrativa da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) comporta unha concentración de funcións no seu Consello de Dirección que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias na Dirección Xeral da Agader, sen esquecer o debido respecto dos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria, que redunda en beneficio tanto da Agader coma dos cidadáns, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

De acordo co artigo 9.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, procede publicar as delegacións de competencias.

Por todo isto,

RESOLVO:

Publicar o acordo do Consello de Dirección da Agader polo que se delegan determinadas competencias, que se incorpora a esta resolución como documento anexo.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2022

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO

Acordo do Consello de Dirección da Agader do 20 de abril de 2022.

«Ao abeiro do previsto no artigo 6.1.j) do Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), aprobado polo Decreto 79/2001, do 6 de abril, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral da Agader as competencias que lle corresponden ao Consello Reitor da Agader, definidas nos artigos 111.2 e 115.3 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia».