Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Luns, 30 de maio de 2022 Páx. 31679

III. Outras disposicións

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2022 pola que se publica a oferta de emprego público de estabilización de prazas de persoal de administración e servizos para o ano 2022.

A Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, ten por obxecto situar a taxa de temporalidade estrutural por baixo do 8 por cento no conxunto das administracións públicas españolas. A reforma actúa en tres dimensións: adopción de medidas inmediatas para remediar a elevada temporalidade existente, articulación de medidas eficaces para previr e sancionar o abuso e a fraude na temporalidade a futuro e, por último, potenciación da adopción de ferramentas e unha cultura da planificación para unha mellor xestión dos recursos humanos.

No artigo 2 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público (BOE núm. 312, do 29 de decembro), establécese o seguinte:

«Artigo 2. Procesos de estabilización de emprego temporal

1. Adicionalmente ao establecido nos artigos 19.un.6 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017, e 19.un.9 da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018, autorízase unha taxa adicional para a estabilización de emprego temporal que incluirá as prazas de natureza estrutural que, estean ou non dentro das relacións de postos de traballo, cadro de persoal ou outra forma de organización de recursos humanos que estean recollidas nas distintas administracións públicas, e estando dotadas orzamentariamente, estean ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente polo menos nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2020.

Sen prexuízo do que establece a disposición transitoria primeira, as prazas afectadas polos procesos de estabilización previstos nos artigos 19.un.6 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017, e 19.un.9 da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018, serán incluídas dentro do proceso de estabilización descrito no parágrafo anterior, sempre que estivesen incluídas nas correspondentes ofertas de emprego público de estabilización e chegada a data de entrada en vigor desta lei non fosen convocadas ou, sendo convocadas e resoltas, queden sen cubrir.

2. As ofertas de emprego que articulen os procesos de estabilización recollidos no número 1, así como o novo proceso de estabilización, deberanse aprobar e publicarse nos respectivos diarios oficiais antes do 1 de xuño de 2022 e serán coordinados polas administracións públicas competentes.

A publicación das convocatorias dos procesos selectivos para a cobertura das prazas incluídas nas ofertas de emprego público deberase producir antes do 31 de decembro de 2022.

A resolución destes procesos selectivos deberá finalizar antes do 31 de decembro de 2024.

3. A taxa de cobertura temporal deberase situar por baixo do oito por cento das prazas estruturais.

4. A articulación destes procesos selectivos que, en todo caso, garantirá o cumprimento dos principios de libre concorrencia, igualdade, mérito, capacidade e publicidade, poderá ser obxecto de negociación en cada un dos ámbitos territoriais da Administración xeral do Estado, comunidades autónomas e entidades locais e poderanse articular medidas que posibiliten unha coordinación entre as diferentes administracións públicas no desenvolvemento deles no seo da Comisión de Coordinación do Emprego Público.

Sen prexuízo do establecido, de ser o caso, na normativa propia de función pública de cada Administración ou a normativa específica, o sistema de selección será o de concurso-oposición, cunha valoración na fase de concurso dun corenta por cento da puntuación total, na cal se terá en conta maioritariamente a experiencia no corpo, escala, categoría ou equivalente de que se trate, e poderán non ser eliminatorios os exercicios na fase de oposición, no marco da negociación colectiva establecida no artigo 37.1.c) do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público.

No caso de que na normativa específica sectorial ou de cada Administración así se previse, os mecanismos de mobilidade ou de promoción interna previos de cobertura de prazas serán compatibles cos procesos de estabilización.

5. Da resolución destes procesos non poderá derivar, en ningún caso, incremento de gasto nin de efectivos, e nestes procesos deberanse ofertar, necesariamente, prazas de natureza estrutural que se encontren desempeñadas por persoal con vinculación temporal.

6. Corresponderá unha compensación económica, equivalente a vinte días de retribucións fixas por ano de servizo, rateándose por meses os períodos de tempo inferiores a un ano, ata un máximo de doce mensualidades, para o persoal funcionario interino ou o persoal laboral temporal que, estando en activo como tal, vise finalizada a súa relación coa Administración pola non superación do proceso selectivo de estabilización.

No caso do persoal laboral temporal, a dita compensación consistirá na diferenza entre o máximo de vinte días do seu salario fixo por ano de servizo, cun máximo de doce mensualidades, e a indemnización que lle corresponda percibir pola extinción do seu contrato, rateándose por meses os períodos de tempo inferiores a un ano. No caso de que a citada indemnización for recoñecida en vía xudicial, procederase á compensación de cantidades.

A non participación do candidato ou candidata no proceso selectivo de estabilización non dará dereito a compensación económica en ningún caso.

7. Co fin de permitir o seguimento da oferta, as administracións públicas deberán certificar ao Ministerio de Facenda e Función Pública, a través da Secretaría de Estado de Orzamentos e Gastos, o número de prazas estruturais ocupadas de forma temporal existente en cada un dos ámbitos afectados».

E na disposición adicional sexta da mesma Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público:

«Disposición adicional sexta. Convocatoria excepcional de estabilización de emprego temporal de longa duración

As administracións públicas convocarán, con carácter excepcional e de acordo co previsto no artigo 61.6 e 7 do TREBEP, polo sistema de concurso, aquelas prazas que, reunindo os requisitos establecidos no artigo 2.1, estivesen ocupadas con carácter temporal de forma ininterrompida con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016.

Estes procesos, que se realizarán por unha soa vez, poderán ser obxecto de negociación en cada un dos ámbitos territoriais da Administración do Estado, comunidades autónomas e entidades locais, e respectarán, en todo caso, os prazos establecidos nesta norma».

Así, é posible realizar unha oferta de emprego público (OEP) de estabilización do persoal de administración e servizos (PAS) da Universidade da Coruña (UDC) que permita minorar a cobertura temporal existente na actualidade no referido ámbito e que consolide o emprego público estable na UDC.

Nesta OEP e nos procesos que a desenvolvan, séguese o establecido na Resolución da Secretaría de Estado de Función Pública sobre as orientacións para a posta en marcha dos procesos de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.

A execución desta oferta de emprego público deberase desenvolver nos prazos establecidos na Lei 20/2021, do 28 de decembro.

Pola súa parte, o artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, establece a oferta de emprego público como o mecanismo de planificación das necesidades de selección de persoal nas administracións públicas.

A Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, indica no seu artigo 48 os criterios xerais en que se deben enmarcar as ofertas de emprego público, sen prexuízo das especificidades que se poidan establecer nas convocatorias respectivas. Concíbense estas como instrumento de programación das necesidades de persoal e de racionalización do emprego público, amais dos procesos de selección do persoal ao servizo das administracións públicas, en que deben primar os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade.

O artigo 59 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, prevén a reserva dunha cota non inferior ao 7 % das prazas convocadas para seren cubertas por persoas con discapacidade, de maneira que, cando menos, o 2 % das prazas ofertadas o sexa para ocupalas persoas que acrediten discapacidade intelectual e o resto das prazas ofertadas o sexa para cubrilas persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade.

Considéranse persoas con discapacidade as definidas no número 2 do artigo 4 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social. Deben superar as probas selectivas e acreditar non só a súa discapacidade, senón tamén a compatibilidade desta co desempeño das tarefas e funcións da praza, de xeito que se acade progresivamente o 2 % dos efectivos totais de cada Administración pública.

De acordo con todo o exposto, e logo da negociación cos órganos de representación do persoal de administración e servizos, emitida a preceptiva autorización pola Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, pola que se aproba a oferta de emprego público de estabilización, ao abeiro da Lei 20/2021, de prazas de persoal funcionario de administración e servizos para o ano 2022, a Reitoría da Universidade da Coruña, no uso das atribucións conferidas no artigo 36 dos Estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio, modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro,

RESOLVE:

Primeiro. Publicar a oferta de emprego público das prazas de persoal de administración e servizos da Universidade da Coruña para o ano 2022 que constan no anexo (oferta estabilización).

Segundo. Estas prazas ofertadas constan como vacantes na relación de postos de traballo do persoal funcionario de administración e servizos desta universidade.

Terceiro. As convocatorias dos procesos selectivos e as súas bases publicaranse no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

A Coruña, 20 de maio de 2022

Julio Ernesto Abalde Alonso
Reitor da Universidade da Coruña

ANEXO

Oferta estabilización

Acceso libre:

Escala

Subescala

Nº de prazas

Escala técnica (A2) (técnico/a de emprego e asuntos xerais)

---------------

5

Escala técnica (A2) (técnico/a en actividades culturais)

---------------

1

Subtotal A2

6

Escala administrativa (C1) (posto base)

---------------

2

Escala técnica (C1/C2)

Mantementos

1

Subtotal C1

3

Total

9