Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Mércores, 1 de xuño de 2022 Páx. 32040

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2022, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se determinan as federacións deportivas que teñen que presentar informe de auditoría das contas anuais de 2021 e auditorías operativas.

Consonte o establecido no artigo 57.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, a Administración deportiva autonómica ten atribuída a competencia de realizar ou solicitar auditorías financeiras ou de xestión ou operativas... ás federacións deportivas galegas. Na liña da referida previsión, o artigo 37.2 do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, recolle que deberán presentar no rexistro «(...) un informe de auditoría das súas contas anuais aquelas federacións deportivas galegas que resulten obrigadas conforme o plan de auditorías aprobado pola Administración deportiva autonómica a inicios de cada exercicio. Anualmente incorporarase ao Plan unha porcentaxe de federacións, de forma que, cada catro anos, todas presenten o dito informe».

Segundo o establecido no artigo 4 da Resolución do 5 de outubro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o Plan de auditoría das federacións deportivas de Galicia para o período 2021/2024 e pola que se establece o procedemento para a presentación dos informes de auditoría, procédese a concretar nesta resolución cales son as federacións obrigadas a presentar auditoría das súas contas correspondentes ao exercicio 2021, así como as auditorías operativas ou de xestión.

Por tanto, en uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto da presente resolución é determinar as federacións deportivas galegas que deberán presentar o informe de auditoría das contas anuais de 2021, así como operativas ou de xestión, nos termos fixados no plan de auditorías aprobado pola Resolución do 5 de outubro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o Plan de auditoría das federacións deportivas de Galicia para o período 2021/2024 e pola que se establece o procedemento para a presentación dos informes de auditoría.

Artigo 2. Auditorías das contas anuais

Deberán presentar o informe de auditoría das contas anuais de 2021, as seguintes federacións deportivas galegas:

Federación Galega de Aeronáutica.

Federación Galega de Atletismo.

Federación Galega de Automobilismo.

Federación Galega de Bádminton.

Federación Galega de Baloncesto.

Federación Galega de Balonmán.

Federación Galega de Béisbol e Sófbol.

Federación Galega de Bolos.

Federación Galega de Boxeo.

Federación Galega de Ciclismo.

Federación Galega de Colombofilia.

Federación Galega de Deporte Adaptado.

Federación Galega de Deportes de Inverno.

Federación Galega de Deportes autóctonos.

Federación Galega de Esgrima.

Federación Galega de Esquí Náutico.

Real Federación Galega de Fútbol.

Federación Galega de Halterofilia.

Federación Galega de Judo e D.A.

Federación Galega de Loita e D.A.

Federación Galega de Natación.

Federación Galega de Orientación.

Federación Galega de Patinaxe.

Federación Galega de Piragüismo.

Federación Galega de Remo.

Federación Galega de Salvamento e Socorrismo.

Federación Galega de Squash.

Federación Galega de Taekwondo.

Federación Galega de Tenis.

Federación Galega de Tiro ao Voo.

Federación Galega de Tiro con Arco.

Federación Galega de Triatlón e P.M.

Real Federación Galega de Vela.

Artigo 3. Das contas que se van auditar

1. Serán obxecto de auditoría as contas anuais correspondentes ao exercicio 2021.

2. A auditoría efectuarase conforme a Lei 22/2015, do 20 de xullo, de auditoría de contas e ao Real decreto 1517/2011, do 31 de outubro, polo que se aproba o Regulamento que desenvolve o texto refundido da Lei de auditoría de contas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2011, do 1 de xullo, en todo o que non se opoña á Lei 22/2015.

3. Segundo a disposición adicional segunda do Real decreto 1491/2011, do 24 de outubro, polo que se aproban as normas de adaptación do Plan xeral de contabilidade ás entidades sen fins lucrativos e o modelo de Plan de actuación das entidades sen fins lucrativos, as normas de adaptación do Plan xeral de contabilidade ás entidades sen fins lucrativos non serán de aplicación ás federacións deportivas españolas e federacións territoriais de ámbito autonómico integradas nelas nin aos clubs profesionais e asociacións deportivas declarados de utilidade pública que, atendendo aos termos da disposición transitoria quinta do Real decreto 1514/2007 polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade, rexeranse pola Orde do Ministerio de Economía e Facenda do 2 de febreiro de 1994 para o caso das Federacións deportivas, e pola Orde do Ministerio de Economía do 27 de xuño de 2000 no caso de clubs profesionais e Asociacións deportivas, sen prexuízo de que nas contas anuais inclúase a información, que cando teñan o carácter de utilidade pública, requírese na adaptación do Plan xeral de contabilidade ás entidades sen fins lucrativos. En concreto, incluirán na memoria das contas anuais información relativa a:

a) Actividade da entidade.

b) Se é o caso, as bases de presentación e a información da liquidación do orzamento.

c) Excedente do exercicio.

d) Ingresos e gastos.

e) Aplicación de elementos patrimoniais a fins propios.

f) Cambios no órgano de goberno, dirección e representación.

g) Información sobre autorizacións outorgadas pola autoridade administrativa correspondente que sexan necesarias para determinadas actuacións.

h) Calquera outra información que sexa significativa.

Artigo 4. Auditorías operativas

1. Xunto ás auditorías das súas contas anuais, someteranse a unha auditoría operativa as federacións deportivas galegas de surf e squash, toda vez que teñen recoñecido un núcleo de adestramento deportivo especializado pola Secretaría Xeral para o Deporte.

2. As auditorías operativas conterán a análise dos posibles puntos débiles e a correspondente proposta de recomendacións para a súa mellora.

Artigo 5. Lugar, procedemento e prazo de presentación

1. A presentación será obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, con código PR947B, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o disposto na Resolución do 5 de outubro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o Plan de auditoría das federacións deportivas de Galicia para o período 2021/2024 e pola que se establece o procedemento para a presentación dos informes de auditoría.

2. O prazo de presentación dos informes de auditoría nos termos establecidos nesta resolución abrirase a partir do día seguinte ao da publicación desta Resolución no Diario Oficial de Galicia, e terá como data límite para a súa presentación a do 30 de novembro de 2022.

Disposición adicional primeira. Contratación

Para a realización dos informes de auditoría a Secretaría Xeral para o Deporte iniciará un procedemento de contratación. A empresa ou persoa auditora contratada contactará cas federacións relacionadas no artigo 2 e 4 para a análise e informe das contas anuais de 2020, así como realizar as auditorías operativas ou de xestión, e deberá tamén emitir recomendacións referentes a aspectos detectados no sistema de control para establecer as medidas que se consideren necesarias para mellorar, corrixir ou eliminar as deficiencias atopadas. As federacións deportivas galegas deberán colaborar coa empresa ou persoa auditora facilitando o seu labor e achegando a documentación que lle sexa requirida.

Disposición adicional segunda. Réxime de recursos

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición, ante esta secretaría xeral, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, no xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional terceira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Secretaría Xeral para o Deporte coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2022

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte