Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Xoves, 2 de xuño de 2022 Páx. 32255

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 11 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento PR809A).

As políticas de cooperación para o desenvolvemento humano, orientadas a unha real superación da pobreza e das desigualdades, precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade e da equidade, en prol da configuración dunha cidadanía global. Á cooperación internacional propia dos distintos gobernos estatais únese tamén a vontade de cooperación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) para 2030, aprobados pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas o 25 de setembro de 2015, seguindo criterios de eficacia e calidade da axuda.

Coa Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento (DOG núm. 50, do 15 de marzo), a Comunidade Autónoma de Galicia reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, aliviar e corrixir as situacións de pobreza e desigualdade e propiciar un desenvolvemento humano solidario, igualitario e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade, igualdade e unha repartición máis xusta dos froitos do crecemento económico.

A devandita Lei 10/2021, do 9 de marzo, establece no seu artigo 85.2.j) que a Cooperación Galega intervirá prioritariamente no ámbito da formación, o fortalecemento e a capacitación dos axentes de cooperación e da cidadanía en xeral.

Do mesmo xeito, os plans directores da Cooperación Galega veñen establecendo como unha das súas liñas de actuación o apoio á formación e capacitación especializada dos axentes galegos de cooperación.

Con estas bolsas preténdese apoiar a formación de persoas expertas en cooperación para o desenvolvemento, coa finalidade de complementar a formación académica das persoas tituladas universitarias con estadías na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, nas unidades de cooperación no exterior (UCE) dependentes da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, de acordo co previsto no convenio subscrito entre esta Axencia e a Xunta de Galicia.

Neste senso, por medio desta orde establécense as bases reguladoras para a concesión de seis bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento. Pola súa vez, convócase a concesión das devanditas bolsas con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 e aos correspondentes para o ano 2023, de acordo coas bases reguladoras que garanten os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

En atención a estes principios e obxectivos e no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Bases reguladoras e convocatoria

1. Aprobar as bases reguladoras para a concesión de bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento que se inclúe no anexo I desta orde (código de procedemento PR809A).

2. Convocar a concesión de seis bolsas de acordo coas devanditas bases reguladoras. O importe total que se habilita para esta convocatoria ascende a 108.472,88 €, que se distribuirá do seguinte xeito: 104.600,00 € (32.200,00 € para o ano 2022 e 72.400,00 € para o ano 2023), que se imputarán á aplicación orzamentaria 05.26.331A.480.0, e 3.872,88 € (968,22 € para o ano 2022 e 2.904,66 € para o ano 2023), que se imputarán á aplicación orzamentaria 05.26.331A.484.0, e que se destinarán ao pagamento ás persoas bolseiras do importe das bolsas e das cotas patronais da Seguridade Social, respectivamente.

3. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro), destinaranse 3.872,88 € en concepto de cotizacións á Seguridade Social, por parte da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, por continxencias comúns e profesionais.

Disposición adicional primeira. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) para todos os procedementos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional segunda. Réxime xurídico

A todo o non previsto nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira. Impugnación

Estas bases, a convocatoria e cantos actos administrativos deriven delas poderán impugnarse na forma e nos prazos establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional cuarta. Delegación de competencias

De conformidade co previsto no artigo 4.5 da Orde do 29 de decembro de 2017 (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro), delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

Disposición adicional quinta. Desenvolvemento

Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2022

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
de seis bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación
internacional para o desenvolvemento para o ano 2022

Primeira. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto regular a convocatoria de seis bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento (código de procedemento PR809A).

Os destinos das bolsas serán en Santiago de Compostela, na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou, fóra desta, nas unidades de cooperación no exterior (UCE) da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Segunda. Requisitos das persoas solicitantes

Poderán optar á concesión destas bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Ter veciñanza administrativa en Galicia.

b) Estar en posesión dun título universitario oficial de grao, licenciatura, diplomatura, arquitectura, enxeñaría ou equivalente. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematado os ditos estudos no ano 2013 ou posterior.

c) Non ter gozado anteriormente doutra bolsa de formación no eido da cooperación para o desenvolvemento da Xunta de Galicia, excepto que nalgunha convocatoria anterior fose chamado da listaxe de reserva e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a 3 meses.

d) Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa, calquera que sexa esta ou, no caso de ter emprego remunerado ou gozar doutra bolsa, presentar un compromiso expreso de renunciar a eles con anterioridade á aceptación da bolsa.

e) Non padecer enfermidade nin estar afectadas por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coas actividades formativas para as que se convocan as bolsas.

f) Non estar incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 xuño).

Terceira. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo II, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Debido á capacidade técnica das persoas beneficiarias desta bolsa, que deben reunir a condición de tituladas universitarias, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente dos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente neste procedemento, de acordo co establecido no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

4. No caso de que a persoa solicitante actuase por medio de representante, deberá acreditar a representación por calquera medio válido en dereito. Na sede electrónica está dispoñible un modelo xenérico de representación.

5. O prazo para a presentación da solicitude e da documentación requirida na base cuarta será dun (1) mes a partir do seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Cuarta. Documentación complementaria

1. As persoas solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) No caso de presentar un título estranxeiro, validación pola Administración educativa española. De non achegarse esta validación en España, estes títulos non serán tidos en conta no proceso de valoración.

b) Na falta do título universitario, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición da titulación correspondente.

c) Certificación académica persoal de carácter oficial do título universitario establecido como requisito na base segunda. Deberase presentar certificación expedida pola universidade correspondente, en que necesariamente se deberá incluír a nota media simple obtida.

d) Currículo da persoa solicitante xunto coa documentación acreditativa dos méritos alegados. Os méritos que non estean acreditados documentalmente, de acordo co sinalado na base décima, non serán tidos en conta, sen que proceda facer o requirimento a que se refire o punto dous da base oitava.

e) Memoria sobre a materia de cooperación para o desenvolvemento, a acción humanitaria e/ou o sistema galego de cooperación, en que a persoa solicitante expoña os seus coñecementos e intereses neses ámbitos. A devandita memoria deberá ter no seu corpo de texto unha letra de tamaño 12 puntos, cun entreliñado de espazo e medio ou dobre espazo, e unha extensión total mínima de dez páxinas, excluída a portada. A non presentación desta memoria suporá a exclusión da persoa candidata, sen que proceda facer o requirimento a que se refire o punto dous da base oitava.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Os documentos presentados en lingua distinta ao español, galego, inglés, francés ou portugués deberán achegarse cunha tradución xurada.

Quinta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

• DNI ou NIE da persoa solicitante.

• DNI ou NIE da persoa representante.

• NIF da entidade representante.

• Datos de residencia da persoa solicitante con data da última variación no padrón.

• Titulación oficial universitaria.

• Certificado do Celga 4, Celga 3 ou equivalente, só no caso de estar expedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

• Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

• Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

• Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

• Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

• Concesión de subvencións e axudas.

• NIF da entidade representante.

• Certificado de estar ao día no pagamento nas obrigas tributarias coa AEAT.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sexta. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sétima. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Oitava. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento corresponderalle á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nas bases reguladoras e na convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, considerará que desiste na súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e de conformidade co establecido no artigo 45.1.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web https://cooperacion.xunta.gal/ (en diante, páxina web). Se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na páxina web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as súas causas.

Novena. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados na seguinte base, así como de elevar ao órgano instrutor a proposta de concesión ou denegación das bolsas.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a persoa en quen delegue.

Secretaría: unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Vogais:

– Unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

– Unha persoa experta en cooperación para o desenvolvemento designada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

– Unha persoa designada pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

A Comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico que considere necesario, o cal asistirá ás sesións con voz, pero sen voto.

3. A Comisión de Valoración constituirase na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea. O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

4. A composición da Comisión de Valoración farase pública na páxina web.

5. A Comisión está clasificada na categoría superior para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Décima. Procedemento de selección, criterios de valoración e acreditación dos méritos

1. O procedemento de selección consta de dúas fases: unha primeira de valoración dos méritos persoais e unha segunda que consiste nunha entrevista persoal.

2. Na primeira fase farase un exame da solicitudes presentadas, en que se valorarán os méritos acreditados documentalmente, conforme o seguinte baremo, ata un máximo de 20 puntos:

a) Estudos universitarios:

– Por ter cursado un máster universitario oficial específico na materia de cooperación para o desenvolvemento ou a acción humanitaria: 5 puntos.

– Por ter cursado un máster universitario oficial que inclúa materias relacionadas cos sectores e as prioridades transversais da Cooperación Galega: ata un máximo de 3 puntos.

– Por ter cursado un máster universitario oficial que inclúa, polo menos, o 30 % de materias do ámbito da cooperación para o desenvolvemento ou da acción humanitaria: ata un máximo de 2 puntos.

– Por ter cursado un curso de experto ou especialista universitario específico na materia de cooperación para o desenvolvemento ou a acción humanitaria de entre 20 e 40 créditos ECTS: 2 puntos.

– Por ter cursado outros cursos universitarios de posgrao ou de experto ou especialista universitario en materia de cooperación para o desenvolvemento ou a acción humanitaria: 1 punto.

A puntuación máxima desta epígrafe é de 8 puntos.

b) Outras titulacións universitarias de grao ou posgrao que non teñan relación coa materia de cooperación. Por estar en posesión doutros títulos universitarios, distintos do establecido na base segunda como requisito para participar na convocatoria: 0,5 puntos por titulación, cun máximo de 1 punto nesta epígrafe.

c) Expediente académico. Pola nota media do título universitario establecido como requisito para participar na convocatoria na base segunda: 0,5 puntos pola cualificación de notable e 1 punto pola cualificación de sobresaliente ou matrícula de honra.

d) Por coñecemento da lingua galega, ata un máximo de 1 punto. A valoración do certificado de nivel superior exclúe a do/dos certificado/s de nivel inferior:

a. Por estar en posesión do certificado Celga 4, titulación equivalente ou superior: 1 punto.

b. Por estar en posesión do certificado Celga 3 ou titulación equivalente: 0,5 puntos.

e) Por coñecemento do idioma inglés, francés e/ou portugués: ata un máximo de 2 puntos. A valoración do certificado de aptitude de nivel superior exclúe a do/dos certificado/s de nivel inferior da mesma lingua:

• Por certificado de aptitude de nivel C1 ou C2: 1 punto.

• Por certificado de aptitude de nivel B2: 0,5 puntos.

• Por certificado de aptitude de nivel B1: 0,30 puntos.

• Por certificado de aptitude de nivel A2: 0,15 puntos.

f) Por cada curso de formación específico da materia de cooperación para o desenvolvemento ou acción humanitaria, de 18 ou máis horas, ata un máximo de 2,5 puntos: valorarase con 0,01 puntos cada hora de formación.

g) Por outros cursos de formación, de 18 ou máis horas, ata un máximo de 1 punto: valorarase con 0,01 puntos cada hora de formación.

h) Pola participación en proxectos de cooperación para o desenvolvemento ou acción humanitaria no exterior: 0,25 puntos por cada mes, ata un máximo de 2,5 puntos. Se a participación no proxecto non se desenvolve no exterior: 0,15 puntos por cada mes, ata un máximo de 1,5 puntos.

i) Pola realización de accións de voluntariado social: 0,10 puntos por cada mes, ata un máximo de 1 punto.

A acreditación dos estudos/titulacións realizarase mediante copia dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

A valoración do expediente académico realizarase utilizando a nota media simple, consonte a normativa sobre valoración de expedientes académicos da consellería competente na materia de ordenación universitaria.

O coñecemento do idioma galego acreditarase mediante a presentación do certificado Celga 3, Celga 4 ou titulación equivalente, no caso de non estar expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ou órgano competente que corresponda. No caso de ser expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, só se presentará no suposto de que a persoa interesada se opoña á súa consulta.

O coñecemento de idiomas estranxeiros acreditarase mediante os documentos a que fai referencia a Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería (DOG núm. 128, do 7 de xullo). Valorarase nesta epígrafe o título universitario oficial de grao ou equivalente dos idiomas referidos no punto 1.e) desta base.

Nas epígrafes referidas a idiomas e cursos de formación non se valorarán as materias que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica, coa excepción sinalada no parágrafo anterior.

Para considerar un curso na alínea f) como «curso de cooperación ao desenvolvemento», debe ser esta a materia principal. Noutro caso será valorado na alínea g) de «outros cursos de formación».

A participación en proxectos de cooperación para o desenvolvemento e/ou acción humanitaria e/ou en accións de voluntariado social acreditarase mediante certificación expedida pola correspondente entidade onde se realizaron, en que se indique a súa duración. Nesta epígrafe valorarase a actividade realizada mediante contrato laboral, de prácticas ou de voluntariado. Non se incluirán estadías en embaixadas que non estean relacionadas coa participación directa en proxectos de cooperación para o desenvolvemento.

A comisión non valorará aqueles méritos das persoas candidatas que non estean acreditados documentalmente, os cursos que non acheguen o seu programa, os cursos que non acrediten as horas de duración e os inferiores a 18 horas lectivas, os diplomas relativos a xornadas, seminarios, simposios e similares, e aqueles que teñan data posterior á de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

3. A Comisión de Valoración avaliará os méritos acreditados documentalmente e elaborará unha listaxe provisional ordenada polas puntuacións outorgadas, que se publicará na páxina web. Contra as puntuacións outorgadas poderán presentarse reclamacións no prazo de cinco (5) días hábiles contados a partir do seguinte ao da exposición na páxina web. Neste prazo de reclamacións non se terá en conta a achega de novos méritos que non fosen acreditados documentalmente no prazo de presentación das solicitudes.

Despois de resolverse as reclamacións, a Comisión elaborará unha listaxe definitiva coa puntuación obtida nesta primeira fase do proceso, que se publicará na páxina web. A Comisión convocará as 18 persoas aspirantes coa maior puntuación na valoración dos méritos a unha entrevista persoal, indicando a data e a hora de realización dela. No caso de que existise un empate na puntuación no baremo de méritos entre a persoa aspirante que ocupe o número 18 e outra/s persoa/s aspirante/s, convocaranse á entrevista a todas elas.

4. A segunda fase do proceso de selección consistirá nunha entrevista que será valorada de 0 a 5 puntos. As persoas preseleccionadas serán convocadas, mediante a publicación na páxina web, a participar na entrevista persoal coa Comisión de Valoración na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, en que se valorará a defensa, pola persoa aspirante, da memoria sinalada no punto 1.e) da base cuarta, o coñecemento da materia obxecto das bolsas e a súa capacidade de resposta, madurez, motivación e iniciativa. A entrevista poderá ser en modalidade virtual cando existan circunstancias que o xustifiquen a xuízo da Comisión de Valoración. Para acceder a unha das bolsas convocadas será necesario acadar unha puntuación mínima de 2,5 puntos na entrevista.

5. Rematadas as dúas fases do proceso de selección, sumaranse as puntuacións obtidas para calcular a puntuación total de cada un dos aspirantes e ordenaranse nunha lista en orde decrecente. Para o caso de empate na puntuación total obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:

a) A maior puntuación na primeira fase.

b) A maior puntuación na segunda fase.

c) A maior antigüidade na data de obtención do título.

d) A maior idade da persoa solicitante.

6. A Comisión valorará a formación, o perfil, o coñecemento dos idiomas dos países en que o español non sexa a lingua predominante das persoas aspirantes, así como a idoneidade de cada unha das persoas candidatas para realizar a adxudicación dos destinos posibles. Tamén se poderá ter en conta a preferencia de destino formulada polos candidatos manifestada na entrevista.

Décimo primeira. Resolución e notificación

1. A Comisión emitirá un informe coa relación das persoas propostas entre as solicitantes que acaden unha maior puntuación, indicando os destinos propostos para cada unha delas, e faraa pública mediante a publicación na páxina web. Incluirase unha listaxe de reserva, integrada polas persoas solicitantes que superasen ambas as fases, segundo a orde de puntuación consecutiva, que se terá en conta para os supostos de renuncias ou baixas das persoas adxudicatarias.

2. O órgano instrutor, de acordo co informe da Comisión de Valoración, elaborará a proposta de resolución e elevaraa ao órgano competente por delegación do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, que ditará resolución.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de catro (4) meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Décimo segunda. Aceptación e renuncia

1. Recibida a notificación da resolución de concesión da bolsa, as persoas adxudicatarias deberán comunicar a súa aceptación ou renuncia no prazo máximo de dez (10) días hábiles.

2. Transcorrido o dito prazo, se as persoas beneficiarias non se declaran en ningún sentido, entenderase que aceptan a bolsa.

3. No suposto de que as persoas adxudicatarias non acepten a bolsa, ou renuncien unha vez aceptada, esta poderá ser adxudicada á seguinte persoa aspirante que figure na listaxe de reserva en función da súa puntuación; procederase do mesmo xeito no caso de renuncias sucesivas.

4. De non presentarse solicitudes, ou de non acadar as rexistradas a puntuación mínima exixida na fase de valoración dos méritos ou na fase de entrevista, a convocatoria será declarada deserta mediante orde do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

5. A renuncia á bolsa unha vez iniciado o período de aproveitamento deberá comunicarse cun mínimo de quince (15) días naturais de antelación á data en que desexa facela efectiva, mediante escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Décimo terceira. Duración das bolsas, obrigas das persoas beneficiarias, plan formativo e contía da bolsa

1. Duración das bolsas.

As actividades de formación desenvolveranse ao longo dos anos 2022 e 2023 cunha duración máxima de doce (12) meses, con data de inicio prevista non anterior ao mes de outubro de 2022.

2. Obrigas das persoas beneficiarias.

As persoas beneficiarias das bolsas terán as seguintes obrigas:

a) Achegar, xunto coa aceptación da bolsa, no prazo sinalado na base décimo segunda, punto 1, a seguinte documentación:

• Certificado médico oficial que acredite non padecer enfermidade nin estar afectada por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coas actividades formativas obxecto da bolsa.

• Declaración responsable de non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa, segundo o modelo do anexo III.

b) Presentar antes do primeiro pagamento e de cada un dos pagamentos mensuais:

• Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para un mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, segundo o modelo do anexo III.

• Unha declaración responsable de que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o modelo do anexo III.

c) Para as persoas bolseiras destinadas no exterior, acreditación de dispor dun seguro con cobertura internacional e vixencia polo período íntegro de duración da bolsa, de asistencia sanitaria, de accidentes e de repatriación para o caso de accidente ou enfermidade, ou ben acreditar, por calquera medio admitido en dereito, que dispón da devandita cobertura. A acreditación deberá presentarse antes do seu desprazamento ao destino correspondente.

d) Obter, pola súa conta, o visado necesario para o acceso e permanencia no país de destino durante o período de desfrute da bolsa, así como respectar a lexislación correspondente en materia de visados.

e) Presentarse persoalmente ante a persoa responsable da súa formación no destino adxudicado, no prazo máximo de dez (10) días naturais para as persoas destinadas no exterior e de tres (3) días naturais para as destinadas na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, a partir do día sinalado para o comezo da bolsa. No caso de atraso na súa incorporación, a mensualidade da bolsa poderá ser reducida proporcionalmente.

f) Residir no lugar de destino durante o período de desfrute da bolsa e non ausentarse del sen comunicación previa e autorización da persoa responsable da formación da persoa bolseira.

g) Desempeñar as actividades de formación obxecto da bolsa, de luns a venres, en horario de mañá e/ou tarde, de acordo coa distribución que realice o responsable da formación.

h) Entregar mensualmente, ao responsable da formación na Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, un informe asinado da actividade realizada, dentro dos tres (3) días seguintes ao mes vencido.

i) Desprazarse, cando así o acorde o responsable da formación na Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou no organismo onde realiza as prácticas.

j) Utilizar os medios dispoñibles no lugar onde estea a desenvolver a bolsa para a realización das actividades formativas.

k) Non desempeñar ningún traballo remunerado durante o período de vixencia da bolsa.

l) Manter un comportamento que en ningún caso implique un prexuízo para os intereses da Xunta de Galicia nin para a imaxe exterior de Galicia e España.

m) Non estar vinculado, durante o período de desfrute da bolsa, a ningún axente de cooperación dos establecidos no artigo 96.3 da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia.

n) Presentar á persoa titular do Servizo de Formación e Coordinación Institucional da Cooperación para o Desenvolvemento, no prazo máximo dun mes desde a finalización do período de formación, unha memoria detallada das actividades realizadas no seu destino.

o) Cumprir as demais obrigas que, con carácter xeral, se establecen no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A documentación que deben achegar as persoas beneficiarias, tanto no momento da aceptación como durante a vixencia da bolsa, deberá presentarse electronicamente. As declaracións e informes a que se refiren os puntos anteriores deben estar asinados preferentemente con sinatura electrónica, de acordo co establecido nos artigos 9 e 10 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Plan formativo.

Unha vez incorporada ao seu destino, a persoa bolseira desenvolverá o plan formativo establecido. O dito plan incluirá, polo menos, unha primeira parte en que a persoa bolseira se formará na estrutura, estratexias e programación da institución/organización de que se trate. A segunda parte do plan formativo permitiralle formarse na práctica das fases do ciclo dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento (identificación, formulación, seguimento e avaliación final).

A persoa titular do Servizo de Formación e Coordinación Institucional da Cooperación para o Desenvolvemento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea será a encargada de deseñar o plan formativo e de asesorar, orientar, dirixir e coordinar as tarefas da persoa bolseira, así como de avaliar o cumprimento dos obxectivos previstos no dito plan.

De ser o caso, as persoas beneficiarias desprazaranse á sede principal do organismo onde realicen as súas prácticas durante un período que establecerá a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, co fin de coñecer as persoas responsables nos países onde se van realizar as estadías de formación, así como a estrutura, as estratexias e os programas do organismo correspondente.

4. Contía.

O importe da bolsa será de 1.100,00 € brutos mensuais, no caso de que o destino sexa na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, e de 1.350,00 € brutos mensuais, para o resto dos destinos, que se farán efectivos polo importe líquido tras realizar a retención fiscal e da cota obreira que corresponda, na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa. Os meses serán considerados en todos os casos de trinta (30) días. A suma total destes pagamentos á conta supera o límite do 80 % da porcentaxe subvencionada, establecido no artigo 62.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que se solicitou previamente a autorización do Consello da Xunta de Galicia a que se refire o número 4 do mesmo artigo.

As persoas bolseiras destinadas fóra da sede da dirección xeral recibirán, en concepto de aboamento dos gastos de viaxe e primeiro establecemento necesarios no desenvolvemento da bolsa, unha contía máxima de 2.200,00 € para cada un dos destinos no exterior, que lles será aboada con anterioridade á primeira mensualidade da bolsa. Este importe debe destinarse a cubrir gastos excepcionais en que se incorre cando as persoas bolseiras se establecen no lugar de destino, sempre que sexan de carácter necesario e consecuencia directa da estadía. Cabe incluír nesta axuda de viaxe os seguintes gastos:

– Billetes de avión e outros medios de transporte de ida e/ou volta ao país de destino.

– Visados e pasaporte, incluída a súa renovación.

– Seguros.

– Vacinacións e gastos por realización das probas COVID-19 que sexan requiridas antes ou despois das viaxes.

– Gastos de hotel ou residencia ao inicio da estadía durante o tempo necesario ata que se dispoña dun domicilio onde establecerse definitivamente.

– Gastos de xestión administrativa necesarios e de obrigado pagamento, como poden ser o de avogados, un contrato, un rexistro, etc. que teñan que ver co proceso do alugamento dunha vivenda, sempre que non sexan reembolsables.

– Outros gastos necesarios e extraordinarios que sexan consecuencia directa da estadía e relacionados co establecemento no país de destino.

Por outra parte, as persoas bolseiras destinadas no exterior recibirán, en concepto de aboamento dos gastos de viaxe por desprazamentos internos para visitar proxectos financiados pola Cooperación Galega, unha contía máxima de 800,00 € para cada un dos destinos propostos. Esta cantidade será aboada ao inicio do ano 2023 coa primeira mensualidade deste exercicio. Este importe debe destinarse a cubrir gastos excepcionais en que incorren cando se efectúen desprazamentos internos no país de destino, de carácter necesario, para visitar proxectos financiados pola Cooperación Galega. Estas cantidades financiarán os gastos de viaxe, aloxamento e manutención, así como outros que deriven dos necesarios desprazamentos.

En ambos os casos, estas axudas de viaxe teñen a consideración de pagamentos anticipados, de acordo co establecido no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Estes gastos terán que ser realizados e xustificados mediante as facturas ou documentos equivalentes e os comprobantes de pagamento correspondentes, antes do 15 de decembro de 2022 ou do 30 de setembro de 2023, segundo se trate respectivamente de gastos de primeiro establecemento ou gastos para visita de proxectos, conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 45.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De non xustificarse debidamente, serán obxecto do correspondente reintegro conforme a normativa que resulta de aplicación.

5. Cursos de formación e misións específicas.

No caso de existir dispoñibilidade orzamentaria, poderáselles facilitar ás persoas bolseiras a asistencia a cursos de formación ou a realización de misións específicas que a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea considere convenientes, mediante o aboamento dos gastos ocasionados con motivo desas actividades, logo de xustificación documental deles. Estes gastos deberán ser realizados e xustificados antes do 15 de decembro de 2022, no caso de cursos ou misións realizados na anualidade 2022, e antes do 30 de setembro de 2023, no caso de cursos ou misións realizados na anualidade 2023, de acordo co artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Os billetes dos medios de trasporte axustaranse sempre ás tarifas máis económicas.

Estes gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, de acordo co disposto no artigo 28 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Unha vez finalizado o curso de formación, deberá acreditarse a súa realización mediante a presentación da copia do título ou certificado correspondente.

Décimo cuarta. Aboamento das bolsas

1. O aboamento das bolsas realizarase a mes vencido, tras a presentación da correspondente certificación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea do bo aproveitamento das prácticas. Esta certificación será coherente coa que deberá emitir mensualmente o/a responsable da oficina a que estea adscrita a persoa bolseira e será remitida a este centro directivo dentro dos tres (3) días seguintes ao mes vencido.

2. No caso de producirse a incorporación ou o cesamento nun día distinto ao primeiro ou ao último de cada mes, a persoa beneficiaria percibirá o importe que proporcionalmente corresponda ao número de días que goce da bolsa.

3. Os pagamentos serán xestionados pola Habilitación da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, de xeito que os documentos contables sexan expedidos a favor desta para facer fronte ao pagamento das bolsas.

Décimo quinta. Natureza xurídica da relación e incompatibilidades

1. A aceptación da bolsa non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra natureza contractual ou legal entre a Administración autonómica ou a Administración xeral do Estado e a persoa beneficiaria, sen prexuízo da alta no réxime xeral da Seguridade Social, de acordo co establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social. Os dereitos e as obrigas cínguense en exclusiva aos estipulados nestas bases reguladoras.

2. Estas bolsas son incompatibles con outras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados para os mesmos fins, así como coa percepción de calquera retribución de carácter laboral ou da prestación por desemprego. Permitiranse, non obstante, as percepcións esporádicas por tarefas docentes (cursos, conferencias ou relatorios) ou investigadoras (libros, artigos ou premios).

Décimo sexta. Cláusula xeral, modificación da resolución, revogación e renuncia

1. A participación nesta convocatoria implica o coñecemento e a aceptación destas bases.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo poderá revogar a concesión da bolsa se a persoa beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.

4. A revogación da bolsa obrigará a persoa beneficiaria, de ser o caso, ao reintegro das cantidades percibidas, incluídos os xuros de mora, logo de instrución do procedemento de reintegro previsto no artigo 37 e seguintes da Lei de subvencións de Galicia, e no título V do regulamento da dita lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro).

5. A renuncia á bolsa dará lugar á perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non gozada.

Décimo sétima. Información aos órganos fiscalizadores

As persoas beneficiarias estarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Décimo oitava. Recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, no caso de que o acto for expreso. Se este non o for (acto presunto), a persoa solicitante e outras posibles interesadas poderán interpoñelo en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que este se produza, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Décimo novena. Información ás persoas interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) núm. 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. Por outra banda, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, deberánselle transmitir á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola dita base de datos.

missing image file
missing image file
missing image file