Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Xoves, 2 de xuño de 2022 Páx. 32285

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 20 de maio de 2022 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2022/23 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, determina na disposición adicional quinta que o calendario escolar, que fixarán anualmente as administracións educativas, comprenderá un mínimo de 175 días lectivos para o ensino obrigatorio.

Tendo en conta que as funcións de planificación, regulación e administración do ensino regrado son competencia da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e co obxecto de fixar o calendario escolar e as actividades de fin de curso para o curso 2022/23 nos centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer o calendario escolar para o curso 2022/23.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta orde é de aplicación en todos os centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos.

Artigo 3. Duración do curso académico

O curso académico abranguerá desde o día 1 de setembro de 2022 ata o 31 de agosto de 2023.

CAPÍTULO II

Inicio de curso

Artigo 4. Actividades de inicio de curso

1. Desde o día 1 de setembro de 2022 ata o inicio das actividades lectivas, o profesorado dos centros docentes públicos, ben individualmente ben formando parte dos órganos de coordinación didáctica correspondentes, baixo a dirección das persoas responsables, colaborará na adaptación da programación xeral anual e na revisión dos proxectos educativos e das concrecións dos currículos, participará nas reunións de ciclos, departamentos, claustros e naquelas outras actividades relacionadas coa organización do curso que sexan da súa competencia. Neste período, o profesorado, baixo a coordinación e dirección da xefatura de departamento, coordinación de ciclo ou do profesorado titor que corresponda, dedicarase a adaptar e, de ser o caso, elaborar, a programación didáctica das áreas, materias, ámbitos ou módulos das ensinanzas correspondentes considerando as propostas de mellora recollidas nas memorias de final de curso e a organizar o curso escolar. A xefatura de estudos velará polo cumprimento destas actividades de inicio de curso.

2. Antes do inicio das actividades lectivas, o profesorado responsable de cada departamento, da coordinación de ciclo e a titora ou o titor de curso fará entrega da programación didáctica á xefatura de estudos. A dirección do centro remitirá as programacións didácticas á Inspección educativa, antes do día 20 de setembro, que comprobará a súa adecuación ao establecido nas disposicións vixentes.

Nos centros docentes sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato deberá utilizarse para a elaboración e o seguimento das programacións das áreas, materias ou ámbitos do segundo ciclo de educación infantil, do primeiro, terceiro e quinto cursos de educación primaria, do primeiro e terceiro cursos da educación secundaria obrigatoria e do primeiro curso do bacharelato, a aplicación informática de programacións que poña á disposición a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. A dita aplicación informática tamén se utilizará para a entrega, supervisión e comprobación por parte das xefaturas de departamento ou, de ser o caso, do profesorado titor ou coordinador de ciclo, así como por parte das direccións destes centros e da Inspección educativa. Nestes casos, a Inspección educativa poderá flexibilizar os prazos a que se refire o parágrafo anterior de acordo coas instrucións da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

Así mesmo, nos centros docentes sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de formación profesional deberá utilizarse para a elaboración e o seguimento das programacións dos módulos profesionais dos títulos establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, a aplicación informática de programacións de formación profesional. A dita aplicación informática tamén se utilizará para a entrega, supervisión e comprobación por parte das xefaturas de departamento, das direccións destes centros e da Inspección educativa. No caso das programacións dos ámbitos de Comunicación e Ciencias Sociais e de Ciencias Aplicadas do primeiro curso dos ciclos formativos de grao básico, a Inspección educativa poderá flexibilizar os prazos a que se refire o primeiro parágrafo deste punto de acordo coas instrucións da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

3. Nos primeiros días de actividade lectiva cada equipo docente, departamento didáctico ou as persoas responsables dos centros privados concertados, informarán o alumnado e, de ser o caso, as súas respectivas familias ou representantes legais sobre os obxectivos, contidos, procedementos, instrumentos e criterios de avaliación e cualificación das diferentes áreas, materias, ámbitos ou módulos, incluídas as materias, ámbitos ou módulos pendentes de cursos anteriores, e os procedementos de recuperación e de apoio previstos. Así mesmo, informarán dos criterios de promoción e titulación.

A dirección do centro responsabilizarase de que a información sobre a avaliación e os seus procesos sexa accesible e se lle dea publicidade de xeito manifesto para toda a comunidade educativa, seguindo o procedemento establecido nas súas normas de organización, funcionamento e convivencia.

4. Os centros docentes que impartan a etapa de educación infantil poderán optar por unha incorporación gradual do alumnado matriculado no cuarto curso da etapa, que non se prolongará máis alá do día 16 de setembro de 2022. Para a planificación desta incorporación gradual, os centros docentes terán en conta a escolarización previa do alumnado, a existencia de irmás ou irmáns matriculados no centro, así como as necesidades familiares, garantindo, en todo caso, a atención a tempo completo do alumnado cuxas familias ou representantes legais así o soliciten. As medidas organizativas e pedagóxicas adoptadas para este período deberán ser aprobadas polo claustro de profesorado e incluídas na programación xeral anual.

CAPÍTULO III

Desenvolvemento do curso

Artigo 5. Calendario das actividades lectivas

1. As actividades lectivas nas ensinanzas de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria, de bacharelato e de formación profesional realizaranse desde o día 8 de setembro de 2022 ata o 21 de xuño de 2023, ambos inclusive.

Non obstante o anterior, para o segundo curso de bacharelato a impartición efectiva das clases rematará de acordo coas datas previstas para a avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (en diante, ABAU).

2. As actividades lectivas nas ensinanzas de réxime especial realizaranse desde o día 8 de setembro de 2022 ata o 30 de xuño de 2023, ambos inclusive, de acordo cos calendarios de probas de acceso e probas de certificación establecidos para cada unha delas.

Artigo 6. Vacacións escolares

Os períodos de vacacións escolares no curso académico 2022/23 serán os seguintes:

– Nadal: desde o día 23 de decembro de 2022 ata o día 6 de xaneiro de 2023, ambos inclusive.

– Entroido: os días 20, 21 e 22 de febreiro de 2023.

– Semana Santa: desde o día 3 ata o día 10 de abril de 2023, ambos inclusive.

Artigo 7. Días non lectivos

1. Ademais das festas de ámbito estatal, son días non lectivos os festivos así declarados pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, en exercicio das competencias que lle atribúe o artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, sobre regulación da xornada de traballo, xornadas especiais e descansos, na súa redacción dada polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, e as festas laborais de carácter local publicadas por resolución da devandita consellería.

2. Nos centros en que unha ou as dúas festas laborais de carácter local a que se refire o punto anterior non coincidan con días lectivos, os consellos escolares, os consellos sociais ou, na súa falta, os responsables dos centros de menos de tres unidades poderán solicitar, segundo proceda, un ou dous días non lectivos, que deberán preverse na programación xeral anual do centro, argumentando razóns de tradición, costume ou conveniencia pedagóxica. Esta petición deberá facerse antes do día 21 de outubro de 2022 perante a xefatura territorial correspondente, que, logo de informe da Inspección educativa e dos que coide oportunos, resolverá o que proceda.

É recomendable que os centros da mesma localidade elixan, de ser o caso, os mesmos días non lectivos, para o cal se buscará o consenso entre todos os centros para a súa selección.

3. Ademais dos anteriores establécese o Día do Ensino coa consideración de non lectivo e que no curso 2022/23 se celebrará o 31 de outubro de 2022.

Artigo 8. Conmemoracións

1. Os centros docentes poderán celebrar as conmemoracións recollidas no anexo I desta orde, segundo establezan na súa programación xeral anual.

Cando algunha das datas de conmemoracións recollidas no anexo I sexa sábado, domingo, festividade local ou estea incluída nalgún dos períodos de vacacións escolares establecidos no artigo 6 desta orde, a correspondente conmemoración poderá celebrarse o día lectivo inmediatamente anterior ou posterior.

2. As datas de conmemoracións recollidas no anexo I son lectivas para todos os efectos e nelas os centros poderán organizar actividades diversas, tendentes a salientar a importancia das conmemoracións mencionadas.

Artigo 9. Servizos complementarios

1. Aqueles centros que combinen o servizo de transporte escolar con outros centros deberán establecer, coa autorización da xefatura territorial correspondente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, un horario que, coas adaptacións necesarias, lles permita garantir o axuste e a perfecta coordinación dos centros con este servizo. Estes centros comunicaranlle á xefatura territorial a proposta de horario escolar para o curso 2022/23, que deberá resolver antes do inicio das actividades lectivas.

2. Os comedores escolares dos centros públicos funcionarán desde o día 8 de setembro de 2022 ata o 21 de xuño de 2023, ambos inclusive.

CAPÍTULO IV

Final de curso

Artigo 10. Sesións de avaliación

1. As sesións de avaliación final ordinaria do alumnado do segundo curso de bacharelato adecuaranse ás datas previstas para a ABAU.

2. A sesión de avaliación final ordinaria do alumnado do primeiro curso do bacharelato, a sesión da avaliación final de módulos do alumnado do primeiro curso dos ciclos formativos de grao básico, así como a sesión de avaliación previa á avaliación final do alumnado da educación secundaria obrigatoria deberán realizarse a partir do día 5 de xuño de 2023.

3. As sesións de avaliación final extraordinaria do alumnado do bacharelato e do primeiro curso dos ciclos formativos de grao básico, a sesión de avaliación final do alumnado da educación secundaria obrigatoria, as sesións da avaliación final de ciclo do segundo curso dos ciclos da formación profesional básica e as sesións da avaliación final de módulos do alumnado dos ciclos formativos de formación profesional deberán realizarse a partir do día 22 de xuño de 2023.

4. Para as sesións de avaliación final do alumnado das ensinanzas de réxime especial, a dirección do centro deberá propor antes do día 30 de abril de 2023, conforme os anexos II, III e IV desta orde, as datas correspondentes á xefatura territorial que corresponda, para a súa autorización.

Artigo 11. Probas finais

1. O alumnado de segundo de bacharelato con materias pendentes do primeiro curso será convocado, de ser o caso, a unha proba final que se adecuará ás datas previstas para a ABAU.

2. As probas finais da convocatoria extraordinaria para o bacharelato e o primeiro curso dos ciclos formativos de grao básico realizaranse entre o 19 e o 21 de xuño de 2023.

3. Naqueles centros que prevexan a realización de probas nas ensinanzas de réxime especial, a dirección do centro deberá propor as datas correspondentes á xefatura territorial que corresponda, para a súa autorización, conforme os referidos anexos II, III e IV desta orde.

Artigo 12. Horario do profesorado

1. As direccións dos centros quedan autorizadas para introduciren as modificacións oportunas nos horarios do profesorado do segundo curso de bacharelato e de formación profesional que se vexa afectado pola realización do módulo de formación en centros de traballo nas horas en que deixe de impartir as materias ou módulos da súa competencia a partir da sesión de avaliación que corresponda, así como nos horarios do profesorado do primeiro curso de bacharelato e de educación secundaria obrigatoria a partir do día 5 de xuño de 2023, asignando tarefas da súa responsabilidade, dando prioridade á realización de actividades de apoio, de reforzo e de recuperación para o alumnado con materias, ámbitos ou módulos con partes sen superar e, de ser o caso, de preparación da ABAU e das probas extraordinarias, de xeito que o profesorado desenvolverá en todo momento e ata a finalización das actividades lectivas o horario que lle corresponde conforme a normativa vixente.

2. O período comprendido entre o día 22 de xuño e o 30 de xuño de 2023, ambos inclusive, será dedicado polo profesorado, entre outras actividades, a elaborar as actas de avaliación, os informes individualizados, os consellos orientadores, os informes para as familias e os documentos de avaliación que correspondan, a entrega de cualificacións, a atención a reclamacións e cantas outras actividades estean relacionadas co final de curso. Todo o profesorado dos centros públicos permanecerá no centro ata o día 30 de xuño de 2023, inclusive. Nese período de tempo, a dirección adaptará o horario do profesorado de acordo coas actividades programadas.

3. Durante o mes de xuño, as direccións dos centros públicos de ensinanzas de réxime especial poderán adaptar os horarios do profesorado ás necesidades específicas de cada centro.

4. Durante o curso académico, nos centros pertencentes á Rede de centros integrados de formación profesional de Galicia, dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, o horario do profesorado adaptarase ás necesidades que permitan cumprir coas actividades formativas e accións establecidas para cada área funcional e/ou departamento segundo o plan anual.

5. A adaptación do horario do profesorado non poderá supor variación do número global de horas semanais de permanencia no centro previsto no horario lectivo de cada profesora ou profesor.

Artigo 13. Atención ás reclamacións contra as cualificacións ou decisións de promoción ou titulación

As direccións dos centros deben garantir a atención ás reclamacións contra as cualificacións finais ou decisións de promoción ou titulación de conformidade co procedemento e prazos establecidos na normativa vixente de cada etapa educativa.

Artigo 14. Actas de avaliación final

As secretarías dos centros deberán arquivar e ter á disposición do Servizo Territorial de Inspección Educativa correspondente as actas de avaliación final de todos os cursos do seu centro e dos centros privados adscritos, de ser o caso, desde o día 15 de xullo de 2023.

Artigo 15. Memorias de fin de curso

O equipo directivo e o profesorado dedicará especial atención á análise e valoración de resultados da avaliación do rendemento académico do alumnado, que deberá incluírse na memoria final de curso coas propostas de mellora que correspondan. Así mesmo, esta memoria incorporará propostas de modificación ás programacións didácticas, sobre estratexias metodolóxicas e criterios de cualificación, promoción e titulación.

As direccións dos centros educativos enviarán ao Servizo Territorial de Inspección Educativa correspondente, antes do 10 de xullo de 2023, a memoria anual do centro.

Disposición adicional primeira. Modificación do calendario escolar e comedores escolares

1. As xefaturas territoriais, por circunstancias concretas de organización, poderán autorizar a modificación das datas de comezo e remate das actividades lectivas e de funcionamento dos comedores escolares.

2. Calquera modificación que se precise facer no calendario escolar deberá ser solicitada, polo menos con quince días de antelación, polo centro interesado á xefatura territorial correspondente que, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa e dos que considere oportunos, resolverá o que proceda.

Disposición adicional segunda. Adscrición funcional en educación primaria

Para os efectos da adscrición funcional do profesorado do corpo de mestres e co obxecto de respectar o dereito de cada grupo de alumnas e alumnos a manter a mesma persoa titora durante dous cursos na educación primaria, este dereito entenderase referido a primeiro e segundo curso, terceiro e cuarto curso, e quinto e sexto curso.

Disposición adicional terceira. Prórroga da xornada matinal

A xornada matinal nos centros que a tivesen concedida pola xefatura territorial para os meses de xuño e setembro do ano académico 2021-2022 considérase prorrogada para o curso 2022/23 nos mesmos termos, sempre que non variasen as circunstancias en que foi concedida.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución

Autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ANEXO I

Conmemoracións. Curso 2022/23

– 20 de novembro de 2022: Día Universal da Infancia.

– 25 de novembro de 2022: Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

– Do 30 de novembro ao 7 de decembro de 2022: conmemoración da Constitución e do Estatuto de autonomía de Galicia.

– 3 de decembro de 2022: Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

– 10 de decembro de 2022: Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

– 24 de xaneiro de 2023: Día Internacional da Educación.

– 30 de xaneiro de 2023: Día Escolar da non Violencia e da Paz.

– 23 de febreiro de 2023: Día de Rosalía de Castro.

– 8 de marzo de 2023: Día Internacional da Muller.

– 15 de marzo de 2023: Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.

– Do 6 ao 10 de marzo de 2023: Semana da Prensa. Un día desta semana traballarase na aula con xornais.

– 1 de abril de 2023: Día das Artes Galegas.

– 7 de abril de 2023: Día Mundial da Saúde.

– Do 17 ao 21 de abril de 2023: Semana do Libro.

– 2 de maio de 2023: Día Internacional contra o Acoso Escolar.

– 9 de maio de 2023: Día de Europa.

– Do 15 ao 19 de maio de 2023: Semana das Letras Galegas.

– 5 de xuño de 2023: Día Mundial do Medio Ambiente.

– De conformidade co establecido no artigo 26.2 da Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia, para favorecer a visibilidade e integrar de forma transversal a diversidade afectivo-sexual, os centros docentes sostidos con fondos públicos realizarán actividades específicas próximas ás datas de celebracións internacionais relacionadas co recoñecemento efectivo do dereito destas persoas.

missing image file
missing image file
missing image file