Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Martes, 7 de xuño de 2022 Páx. 33377

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

DECRETO 92/2022, do 19 de maio, polo que se declara de utilidade pública e interese social a aldea modelo de Carzoá, no concello de Cualedro (Ourense).

Mediante a Resolución do 21 de xaneiro de 2022, do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), declarouse a aldea modelo de Carzoá, no concello de Cualedro (Ourense), da cal se deduce a conveniencia de levar a cabo o desenvolvemento da aldea modelo e a declaración de utilidade pública e interese social dela.

A persoa titular da Dirección Xeral da Agader formulou a proposta prevista no artigo 112.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería do Medio Rural, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezanove de maio de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1. Declaración de utilidade pública e interese social

Declarar de utilidade pública e interese social a aldea modelo de Carzoá, no concello de Cualedro (Ourense).

Artigo 2. Delimitación do perímetro da aldea modelo

O perímetro da aldea modelo é o que figura no documento con código de verificación electrónica (CVE) ruiIJmgXn5, verificable en https://sede.xunta.gal/cve, sen prexuízo da súa posible modificación segundo o disposto no artigo 112.2.a) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Artigo 3. Autorizacións

Autorizar a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a redacción do proxecto de ordenación produtiva da forma establecida no artigo 113 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Autorizar a consellería con competencias en medio rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, para a execución dos procedementos de investigación da titularidade na forma prevista no artigo 19 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Autorizar o órgano territorial competente en materia de medio rural onde radiquen os predios e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a execución dos procedementos de declaración de abandono da forma establecida no capítulo I do título IV da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Artigo 4. Interese público

A declaración de utilidade pública e interese social implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para os efectos da aplicación da tramitación de urxencia ao procedemento e aos informes ambientais e sectoriais polos órganos autonómicos e da Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o establecido polo artigo 112.3 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Disposición derradeira única. Eficacia

Este decreto producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de maio de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural