Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Martes, 7 de xuño de 2022 Páx. 33304

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2022, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento do proceso de admisión das ensinanzas de formación profesional de grao básico para o curso 2022/23.

O artigo 41.1 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece os requisitos de acceso a ciclos formativos de grao básico de formación profesional.

O Decreto 107/2014, do 4 de setembro, regula aspectos específicos da formación profesional básica das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo en Galicia e establece vinte e un currículos de títulos profesionais básicos.

O acceso e a admisión ás ensinanzas de formación profesional básica están regulados no capítulo III da Orde do 13 de xullo de 2015 pola que se regulan as ensinanzas de formación profesional básica na Comunidade Autónoma de Galicia, así como o acceso e a admisión nestas ensinanzas.

A Orde do 19 de maio de 2021 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2021/22 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia establece un calendario escolar en que se adianta a finalización do curso ao mes de xuño. En cursos anteriores estas probas realizábanse no mes de setembro, de xeito que condicionaban o calendario de acceso e admisión nas ensinanzas de formación profesional básica. Desaparecido este condicionante, é necesario adaptar o proceso de acceso e admisión ás novas circunstancias.

A Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, introduce modificacións na formación profesional básica que supoñen un cambio de estrutura curricular e, no caso de superar o ciclo formativo, obterase o título de graduado en educación secundaria e un título de técnico básico na especialidade correspondente. Nesta modificación da Lei orgánica 2/2006, tamén se insiste na importancia da selección do perfil académico e vocacional do alumnado que sexa proposto para realizar ciclos formativos de grao básico; así, o artigo 30.1 di: «O equipo docente poderá propor a pais, nais ou persoas titoras legais e ao propio alumno ou alumna, a través do consello orientador, a súa incorporación a un ciclo formativo de grao básico cando o perfil académico e vocacional do alumno ou da alumna así o aconselle, sempre que cumpra os requisitos establecidos no artigo 41.1 desta lei. As administracións educativas determinarán a intervención do propio alumnado, das súas familias e dos equipos ou servizos de orientación neste proceso. Os ciclos formativos de grao básico irán dirixidos preferentemente a quen presente maiores posibilidades de aprendizaxe e de alcanzar as competencias de educación secundaria obrigatoria nunha contorna vinculada ao mundo profesional, velando para evitar a segregación do alumnado por razóns socioeconómicas ou doutra natureza, co obxectivo de preparalo para a continuación da súa formación».

Por todo isto, é preciso ditar as instrucións para o desenvolvemento do proceso de admisión ás ensinanzas de formación profesional de grao básico para o curso 2022/23 e, na súa virtude, esta secretaría xeral

DISPÓN:

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta resolución ten por obxecto ditar instrucións para o desenvolvemento do proceso de admisión e matrícula das ensinanzas de formación profesional de grao básico para o curso académico 2022/23 no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Requisitos de acceso á oferta obrigatoria

Son os establecidos no artigo 41.1 da Lei orgánica 2/2006, que di:

«O acceso aos ciclos formativos de grao básico requirirá o cumprimento simultáneo das seguintes condicións:

a) Ter feitos quince anos ou facelos durante o ano natural en curso.

b) Ter cursado o terceiro curso de educación secundaria obrigatoria ou, excepcionalmente, ter cursado o segundo curso.

c) Ter proposto o equipo docente aos pais, ás nais ou ás persoas titoras legais a incorporación do alumno ou da alumna a un ciclo formativo de grao básico, de conformidade co indicado no artigo 30».

Terceiro. Fases e fitos do proceso de admisión en formación profesional básica

1. Fase previa. Elaboración da relación inicial de proposta de incorporación de alumnado á formación profesional básica (coincidindo coa terceira avaliación parcial). Elaboración do consello orientador. Carga da relación inicial de alumnado proposto na aplicación CiclosAdmisión. Revisión e autorización da Inspección Educativa do centro. Rematará na avaliación final coa elaboración da relación final de alumnado proposto para a incorporación aos ciclos de grao básico.

2. Fase de comunicación a pais, nais e persoas titoras legais. Obtención do consentimento asinado e carga da solicitude de admisión e da documentación complementaria na aplicación CiclosAdmisión polo centro de orixe. Entrega do resgardo de solicitude á persoa solicitante.

3. Publicación da listaxe provisional de solicitudes e período de emenda da información da listaxe polos centros de orixe. Publicación da listaxe definitiva de solicitudes.

4. Asignación de prazas e autorización da matrícula pola comisión de escolarización. Publicación da listaxe de alumnado admitido e non admitido. Ningunha matrícula se fará sen autorización da comisión de escolarización. Estas autorizacións poderán realizarse a través da aplicación informática CiclosAdmisión.

5. Autorización pola comisión de escolarización de matrícula en ciclos liberados para alumnado fóra da idade de escolarización obrigatoria que non teña o título de educación secundaria obrigatoria. Terán consideración de liberados os ciclos que dispoñan de prazas vacantes non cubertas por alumnado de escolarización obrigatoria. A comisión de escolarización tamén determinará os ciclos cuxa impartición non sexa viable pola baixa demanda e que terán a condición de suprimidos.

Cuarto. Procedemento para realizar a proposta de incorporación á oferta obrigatoria

Para realizar a proposta de incorporación dun alumno ou dunha alumna a un ciclo formativo de grao básico seguirase o procedemento seguinte:

a) O equipo docente dos grupos da educación secundaria obrigatoria con alumnado que poida ser proposto para realizar ciclos formativos de formación profesional básica, xunto co xefe ou a xefa do Departamento de Orientación, realizarán unha reunión en que se analice a situación escolar do alumnado en risco de non alcanzar o título de graduado en educación secundaria obrigatoria. Nesta reunión establecerase unha relación inicial de alumnado susceptible de se incorporar ás ensinanzas de formación profesional básica, que será asinada por todo o equipo docente e o xefe ou a xefa do Departamento de Orientación. Con carácter xeral, esta reunión coincidirá coa sesión da terceira avaliación parcial do mes de xuño.

b) O titor ou a titora elaborarán para cada alumno ou alumna o consello orientador, segundo o modelo do anexo II da Orde do 13 de xuño de 2015, coa axuda do xefe ou a xefa do Departamento de Orientación, no cal se fará constar:

– O grao de logro dos obxectivos e de adquisición das competencias que xustifican a proposta.

– As dificultades de aprendizaxe presentadas.

– As medidas de atención á diversidade aplicadas, de ser o caso.

– Os motivos razoados polos que o equipo docente considera a conveniencia de que o alumno ou a alumna se integren nun ciclo formativo de formación profesional básica.

O consello orientador emitirase por duplicado e irá asinado polo titor ou a titora do alumno ou da alumna, en nome do equipo docente, polo xefe ou a xefa do Departamento de Orientación, e pola persoa encargada da dirección do centro educativo. Este consello orientador, xunto cos datos do alumnado proposto para ser incorporado a ciclos de grao básico, será cargado na aplicación CiclosAdmisión entre o 6 e o 10 de xuño e pasará a estar ao dispor da Inspección Educativa para a súa revisión. A Inspección Educativa autorizará ou rexeitará individualmente o alumnado que pasará a formar parte da proposta definitiva de alumnado para incorporar á formación profesional básica do 13 ao 17 de xuño.

Na sesión de avaliación final do alumnado de educación secundaria obrigatoria establecerase a relación final de alumnado susceptible de se incorporar ás ensinanzas de formación profesional básica, que será asinada por todo o equipo docente e o xefe ou a xefa do Departamento de Orientación.

c) A dirección do centro comunicaralles ao pai, á nai ou ás persoas titoras legais do alumno ou da alumna que este/a foi proposto/a para un ciclo formativo de formación profesional básica, e entregará un exemplar do consello orientador e o documento no cal, de ser o caso, darán o consentimento para incorporar o alumno ou a alumna a estas ensinanzas (anexo III da Orde do 13 de xullo de 2015).

O Departamento de Orientación colaborará coa dirección do centro para informar o alumnado e as familias do alumnado proposto acerca das características xerais e das finalidades dos ciclos formativos da formación profesional básica.

d) O documento de consentimento deberá vir debidamente cuberto e asinado por calquera das persoas titulares da patria potestade ou representantes legais. No caso de separación ou divorcio, será necesaria a sinatura de ambos os proxenitores, agás nos supostos de alumnado afectado por situacións de violencia de xénero ou de que a patria potestade estea atribuída, con carácter exclusivo, a un deles. Nestes casos, será necesario presentar, xunto co documento, a resolución xudicial correspondente para que o centro educativo a cotexe.

De non entregar este documento no prazo que se estableza, entenderase que non dan o consentimento.

e) No caso de que o pai, a nai ou as persoas titoras legais do alumno ou da alumna dean o consentimento para o/a incorporar a estas ensinanzas, a dirección do centro educativo entregaralles por duplicado o documento de comunicación de incorporación á formación profesional básica segundo o modelo do anexo IV. O centro educativo de orixe completará a carga da solicitude de admisión a formación profesional básica e a documentación complementaria segundo o establecido no punto quinto desta resolución.

f) Un exemplar do consello orientador e, de ser o caso, do documento de consentimento incluiranse no expediente académico.

Nos centros privados, as funcións de dirección entenderase que serán realizadas pola persoa titular desta, e as funcións do xefe ou a xefa do Departamento de Orientación serán realizadas, de ser o caso, pola persoa que realice tarefas de información e/ou orientación.

Quinto. Solicitude de admisión e matrícula nos ciclos formativos de oferta obrigatoria

Na procura da maior eficiencia administrativa e para lle evitar ao alumnado proposto para incorporarse a un ciclo de grao básico a realización de trámites administrativos innecesarios ou duplicados, será o centro de orixe do alumnado o encargado de recoller e cargar os datos da solicitude de admisión e matrícula, segundo o modelo do anexo I da Orde do 13 de xullo de 2015, na aplicación informática CiclosAdmisión. Na aplicación faranse constar dous ciclos de grao básico por orde de preferencia para os cursar e outros dous que serán de reserva no caso de non obter praza en ningún dos dous primeiros, e que serán empregados pola comisión de escolarización para realizar a adxudicación subsidiaria.

Da aplicación descargarase un resgardo de solicitude con dúas copias, unha para o centro e outra para a persoa solicitante (con un código de solicitude único e un código persoal de consulta), que será entregado, selado e datado, á persoa solicitante ou ás súas persoas representantes, como documentación acreditativa da presentación da solicitude. O código de solicitude e o código persoal de consulta deste resgardo permitirán un acceso individualizado das persoas solicitantes aos seus datos persoais no proceso de admisión. Tamén permitirán a consulta das listaxes públicas, xa que non poden conter datos de identificación.

Os resgardos da solicitude deberán ser asinados pola persoa solicitante. Se esta é menor de idade, ademais deberá ser asinado por calquera das persoas titulares da patria potestade ou representantes legais. No caso de separación ou divorcio, será necesaria a sinatura de ambos os proxenitores, agás nos supostos de alumnado afectado por situacións de violencia de xénero ou de que a patria potestade estea atribuída, con carácter exclusivo, a un deles. Nestes casos, será necesario presentar, xunto coa solicitude de admisión, a resolución xudicial correspondente para que o centro educativo a cotexe.

O prazo para a carga das solicitudes polo centro de orixe na aplicación informática será do 27 de xuño ata as 14.00 horas do día 6 de xullo. Ademais da solicitude cuberta segundo o anexo I, á aplicación informática subirase a seguinte documentación escaneada:

a) Documento oficial de identidade, DNI ou NIE.

b) Comunicación de incorporación á formación profesional básica (anexo IV da Orde do 13 de xullo de 2015).

c) Certificado de discapacidade, no caso de participar no proceso de admisión pola reserva para persoas con discapacidade e se se dá algunha das seguintes situacións:

1º. Non autorizar a consulta dos datos relativos ao certificado de discapacidade en poder da Administración autonómica de Galicia, de conformidade co artigo 4 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos.

2º. Se o órgano competente para emitir o certificado de discapacidade non pertence á Administración autonómica de Galicia.

Sexto. Postos escolares dispoñibles

1. Con carácter xeral, o número de postos escolares dispoñibles para cada ciclo da formación profesional básica é de dezaoito.

Excepcionalmente, a xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que corresponda poderá modificar o límite establecido, considerando as posibilidades organizativas do centro.

2. Do total de postos escolares que se ofrezan, reservarase a mesma porcentaxe que para o resto das ensinanzas de formación profesional, é dicir, o 10 por cento (dúas persoas por grupo), para estudantes que teñan recoñecida unha discapacidade.

Esta porcentaxe reservarase ata que finalice a adxudicación subsidiaria da comisión de escolarización establecida no artigo 14.6 da Orde do 13 de xullo de 2015.

3. O alumnado con necesidades educativas especiais que curse un ciclo formativo da formación profesional básica incorporarase, con carácter xeral, co resto do alumnado matriculado no programa. Neste caso, para os efectos de ocupar postos escolares computará o dobre.

Sétimo. Procedemento de admisión

1. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, no caso de existir maior número delas que de postos escolares dispoñibles, asignaranse as prazas conforme os seguintes criterios de prioridade:

a) Alumnado que cursase 2º de ESO.

b) Alumnado que cursase 3º de ESO.

c) Alumnado que cursase 4º de ESO.

Dentro de cada grupo, ordenarase de menor a maior idade.

En caso de empate entre varias persoas solicitantes por un mesmo posto escolar e co obxectivo de favorecer o fomento das vocacións nas áreas con infrarrepresentación de mulleres ou de homes, seleccionarase en virtude do sexo menos representado na área profesional en que se demande a praza de formación.

Se logo de aplicados estes criterios se mantén o empate, este resolverase aplicando o procedemento e o resultado do sorteo que anualmente realiza a consellería con competencias en educación para a admisión do alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, segundo o artigo 29 da Orde do 12 de marzo de 2013.

2. A admisión do alumnado corresponde:

a) Nos centros públicos, ao director ou á directora. Ademais, o consello escolar, de existir este órgano colexiado, debe emitir informe, consonte o disposto nos artigos 132.n) e 127.e) da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

b) Nos centros privados con ensinanzas concertadas, a admisión do alumnado correspóndelle a quen exerza a súa titularidade, e o consello escolar deberá garantir o cumprimento das normas xerais de admisión, consonte o disposto no artigo 57.c) da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación. Con este fin, o referido consello escolar asesorará a quen exerza a titularidade do centro, que será responsable do cumprimento das citadas normas.

Oitavo. Listaxes e información do procedemento de admisión

1. Quen desexar información puntual no relativo ás publicacións en todo o proceso poderá dirixirse á páxina web http://www.edu.xunta.gal/fp onde se publicarán as listaxes correspondentes ou ben ao seu centro de orixe, ou a aquel en que se lle asigne praza. Estas listaxes terán efectos de comunicación para as persoas participantes.

2. O día 8 de xullo publicarase a listaxe provisional de persoas propostas para a incorporación ás ensinanzas de formación profesional básica coa información das solicitudes. Os centros de orixe comprobarán a corrección da información publicada e terán ata o día 12 de xullo ás 14.00 horas para realizar as emendas que sexan necesarias.

3. O día 20 de xullo publicarase a listaxe definitiva de solicitudes coa información das solicitudes que se empregará para realizar a asignación de prazas.

4. O mesmo día 20 de xullo farase pública a listaxe do alumnado admitido e non admitido en cada ciclo formativo de grao básico.

Contra esta listaxe, as persoas solicitantes poderán presentar desde o día 20 ata o día 22 de xullo, ante a dirección dos centros públicos ou ante quen exerza a titularidade dos centros privados, a correspondente reclamación.

Contra o resultado desta reclamación, as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada, no caso dos centros públicos, ou formular reclamación, no caso dos centros privados, ante a persoa titular da xefatura territorial, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa comunicación.

5. Logo de publicada a listaxe do alumnado admitido, a comisión de escolarización autorizará os centros para comunicar co alumnado e realizar as correspondentes matrículas, tanto das persoas que teñan praza asignada como daquelas ás cales lles sexa asignada pola comisión de escolarización en adxudicación subsidiaria. Para estes efectos empregarase a aplicación informática CiclosAdmisión.

6. A comisión de escolarización determinará os ciclos que queden liberados por dispor de prazas vacantes ao carecer de listaxe de espera, e tamén os ciclos suprimidos por non ter demanda suficiente para seren impartidos.

7. Para a comunicación do establecido nos puntos 4, 5, 6 e 7 do artigo 14 da Orde do 13 de xullo de 2015, empregarase a aplicación informática CiclosAdmisión.

Noveno. Constitución de grupos nos ciclos formativos de oferta obrigatoria sostidos con fondos públicos

1. Logo de que se atendan todas as solicitudes de matrícula, incluídas as remitidas pola comisión de escolarización, e constituído o grupo, de quedaren prazas vacantes, poderanse completar os grupos con persoas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que teñan 17 anos e non estivesen escolarizadas no curso escolar anterior, ou que teñan 18 ou 19 anos, ou que fagan 20 anos no ano de inicio do ciclo formativo.

b) Que non estean en posesión dun título de formación profesional nin calquera outro título que acredite a finalización de estudos secundarios completos.

Estas persoas deberán presentar a solicitude de admisión nos prazos establecidos para a oferta obrigatoria e, de existir máis solicitudes que prazas, asignaranse as prazas seguindo o criterio de menor a maior idade. En caso de empate, utilizaranse os procedementos de desempate regulados no punto sétimo.

Décimo. Alumnado repetidor de primeiro curso ou que acade promoción a segundo curso de grao básico

1. O alumnado repetidor de primeiro curso presentará a solicitude de admisión e matrícula no mesmo centro en que estivese matriculado no curso previo. O prazo para a presentación desta solicitude e o prazo para formalizar a matrícula son os mesmos que para o alumnado de nova incorporación ao primeiro curso. Os centros terán que rexistrar esta solicitude de admisión na aplicación informática de xestión do proceso de admisión, CiclosAdmisión.

2. O alumnado que acade promoción a segundo curso ou que repita o segundo curso presentará a solicitude de admisión e matrícula no mesmo centro en que estivese matriculado no curso previo. O prazo de presentación desta solicitude será o mesmo que para o alumnado de nova incorporación ao primeiro curso. A presentación da solicitude terá consideración de matrícula e ha permitir ao centro realizar o rexistro da matrícula na aplicación informática XADE.

Disposición derradeira primeira. Difusión

1. A dirección dos centros educativos que impartan estas ensinanzas arbitrará as medidas necesarias para que esta resolución sexa coñecida por todos os membros da comunidade educativa.

2. Os departamentos territoriais, a través dos servizos territoriais de Inspección Educativa e dos directores e as directoras dos centros educativos, garantirán o cumprimento do disposto nesta resolución e asesorarán sobre o seu contido.

Disposición derradeira segunda. Tramitación de información

Os centros de orixe e de destino do alumnado proposto para a incorporación á formación profesional básica tramitarán a información e a documentación referente ao alumnado participante a través das aplicacións informáticas facilitadas pola Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, CiclosAdmisión ou XADE, segundo corresponda ao proceso de tramitación de solicitudes polo centro de orixe ou de matrícula no centro de destino, ou por calquera outro medio que esta determine.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2022

José Luis Mira Lema
Secretario xeral de Educación e Formación Profesional