Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Martes, 14 de xuño de 2022 Páx. 34378

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 97/2022, do 25 de maio, polo que se regula a categoría de médico/a de admisión e documentación clínica do Servizo Galego de Saúde.

A Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, dispón no artigo 15.1 que cada servizo de saúde establecerá, modificará ou suprimirá as categorías do seu persoal estatutario de acordo coas previsións contidas no propio Estatuto marco. E conforme o artigo 113.4 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, a creación, modificación e supresión de categorías estatutarias realizarase por decreto do Consello da Xunta.

O Decreto 292/2001, do 8 de novembro, polo que se configura a categoría de médico de admisión e documentación clínica, creou esa categoría nun intre en que a estrutura organizativa do Servizo Galego de Saúde respondía á separación entre niveis asistenciais (atención primaria e atención hospitalaria). Por tal motivo alude expresamente ás institucións hospitalarias nos seus artigos 1 e 2, e establece un ámbito funcional moi directamente vinculado á actividade desas institucións.

A citada Lei 8/2008, do 10 de xullo, estableceu o mandato de introducir na asistencia sanitaria modelos de xestión e fórmulas organizativas, cunha visión horizontal e integradora dos procesos asistenciais, que procuren superar os compartimentos existentes na relación primaria-hospitalaria.

Tras un proceso de implantación dese modelo organizativo de xestión integrada, nomeadamente a partir do Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se regula a estrutura organizativa de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde, actualmente, e despois da modificación da Lei 8/2008 pola Lei 1/2018, do 2 de abril, a ordenación territorial e de xestión do Sistema público de saúde baséase nunhas áreas sanitarias que asumen no seu ámbito territorial a xestión, con autonomía funcional e de forma integrada, dos centros, recursos sanitarios, prestacións e programas da atención sanitaria tanto do nivel de atención primaria como hospitalaria, así como a coordinación sociosanitaria e de promoción e protección da saúde.

En consecuencia, o ámbito funcional da categoría de médico/a de admisión e documentación clínica, tan directamente vinculado na norma a centros hospitalarios, resulta vinte anos despois pouco axustado á actual realidade organizativa, e procede xa que logo actualizalo.

Alén dese cambio do modelo organizativo, a regulación que establece a Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias, para o exercicio de determinados dereitos, e as súas consecuencias na organización do deseño e xestión dos procesos asistenciais, fan igualmente oportuno adaptar as funcións que a norma atribúe ao persoal médico de admisión e documentación clínica.

A ese obxectivo de interese xeral –adaptar a categoría de médico de admisión e documentación clínica a unha nova realidade organizativa e prestacional– resposta este novo decreto.

Por outra parte, o Decreto 292/2001, do 8 de novembro, ademais de configurar a categoría sobre unhas bases pouco axustadas á realidade organizativa e prestacional actual, sustenta o seu articulado nun marco normativo pretérito e mesmo anterior ao Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

En consecuencia, o que resulta procedente neste intre é ditar un novo decreto que actualice o réxime xurídico do persoal médico de admisión e documentación clínica e os demais aspectos da súa relación de emprego e, polo mesmo, derrogue o Decreto 292/2001, do 8 de novembro.

Finalmente, neste contexto de actualización normativa da categoría, considerase necesario reforzar os requirimentos mínimos para poder acceder a esta e, máis aló do grao ou a licenciatura en medicina, exixir no futuro os coñecementos adicionais que derivan dun título de especialista ou dunha formación universitaria de posgrao no ámbito da xestión sanitaria.

O decreto consta de 6 artigos nos cales se regulan o seu obxecto, o réxime xurídico da categoría, o acceso a ela, as súas funcións e determinadas especificacións relativas ao cadro de persoal, retribucións e xornada.

Así mesmo, consta unha disposición transitoria relativa a que, na liña do que establece a disposición transitoria primeira do Decreto 292/2001, do 8 de novembro, se teñan en consideración os servizos en materia de admisión e documentación clínica desempeñados con anterioridade á creación da categoría, para os procesos selectivos e de provisión de prazas do Servizo Galego de Saúde.

Pechan o texto, dunha banda, unha disposición que derroga o Decreto 292/2001, do 8 de novembro, pero mantén a vixencia dos requisitos e titulación precisos para acceder á categoría, dado que a súa nova regulación producirá efectos a partir do 1 de outubro de 2023, e doutra, dúas disposicións derradeiras relativas, respectivamente, á habilitación normativa para o desenvolvemento do decreto e á súa entrada en vigor. A segunda, establece que os novos requisitos e titulación de acceso á categoría producirán efectos a partir do día 1 de outubro de 2023, como xa se indicou. Con esta medida trátase de posibilitar a adaptación curricular do persoal graduado ou licenciado en medicina que, tendo expectativas de traballar como médico/a de admisión e documentación clínica, non acredite actualmente os novos requisitos de acceso.

A tramitación desta norma adecuouse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, sendo obxecto de publicación no Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia para os efectos do previsto no artigo 9.c) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. Así mesmo, o proxecto foi sometido ao informe económico-financeiro da consellería competente en materia de facenda, informe sobre impacto de xénero, informe da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, informe da dirección xeral competente en materia de función pública e da Asesoría Xurídica Xeral. Este decreto dítase tras a preceptiva negociación na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal das Institucións Sanitarias do Servizo Galego de Saúde e co voto favorable das organizacións sindicais Confederación Intersindical Galega (CIG), Comisións Obreiras (CC.OO.), a Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF), o Sindicato Unión Xeral de Traballadores (UGT) e o Sindicato de Enfermería (SATSE).

O texto do decreto adecúase aos principios de boa regulación descritos no artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Así, en aplicación dos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade e eficiencia, a norma persegue un obxectivo de interese xeral, como é adaptar a categoría de médico de admisión e documentación clínica a unha nova realidade organizativa e prestacional e un novo marco xurídico da relación de emprego do persoal estatutario. En virtude dos principios de seguridade xurídica e simplicidade, a norma garda coherencia co resto do ordenamento xurídico. En cumprimento dos principios de transparencia e accesibilidade, identifícanse con claridade nela os obxectivos perseguidos e, ademais, durante a súa tramitación promoveuse a participación da cidadanía, singularmente mediante a publicación no Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da Consellería de Sanidade, de acordo co Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e cinco de maio de dous mil vinte e dous

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Este decreto ten por obxecto regular o réxime xurídico, o réxime de acceso, retribucións e xornada, as funcións e a dotación de cadro de persoal estatutario da categoría de médico/a de admisión e documentación clínica do Servizo Galego de Saúde.

A regulación da dotación de cadro de persoal efectuarase respectando a normativa de aplicación sanitaria e orzamentaria.

Artigo 2. Réxime xurídico

A relación de servizo do persoal da categoría regulada neste decreto co Servizo Galego de Saúde rexerase pola Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde; pola Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia; pola normativa en materia de emprego público, nos termos previstos nela, polo presente decreto e pola restante normativa aplicable ao persoal estatutario do organismo autónomo.

Artigo 3. Acceso

1. Para acceder á categoría de médico/a de admisión e documentación clínica, como persoal estatutario fixo ou temporal, será indispensable estar en posesión do título de grao ou licenciatura en Medicina e calquera título de médico/a especialista expedido polo correspondente ministerio.

No caso de titulacións extracomunitarias ou obtidas noutro Estado membro da Unión Europea, deberá achegarse, ademais, o documento que acredite fidedignamente a súa homologación e recoñecemento, respectivamente.

Tamén poderá acceder quen posúa o título de grao ou licenciatura en Medicina e un máster universitario oficial ou título universitario propio (máster universitario, experto universitario, especialista universitario) no ámbito da xestión sanitaria.

2. Será requisito para acceder á condición de persoal estatutario fixo desta categoría a superación das correspondentes probas de selección, convocadas en execución dunha oferta pública de emprego e consonte o establecido na Lei 55/2003, do 16 de decembro, e na restante normativa aplicable.

3. A selección do persoal temporal efectuarase polo procedemento que se estableza de conformidade co disposto no artigo 67 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

4. Os procesos de selección para o acceso á categoría de médico/a de admisión e documentación clínica, e os procesos de provisión de prazas da dita categoría, terán carácter periódico e programaranse en función da planificación eficiente das necesidades de recursos.

A oferta ou ofertas de emprego público negociaranse na Mesa Sectorial de negociación do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, e o número de prazas que se convoquen nos respectivos procesos de selección e concurso de traslados determinarase de acordo cos trámites preceptivos e as previsión legais, tras a negociación na devandita mesa.

Artigo 4. Funcións

1. Corresponderán ao persoal médico de admisión e documentación clínica as seguintes funcións:

a) Organizar e xestionar o acceso das persoas usuarias da área sanitaria que corresponda ás prestacións asistenciais, facilitando que sexa dispensada de acordo cunhas demoras máximas nos tempos de resposta e garantindo o principio de equidade, independentemente do nivel asistencial en que se presten.

b) Organizar e xestionar o procedemento de programación da actividade asistencial, de acordo coas directrices dadas pola dirección da área, independentemente do nivel asistencial.

c) Organizar e xestionar o acceso dos pacientes á modalidade de hospitalización xestionando a asignación de camas de acordo coas directrices dadas pola dirección da área.

d) Organizar e xestionar o rexistro e control da entrada e a saída de pacientes atendidos en urxencias hospitalarias.

e) Organizar e xestionar o transporte sanitario da área sanitaria.

f) Organizar, xestionar e supervisar a tramitación dos traslados de pacientes entre centros, a outros centros e a outros niveis asistenciais, en coordinación, cando proceda, con outros servizos de admisión.

g) Colaborar na organización, actualización e mantemento do sistema de información sanitaria da área, garantindo a súa coherencia, integridade e fiabilidade, así como a confidencialidade da información de acordo coa normativa vixente.

h) Xestionar e organizar os arquivos de documentación clínica e historias clínicas da área sanitaria, asegurando que a súa configuración e utilización se axustan ás previsións contidas na normativa vixente sobre consentimento informado e historia clínica dos/as pacientes, así como na normativa de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

i) Indicar, en colaboración coas instancias determinadas por cada área, a normativa que resulte de aplicación ao acceso, a localización, o préstamo e a devolución da documentación clínica, establecendo mecanismos que aseguren a súa confidencialidade, integridade, seguridade e dispoñibilidade.

j) Normalizar a documentación clínica da institución sanitaria da área sanitaria para a súa correcta homoxeneización, en colaboración coa Comisión Central de Documentación Clínica para a Historia Clínica Electrónica creada pola Orde da Consellería de Sanidade, do 20 de novembro de 2018, pola que se regula a dixitalización da documentación clínica en soporte papel que forma parte da historia clínica.

k) Clasificar, integrar e coordinar toda a información clínico-asistencial con independencia de cal sexa o seu soporte físico, así como xestionar, asesorar e supervisar a calidade do proceso de dixitalización da documentación clínica e das condicións de destrución daqueles documentos non dixitais dos que se fai copia auténtica, nos centros da área sanitaria.

l) Realizar e supervisar a codificación clínica da área sanitaria: elaboración de índices, codificación, análise e difusión da información extraída das historias clínicas, elaboración do conxunto mínimo básico de datos e aplicación de sistemas de clasificación de pacientes e xestión da calidade da información.

m) Colaborar na organización da recuperación da información clínica para usos asistenciais, de investigación e docentes.

n) Garantir a identificación, actualización e mantemento do ficheiro mestre de pacientes do Servizo Galego de Saúde.

ñ) Colaborar coa área de xestión económica da área sanitaria na recollida de datos para facturación.

o) Participar no plan de formación xeral do persoal da área sanitaria e no específico da súa unidade.

p) Participar nas actividades de mellora da calidade propias da súa unidade e xerais da área sanitaria.

q) Participar nos programas de investigación e de innovación asistencial e organizativa establecidos na área sanitaria.

r) Participar nas actividades relacionadas co control de xestión dos centros que compoñen a área sanitaria, asesorando a dirección para o cumprimento dos obxectivos institucionais e a xestión eficaz e eficiente.

s) Calquera outra función relacionada coas anteriores por razón do seu contido e finalidade.

2. As funcións de organización e xestión recollidas no número 1 anterior exerceranse de acordo coas liñas organizativas marcadas pola xerencia ou dirección.

Artigo 5. Cadro de persoal

1. Correspóndelle ao Servizo Galego de Saúde, baixo a supervisión e o control da consellería con competencias en materia de sanidade, determinar o número de efectivos de persoal da categoría que poden prestar servizos con carácter estrutural.

2. Esta medida de dotación de postos de carácter estrutural farase efectiva mediante as modificacións que procedan nos cadros de persoal, coas limitacións e de conformidade coas previsións establecidas nas disposicións orzamentarias en vigor.

Artigo 6. Retribucións e xornada

1. O personal médico de admisión e documentación clínica percibirá as retribucións que resulten da normativa xeral citada no artigo 2 deste decreto e da normativa orzamentaria, en atención ao código orzamentario específico desta categoría que figure no anexo de persoal ao que aluden o artigo 51.5 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e as sucesivas leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O seu réxime de xornada poderá comprender, con carácter adicional á xornada ordinaria, a realización de xornada complementaria ou atención continuada en réxime de localización, de acordo coas necesidades, a programación do servizo e as directrices do Servizo Galego de Saúde.

Disposición transitoria. Servizos prestados por determinado persoal da categoría

Ao persoal médico que, con anterioridade a ser integrado na categoría de medicina de admisión e documentación clínica en execución do proceso establecido na disposición transitoria primeira do Decreto 292/2001, do 8 de novembro, tivese desempeñado funcións de admisión e documentación clínica, seralle tida en conta esta experiencia profesional, debidamente certificada, nos procesos de selección de persoal estatutario e nos procesos de provisión de prazas desa categoría.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o Decreto 292/2001, do 8 de novembro, polo que se configura a categoría de médico de admisión e documentación clínica. Non obstante, manteñen a súa vixencia, os requisitos e titulacións recollidos no artigo 6.2 do Decreto 292/2001, do 8 de novembro, mentres non entren en vigor as previsións relativas aos requisitos e titulación para o acceso a categoría de médico/a de admisión e documentación clínica recollidas no artigo 3.1 do presente decreto que as substituirán.

Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto, no ámbito da organización e materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Non obstante, a regulación relativa aos requisitos e titulación para o acceso a categoría de medico/a de admisión e documentación clínica recollidas no artigo 3.1 do presente decreto producirán efectos a partir do día 1 de outubro de 2023.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de maio de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade