Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Venres, 17 de xuño de 2022 Páx. 34878

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se modifica a Resolución do 15 de marzo de 2022 pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de enfermeiro/a, para ampliar o número de prazas.

O Decreto 30/2019, do 14 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para o ano 2019 (Diario Oficial de Galicia núm. 62, do 29 de marzo), o Decreto 220/2020, do 3 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente ao ano 2020 (Diario Oficial de Galicia núm. 255, do 21 de decembro), e o Decreto 75/2021, do 8 de abril, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para o ano 2021 (Diario Oficial de Galicia núm. 82, do 3 de maio), autorizaron a convocatoria dun total de mil setenta (1.070) prazas correspondentes á categoría de enfermeiro/a.

Pola Resolución do 15 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 58, do 24 de marzo) convocouse concurso-oposición para o ingreso na categoría de enfermeiro/a, cuxo prazo de inscrición finaliza o 15 de xullo próximo.

O Decreto 81/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal do Sistema público de saúde de Galicia, en desenvolvemento da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público (Diario Oficial de Galicia núm. 102, do 30 de maio), autoriza a convocatoria, polo sistema de concurso-oposición, dun total de duascentas trinta (230) prazas da categoría de enfermeiro/a.

No artigo 3.1 deste mesmo decreto establécese que o sistema de selección para a cobertura de tales prazas será o de concurso-oposición, cunha fase de oposición que terá unha valoración do sesenta por cento da puntuación total do proceso, e a fase de concurso, cunha valoración do corenta por cento da puntuación total, que terá en conta maioritariamente a experiencia profesional na categoría.

Así mesmo, prevé a posibilidade de acumulación de probas nun mesmo exercicio e sesión, así como a redución da puntuación mínima exixida para superar tales probas e o carácter non eliminatorio dalgún/s exercicio/s.

O proceso selectivo en tramitación respecta as exixencias contidas neste decreto, aprobado en execución da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. A puntuación máxima que se pode obter no proceso convocado é de 100 puntos, dos cales 60 corresponden á fase de oposición e 40 á fase de concurso.

Para superar o exercicio eliminatorio da fase de oposición, a persoa aspirante debe obter o 35 % da puntuación máxima alcanzable nesta proba. Na fase de concurso, a valoración da experiencia profesional representa o 70 % da puntuación total da fase de concurso, asignando a maior puntuación á experiencia profesional na mesma categoría.

En consecuencia, non tendo finalizado o prazo de inscrición no concurso-oposición convocado, razóns organizativas, asistenciais e de eficiencia na xestión dos procesos de selección, así como para simplificar a participación das persoas aspirantes evitando a inscrición en varias convocatorias, fan oportuna a tramitación dun único proceso ampliando o número de prazas convocadas coas resultantes da aprobación do Decreto 81/2022, do 25 de maio, de oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal do Sistema público de saúde de Galicia.

Todo isto sen prexuízo da ampliación adicional que, de ser o caso, resulte da aprobación do decreto de oferta de emprego público para o ano 2022, en aplicación da taxa ordinaria prevista na Lei 22/2021, do 28 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2022.

En virtude do exposto, este centro directivo, logo do seu tratamento na Mesa Sectorial de Negociación e no uso das competencias que lle atribúe o artigo 18.1.c) do Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 208, do 31 de outubro),

RESOLVE:

Primeiro. Modificar o anexo I da Resolución do 15 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de enfermeiro/a (Diario Oficial de Galicia núm. 58, do 24 de marzo).

O número de prazas que se convoca neste proceso selectivo é o que se indica no anexo desta resolución, con expresión diferenciada das prazas polo seu sistema de acceso.

Segundo. As bases, programa das probas selectivas, exercicios, baremo, prazo de inscrición, procedemento e prazo de acreditación de requisitos e méritos para este proceso serán os aprobados pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 15 de marzo de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 58, do 24 de marzo).

Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta dirección, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso-administrativa nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2022

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I

Prazas e titulación

Categoría

Subgrupo

Acceso libre

Promoción interna

Reserva

discapacidade

Total

Titulación

Enfermeiro/a

A2

958

268

74

1.300

Título universitario oficial de grao en enfermaría, diplomatura universitaria de Enfermaría ou equivalente