Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Venres, 17 de xuño de 2022 Páx. 34829

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 9 de xuño de 2022 pola que se modifica parcialmente a Orde do 6 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2022-2024 e se procede á primeira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, para o exercicio 2022-2023 (código de procedemento TR301P).

A Lei 30/2015, do 9 de setembro (BOE núm. 217, do 10 de setembro), pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, recolle a planificación e o financiamento do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema.

O Real decreto 694/2017, do 3 de xullo (BOE núm. 159, do 5 de xullo), desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dispón no seu artigo 5.2 que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos cales se axusta esta disposición. Tamén será de aplicación o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No relativo ao compromiso de contratación que deben asumir as empresas, aplicáronse as modificacións do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, incluídas no Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía de estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo.

Para potenciar ao máximo o obxectivo desta orde de asociar formación e emprego, permitindo en consecuencia crear postos de traballo especializados e sustentables, cómpre optimizar e maximizar a aplicación da normativa vixente en materia laboral e de emprego para os efectos de acadar os mellores resultados na capacitación e cualificación das persoas traballadoras desempregadas, atendendo, en paralelo, á demanda de persoal cualificado por parte das empresas para a cobertura dos postos de traballo dos seus cadros de persoal.

Consecuentemente con todo o anteriormente exposto, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG núm. 23, do 21 de marzo), reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Modificación da Orde do 6 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2022-2024 e se procede á primeira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, para o exercicio 2022-2023 (código de procedemento TR301P).

Artigo 1. Modificación do artigo 5.2, relativo ao compromiso de contratación

O artigo 5.2 queda redactado do seguinte xeito:

2. O contrato de traballo deberá formalizarse segundo a normativa laboral vixente.

Non se poderán subscribir contratos formativos para a obtención da práctica profesional adecuada ao nivel de estudos.

No suposto de contratos a tempo parcial, o mínimo da xornada será do 50 % da correspondente a unha persoa traballadora a tempo completo comparable.

Para os efectos desta orde entenderanse como non realizados aqueles contratos finalizados cunha duración inferior a 12 meses.

Disposición derradeira primeira. Prazo de presentación de solicitudes

Ampliase nun mes, contado desde o día da entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación de solicitudes establecido na primeira convocatoria da Orde do 6 de maio de 2022.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2022

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade