Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Mércores, 22 de xuño de 2022 Páx. 35786

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 111/2022, do 9 de xuño, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Xinzo de Limia da estrada provincial OU-1102 desde o punto quilométrico 0+000 ata o punto quilométrico 0+310.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Deputación Provincial de Ourense con data do 17 de decembro de 2021 acorda a cesión, a prol do Concello de Xinzo de Limia, do treito da estrada provincial OU-1102 desde o punto quilométrico 0+000 ata o punto quilométrico 0+310, desde o cruzamento coa rúa San Sebastián ata o cruzamento coa rúa Marcelo Macías.

O Concello de Xinzo de Limia dá a súa conformidade ao cambio de titularidade proposto no pleno do concello levado a cabo o día 22 de decembro de 2021.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, indica que a estrada OU-1102 Xinzo (N-525)-Vilar de Barrio, cumpre co estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente, a través da rede de estradas da Administración cedente ou das redes de estradas de titularidade de administracións de maior ámbito territorial, polo que se formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día nove de xuño de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Xinzo de Limia do treito da estrada OU-1102:

Denominación

PQi

Coordenadas UTM (ETRS89) fuso29

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89) fuso29

Lonx. (m)

OU-1102 Xinzo (N-525)-Vilar de Barrio

0+000

X=605.715

Y=4.657.726

0+310

X=605.940

Y=4.657.947

310

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 3

Correspóndelle ao Concello de Xinzo de Limia, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de xuño de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade