Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 1 de xullo de 2022 Páx. 37452

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 8 de xuño de 2022 de aprobación definitiva da modificación puntual número 3 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Barro.

O Concello de Barro remite a documentación relativa á Modificación puntual (MP) referida, de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e nos artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG).

Analizada a documentación achegada, con dilixencia de aprobación provisional polo Acordo plenario do 29.9.2021, e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Barro conta cun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 23.5.2003 (DOG do 18 de xuño de 2003 e BOP do 20 de xuño).

I.2. Mediante a Resolución do 9 de xaneiro de 2018 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formula o informe ambiental estratéxico da MP (DOG do 15 de febreiro de 2018, expediente 2017AAE2103 e código 2000/2017) resolvendo non someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

I.3. Consta o informe técnico municipal do 20.6.2018 e o informe xurídico do secretario-interventor municipal do 21.6.2018.

I.4. A modificación puntual apróbase inicialmente polo Pleno municipal do 4.7.2018, expoñéndose ao público polo prazo de dous meses, mediante publicación no DOG do 3 de agosto de 2018 e no Diario de Pontevedra do 13 de xullo. Consta certificado, asinado polo secretario o 14.12.2018, das alegacións achegadas.

I.5. Segundo o establecido no artigo 60.7 da LSG, foron solicitados informes sectoriais a: Instituto de Estudos do Territorio (consta informe do 13.11.2018), Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (informe do 22.8.2018), Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (informe do 14.8.2018), Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (informes do 7.6.2019, 30.9.2020 e 18.2.2022) e Augas de Galicia (informe do 16.1.2019).

Non foi recibida contestación á solicitude de informe da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal e da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

1.6. Deuse audiencia aos concellos de Meis, Portas, Moraña, Pontevedra e Poio, e recibiuse a contestación favorable dos concellos de Pontevedra e de Poio.

I.7. O Concello de Barro solicita informes sectoriais a: Delegación do Goberno (remite informe da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do 20.11.2018), Dirección Xeral de Aviación Civil (informe do 18.10.2018) e Ministerio de Economía e Empresa (informe da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do 1.7.2019).

I.8. Consta informe técnico municipal favorable do 7.3.2019 e o informe xurídico favorable do secretario-interventor do 8.3.2019.

I.9. O Pleno do Concello aproba provisionalmente esta modificación puntual o 28.3.2019.

I.10. Á vista dos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 7.6.2019 e 30.9.2020, da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do 1.7.2019, e dos cambios introducidos no documento, foron emitidos novos informes técnicos o 18.11.2020 e o 23.4.2021. Constan informes do secretario-interventor do 19.11.2020 e 24.9.2021.

I.11. O Pleno do Concello aproba novamente a modificación puntual os días 25.11.2020 (2ª aprobación provisional, DOG do 15 de xaneiro de 2021 e Diario de Pontevedra do 16 de decembro de 2020) e 29.9.2021 (3ª aprobación provisional).

I.12. O Concello de Barro achega o documento aprobado, segundo o establecido no artigo 60 da LSG, en que dá resposta ao requirimento de documentación complementaria realizado.

II. Obxecto da modificación puntual.

O obxecto da modificación puntual consiste en facilitar unha adecuada conexión do núcleo de San Antoniño e os solos urbanizables 1, 2 e 4 polo oeste co núcleo de Valbón, e permitir a conexión da rúa das Baladas, dándolle unha saída polo seu extremo oeste:

– Executar unha nova vía que dea saída cara ao oeste á ponte existente ao final da rotonda que une os sectores SU-R-1 e SU-R-2, conectando a vía central entre ambos co núcleo de Valbón, para o que se delimita o sistema xeral viario MP3-2, en solo rústico e solo de núcleo rural.

– Executar parte do viario previsto no ámbito SU-R-4 para dar saída á rúa das Baladas cara á rotonda que une os sectores SU-R-1 e SU-R-2. Este ámbito conta con plan parcial aprobado o 27.7.2004 (BOP do 27 de setembro de 2004 e DOG do 1 de outubro). Neste ámbito a MP define o sistema xeral viario MP3-3 para a execución anticipada do viario, en solo urbanizable.

Inicialmente estaba prevista a ampliación do vial MP3-1, pero á vista dos informes sectoriais emitidos na tramitación desta modificación puntual esta actuación foi excluída desta modificación puntual.

III. Análise e consideracións.

III.1. As razóns de interese público exixidas no artigo 83.1 da LSG para a modificación do planeamento urbanístico xustifícanse no interese xeral de crear viarios de uso e dominio público para mellorar as comunicacións entre núcleos existentes e as súas zonas de expansión.

III.2. Foron emendadas as consideracións do informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 27.11.2017, no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

III.3. Nos informes sectoriais solicitados non se manifestaron obxeccións ao documento da MP ou poden considerarse cumprimentados agás no que respecta ao informe da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do 1.7.2019, polo que se debe proceder á remisión a este organismo das correccións efectuadas.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 3 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Barro; debe remitirse unha copia do documento á Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información, para dar cumprimento ao condicionado do día 1.7.2019.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contenciosa-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda