Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 1 de xullo de 2022 Páx. 37456

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 115/2022, do 16 de xuño, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Redondela das estradas provinciais EP-2903, Redondela-Catapeixe, e EP-2905, acceso a Arealonga.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Redondela asinaron o 31.8.2020 un convenio de colaboración para a execución do proxecto denominado Ensanche e mellora da seguridade viaria na EP-2906 Os Valos-Guizán, desde o p.q. 2+180 ata o p.q. 2+920 (Concello de Redondela). A sinatura do convenio implicaba a solicitude por parte do concello do cambio de titularidade das estradas provinciais:

– EP-2903 Redondela-Catapeixe.

– EP-2905 acceso a Arealonga.

O Pleno da Deputación Provincial, na sesión ordinaria do 25.2.2022, aproba o cambio de titularidade proposto e solicita á Xunta de Galicia o inicio do procedemento de transferencia a favor do Concello de Redondela.

A Axencia Galega de Infraestruturas, no informe emitido polo servizo competente, indica que as estradas EP-2903 Redondela-Catapeixe, de 836 m de lonxitude, e a estrada EP-2905, acceso a Arealonga, de 347 m de lonxitude, cumpren co estipulado no número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente, a través da rede de estradas da Administración cedente ou das redes de estradas de titularidade de administracións de maior ámbito territorial, polo que se formula a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos que se definen no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de xuño de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Redondela de:

Denominación

PQi

Coordenadas UTM (ETRS89) fuso 29

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89) fuso 29

Lonx. (m)

EP-2903 Redondela-Catapeixe

X= 531.809,9296

Y= 4.682.370,1544

X= 532.051,0203

Y= 4.683.137,6300

836

EP-2905 acceso a Arealonga

X= 526.858,1401

Y= 4.679.109,9220

X= 526.758,4982

Y= 4.679.284,3045

347

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 3

Correspóndelle ao Concello de Redondela, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade