Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 1 de xullo de 2022 Páx. 37528

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Resolución do 15 de xuño de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación por parte de entidades sen ánimo de lucro de mulleres que sofren violencia de xénero, financiadas con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento SI461B).

BDNS (Identif.): 636184.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase ou extracto da convocatoria cuxo texto completo podar consultarse na Base de datos nacional de subvencións (BDNS)
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias da subvención prevista nesta resolución:

a) As entidades sen ánimo de lucro.

b) As cooperativas sen ánimo de lucro segundo o disposto na disposición adicional cuarta da Lei 14/2011, de 16 de decembro, pola que se modifica a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que acrediten o cumprimento das previsións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.

2. Para seren beneficiarias as entidades sen ánimo de lucro e as cooperativas sen ánimo de lucro deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Carecer de ánimo de lucro.

b) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

c) Cumprir os requisitos e as condicións establecidos na normativa xeral de subvencións.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2022, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas a financiar a contratación por parte das entidades sen ánimo de lucro de mulleres que sofren violencia de xénero, ao abeiro do disposto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, ata un máximo de 12 mensualidades para mellorar e facilitar a súa inserción laboral.

Por medio desta convocatoria as entidades terán a posibilidade de obter axudas para a contratación por conta allea de mulleres que sofren violencia de xénero (código de procedemento SI461B).

2. A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu empoderamento, e reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.

A contía da subvención que se concederá ás entidades sen ánimo de lucro beneficiarias será, por cada muller contratada a tempo completo, a resultante de aplicar o método de custos simplificados calculado consonte o disposto nos artigos 67.1.b) e 67.5.a.i) do Regulamento (UE) núm. 1303/2013. Este método de custos simplificados consiste nun baremo estándar de custo unitario segundo o grupo de cotización en que se atopen as traballadoras en cuestión. Este baremo representa o custo salarial total obxecto de subvención, calculado como un múltiplo do IPREM máis a cotización empresarial á Seguridade Social entre un máximo subvencionable de 15.940,92 euros para os grupos 10 e 11 de cotización, un máximo de 21.254,56 euros para os grupos de cotización 5 ao 9 e un máximo subvencionable de 31.881,84 euros para os grupos cotización 1 ao 4, durante 12 meses.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 15 de xuño de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación por parte de entidades sen ánimo de lucro de mulleres que sofren violencia de xénero, financiadas con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento SI461B).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de cincocentos cincuenta mil euros (550.000 €). Estas axudas son financiadas con fondos REACT-UE no marco do PO FSE Galicia 2014-2020 nunha porcentaxe do 100 %, a través do obxectivo temático 13 «Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía»; prioridade de investimento 13.1 «Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía»; obxectivo específico 13.1.2 «Apoiar o acceso ao mercado de traballo das persoas en situación de vulnerabilidade, o acceso aos sistemas sociais e as medidas de inclusión social e erradicación da pobreza» e liña de actuación 122-Apoio á inserción laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2022

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade