Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Luns, 4 de xullo de 2022 Páx. 38013

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 20 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do Programa Muller 22, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se convoca para o ano 2022 (código de procedemento TR770A).

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, do Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde, pois, á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para o exercicio orzamentario 2022 a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas a fomentar a creación de emprego de calidade e a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego. A presente orde busca pois impulsar a contratación indefinida das mulleres, por ser aínda un colectivo vulnerable no que o acceso ao emprego indefinido se refire.

As recomendacións da UE en materia de emprego diríxense a que os Estados membros deben descentralizar a xestión das políticas de emprego, de forma que estas se acheguen e adecúen ás necesidades concretas de cada territorio e á realidade do mercado de traballo local co fin de acadar unha estratexia común de acción.

No marco do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia inclúese o compoñente 23, Novas políticas públicas para un mercado de traballo dinámico, resiliente e inclusivo, encadrado na área política VIII, Nova economía dos coidados e políticas de emprego. Un dos obxectivos deste compoñente é reformar e impulsar as políticas activas de emprego, mellorando a cohesión do Sistema nacional de emprego, cun enfoque centrado nas persoas e nas empresas, orientándoas cara á resultados avaliables, coherentes coa innovación, a sustentabilidade e as transformacións produtivas, apoiadas na mellora das capacidades e na transformación dixital dos servizos públicos de emprego.

A Orde TES/897/2021, do 19 de agosto, distribúe territorialmente para o exercicio económico de 2021, para a súa xestión polas comunidades autónomas con competencias asumidas no ámbito laboral, créditos financiados con Mecanismo de recuperación e resiliencia destinados á execución de proxectos de inversión Plan nacional de competencias dixitais e Novas políticas públicas para un mercado de traballo dinámico, resiliente e inclusivo recollidos no Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Os datos de incorporación das mulleres ao mundo laboral en España e en Galicia seguen estando por detrás da media europea, por causas socialdemográficas estruturais que dificultan o seu acceso a este mercado ou as afastan do tecido produtivo. Ademais os contextos de crise económica como a xerada pola recente pandemia de COVID-19, poñen en risco a estabilidade e a calidade no emprego tanto de homes como de mulleres, sendo estas as máis prexudicadas, dados os obstáculos que xa de por si enfrontan, e sendo tamén as que maiores taxas de expulsión presentan, converténdose nun dos colectivos máis afectados, polo que se fai preciso articular medidas específicas que melloren o seu acceso ao mercado.

A Orde TES/1121/2021, do 11 de outubro, establece as bases reguladoras para a concesión de subvenciones públicas, destinadas ao financiamento do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

As bases do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto deste réxime, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

Igualmente esta orde tramítase de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para ano 2022, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; no regulado no Regulamento (UE) 2020/2094, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un instrumento de recuperación da UE para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19; no Regulamento (UE) 2021/241, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR); no Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) de España, aprobado o 16 de xuño de 2021, por Decisión do Consello de Europa; no Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do PRTR; na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do PRTR, e na Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que proporcionarán as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do PRTR.

Así, o financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.472.0, código de proxecto 2022 00099, cun crédito de 5.500.000 euros e na aplicación 11.04.322C.481.8, código de proxecto 2022 00099, cun crédito de 500.000 euros, que figuran na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, á convocatoria para o ano 2022 dos incentivos á contratación indefinida inicial de mulleres desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para acceder ou permanecer no mercado de traballo (código de procedemento TR770A).

2. Os incentivos previstos nesta orde serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais a tempo completo que se celebren desde o 1 de xaneiro de 2022 e ata o 30 de setembro de 2022 con mulleres desempregadas.

3. Para os efectos desta orde, entenderase por muller desempregada aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional, na data de alta no momento da súa contratación.

4. Esta orde regula e establece as bases para a concesión de subvencións do Programa muller, que constitúe unha actuación incluída no Investimento 4, Novos proxectos territoriais para o reequilibrio e a equidade, comprendida no Compoñente 23 Novas políticas públicas para un mercado de traballo dinámico, resiliente e inclusivo do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia, aprobado por Acordo do Consello de Ministros do 27 de abril de 2021, e pola Decisión de Execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021.

5. As axudas previstas nestas bases reguladoras non constitúen unha axuda de Estado, nos termos previstos nos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE), pois a súa concesión non falsea nin ameaza falsear a competencia, favorecendo a determinadas empresas ou producións. Esta medida constitúe ademais unha medida de fomento do emprego.

6. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Orzamento

1. As subvencións previstas nesta orde financiaranse con cargo aos correspondentes fondos dotados no orzamento de gastos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, no marco do Mecanismo para a recuperación e a resiliencia.

2. O financiamento efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos créditos consignados na aplicación: 11.04.322C.472.0 (código do proxecto 2022 00099) por importe de 5.500.000 euros e e na aplicación 11.04.322C.481.8, código de proxecto 2022 00099, cun crédito de 500.000 euros, que figuran na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022; Crédito total da convocatoria 6.000.000 euros.

3. A contía máxima deste crédito para esta convocatoria poderá incrementarse, condicionando o dito incremento á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as cooperativas e as sociedades laborais, que contraten por conta allea mulleres desempregadas, inscritas como demandantes de emprego, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde. Tamén poderán ser beneficiarios dos incentivos os centros especias de emprego e as empresas de inserción laboral, excepto para facer contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social respectivamente.

As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total das persoas traballadoras ou, no seu defecto, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 42 do Texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril (BOE núm. 94, do 20 de abril). Para o cómputo do número de persoas traballadoras da empresa teranse en conta as regras previstas na disposición adicional primeira do devandito real decreto.

2. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, así como as entidades sen ánimo de lucro.

3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

4. Tampouco poderán obter a condición de entidade beneficiaria as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Artigo 4. Requisitos das contratacións

A contratación realizada coa muller desempregada pola que se solicita a subvención deberá ser indefinida inicial, incluída a modalidade de fixos-descontinuos dun mínimo de 9 meses de duración, e cunha xornada a tempo completo.

As contratacións polas que se solicita subvención deberán estar comunicadas, a través da aplicación Contrat@ á oficina pública de emprego que corresponda, no momento da solicitude.

Artigo 5. Compromiso de non causar dano significativo ao ambiente.

1. As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde deberán garantir o pleno cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio «do no significant harm-DNSH») e a etiquetaxe climática e dixital, de acordo co previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, na Decisión de Execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021, e no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, así como na súa normativa de desenvolvemento, en todas as fases do deseño e execución dos proxectos e de maneira individual para cada actuación.

2. As solicitudes deberán acompañarse dunha declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo», no sentido establecido no punto 6) do artigo 2 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, segundo o modelo do anexo II.

3. En todo caso as entidades beneficiarias preverán mecanismos de verificación do cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio «do no significant harm-DNSH») e medidas correctoras para asegurar a súa implementación, do que deixarán constancia na memoria xustificativa da subvención.

Artigo 6. Contía dos incentivos

As contratacións indefinidas iniciais incentivaranse cunha axuda de 6.000 euros por cada muller desempregada contratada.

No caso de contratacións indefinidas iniciais na modalidade de fixos-descontinuos dun mínimo de 9 meses de duración, a contía do incentivo será proporcional ao tempo de traballo.

Artigo 7. Competencia

A competencia para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagamentos das subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, corresponderalles á persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Artigo 8. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónica a través do formulario normalizado dispoñible como anexo I, segundo o procedemento correspondente na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Deberán cumbrirse, necesariamente, todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, sendo únicamente válidas as solicitudes que se presente no modelo establecido.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2022, respectando, en todo caso, o establecido no artigo 29 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que dispón que o prazo de presentación de solicitudes en ningún caso será inferior a un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarias da axuda, así como a aceptación da subvención, de ser persoa beneficiaria dela.

4 As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, http://sede.xunta.gal

5. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e na que fan constar os aspectos seguintes:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Que a entidade beneficiaria comprométese a prever mecanismos de verificación do cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio «do non significant harm-DNSH») e medidas correctoras para asegurar a súa implementación.

c) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, así como das axudas concedidas en réxime de minimis.

Artigo 9. Emenda das solicitudes

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirán a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, indicándolle que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Instrución do procedemento

1. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Emprego da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

3. En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentase a documentación completa requirida nestas bases reguladoras.

4. Entenderase que a empresa desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora pola que se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o que solicitou a axuda.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación.

a) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna. Quedan excepcionadas da dita presentación as persoas ou entidades inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.

b) Declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo», segundo o establecido no artigo 5 desta orde (anexo II).

c) Autorización para a comprobación de datos da persoa traballadora contratada (anexo III).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente polo persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código do procedemento (TR770A) e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Administración Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

f) Consulta de concesión pola regra de minimis.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de inhabilitación para obter subvencións.

i) Información sobre o mantemento do emprego das persoas contratadas con cargo a esta axudas durante 2 anos.

j) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.

k) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social dos último 12 meses, da persoa traballadora contratada.

l) Contrato laboral da persoa traballadora pola que se solicita a subvención.

m) Certificado de inscrición no Servizo Público de Emprego da persoa traballadora contratada.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Resolución da concesión

1. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, contía da subvención e obrigas que correspondan á persoa beneficiaria.

2. A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscrita pola persoa que a realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. Toda vez que os requisitos para ser persoa beneficiaria desta axuda deben cumprirse antes da presentación da solicitude e que os compromisos asumidos pola persoa beneficiaria se recollen na presente orde no artigo 18, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ao terse aceptada coa presentación da solicitude.

4. As persoas interesadas teñen dereito que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Resolución e recursos

1. A competencia para resolver as solicitudes corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, á persoa titular da Secretaria Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

2. O prazo máximo para resolver e notificar é de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. No suposto de esgotamento do crédito e, de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego,Traballo Autónomo e Economía Social se publicará o esgotamento do crédito das partidas orzamentarias asignadas no Diario Oficial de Galicia co texto íntegro da resolución denegatoria por esgotamento do crédito, con indicación de que a dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa ou poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición de acordo co disposto no punto 3 deste artigo.

5. De conformidade co Real decreto 130/2019, as subvencións concedidas serán incorporadas á Base de datos nacional de subvencións, con posibilidade de acceso da Administración e dos órganos mencionados no artigo 22 do MRR á información contida no Rexistro de titularidades reais creado pola Orde JUS/319/2018, ou o acceso a outras bases de datos da Administración que poidan subministrar os ditos datos sobre titularidades reais, así como de cesión de información entre estes sistemas e o sistema de fondos europeos, segundo as previsións recollidas na normativa europea e nacional aplicable.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Forma de pagamento e xustificación

O cumprimento dos requisitos acreditarase na solicitude mediante a declaración responsable da persoa beneficiaria, emitida baixo a súa responsabilidade e sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento con posterioridade á resolución de concesión; en función desa declaración responsable resolverase a concesión da axuda e procederase ao seu pagamento, no número de conta, con inclusión do IBAN, indicado na solicitude.

Artigo 19. Incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas previstas para a contratación son incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

2. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80% do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona.

3. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Exclusións

Exclúense dos beneficios regulados nesta orde:

1. As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

2. Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea aos fillos e fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas, e contrate a un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

3. As contratacións realizadas con mulleres que nos 6 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal. O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior da traballadora con empresas ás cales a persoa solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

Artigo 21. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.

Son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias destas axudas e subvencións:

a) Manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada durante un período mínimo de 2 anos contado desde a data de realización da contratación.

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha muller pola que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación realizada cunha muller desempregada. Para cumprir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a se ditar a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa ou entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control durante un período de 3 anos, de conformidade co artigo 22.2.f) do Regulamento (UE) 2021/241.

h) A percepción dos fondos do Plan de recuperación e resiliencia está condicionada a que os perceptores finais se comprometan por escrito a conceder os dereitos e os accesos necesarios para garantir que a Comisión, a Oficina Europea de Loita contra o Fraude (OLAF), o Tribunal de Contas Europeo, a Fiscalia Europea e as autoridades nacionais competentes exerzan as súas competencias.

i) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

j) Aplicar medidas para evitar a fraude, a corrupción e os conflitos de interese á hora de aplicar as subvencións recibidas ao financiamento de proxectos e actuacións.

De acordo con esta obriga, a empresa subvencionada deberá anunciar que está sendo subvencionada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e fará mención á orixe do financiamento, da Unión Europea, NextGenerationEU. Para isto, incorporará un cartel informativo dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible durante o período mínimo dun ano desde o pagamento da subvención. O dito cartel estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e na web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

As persoas que interveñan no proceso de selección de entidades beneficiarias, ou nos procesos de verificación do cumprimento das condicións, manifestarán de forma expresa a ausencia ou non de conflitos de intereses ou de causa de abstención, considerando o establecido no artigo 61.3 do Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo («Regulamento financeiro») e o artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 outubro; en caso de existir conflito de intereses ou causa de abstención, a persoa afectada deberá absterse de intervir nestas actuacións.

k) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

l) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Incumprimento de obrigas e reintegro

Procederá o reintegro das axudas cando a persoa ou entidade beneficiaria incumpra algunha das obriga establecidas no artigo 21 desta orde de convocatoria.

Por cada contratación subvencionada e non substituída conforme o establecido na letra a) do artigo 21 procederá o reintegro da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

Procederá o reintegro total, cando non se leve a cabo a substitución da muller que causou baixa.

Procederá o reintegro parcial se se efectuou a substitución pero esta non foi feita no prazo establecido na letra a) do artigo 21. Neste caso a contía que se reintegrará será a correspondente aos meses en que o posto estivese vacante.

Artigo 23. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 24. Axudas concedidas baixo as condicións do réxime de minimis

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro). Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de mínimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector de transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

Artigo 25. Seguimento, control e avaliación

1. As persoas e entidades beneficiarias deberán someterse ás actuacións de comprobación que vaia efectuar a Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas. Igualmente deberán someterse ás actuacións de comprobación que vaia a efectuar a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, a Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), a oficina Nacional de Auditoria, e, cando proceda, a Fiscalía Europea.

2. En todo caso, as subvencións reguladas nesta orde estarán sometidas, así mesmo, ao seguimento, control e avaliación que se estableza para o Plan de reconstrución, transformación e resiliencia, así como ás obrigacións específicas relativas á información e publicidade, control, verificación, seguimento, avaliación e demais obrigacións impostas pola normativa interna e da Unión Europea que para o Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE se establezan e cuxa aplicación sexa de obrigado cumprimento, incluíndo o do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio «do no significant harm-DNSH»).

Tanto na fase de concesión de axudas, como na de pagamento destas ou con posterioridade a este, o órgano concedente, así como os órganos de control competentes, incluídos os recollidos no artigo 22.2.e) do Regulamento (UE) 2021/241, do 12 de febreiro de 2021, e o artigo 129 do Regulamento Financeiro (Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do 18 de xullo de 2018, poderán realizar todos aqueles controis e inspeccións que consideren convenientes, co obxecto de asegurar o bo fin da axuda concedida, estando as persoas e entidades solicitantes obrigadas a prestar colaboración e proporcionar calquera outra documentación e información que se estime necesaria para a verificación do cumprimento das condicións establecidas na presente orde.

3. A concesión da axuda verase condicionada ao compromiso escrito da concesión dos dereitos e accesos necesarios para garantir que a Comisión, a Oficina Europea de Loita contra a Fraude, o Tribunal de Contas Europeo, a Fiscalía Europea e as autoridades nacionais competentes exerzan as súas competencias de control, de acordo co previsto no artigo 22.2.e) do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e no artigo 129.1 do Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018 («Regulamento Financeiro») segundo o recollido no anexo I.

4. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade proporcionará a información periódica de xestión que acredite o estado de situación do programa en Galicia, respecto de fitos e obxectivos e sobre o gasto en que se incorreu, coa periodicidade que se determine para o Mecanismo de recuperación e resiliencia e a través dos medios informáticos habilitados con esta finalidade, logo de verificación deste.

Artigo 26. Identificación e publicidade

As actuacións subvencionadas que configuren o «Programa Muller 22» obxecto desta orde, así como canta publicidade se faga sobre este deberán atoparse debidamente identificadas, de conformidade coas obrigacións que en materia de información, comunicación e publicidade determine a normativa interna e da Unión Europea para o Mecanismo de recuperación e resiliencia, quedando obrigadas as entidades beneficiarias destas subvencións a facer mención na súa publicidade da orixe deste financiamento, velando por darlle visibilidade, incluído, cando cumpra, mediante o emblema da Unión e unha declaración de financiamento adecuado que indique «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU». Esta visibilidade farase en particular cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público.

Artigo 27. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á algunha entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, se é o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

Disposición adicional primeira. Achega de información

A Comunidade Autónoma galega achegará ao Servizo Público de Emprego Estatal a información e documentación necesaria para a adecuada xustificación para efectos da recepción dos fondos europeos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, e atender os requirimentos que se lle fagan desde as institucións europeas.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, na persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións concesorias das que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería, así como a tramitación e resolución dos expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

Disposición adicional terceira. Comunicación á base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Igualmente, a administración poderá acceder ao Rexistro de titularidades e outras bases de datos análogas, se é o caso, e poderá ceder información entre estes sistemas e o Sistema de fondos europeos, segundo as previsións contidas na normativa europea e nacional aplicable.

Disposición adicional cuarta. Normativa aplicable

No non previsto nesta orde haberá qye aterse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento,do 21 de xullo; na Lei 47/2003, do 26 de novembro, xeral orzamentaria; no Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e demais normativa tanto nacional como da Unión Europea aplicable á xestión, seguimento e control que se estableza para o Plan de recuperación, trasformación e resiliencia, así como as específicas relativas á información e publicidade, verificación e demais impostas pola normativa da Unión Europea, cuxa aplicación será de obrigado cumprimento; e demais normativa que resulte de aplicación con carácter xeral.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2022

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file