Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Luns, 4 de xullo de 2022 Páx. 37975

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 14 de xuño de 2022 pola que se habilitan na sede electrónica da Xunta de Galicia os procedementos do órgano competente do Rexistro de Cooperativas de Galicia (códigos de procedemento TR814A, TR814B, TR814C, TR814D, TR814E, TR814F, TR814G e TR814H).

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, supoñen un novo escenario normativo para a consolidación da administración dixital nas administracións públicas e, polo tanto, tamén na Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia. Con elas, dáse continuidade ao recoñecemento legal do dereito da cidadanía a relacionarse coa Administración por medios electrónicos que xa realizaba a derrogada Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, regula o réxime xurídico da utilización dos medios electrónicos por parte do sector público galego no desenvolvemento da súa actividade, nas súas relacións coa cidadanía, coas demais administracións públicas, coas empresas e as entidades, as infraestruturas e os servizos do sector público galego, as medidas para o desenvolvemento dixital na sociedade con criterios de inclusión e non-discriminación, e os órganos con competencias en relación coa administración dixital.

O artigo 12 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, establece que as administracións públicas deberán garantir que as persoas interesadas poden relacionarse coa Administración a través de medios electrónicos, para o que porán á súa disposición as canles de acceso que sexan necesarias, así como os sistemas e aplicacións que, en cada caso, se determinen.

Así, a tramitación electrónica con carácter xeral é optativa para as persoas físicas, que poderán elixir, en todo momento, se se comunican coas administracións públicas para o exercicio dos seus dereitos e obrigas a través de medios electrónicos ou non. Pola contra, están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos para a realización de calquera trámite dun procedemento: as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria, para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da dita actividade profesional, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas nos trámites realizados pola súa condición de empregado público, os traballadores autónomos e as traballadoras autónomas para os trámites e as actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional, os estudantes universitarios para os trámites e actuacións que realicen motivado pola súa condición académica, así como as persoas que representen un suxeito obrigado dos anteriormente indicados.

De acordo co establecido no artigo 66 da referida Lei 39/2015, do 1 de outubro, cando a Administración nun procedemento en concreto estableza expresamente formularios específicos de presentación de solicitudes, estes serán de uso obrigatorio pola persoas interesadas.

A cidadanía ten que ser a primeira e principal beneficiaria do acceso electrónico e a Administración queda obrigada a transformarse nunha administración electrónica rexida polo principio de eficacia que proclama o artigo 103 da Constitución.

A regulación dos procedementos administrativos obxecto desta norma realízase na Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e no Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia.

Esta orde limítase a habilitar a presentación electrónica das correspondentes solicitudes e comunicacións, mediante a súa incorporación á sede electrónica da Xunta de Galicia, co obxecto de que as persoas usuarias poidan relacionarse coa Administración por medios electrónicos.

Así pois, en cumprimento da normativa citada, un total de oito procedementos estarán dispoñibles de xeito telemático, o que contribuirá a seguir afondando no impulso dunhas relacións máis áxiles, simples e fluídas entre a Xunta de Galicia e a cidadanía.

En consecuencia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar e dar publicidade aos formularios normalizados de solicitudes e comunicacións, así como habilitar a súa presentación na sede electrónica da Xunta de Galicia, para a tramitación dos seguintes procedementos:

a) Procedemento TR814A: o procedemento de cualificación previa do proxecto de estatutos sociais ten carácter de consulta e pode solicitarse polas persoas promotoras facultadas pola asemblea constituínte antes de outorgar a escritura pública nos supostos de constitución dunha nova cooperativa. Tamén pode solicitarse polas sociedades cooperativas xa constituídas, ou quen as represente, para a modificación dos estatutos sociais, a fusión ou escisión de cooperativas, así como no caso de transformación doutras sociedades en cooperativas, para que a persoa encargada do rexistro de cooperativas avalíe o proxecto presentado e o dilixencie no caso de que non teña defectos, segundo o establecido no Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia.

b) Procedemento TR814B: o procedemento de inscrición de constitución dunha cooperativa ten por obxecto a súa inscrición no Rexistro de Cooperativas de Galicia, polas persoas promotoras designadas pola asemblea constituínte, en representación da sociedade cooperativa, unha vez elevada a pública a escritura da súa constitución, segundo o establecido na Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e no Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia. Esta inscrición terá efectos constitutivos en virtude do establecido no artigo 101 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia.

c) Procedemento TR814C: mediante este procedemento as sociedades cooperativas galegas, ou as persoas que as representen, poderán tramitar os cesamentos e nomeamentos dos administradores, interventores, auditores, letrados asesores e conselleiros delegados, a modificación dos estatutos e os apoderamentos coa finalidade de inscribilos no Rexistro de Cooperativas de Galicia, segundo o establecido na Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e no Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia. En virtude do establecido no artigo 101 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, terá efectos constitutivos a inscrición da modificación dos estatutos co obxecto de realizar unha fusión, absorción ou transformación de cooperativas, así como a realización de cesamentos e nomeamentos, outorgamento de poderes, a modificación do domicilio social ou a modificación dos estatutos por calquera outra causa.

d) Procedemento TR814D: mediante este procedemento as sociedades cooperativas galegas, ou as persoas que as representen, poderán tramitar a disolución, nomeamento de liquidadores e extinción de cooperativas para a súa inscrición no Rexistro de Cooperativas de Galicia, segundo o establecido na Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e no Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia. A inscrición da disolución terá efectos constitutivos en virtude do establecido no artigo 101 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia.

e) Procedemento TR814E: mediante este procedemento as sociedades cooperativas galegas, ou as persoas que as representen, poderán depositar as contas anuais da cooperativa no Rexistro de Cooperativas de Galicia para cumprir coa obriga establecida na Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e no Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia. O depósito de contas ten unha eficacia exclusivamente para os efectos de publicidade rexistral.

f) Procedemento TR814F: mediante este procedemento as sociedades cooperativas galegas, ou as persoas que as representen, poderán tramitar a legalización de libros para que o Rexistro de Cooperativas de Galicia dilixencie e legalice os libros sociais e contables das cooperativas, de xeito previo á súa utilización, segundo o establecido na Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e no Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia.

g) Procedemento TR814G: mediante este procedemento as persoas interesadas poderán solicitar a emisión de certificados e notas simples co obxecto de facer efectiva a publicidade do Rexistro de Cooperativas de Galicia, segundo o establecido no Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia.

h) Procedemento TR814H: mediante este procedemento as asociacións de cooperativas, ou as persoas que as representen, poderán comunicar as altas e baixas das persoas socias das asociacións de cooperativas para arquivalas no expediente rexistral da entidade no Rexistro de Cooperativas de Galicia e para emitir o certificado correspondente, segundo o establecido no Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia.

2. A Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, promoveu a optimización dos recursos públicos, a eficacia na xestión e logro da máxima coordinación dos distintos órganos e unidades administrativas como principios básicos que guían a actuación do sector público autonómico, e a Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, desenvolveu no contexto dixital os principios vinculados á racionalización administrativa e dos recursos públicos, a garantía da calidade dos servizos públicos e do dereito á boa administración, así como á transparencia e ao bo goberno. Co obxecto de cumprir con estes principios, os procedementos relacionados no anterior punto habilitaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal e figurarán na guía de procedementos e servizos https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, regulada pola Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

3. A regulación dos ditos procedementos está prevista na Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e no Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia, e quedan circunscritos ao ámbito competencial desta consellería o desenvolvemento da súa tramitación na Comunidade Autónoma de Galicia e a súa habilitación na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 2. Presentación de solicitudes e comunicacións

1. As cooperativas, e as persoas que as representan, están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos no ámbito do sector público autonómico segundo o establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, para todos os procedementos indicados nesta orde, agás para os procedementos TR814A ou TR814G que poden tamén inicialos as persoas físicas non obrigadas ao emprego de medios electrónicos coas administracións públicas.

As solicitudes ou comunicacións relativas aos procedementos administrativos relacionados no artigo 1.1 desta orde poderanse presentar desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e desde ese momento estará aberto permanentemente o prazo de presentación.

Os formularios de solicitude ou comunicación dos mencionados procedementos son os seguintes:

a) Cualificación previa de estatutos sociais de cooperativas (código de procedemento TR814A). O formulario para a solicitude destas actuacións é o que consta no anexo I desta orde.

b) Inscrición de constitución de cooperativa (código de procedemento TR814B). O formulario para a solicitude desta inscrición é o que consta no anexo II desta orde.

c) Cesamentos e nomeamentos, modificación de estatutos e apoderamentos (código de procedemento TR814C). O formulario para a solicitude destas actuacións é o que consta no anexo III desta orde.

d) Disolución, nomeamento de liquidadores e extinción (código de procedemento TR814D). O formulario para a solicitude destas actuacións é o que consta no anexo IV desta orde.

e) Depósito de contas anuais (código de procedemento TR814E). O formulario para a solicitude desta actuación é o que consta no anexo V desta orde.

f) Legalización de libros (código de procedemento TR814F). O formulario para a solicitude desta actuación é o que consta no anexo VI desta orde.

g) Certificado e nota simple (código de procedemento TR814G). O formulario para a súa solicitude é o que consta no anexo VII desta orde.

h) Comunicación de altas e baixas de socios de asociacións de cooperativas (TR814H). O formulario para realizar esta comunicación é o que consta no anexo VIII desta orde.

2. As solicitudes e comunicacións presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e para as persoas que as representen.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude ou comunicación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes ou comunicacións poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes ou comunicacións presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 3. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude ou comunicación a documentación que se indica na sección 2 desta orde, artigos 7 a 14, en función do procedemento que se solicite e que tamén se relaciona en cada un dos anexos desta orde.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude ou comunicación, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude ou o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presenten de forma electrónica, superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos previstos nesta orde, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE do solicitante ou comunicante.

b) DNI ou NIE do representante.

c) NIF da entidade solicitante ou comunicante.

d) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario de inicio. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar, en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sección 2ª. Procedementos

Artigo 7. Cualificación previa de estatutos sociais de cooperativas (código de procedemento TR814A)

1. A cualificación previa de estatutos sociais de cooperativas, regúlase nos artigos 15 e 74.4 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e nos artigos 31 e 32 do Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia.

2. O formulario para realizar as actuacións previstas no parágrafo anterior é o que consta no anexo I desta orde co código de procedemento TR814A.

3. Xunto coa solicitude do anexo I deberá achegarse a seguinte documentación:

a) No caso dunha cualificación previa de estatutos sociais para unha constitución:

– Un exemplar da acta da asemblea constituínte da cooperativa.

– Un exemplar do proxecto de estatutos sociais.

– Certificación negativa de denominación expedida pola Sección Central do Rexistro de Cooperativas da Administración xeral do Estado.

b) No caso dunha cualificación previa de modificación de estatutos sociais:

– Certificación do acordo adoptado pola Asemblea Xeral relativo á modificación de estatutos da cooperativa.

– Certificación do acordo adoptado polo Consello Reitor relativo ao domicilio social no mesmo termo municipal.

– Exemplar da modificación dos estatutos sociais.

– Certificación negativa de denominación expedida pola Sección Central do Rexistro de Cooperativas da Administración xeral do Estado no caso de que a modificación implique o cambio de denominación da cooperativa.

Artigo 8. Inscrición da constitución de cooperativa (código de procedemento TR814B)

1. A inscrición da constitución de cooperativas regúlase no artigo 17 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e nos artigos 50 e 51 do Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia. A inscrición tramitarase segundo o procedemento previsto nos artigos 36 e seguintes deste regulamento para os actos que as sociedades cooperativas deberán inscribir de xeito obrigatorio, en virtude do establecido no artigo 44 do Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia.

2. O formulario para realizar a inscrición da constitución da cooperativa é o que consta no anexo II desta orde co código de procedemento TR814B.

3. O prazo para solicitar a inscrición da escritura de constitución será de dous meses desde o seu outorgamento, segundo o establecido no artigo 17 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e no artigo 47.2 do Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia.

4. Xunto coa solicitude do anexo II deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Copia autorizada da escritura pública.

b) Copia simple da escritura pública.

c) Xustificante de presentación do imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

d) Documentos previstos na disposición adicional novena da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, no caso de cooperativas xuvenís.

e) Xustificante do pagamento das taxas por servizos administrativos. Código da taxa: 300200.

Artigo 9. Cesamentos e nomeamentos, modificación de estatutos e apoderamentos (código de procedemento TR814C)

1. A inscrición dos ceses e nomeamentos regúlase nos artigos 68 a 72 do Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia.

2. A modificación dos estatutos dunha cooperativa está regulada no artigo 74 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e a súa inscrición no Rexistro de Cooperativas nos artigos 52 e 53 do Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia. A modificación dos estatutos pódese realizar por cambio de denominación social, cambio de domicilio, modificación do obxecto social ou do capital mínimo, por unha fusión, absorción ou transformación de cooperativas, ou por outra causa que acorde a asemblea xeral da cooperativa.

3. A inscrición dos apoderamentos regúlase no artigo 67 do Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia.

4. O procedemento para a tramitación destas inscricións está regulado nos artigos 36 e seguintes do Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia, previsto para os actos que as sociedades cooperativas deberán inscribir de xeito obrigatorio, en virtude do establecido no artigo 44 do Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia.

5. O formulario para realizar estas inscricións é o que consta no anexo III desta orde co código de procedemento TR814C.

6. Xunto coa solicitude do anexo III, no caso de cesamentos e nomeamentos, deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Copia autorizada da escritura pública.

b) Copia simple da escritura pública.

c) Certificación da acta da reunión da Asemblea Xeral.

d) Certificación da acta da reunión do Consello Reitor.

e) Documentación prevista na disposición adicional novena da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, no caso de cooperativas xuvenís.

f) Xustificante do pagamento das taxas por servizos administrativos. Código da taxa: 300200.

7. Xunto coa solicitude do anexo III, no caso de modificación de estatutos, deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Copia autorizada da escritura pública.

b) Copia simple da escritura pública.

c) Certificación da acta da reunión da Asemblea Xeral.

d) Certificación da acta da reunión do Consello Reitor.

e) Xustificante de presentación do imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, de ser o caso.

g) Certificado negativo da denominación, se a modificación afecta a parte diferenciadora desta.

h) Publicación do acordo nun dos diarios de maior circulación da provincia do domicilio social, nos seguintes casos: cambio de denominación, cambio de domicilio social, modificación do obxecto social, modificación do capital social mínimo.

i) Documentos previstos na disposición adicional novena da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, no caso de cooperativas xuvenís.

j) Xustificante do pagamento das taxas por servizos administrativos. Código da taxa: 300200.

8. Xunto coa solicitude do anexo III, no caso de apoderamentos, deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Copia autorizada da escritura pública.

b) Copia simple da escritura pública.

c) Xustificante do pagamento das taxas por servizos administrativos. Código da taxa: 300200.

Artigo 10. Disolución, nomeamento de liquidadores e extinción (código de procedemento TR814D)

1. A disolución das sociedades cooperativas regúlase nos artigos 86 a 96 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia. Nos artigos 62 a 66 do Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia, regúlase a inscrición da disolución, do nomeamento dos liquidadores e da extinción da cooperativa.

A inscrición da disolución e a extinción das sociedades cooperativas tramitarase segundo o procedemento previsto nos artigos 36 e seguintes deste Regulamento para os actos que as sociedades cooperativas deberán inscribir de xeito obrigatorio, en virtude do establecido no artigo 44 do Regulamento do Rexistro de cooperativas de Galicia.

A inscrición do nomeamento dos liquidadores realizarase segundo o procedemento establecido nos artigos 68 e 69 do Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia.

2. O formulario para realizar as actuacións previstas no parágrafo anterior é o que consta no anexo IV desta orde co código de procedemento TR814D.

3. O prazo para solicitar a inscrición será de tres meses desde o seu outorgamento, segundo o establecido no artigo 47.3 do Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia.

4. Xunto coa solicitude do anexo IV deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Copia autorizada da escritura pública.

b) Copia simple da escritura pública.

c) Publicación do anuncio do acordo de disolución no DOG e nun dos diarios de maior circulación da provincia do domicilio social.

d) Publicación do balance final do activo no DOG e nun dos diarios de maior circulación da provincia do domicilio social.

e) Certificación da acta da reunión da Asemblea Xeral.

f) Documentos previstos na disposición adicional novena da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, no caso de cooperativas xuvenís.

g) Xustificante do pagamento das taxas por servizos administrativos. Código da taxa: 300200.

Artigo 11. Depósito de contas anuais (código de procedemento TR814E)

1. O procedemento para o depósito das contas anuais regúlase no artigo 73 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e no artigo 94 e seguintes do Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia.

2. O formulario para realizar as actuacións previstas no parágrafo anterior é o que consta no anexo V desta orde co código de procedemento TR814E.

3. Xunto coa solicitude do anexo V deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Balance.

b) Conta de perdas e ganancias.

c) Estados de cambios no patrimonio neto.

d) Estados de fluxos de efectivo.

e) Memoria.

f) Informe de xestión.

g) Certificación do acordo de aprobación das contas anuais e da distribución ou imputación dos resultados.

h) Certificación acreditativa do número de socios, especificando as altas e baixas producidas durante o exercicio.

i) Informe das persoas interventoras ou informe de auditoría cando a cooperativa se audite externamente.

Artigo 12. Legalización de libros (código de procedemento TR814F)

1. Todos os libros sociais e contables serán dilixenciados e legalizados, de xeito previo á súa utilización, polo rexistro de cooperativas competente, en virtude do establecido no artigo 72 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia. O procedemento para a legalización dos libros regúlase nos artigos 90 e 91 do Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia.

2. O formulario para realizar as actuacións previstas no parágrafo anterior é o que consta no anexo VI desta orde co código de procedemento TR814F.

3. Xunto coa solicitude do anexo VI, deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Libros a legalizar.

b) Xustificante do pagamento das taxas por servizos administrativos. Código da taxa: 300100.

Artigo 13. Certificado e nota simple (código de procedemento TR814G)

1. O certificado e a nota simple regúlanse no artigo 12 do Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia.

Para a solicitude de certificacións e notas simples terá que presentar o formulario que consta no anexo VII desta orde co código de procedemento TR814G.

2. Xunto coa solicitude do anexo VII, deberá achegarse a seguinte documentación: xustificante do pagamento das taxas por servizos administrativos. Código da taxa: 300401.

Artigo 14. Comunicación ao Rexistro de Cooperativas de Galicia das altas e baixas de socios de asociacións de cooperativas (código de procedemento TR814H)

1. A comunicación das altas e baixas dos socios das asociacións de cooperativas regúlanse no artigo 134.3 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e no artigo 87 do Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia.

2. O formulario para realizar a comunicación das altas e baixas dos socios das asociacións de cooperativas é o que consta no anexo VIII desta orde co código de procedemento TR814H.

3. O prazo para comunicar a alta ou a baixa dos socios será dun mes desde que se produciu o feito, segundo o establecido no artigo 134.3 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia.

4. Xunto coa comunicación do anexo VIII, deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Certificación acreditativa de altas e baixas.

b) Outros.

5. O Rexistro de Cooperativas de Galicia expedirá certificacións relativas ao número de socios das asociacións de cooperativas con base nos datos contidos no seu expediente rexistral, que se actualizará de xeito periódico coas comunicacións das asociacións de cooperativas.

Artigo 15. Prazo de resolución dos procedementos

1. O prazo para resolver os procedementos TR814A, TR814B, TR814C e TR814D será de 3 meses desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro electrónico da Administración ou organismo competente para a súa tramitación, segundo o disposto no artigo 37.2 do Decreto 430/2001, do 18 de decembro.

2. O prazo para resolver o procedemento TR814E será de 3 meses desde a data do asento de presentación, segundo o disposto no artigo 96.2 do Decreto 430/2001, do 18 de decembro.

3. O prazo para resolver o procedemento TR814F será de 30 días desde a data do asento de presentación, segundo o disposto no artigo 91.1 do Decreto 430/2001, do 18 de decembro.

4. O prazo para resolver os procedementos TR814G e TR814H será de 3 meses desde a data en que a solicitude ou comunicación tivese entrada no rexistro electrónico da Administración ou organismo competente para a súa tramitación, segundo o disposto no artigo 21.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. O vencemento do prazo para resolver os procedementos TR814A, TR814B, TR814C, TR814D, TR814E e TR814F sen que se notifique resolución expresa lexitima as persoas interesadas para entendela desestimada por silencio administrativo, segundo o disposto no artigo 40.2 do Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia.

O vencemento do prazo para resolver os procedementos TR814G e TR814H sen que se notifique resolución expresa, lexitima as persoas interesadas para entendela estimada por silencio administrativo, segundo o disposto no artigo 24.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional primeira. Actualización de formularios normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulado nesta disposición poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional segunda

Así mesmo, para os devanditos procedementos suprímese a exixencia da documentación que de acordo coa lexislación vixente non se pode solicitar para a súa tramitación ou á cal a Administración galega pode acceder directamente mediante a plataforma de interoperabilidade administrativa.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2022

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file