Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Martes, 5 de xullo de 2022 Páx. 38367

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 2022 pola que se modifican os requisitos dos beneficiarios e o orzamento mínimo dos plans de consolidación ao abeiro da Resolución do 4 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do programa Consolida Bio para o apoio á consolidación do sector biotecnolóxico a través de plans de investimento e innovación, financiados no marco do eixo REACT EU do programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) de Galicia 2014-2020 como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN861A).

O 19 de maio de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 4 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do programa Consolida Bio para o apoio á consolidación do sector biotecnolóxico a través de plans de investimento e innovación, financiados no marco do eixo REACT EU do programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) de Galicia 2014-2020 como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN861A).

O artigo 3.1 desta resolución establecía que as beneficiarias debían cumprir, entre outros requisitos, estaren constituídas como máximo nos 8 anos anteriores á data de peche do prazo de presentación de solicitudes de axuda á presente convocatoria, para o que se terá en conta a data de outorgamento da escritura de constitución da empresa. Esta antigüidade estableceuse tendo en conta como criterio obxectivo a proposta estatal de lei de startups, que establece que as empresas de sectores máis tecnolóxicas, como as pertencentes á biotecnoloxía, teñen a consideración de startups aínda que superen os 42 meses como se establece na lei de emprendemento.

A devandita resolución definiu as ditas condicións dos plans de consolidacións das pemes do sector biotecnolóxico tendo en conta o ecosistema galego, a súa madureza tecnolóxica e as necesidades de crecemento de pemes de recente creación e startups que precisan dun impulso adicional por mor da tecnoloxía en que se basean e a complexidade do seu sector. Porén, o actual contexto económico está a supoñer unha incerteza de gran magnitude nestas empresas novas, que inflúe significativamente nas capacidades de investimento e crecemento das pemes obxecto de apoio á súa consolidación. Actualmente, gran parte destas empresas están maduras tecnoloxicamente pero non economicamente. Doutra banda, as pemes de máis de 8 anos acadaron un equilibrio financeiro que podería permitir asumir as actuacións de alto impacto previstas para consolidarse empresarial e comercialmente.

Por este motivo, considérase axeitado adecuar o risco asumido polas pemes e startups a través dos plans de consolidación apoiados a través da devandita resolución, e establecer un limiar máis elevado á dita antigüidade máxima dos beneficiarios, coa finalidade de admitir pemes que superan os 8 anos pero que, sendo novas comercialmente, contan igualmente cunha nova tecnoloxía axeitada que consolidar a través dos plans financiados.

Doutra banda, o artigo 3.5 desta resolución establecía os beneficiarios excluídos, incluíndo no primeiro punto aquelas microempresas, pequenas e medianas empresas e as súas empresas vinculadas, asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial que xa resultasen beneficiarias do Programa InnovaPeme das convocatorias de 2020 e 2021, e/ou do apoio aos proxectos Neotec que foron financiados pola Axencia Galega de Innovación por superar o limiar de puntuación pero non obtivesen financiamento por falta de dispoñibilidade de crédito en CDTI. Estas exclusións consideráronse porque os plans de consolidación para as empresas biotecnolóxicas teñen custos similares ou que poderían ser compatibles coas ditas convocatorias. Porén, a consideración de incompatibilidade da convocatoria Consolida Bio con outros apoios considérase suficiente para garantir a axeitada execución da actuación por parte daquelas entidades que fosen beneficiarias das citadas ordes de axudas excluídas.

Así mesmo, o artigo 4.3 establecía que os plans propostos polas empresas debían ter un orzamento subvencionable mínimo de 500.000 de euros e máximo de 1.000.000 de euros. Este orzamento mínimo estableceuse para dar cabida a plans ambiciosos que incluísen actuacións de crecemento e innovación.

Do mesmo xeito, considérase axeitado diminuír o orzamento mínimo dos plans para adaptarse ao contexto actual de contención de risco financeiro e capacidade económica de investimento das pemes, así como reducir os riscos na execución de grandes investimentos por mor dos problemas de abastecemento tecnolóxico a nivel global.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

RESOLVO:

Artigo 1. Modificación da Resolución do 4 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do programa Consolida Bio para o apoio á consolidación do sector biotecnolóxico a través de plans de investimento e innovación, financiados no marco do eixo REACT EU do programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) de Galicia 2014-2020 como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN861A).

1. O punto 1 do artigo 3 queda redactado do seguinte xeito:

Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas micro, pequenas e medianas (Pemes), segundo as definicións contidas no artigo 2, que cumpran os seguintes requisitos:

• Deberán cumprir ter domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que se solicita a axuda. En caso de non ter este centro de traballo no momento de presentar a súa solicitude, deberán achegar unha declaración da entidade solicitante que acredite o seu compromiso de establecerse en Galicia nun prazo máximo dun mes desde a resolución.

• Estar constituídas como máximo nos 13 anos anteriores á data de peche do prazo de presentación de solicitudes de axuda á presente convocatoria, para o que se terá en conta a data de outorgamento da escritura de constitución da empresa.

• Contar con ingresos por facturación nos dous últimos anos.

• Ter produtos innovadores con posibilidades de levar a mercado a curto prazo, para o que terán que presentar produtos/servizos innovadores nun nivel mínimo de TRL 5-8.

• Contar cun número total de empregados ou socios traballadores non inferior a 3.

• Ter as contas anuais correspondentes aos dous últimos exercicios pechados depositadas no Rexistro Mercantil ou rexistro oficial correspondente. No caso de empresas de nova creación, previsión de balance e conta de resultados do primeiro ano de funcionamento.

2. O punto 5 do artigo 3 queda redactado do seguinte xeito:

Quedan excluídas, e non serán admitidas as solicitudes en que concorran as seguintes condicións:

• As asociacións, as fundacións, en xeral, e as entidades sen ánimo de lucro.

• As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á Administración institucional, calquera que sexa a Administración en que se integren.

• Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se crease especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teña carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

• Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

• Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en crise, de acordo coa definición de empresa en crise establecida no punto 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da UE. As empresas cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

• Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño) ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

3. O punto 3 do artigo 4 queda redactado do seguinte xeito:

Os plans deberán ter un orzamento subvencionable mínimo de 300.000 de euros e máximo de 1.000.000 de euros.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2022

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación