Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Martes, 5 de xullo de 2022 Páx. 38363

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO da Resolución do 17 de xuño de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas destinadas á creación e integración de novos centros de investigación empresarial no ecosistema de innovación de Galicia, enmarcados nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN853D).

BDNS (Identif.): 636900.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderá ser beneficiaria calquera empresa, constituída como sociedade mercantil, que desenvolva actividades de investigación no ámbito da Estratexia de investigación e innovación para a especialización intelixente de Galicia (RIS3 Galicia). Para levar a cabo as actividades subvencionables, as beneficiarias deberán ter a súa sede social ou un centro de traballo en Galicia.

2. Están excluídos:

a) Os organismos de investigación.

b) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á Administración institucional, calquera que sexa a Administración en que se integren.

c) Entidades que, no momento de presentaren a solicitude da axuda, estean realizando a mesma actividade que desempeñan noutro centro.

d) Entidades que realicen actividades que non poidan ser compartidas e/ou complementarse co ecosistema empresarial galego.

e) Aquelas entidades que posúan un dereito de concesión sobre o centro ou sede onde realicen a actividade.

f) Entidades que non desempeñen actividades económicas.

g) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia que se crease especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Segundo. Obxecto

Axudas dirixidas a empresas (sociedades mercantís) que teñan por obxecto a creación de novos centros de investigación que complementen a oferta tecnolóxica do ecosistema de I+D+i de Galicia, enmarcados nas prioridades estratéxicas da RIS3, que cumpran os seguintes requisitos:

a) O centro de investigación non poderá preexistir en Galicia no momento de solicitude da subvención en resposta á correspondente convocatoria, pero si a empresa promotora. Polo tanto, a solicitude de axuda terá como propósito crear un novo centro de traballo e/ou crear unha nova infraestrutura de investigación con efecto incentivador.

b) O centro de investigación deberá estar fisicamente en Galicia, os seus medios e instalacións deben estar perfectamente delimitados, identificados e diferenciados fisicamente dos do resto da empresa antes de que finalice o prazo de xustificación.

c) As actividades de investigación (TRL1 a 4) que se realicen no novo centro creado deberán constituír unha nova liña de actividade para a empresa ben porque previamente non realizaba labores de investigación, ben porque, mesmo realizando investigación previamente, levará a cabo a dita actividade nunha rama científico-tecnolóxica nova e, polo tanto, supón unha diferenza fronte ao resto de actividades levadas a cabo pola empresa no caso de que xa tivese centros de traballo en Galicia.

d) O centro de investigación deberá acoller polo menos 10 empregados (a tempo completo ou equivalente) dedicados exclusivamente a actividades de investigación no centro de nova creación obxecto desta axuda. Este requisito deberase cumprir no momento da fin do prazo de execución do proxecto subvencionado, así como aos 3 anos tras a finalización da execución do investimento. Os traballadores que se contraten non poderán ter vinculación coa entidade nos 6 meses previos.

e) O orzamento mínimo das propostas será de 3.000.000,00 euros e máximo de 20.000.000,00 euros.

f) A vixencia e funcionamento do centro de investigación en Galicia en relación coas actividades obxecto de subvención indicadas nas presentes bases ou na correspondente convocatoria deberá ser, polo menos, de 5 anos contados desde a data de finalización do prazo de xustificación da subvención.

g) O acceso ás infraestruturas estará aberto a varios usuarios e concederase de forma transparente e non discriminatoria. A empresa promotora do centro poderá beneficiarse de acceso preferente en condicións máis favorables; para ese efecto, publicaranse as tarifas correspondentes (a prezo de mercado) e as horas de funcionamento anual. Co fin de evitar unha compensación excesiva, este acceso será proporcional á contribución da empresa aos custos de investimento (subvencionables ou non) e esas condicións faranse públicas.

h) Co obxecto de garantir os principios de transparencia e non discriminación, trimestralmente publicarase a listaxe de accesos realizados por cada unha das entidades que conforman a agrupación.

i) Non poderá desenvolver actividades non económicas.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 10.000.000,00 euros, 1.000.000,00 € con cargo ao ano 2022, 4.500.000,00 € para o ano 2023, 4.000.000,00 € para o ano 2024 e 500.000,00 € con cargo ao ano 2025.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2022

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación